Blogia
vgomez

OUTRAS COUSAS

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010: UXIO NOVONEYRA

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010: UXIO NOVONEYRA

Uxío Novoneyra nace o 19 de Xaneiro de 1930, na aldea de Parada de Moreda, en plena serra do Courel, dentro dunha familia labrega acomodada.
En 1945 trasládase, durante o período escolar, a Lugo para estudiar o bacharelato, que remata en 1948.  De 1949 a 1951 está en Madrid e alí, tras superar o Exame de Estado, matricúlase por ouvinte na carreira de Filosofía e Letras. Esta xeira madrileña é unha etapa de formación cultural, en gran parte autodidacta, na que empezará a escribir en castelán, chegando a publicar na revista universitaria Bengala dous poemas que formaban parte do libro inédito Desde las cosas.
En 1952 Novoneyra volve a Galicia para facer o servicio militar, con estancias en Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo. As experiencias composteláns son fundamentais pois espertan no escritor unha nova conciencia galega que se vai forxando en contacto con figuras como o pintor Carlos Maside, o ensaísta e ideólogo Ramón Piñeiro e a figura polifacética e patriarcal de Ramón Otero Pedrayo, tres personalidades esenciais na conformación da futura obra novoneyriana. É precisamente este contacto co galeguismo, xunto coa volta ao Courel durante unhas vacacións no ano 1952, o que motiva o autor para escribir en galego. A continuación, de 1953 a 1962, permanece no seu lugar de nacemento tendo que gardar repouso a causa dunha pleuresía.
No período que vai de 1962 a 1966 o escritor vive en Madrid. Nesa capital traballa na radio e na televisión, sempre en programas relacionados coa poesía galega, española ou universal; participa na bohemia vida madrileña; e asiste ás tertulias do Café Gijón, co poeta Carlos Oroza, o pintor Tino Grañido e un grupo de artistas plásticos como Urculo ou Viola.  Neste ambiente de vangarda artística e preocupación socio- política escribe, entre 1962 e 1965, a serie poética titulada “Elegías de Madrid”, que xunto con outras dúas anteriores (“Primera verdad y tiempo con nombres” e “Elegías del Caurel”, elaboradas respectivamente entre 1953 e 1957 e 1958 e 1961) conforman o libro, editado na capital do Estado en versión bilingüe galego- castelá e dentro da colección “Adonais”, Elegías del Laurel y outros poemas (Rialp, Madrid, 1966).
En 1966 retorna de novo ao Courel, debido á enfermidade dos seus proxenitores, e xa desde este momento quedará a vivir en Galicia. O seu pai morrerá en 1971 e dous anos despois a súa nai, pero en 1968 coñece en Lugo a Elva Rei coa que casará en 1973. A parella terá logo tres fillos, Branca- Petra, Uxío e Arturo, e residirá ata 1983 entre Lugo e O Courel. Daquela recolle os poemas do ciclo courelán posteriores á publicación do primeiro libro, escritos entre 1954 e 1957,que, xunto con outros máis recentes de marcado signo político, conforma a obra titulada Os eidos 2 (Galaxia, Vigo, 1974). Por outra parte, nestes anos de marcada preocupación cívica, traduce ao galego varios poemas do escritor e político chinés Mao Zedong (El Progreso, 19-9-1976).
A comezos da década dos oitenta Novoneyra é considerado xa como un clásico pois como tal o confirman non só o seu tratamento na Gran Enciclopedia Gallega, senón moi especialmente os estudios da nova crítica, como o revelador “O fonosimbolismo na poesía de Novoneyra” publicado en 1980 por Claudio Rodríguez Fer ou os comentarios literarios como o sopesado “O iceberg poético de Novoneyra” que escribe Anxo Tarrío en 1981.  Nesta mesma década o noso autor inicia a recompilación completa do seu ciclo courelán, despois de sometelo a unha rigorosa depuración. Así, publícase no número un da colección Grandes Mestres Os eidos. Libro do Courel (Xerais, Vigo, 1985).
En 1983 afíncase definitivamente en Compostela, desde onde exerceu a presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a partir da súa primeira elección en 1982 ata a súa morte en 1999. Desde o punto de vista creativo, na segunda metade da década dos ostenta comeza unha reagrupación temática da súa obra completa. Así, en Muller pra lonxe (Deputación de Lugo, Lugo, 1986) reúne, no número un da colección por el mesmo bautizada “Gran Lugo de nebra”, os poemas eróticos e amorosos. Seguindo estas recompilacións temáticas, publícase finalmente unha nova versión bilingüe galego- euskera da serie courelá, pero depurada dos elementos políticos ou eróticos, presentes nas publicacións anteriores deste ciclo, e sen as dedicatorias nin o glosario das versión precedentes. Esta edición, titulada Bazterrak/ Os eidos I e II (Pamiela, Iruñea, 1988) foi realizada e prologada polo poeta donostiarra Koldo Izagirre. Máis adiante, ao comezo da década dos noventa ve a luz unha edición introducida e anotada deste ciclo telúrico, agora na colección Biblioteca das Letras Galegas e ao coidado de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, Os eidos (Xerais, Vigo, 1990), edición que contribúe á consolidación do escritor no canon literario galego e que, con respecto aos textos, repite a anterior á que só engade un último poema, o titulado “O monte Cido”, escrito en 1985. Nesta mesma liña canonizadora do autor dentro do sistema literario, tres anos despois, na colección “Criterio” promovida pola Asociación Sócio- Pedagógica Galega, Antonia López García publica un traballo sobre a súa obra: Os camiños do soño (a poesía de Uxío Novoneyra) (Do Cumio, Vigo, 1993).
Máis os anos noventa van amosar unha nova contribución creativa do escritor, que dá a coñecer dúas publicacións de literatura infantil, O cubil do xabarín Gorgorín e Cabezón (Edelvives, Zaragoza, 1991) e (Edelvives, Zaragoza, 1992), dous contos de aventuras protagonizados por rapazas e rapaces, ambientados na xeografía do Courel e cunha rica linguaxe poética. Nesta mesma década, reedítase na colección “Merlín e Familia” Elexías do Caurel e outros poemas, con modificacións, ademais do engadido da serie “Madrid / noite”, ilustrado cun debuxo de Reimundo Patiño e baixo o novo título de Tempo de elexía (Vía Láctea, A Coruña, 1991). Ademais, despois dun longo silencio, roto tan só pola aparición dalgunha composición nova, como puido ser a titulada “Viaxe”, dada a coñecer en 1991, ou a saída da segunda edición da obra Os Eidos da Biblioteca das Letras Galegas (Xerais, Vigo, 1991), publica unha entrega poética individual, Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (Espiral Maior, A Coruña, 1994). Esta reaparición poética complétase coa publicación do poemario de temática compostelá e autoría colectiva Camelio xaponés (Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela, 1995). A obra reúne en edición bilingüe galego- nipona sete xiikas (versos xaponeses) de Ayako Sugitani, en versión galega de Novoneyra, e tres composicións galegas do noso autor, postas en xaponés pola citada escritora nacida en Hagi- Shi.
E neste último período o poeta segue sacando á luz diversas mostras creativas en distintos medios, como as “Lendas de a cavalo” (O Correo Galego 13-VII-1997), pertencentes á obra inédita a que o propio escritor se ten referido en distintas ocasións como Libro de Rotas/ Ameto Mítico ou simplemente Ameto Mítico, e que sairía á rúa uns días despois do seu pasamento, acaecido o 30 de outubro de 1999, baixo o título Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago outras rotas (Hércules Ediciones, A Coruña, 1999)  

SAÍDA DE 2º ESO A TUI

SAÍDA DE 2º ESO A TUI

Onte, día 10 de maio, a maioria do alumnado de 2º ESO (45 alumnos-as) visitamos a vila de Tui.

Iniciamos a visita na igrexa-parroquia de San Bartolomeu-Rebordáns, seguimos, a inversa, un anaco do Camiño de Santiago-Portugués, paramos na igrexa de  Santo Domingo, percorremos parte do casco vello, facendo unha parada na rúa do convento e igrexa das Clarisas e rematamos na Catedral.

Tivemos un profesor marabillodo D. Avelino e algo de axuda divina pois aínda que a chuvia foi míuda, cando rematamos, e de  cara ao autobús xa era moi intensa.

Todo saíu ben. Esperamos (Teresa e eu) que merecera a pena, aínda que hai que agradecer a parte que puxo o noso  compañeiro Anxel (profe de Relixión) no asunto.

HUMOR: PROBLEMÁTICA ECONÓMICA

HUMOR: PROBLEMÁTICA ECONÓMICA

As cousas andan mal na ECOMONÍA. Primeiro foi unha crise mundial, despois trasladouse ao mediterráneo con Grecia, agora parece que chegou á Península Ibérica con Portugal e ... Veremos a onde chega. Esta temática está recollida hoxe na viñeta de Quesada no xornal Faro de Vigo.

Esperemos que agora coa primavera aparezan os "brotes verdes", pero na economía!

CONTO: O MÚSICO

CONTO: O MÚSICO

Era Dona Amalia unha señorita delicada, presumida e solermia, de grande nivel social, rica, solteirona e con motísimas relacións entre as altas xentes de influencia na Coruña.

A súa debilidade era un sobriño de quince anos, medio gambetas, ao que lle daba o que pedise e chamaba cariñosamente Horacito.

El, algo afeccionado á música, e ela crida de que era un auténtico virtuoso cunha carísima trompeta que lle comprara. Empeñáronse en que tiña que tocar nunha banda militar da Cidade de Cristal.

Traxe de estrea, repeiteado, trompeta limpa e brillante, coas partituras nunha carpetiña, dirixíronse ao quiosco dos xardíns de Méndez Núñez, un domingo pola mañá, para a súa primeira actuación estelar.

Con moita xente escoitando a agrupación abríu o concerto co emblemático Ponteareas do mestre Reveriano Soutulo. Esta peza, como é sabido, ten uns preciosos solos e contrapuntos de trompeta onde o Horacio puido lucirse, pero non foi quen.

Mamaíña. Aquel instrumento soaba coma unha manda de elefantes cando barritan asustados nunha desbandada de tormenta africana.

Dona Amalia estivo engaiolada coa actuación, vendo os xetos e as filigarnas do rapaz. Non escoitaba moito porque a pobriña era ben xorda, pero moi atenta aos movementos.

Ao remate da canción, dirixíuse ao director e preguntoulle ilusionadísima:

- ¿Qué le parece la ejecución de mi sobrino?

- Home -dixo o capitán-, executalo paréceme excesivo, pero unha boa malleira de paus, a fe que a merecía.

Fonte: Almanaque Agrícola. Ano 2010.

HUMOR: TEMPORAL

HUMOR: TEMPORAL

A ninguén lle pasou desaprecibido o temporal desta fin de semana, a denominada cicloxénese explosiva. Tampouco a Luis Davila, que publicou esta viñeta onte, no xornal Faro de Vigo.

Hai que tomalo con humor!

HUMOR: POLISEMIA

HUMOR: POLISEMIA

A polisemia é o fenómeno semántico en que unha palabra posúe varios significados. Eso é o que lle sucede a palabra GRAVAR:

1: Marcar ou debuxar algo nunha superficie por medio de cortes, presión ou reacción química. 2: Impresionar sinais, datos,  imaxes ou sons sobre un soporte magnético, para poder ser reproducidos despois. 3: Fixar algo na mente ou no ánimo, como un recordo, un sentimento ou unha idea. 4: Cargar a alguén cun imposto. 5: Impoñen un gravame, especialmente sobre unha propiedade.

Esta situación recollea moi ben O Carrabouxo na súa vineta no xornal La Región, do pasado 24 de febreiro, con dous dos significados anteriores.

LEMBRANZAS DOS ENTROIDOS I

LEMBRANZAS DOS ENTROIDOS  I

Hai uns días falaba dos desfiles do carnaval escolar, no que manifestaba o meu apoio e recoñecemento. Quero lembrar o ano 1995: na foto aparece o menda lerenda e, entre outros, un alumno "especial" para min, Pablo, que aínda hoxe saúdo e sempre, sempre ,se lembra de min.

A el adícolle este artigo. Pablo aprendín moito de ti!

CARNAVAL ESCOLAR

 

Non é a primeira vez que o teño dito, o desfile escolar do carnaval é o mellor do entroido. Un ano máis volveron a saír ás rúas do pobo, dándolle colorido, alegría e ilusión. Detrás, horas de traballo dos mestres, alumnos e pais. Pero mereceu a pena.

As miñas feliciacións e que perdure no tempo.