Blogia
vgomez

NOTICIAS DAS CIENCIAS

NOVA IMAXE DA NEBULOSA CABEZA DE CABALO

NOVA IMAXE DA NEBULOSA CABEZA DE CABALO

Nova imaxe en infravermellos da nebulosa Cabeza de Cabalo / Imaxe: NASA

 

A icónica nebulosa  Cabeza de Cabalo  apareceu nos libros de astronomía dende o seu descubrimento hai máis dun século. O seu espectacular aspecto, coma se fose un colosal cabaliño de mar nun turbulento océano de po e gas, converteuna nun dos brancos favoritos de astrónomos profesionais e afeccionados. Agora, o telescopio espacial Hubble da NASA e a Axencia Espacial Europea (ESA) fotografouna baixo unha nova luz, en infravermellos, e o resultado non pode ser máis impresionante.

Cabeza de Cabalo é escura en luz visible, pero parece ser transparente e etérea cando se lle ve en lonxitudes de onda infravermellas, xa que poden penetrar a través do material poeirento que normalmente escurece as rexións internas da nebulosa. O resultado é unha estrutura bastante etérea e de aspecto fráxil, feita de delicadas dobras de gas, moi diferente da aparencia da nebulosa en luz visible. O rico tapiz da estrutura espacial sobresae no contexto de estrelas da Vía Láctea e galaxias distantes, doadamente visibles á luz infravermella.

A nebulosa é parte da nube molecular de Orión, situada a uns 1.500 anos luz de distancia da Terra na constelación de Orión.

FONTE: Xornal abc/ciencia


OS CRÁTERES XEMELGOS

OS CRÁTERES XEMELGOS

Imaxe dos cráteres xemelgos "Arima", en Marte / ESA

Dende unha vista cenital, o aspecto dos cráteres xemelgos Arima, na rexión marciana de "Thaumasia Planum", recorda uns ollos sorprendidos. As imaxes obtidas pola sonda Mars Express da Agencia Espacial Europea (ESA) permiten coñecer como se crearon estes círculos de 50 km de diámetro escarvados na superficie de Marte, moi comúns no planeta vermello e en diversas lúas do Sistema Solar.

Os cráteres fórmanse tras o impacto dun meteorito. Cando alcanza a superficie, tanto esta coma o obxecto que a alcanza comprímense a densidades moi altas. As rexións onde impacta despresurízanse e estoupanse violentamente. Non obstante, a orixe dos buratos que aparecen no centro do cráter, que no caso dos "xemelgos" Arima son de diferente tamaño, non está totalmente claro.

Unha das teorías afirma que cando o meteorito impacta, o xeo existente na superficie derrétese é absorbido polas gretas da superficie. Os científicos consideran outra hipótese, pola cal o xeo da superficie quéntase rapidamente e evapórase nunha explosión. Así, o impacto "escarva" na terra e crea ese burato ou marca cos restos do impacto.

A diferenza de tamaño dos buratos nos cráteres xemelgos Arima, que se observa nas fotografías, acapara a maior atención dos científicos. A teoría desta disparidade pode estar na diferente cantidade de xeo de cada unha das zonas, e na velocidade en que se evaporou.

O estudo desta rexión achega máis aos investigadores ao coñecemento da superficie de Marte, e confirma a teoría de que tempo atrás houbo grandes cantidades de auga e xeo no planeta vermello.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

 

UNHA BURBULLA RE CHAMANTE NO CEO: IC1295

UNHA BURBULLA RE CHAMANTE NO CEO: IC1295

A nebulosa IC1295 fotografada polas cámaras dos   telescopios europeos VLT, situados en Chile / ESO

A nebulosa IC1295, situada a uns 3.300 anos luz da Terra, na constelación do Escudo do hemisferio Sur celeste, foi fotografada con gran detalle por un dos catro grandes telescopio VLT (Very Large Telescope) , en Chile, e aparece na imaxe como unha rechamante burbulla verde. É o osíxeno ionizado o que brilla nesa cor, explican os astrónomos do Observatorio Europeo Austral (ESO).

As estrelas do tamaño do Sol ou maiores (ata oito veces a súa masa) rematan a súa vida como ananas brancas, cando consumiron o combustible que as fai brillar grazas ás reaccións de fusión nuclear no seu interior. Na transición á fase de anana branca, a estrela xa non suxeita a súa atmosfera e esta esténdese polo espazo circundante de maneira que, durante uns cantos miles de anos, o astro está rodeado por esta especie de burbulla gasosa que se denomina nebulosa planetaria. O gas brilla porque esta bañado pola forte radiación ultravioleta que emite a estrela moribunda e os diferentes elementos químicos presentes brillan en diferentes cores. No caso da IC1295, é dominante o osíxeno ionizado, que brilla en verde.

O Sol tamén se converterá nunha nebulosa planetaria cando remate a súa vida e a súa atmosfera expandida engulirá os planetas que ten preto, incluída a Terra. A nosa estrela ten xa uns 4.600 millóns de anos e quédanlle outros tantos, aproximadamente.

Na imaxe da IC11295, apréciase no centro da nebulosa o núcleo da vella estrela como un punto branco azulado, que acabará converténdose nunha moi débil anana branca fría dentro de moitos miles de millóns de anos.

FONTE: Xornal El país/Ciencia

O ESPERTAR DUN BURATO NEGRO

 

Mentres observaban co telescopio Integral unha galaxia, astrónomos da ESA (Axencia Espacial Europea) detectaron un brillo en raios X no seu campo de visión. A súa intensidade non facía máis que aumentar, e tras unha análise, descubriron que se trataba do "espertar", e do seu correspondente "almorzo", dun burato negro tras décadas de inactividade. O burato negro devorara un obxecto de baixa masa (unha anana marrón ou un planeta xigante), un fenómeno que acontecerá pronto de forma similar, segundo estimacións, na Vía Láctea.

