Blogia
vgomez

NOTICIAS DAS CIENCIAS

COMETA C/2011 L4 PANSTARRS

COMETA C/2011 L4 PANSTARRS

C/2011 L4 (Panstarrs) dende o Pico de las Nieves (Gran Canaria) / Imaxe: Astroeduca.com

Nesta semana atopámonos ante o primeiro cometa visible a simple vista, con permiso da climatoloxía, dende o hemisferio Norte: o C/2011 L4 PanStarrs.

O cometa C/2011 L4 PANSTARRS foi descuberto en xuño de 2011 por astrónomos da Universidade de Hawaii utilizando o sistema Pan-STARRS (Panoramic Survey Telescope and Rapid Response System). No momento do seu descubrimento o cometa PANSTARRS localizábase a 1.200 millóns de quilómetros da Terra, acadando netas datas un achegamento de 1.10 UA (Unidade Astronómica: 1 UA =149.5 millóns de quilómetros).

Non será, neste inicio de semana, tarefa doada. O lugar de observación ideal sería nalgún lugar alto ou que polo menos que teña o horizonte oeste o máis plano posible. Hai que estar alí á posta de Sol con prismáticos. Segundo vaia anoitecendo, hai que rastrexar ese horizonte. Canto máis escuro estea, máis baixo estará o cometa.

Atención especialmente o día 13 de marzo, cando o cometa coincidirá nese horizonte oeste cunha fina lúa crecente. Ademais de axudar a localizar o cometa, pode ser motivo de preciosas fotografías.

Que o tempo acompañe e bo avistamento!

FONTE:surastronomico.com

O NACEMENTO DUN PLANETA XIGANTE

O NACEMENTO DUN PLANETA XIGANTE

Recreación artística do planeta xigante gasoso arededor da estrella HD 1005460 / ESO

Os planetas xigantes gasosos, segundo as teorías actualmente vixentes, fórmanse tras capturar po e gas que permanecen tras a creación dunha estrela. A súa superficie é indefinida, composta principalmente por hidróxeno e metano. Un equipo internacional de investigadores do Observatorio Europeo Austral observou o disco de po e gas da estrela nova HD 100546, a uns 335 anos luz de distancia da Terra, e descubriu na súa órbita o que cre que é un planeta xigante en proceso de formación, un descubrimento que ofrece unha excelente oportunidade de comprender como se forman os planetas.

Os científicos que estudaron durante anos a estrela nova HD 100546 descubriron unha débil mancha no seu disco circumestelar, o seu anel. Nun principio pensaron que se podía tratar dun planeta xigante a unha distancia seis veces maior que a que separa á Terra do Sol. Grazas ao
telescopio VLT (Very Large Telescope) do Observatorio Europeo Austral o equipo de investigadores actual descubriu que este planeta en formación realiza unha órbita moito maior, unhas 70 veces a distancia que separa a Terra do Sol, isto é, ao redor de 149.600.000 quilómetros de media. Áchase nas rexións exteriores do sistema, aínda que non está claro se estivo na súa posición actual durante todo o tempo da súa formación ou se puido migrar dende rexións interiores.

Aínda que a teoría de que o obxecto detectado se trata dun protoplaneta é a que máis se adapta aos resultados das observacións, existe a remota posibilidade de que se trate dun planeta totalmente formado exectado da súa órbita orixinal cara a unha posición máis próxima á estrela. Se, pola contra, se confirma que se trata dun protoplaneta, os investigadores terán un perfecto laboratorio no que estudar de preto o proceso de formación dun novo sistema planetario.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

A DESAPARICIÓN DOS DINOSAUROS

 

O xornalista científico, José Manuel Nieves, explica no seu videoblog «Materia Escura» os acontecementos que precipitaron a desaparición dos dinosauros na Terra, segundo un último estudo publicado na revista Science, que demostra que a desaparición dos dinosauros coincidiu case exactamente no tempo co impacto dun gran meteorito contra a Terra.

FONTE: Xornal abc/Ciencia

 

INFORMACIÓN ENTRE FLORES E ABELLAS

INFORMACIÓN ENTRE FLORES E ABELLAS

 

Segundo publica Science Express, investigadores da Universidade de Bristol afirman que as flores emiten sinais eléctricos que as abellas poden distinguir, coma se fose un letreiro de neon, de forma que os insectos polinizadores saben de forma anticipada se van atopar unha boa cantidade de rico néctar.

As flores adoitan producir cores brillantes e fragrancias sedutoras para atraer aos seus polinizadores. Pero ademais emiten patróns de sinais eléctricos que comunican información aos insectos. Basicamente, dinlles o atractivas que poden resultar para eles se están repletas de pole.

As plantas están xeralmente cargadas negativamente e emiten campos eléctricos débiles. Pola súa banda, as abellas adquiren unha carga positiva, de ata 200 voltios, mentres voan polo aire. Non se produce unha faísca mentres unha abella "cargada" se achega a unha flor, pero sen dúbida prodúcese unha pequena forza eléctrica que potencialmente pode transmitir a información.

O que os científicos non coñecen ben é como as abellas detectan os campos eléctricos. Os investigadores especulan con que os abellóns peludos perciben a forza electrostática, ao igual que o pelo dun ser humano é atraído pola pantalla dun televisor antigo.

FONTE: Xornal abc/Ciencia.

UN XIGANTESCO OCÉANO DE MAGMA EN MERCURIO

UN XIGANTESCO OCÉANO DE MAGMA EN MERCURIO
Mercurio puido albergar un xigantesco océano de magma / United States Geological Survey

 

Científicos do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), un dos centros de investigación máis prestixiosos do mundo, cren que Mercurio  piudo albergar un grande océano de magma pouco despois da súa formación, hai uns 4.500 millóns de anos. A investigación aparece publicada na revista Earth and Planetary Science Letters.

A sonda Messenger da NASA, que orbita o planeta dende marzo de 2011, recolleu unha serie de datos que permitiron identificar dúas composicións diferentes de rochas na superficie do planeta que parecían formadas por distintos procesos xeolóxicos.

Para responder a esta cuestión, o equipo do MIT recreou dous tipos de rochas no laboratorio e someteu a cada rocha sintética a altas temperaturas e presións para simular diversos procesos xeolóxicos. A partir dos seus experimentos, os científicos chegaron a unha conclusión:
un só fenómeno pode explicar as dúas composicións: un vasto océano de magma que creou dúas capas diferentes de cristais, solidificados, que finalmente se fundiron en magma e que logo entrou en erupción na superficie de Mercurio.

FONTE: Xornal abc/Ciencia

O LAGARTO DE CUENCA DE TRES METROS

O LAGARTO DE CUENCA DE TRES METROS

O dragón de Komodo (na imaxe) ten un aspecto similar ao lagarto achado en Cuenca / Imaxe: Xornal abc

Investigadores da UNED participaron na descrición de varias vértebras achadas no depósito de Lo Hueco (Cuenca), atopadas en 2007, que parecen pertencer a unha nova especie de lagarto do Cretácico Superior, hai uns 70 millóns de anos. O peculiar do animal, duns tres metros de longo, é que trátase dun lagarto terrestre, aínda que pertence a un grupo con hábitos mariños. Dentro deste grupo podería encontrarse o antecesor das serpes, o que reforzaría a idea dunha orixe non mariña para estas.

Se a orixe das serpes foi mariña ou terrestre continúa sendo un misterio. Estes réptiles, xunto con algúns tipos de lagartos varanoideos, forman parte do distinto grupo dos pitonomorfos (Pythonomorpha). Entre eles encóntranse os
mosasaurios, réptiles mariños do Cretácico. O feito de que o antecesor común destes mosasaurios vivise na auga ou na terra podería ser relevante para coñecer a orixe das serpes.

Os mares do
Cretácico Superior estaban dominados por réptiles emparentados co lagarto de Lo Hueco. Non obstante, o que encontraron no depósito conquense, duns tres metros de longo, tiña un aspecto semellante ao do actual dragón de Komodo (Varanus komodoensis), un lagarto varanoideo con formas de vida terrestres e non acuáticas que habita en Indonesia.

Que un animal deste tipo vivise en terra sáese do habitual, xa que só se documentara outro caso no Cretácico Inferior de Xapón, hai 120 millóns de anos, co xénero Kaganaias. Aínda que o réptil de Lo Hueco parece pertencer a unha especie descoñecida ata agora, os autores do traballo móstranse cautos e esperan encontrar máis restos óseos que confirmen os seus datos para propoñer un nome específico.

Ata agora, algúns autores pensaban que a relación das serpes cos mosasaurios indicaba tamén unha orixe mariña para estas. A pesar de que a relación se está a poñer en dúbida nos últimos anos, o novo réptil descrito por científicos da UNED, da Universidade de Bonn (Alemaña) e do Museo Nacional de Historia Natural (Francia), apoiaría a teoría de que mesmo os mosasaurios terían un antepasado terrestre, debilitando a hipótese da orixe mariña das serpes.

FONTE: Xornal abc/Ciencia

CASUALIDADE? ASTEROIDE 2012 DA14 E UN METEORITO QUE CAE SOBRE OS URAIS

CASUALIDADE? ASTEROIDE 2012 DA14 E UN METEORITO QUE CAE SOBRE OS URAIS

 

Mentres todo o mundo estivo pendente onte,venres, do  asteoride 2012 DA14 , que pasou preto da Terra, outra rocha celeste entraba na atmosfera unhas horas antes, de modo completamente imprevisto e provocando máis de 500 feridos na provincia de Cheliábinsk nos Urais, e arredores.

Na zona hai unha central nuclear e un centro de tratamento e almacenamento de residuos atómicos. Se foi unha casualidade, como se inclinaban os expertos, foi unha tremenda casualidade. Tamén tense barallado a posibilidade de que ámbolos dous obxectos celestes (o asteroide duns 50 metros de diámetro e o meteorito de 15) estivesen relacionados e que o meteorito fose unha pequena rocha desprendida do asteroide. Pero en tal caso terían levado o mesmo rumbo no ceo e non parece que fose así. A  NASA descartouno, aínda con datos preliminares: "A traxectoria do meteorito que caeu en Rusia é significativamente diferente da traxectoria do asteroide 2012 DA14, o que significa que se tratou de obxectos que non teñen ningunha relación".

FONTE: Xornal El País/Ciencia

APROXÍMASE O ASTEROIDE 2012DA14

APROXÍMASE O ASTEROIDE 2012DA14

Comparativa do tamaño do asteroide cun transbordador espacial / NASA

O asteroide 2012 DA14, descuberto hai case un ano (o 22 de febreiro de 2012)  por un grupo de astrónomos do Observatorio Astronomico da Sagra , en Puebla de Don Fadrique (Granada), realizará a súa máxima aproximación á Terra o 15 de febreiro, venres, aproximadamente ás 19.24 GMT (unha hora máis no horario da España peninsular).

Os científicos estiman que o asteroide mide 45 metros de diámetro e ten unha masa de 130.00 toneladas. Se as observacións de radar teñen éxito, poderán afinar aínda máis o tamaño da rocha despois da súa aproximación, que realiza a 28.100 quilómetros por hora.

O asteroide pasará a 27.000 km sobre a superficie da Terra no momento da súa máxima aproximación. A NASA asegura tallantemente que non impactará coa Terra, pero recoñece que existe a posibilidade, aínda que moi pequena, de que o asteroide impacte contra algún satélite ou sonda espacial. A influencia gravitacional sobre a Terra polo paso seu paso será "infinitésimamente pequena".

O próximo achegamento notable deste asteroide producirase o 16 de febreiro de 2046, eso si, moitisimo máis afastado do noso planeta que desta vez.

Esperemos que os pronósticos se cumpran!

FONTE: Xornal abc/Ciencia