Encontrábase a 47 millóns de anos luz de distancia, na galaxia NGC4845. Os astrónomos seguiron a luz durante todo o ano 2011, ata o seu máximo en xaneiro de 2012, cando o brillo da galaxia se multiplicou por mil e esvaeceuse.

O intenso fulgor procedía do halo de material en torno ao burato central da galaxia. Este obxecto esnaquizaba e alimentábase doutro dunha masa entre 14 e 30 veces a de Xúpiter, un rango que se corresponde co das ananas marrons, obxectos que non poden realizar unha fusión do hidróxeno do seu núcleo, como acontece coas estrelas.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia.

A IMAXE DOS RESTOS DO BIG BANG

A IMAXE DOS RESTOS DO BIG BANG

A mellor imaxe do fondo cósmico de microondas, os restos do Big Bang / ESA

A sonda Planck proporcionou a imaxe dos restos do Big Bang máis precisa xamais contemplada. Hai outras parecidas, pero ningunha tan detallada. Este vídeo explica as razóns polas que esta imaxe que pode parecer tan só un globo de cores é tan fantástica e o que desvela dos misterios da orixe do Universo.

FONTE: Materia Oscura/Jose Manuel Nieves/Xornal abc

UN PLANETA CON DOUS SOLES

UN PLANETA CON DOUS SOLES
As dúas estrelas e o seu estraño compañeiro / arXiv

 

Hai dous anos, científicos daban a coñecer na revista Science a existencia, a 200 anos luz de distancia da Terra, dun planeta con dous soles, igual que o mundo de ficción Tatooine, o fogar do mozo Skywalker de StarWars. Tempo despois, os astrónomos encontraban novos exemplos de mundos parecidos e suxerían que poden existir millóns deles. Agora, un equipo internacional de científicos espaciais  da Universidade Joseph Fourier en Grenoble (Francia), tomou a que pode ser a primeira fotografía dun planeta que orbita dous soles.

O equipo, publicado en
en arXiv e que avanza a revista NewScientist, describe un obxecto moi grande que xira ao redor dun sistema binario de estrelas. Este suposto mundo, chamado 2MASS0103(AB)b e capturado polo Very Large Telescope situado en Chile en novembro de 2012, é xigantesco, a súa masa é de 12 a 14 veces superior á de Xúpiter e parece ser gasoso. Non obstante, os investigadores advirten de que quizais non se trate dun planeta, senón dunha anana marrón, unha pequena estrela falida. 

A liña divisoria entre unha anana marrón e un planeta aínda é obxecto de debate entre os científicos, polo que o equipo non pode asegurar cal dos dous é o que aparece na imaxe.

Para confirmar se o obxecto da súa fotografía é de feito un planeta, máis que unha anana marrón, os investigadores centrarán a súa atención en aprender máis acerca da súa composición química. En caso de que non sexa un planeta, aos científicos quedaralles o consolo de ter obtido novos coñecementos para identificar estes planetas no futuro.

FONTE: Xornal abc/Ciencia

NOVOS DATOS SOBRE O BOSÓN DE HIGGS

NOVOS DATOS SOBRE O BOSÓN DE HIGGS
Imaxe que amosa unha colisión entre protóns no experimento do CERN na busca do "Bosón de Higgs" / EFE

 

Físicos da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) presentaron novos resultados, nunha conferencia en Moriond (Italia), que aclaran máis a natureza da partícula descuberta en xullo e que se trataría dun Bosón de Higgs.

Segundo informou o Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN), os datos obtivéronse tras analizar unha cantidade de datos dúas veces e media maior que a dispoñible para o anuncio que se realizou o pasado mes de xullo. Así, os científicos observaron que a nova partícula parécese cada vez máis a un Bosón de Higgs.

Non obstante, segue sen resolverse se é o bosón de Higgs do Modelo Estándar de Física de Partículas, ou posiblemente o máis lixeiro dunha serie de bosóns preditos por algunhas teorías que van máis alá do Modelo Estándar. Neste sentido, sinalaron que atopar a resposta "levará máis tempo".

Para aqueles que descoñezades do que se está a falar, podedes recuperar o artigo que en xullo pasado publiquei ao respecto: "O BOSON DE HIGGS PARA PROFANOS" con so premer AQUÍ.

FONTE: Xornal abc/Ciencia

VIDA EN MARTE?

VIDA EN MARTE?

Rochas onde o Curiosity atopou indicios de vida no pasado de Marte / NASA

A análise das primeiras mostras de rocha marciana recollidas polo robot Curiosity  da NASA demostrou que o planeta vermello puido albergar microbios vivos no pasado.

Os científicos da misión da axencia espacial estadounidense identificaron nitróxeno, hidróxeno, osíxeno, fósforo e carbono, elementos que se consideran ingredientes básicos para a vida, no po recollido polo Curiosity tras tradear o mes pasado unha rocha no
cráter Gale de Marte .

Os datos recollidos polo robot indican que na zona explorada polo vehículo robótico existiu un río ou lago antigo que puido proporcionar condicións favorables para a vida microbiana no pasado de Marte. A rocha analizada contén minerais arxilosos, minerais de sulfato e outros elementos químicos que puideron favorecer a existencia de vida, e a diferenza doutras rexións de Marte, non era un ámbito demasiado salgado ou ácido.

O Curiosity, que aterrou na superficie de Marte na madrugada do 6 de agosto de 2012, completará unha misión de dous anos sobre o chan marciano.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia