Blogia
vgomez

OUTRAS COUSAS

A DISTRIBUCIÓN DO PELO

 

Continúo cos novos episodios de Órbita Layka, programa de divulgación científica divertido e sorprendente, cheo de curiosidades e de sentido do humor, presentado polo matemático e profesor de Linguaxes e Sistemas Informáticos Eduardo Sáenz de Cabezón Irigaray.

Hoxe, na sección de bioloxía, Ricardo Moure Ortega explica por que as persoas temos esta distribución de pelo, e resolve outras cuestións como, por exemplo, por que as persoas temos cellas.

Os seres humanos temos unha distribución única do pelo. Se tes as túas dúbidas, imaxina a un esquío con coleta ou unha vaca con cellas... Sería estraño, verdade? Non é casual.

Interesante!

FONTE: RTVE

QUE SUCEDE CANDO UN RAIO IMPACTA CONTRA UNHA ÁRBORE?

 

Continúo cos novos episodios de Órbita Layka, programa de divulgación científica divertido e sorprendente, cheo de curiosidades e de sentido do humor, presentado polo matemático e profesor de Linguaxes e Sistemas Informáticos Eduardo Sáenz de Cabezón Irigaray.

Hoxe, na sección de meteoroloxía, o físico do aire, José Miguel Viñas explica por que, cando un raio choca contra unha árbore, xéranse formas fractais, coñecidas como "Figuras de Lichtenberg".

O colaborador fala tamén dos raios "latentes" ou "dormentes", cuxa lenta combustión pódese avivar en calquera momento, provocando un incendio horas e mesmo días despois de que un raio impactase contra unha árbore.

Interesante!

FONTE: RTVE

AS BATERIAS DE LITIO

 

Continúo cos novos episodios de Órbita Layka, programa de divulgación científica divertido e sorprendente, cheo de curiosidades e de sentido do humor, presentado polo matemático e profesor de Linguaxes e Sistemas Informáticos Eduardo Sáenz de Cabezón Irigaray.

O litio é un metal fundamental. Por que? Como pode reciclarse? Na sección de xeoloxía do programa de hoxe, dedicado aos refugallos, Nahúm Méndez Chazarra, xeólogo e divulgador científico, responde a estas cuestións e fálanos do Antropoceno.

A ter en conta!

FONTE: Rtve

SAQUEMOS A BAILAR O FUTURO!

 

A cadea de supermercados Gadis non fallou á súa cita e na antesala do Badal acaba de lanzar unha nova entrega de Vivamos como Galegos!, a número 16 da saga. Saquemos a bailar o futuro! é título do novo anuncio creado pola axencia coruñesa BAP&Conde e protagonizado por unha moza ilustradora e un emigrante que volve a Galicia despois de media vida fóra.

Baixo esta premisa, o encontro fortuíto nun tren de dúas persoas que xeracións completamente diferentes, Gadis rende homenaxe aos miles de emigrantes galegos que lle fixeron fronte á adversidade con valentía.

A campaña tamén fai unha chiscadela á mocidade de hoxe, a quen, a pesar das actuais circunstancias e a vivir nun mundo «que anda triste», atrévense «a sacar a bailar ou futuro» como os emigrantes do século pasado.

Emotivo!

COMO É POSIBLE QUE AO PRENDER LUME A UN BILLETE ESTE NON ARDA?

 

Volvo con novos episodios de Órbita Layka, programa de divulgación científica divertido e sorprendente, cheo de curiosidades e de sentido do humor, presentado polo  matemático e profesor de Linguaxes e Sistemas Informáticos Eduardo Sáenz de Cabezón Irigaray.

Hoxe, na sección de física, Javier Santaolalla Camino, físico, enxeñeiro e doutor en física de partículas, fálanos de como é posible que, ao prender lume a un billete, este non arda? A clave deste truco é mollar o billete nunha solución de alcohol e auga. Ao ser o alcol o que se consome, o billete, protexido pola auga, non sae ardendo.

Curioso!

FONTE: rtve

TAL DÍA COMA HOXE DE 1702

Gravado da batalla de Rande de 1702

Nunca na historia tantas riquezas cruzaron o océano Atlántico. A Frota da Prata que chegou a Vigo en 1702, e que rematou en chamas na batalla de Rande, trouxo de América a Europa un cargamento de tesouros cuxa magnitude xamais foi igualada. Así o certifica un dos seres humanos máis influentes da historia do pensamento: o inglés John Locke, pai do empirismo e do liberalismo moderno, quen publicou un estudo sobre a Carreira de Indias, o tráfico que durante séculos levou as marabillas dun continente a outro. Aquela aventura foi un milagre da loxística. E, no caso da frota destruída en Rande, o valor das mercadorías multiplicouse porque o acoso dos piratas atrasou durante case catro anos o transporte, que era bianual, facendo que o tesouro alcanzase dimensións astronómicas.

O filósofo John Locke cóntao na súa Historia da navegación, publicada en 1691, na que se marabilla da mecánica de traballo dunha frota: “Os galeóns arriban en primeiro lugar a Cartaxena. Ao chegar alí, o xeneral dos galeóns envíalle un aviso ao vicerrei do Perú, que ten a súa residencia en Lima, capital do reino; o vicerrei faillo saber insistentemente a todos os comerciantes e dá as ordes necesarias para o transporte do ouro e da prata que teñen que ser levados a Panamá por mar e a Portobelo, en mulas. Os galeóns deben permanecer catro meses en Cartaxena para negociar e cambiar unha parte das súas mercadorías”.

Moeda de ouro coa palabra VIGO e a efixie da raíña Ana

Locke cuantifica a carga de cada transporte entre América e España: “O comercio realizado alí polos galeóns supera os catro millóns de escudos. De Cartaxena, van a Portobelo, onde se celebra á súa chegada unha feira que dura cincuenta ou sesenta días; alí deixan mercadorías de Europa por un valor de dezaoito ou vinte millóns de escudos en ouro, prata e outros produtos do país. De Portobelo, regresan a Cartaxena, onde pasan aínda outros quince días. Durante a súa estadía nos diferentes portos, os galeóns cambian as súas mercadorías por ouro, prata, perlas, esmeraldas, amatistas e outras pedras preciosas, madeira de Campeche e coiros. Regresan de ordinario con dous ou tres millóns de escudos en ouro, vinte millóns de escudos en prata, douscentos mil escudos en perlas, trescentos mil escudos en esmeraldas, trinta mil escudos en amatistas, la de vicuña por valor de cincuenta mil escudos, a mesma suma en madeira de Campeche, e douscentos setenta mil escudos en coiros”.

As cifras que achega Locke son algo hoxe inimaxinable en bens tanxibles. Non falamos de movementos financeiros en mercados de bolsa, por exemplo. O valor das cousas está aí. Son mercadorías que teñen un valor en si mesmas e que se pagan en diñeiro efectivo. E na segunda metade do século XX fascinaron ao buscador de tesouros Robert Stenuit, quen comandou unha das máis audaces expedicións para rescatar os galeóns de Rande.

Pero o cálculo das riquezas que fai inicialmente Locke queda moi curto. Hoxe sabemos que a fraude fiscal era elevada e que, ademais da parte declarada, os propios cargos da frota e moitos mercadores, xunto á burocracia española en América, aproveitan as viaxes para trasladar á metrópole riquezas inxentes sen control tributario.

Sábese que a carga dos galeóns era sempre de dous a dez veces superior á que mencionaban os rexistros”, recoñece o propio filósofo nos seus escritos, datados só unha década antes da batalla de Rande.

No caso da Frota da Prata, en 1702, o atraso de anos disparou o valor das mercadorías transportadas, ao momento de que se temía que os galeóns se afundisen polo seu propio peso. O vicerrei de Nova España, o galego José Sarmiento de Valladares narra o 21 de outubro de 1699, nun documento achado no Arquivo de Indias, que ditou ordes para que os barcos vaian armados para “exterminar de todas aquelas costas e as súas baías calquera piratas que achasen”. Pero non logrará partir case ata tres anos despois.

E Carlos II O Enfeitizado, en 1700, asina unha misiva á Frota da Prata: “que con este coidado naveguedes, co vixiante desvelo que convén para cautelarvos canto sexa posible e asegurar a vosa chegada ao porto de Cádiz”.

Era o pánico para ser capturados por piratas, ou por frotas inimigas, o que atrasou á Frota da Prata na súa viaxe a Vigo. Durante anos, acumularon en América riquezas como xamais se viron na historia. E que cruzaron o Atlántico para chegar a Vigo. Onde, tras ser evacuadas case na súa totalidade, os galeóns foron aniquilados e, pasto das chamas, converteron a noite en día na madrugada do 24 de outubro de 1702.

FONTE: Eduardo Rolland/gciencia.com

UVIGO E MARTE

Exterior da base deseñada poos investigadores da UVigo /ILUSTRACIÓN: IRENE PÉREZ

Investigadores do grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais da Universidade de Vigo desenvolveron un deseño conceptual dunha base humana en Marte, que conta con tres pisos para laboratorios e vivenda sobre unha planta hexagonal. Tal como recóllese no Diario da Universidade de Vigo (DUVI), a chegada do ser humano a Marte é un dos retos máis ambiciosos das distintas axencias espaciais. A NASA ten o obxectivo de mandar astronautas ao planeta vermello a finais da década dos 30 ou a principios dos 40 do século actual (2030/2040).

Por iso, científicos da UVigo realizaron o deseño conceptual desta base humana en Marte, centrando a súa investigación no comportamento térmico da estrutura proposta para facer viable a presenza humana no planeta veciño.

O grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, dirixido polo profesor Fernando Augado, leva varios anos traballando en proxectos relacionados coa colonización de planetas e satélites do Sistema Solar. Entre as iniciativas máis destacadas neste ámbito está a súa colaboración no deseño integrado dun vehículo guindastre para explorar o interior de tubos de lava na Lúa.

Continuando con esta liña, membros do grupo realizaron o deseño dunha base humana en Marte. Os resultados da súa investigación aparecen publicados na revista Acta Astronáutica. "É necesario propoñer posibles deseños de hábitat para aloxar a seres humanos nunha contorna tan hostil como o marciano e esta quere ser nosa primeira contribución neste ámbito", destacan membros do proxecto, quen defininen estancias para vivenda, con dormitorios, aseos e zonas comúns, e outras para albergar laboratorios, para a realización de experimentos.

Segundo explican os seus responsables, o estudo parte dunha idea acordada o pasado curso académico para a realización dun Traballo de Fin de Grao polo alumno de grao de Enxeñería Aeroespacial en Ourense Marcos Salgado. "O potencial do TFG realizado fixo posible desenvolver a investigación publicada agora, grazas á incorporación ao equipo do profesor da área de Enxeñería Aeroespacial Alejandro Gómez e da investigadora do grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais Uxía García", indicaron. Neste sentido, subliñan que Marte é un planeta cuxas condicións "non son apropiadas para a vida do ser humano". Por iso, a análise centrouse nun primeiro momento nos principais aspectos que conforman a contorna marciana, como a súa atmosfera, a súa temperatura (cun rango moi alto que vai desde os 100 graos baixo cero ata os 20 graos), a súa radiación (letal por non ter magnetosfera) ou os seus chans. "O hábitat deseñado tamén tiña que cumprir unha serie de requisitos que facilitasen longas estancias, como sinxeleza, resistencia e habitabilidade para un apropiado benestar psicolóxico", engaden. Por iso, o equipo investigador desenvolveu un deseño conceptual do hábitat baseado nunha estrutura fabricada integramente na Terra e realizado tras un estudo das alternativas previas, tentando combinar as vantaxes dalgunhas á vez que minimizar os seus inconvenientes. En concreto, o hábitat creado ten unha planta hexagonal, de 4,5 metros cada lado, e está formado por tres plantas de 2,8 metros de altura cada unha delas. Os materiais principais empregados son aliaxes de aluminio.

FONTE: atlantico.net

O NOVENO HÓRREO MÁIS LONGO DO MUNDO

O noveno hórreo máis longo do mundo, en A Peroxa / Apatrigal

Máis anchos, máis longos, de pedra, de madeira ou incluso pintados de cores. Están espallados por toda a xeografía do país e supoñen un indiscutible sinal de identidade da cultura galega. Algúns sorprenden ao pé do mar, como os de Combarro. Outros impactan coa súa lonxitude, como o de Araño, en Rianxo, considerado o máis longo do mundo cos seus 37 metros de longo. Hai outros que parecen interminables, como o de Lira e o de Carnota. E a esta lista de espectaculares hórreos súmase un novo: o da Peroxa, en Ourense. Foi descuberto por un veciño por casualidade durante uns traballos de campo. Non se tiña constancia e agora xa ostenta o título de noveno hórreo máis longo do mundo.

Segundo confirmaron dende a Asociación para a defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal), que foi o colectivo que deu a coñecer a nova, a construción está situada no Pazo de Ansariz. Ao principio pensouse que podería ser máis longo que o de Ozón, en Muxía, considerado o oitavo máis longo do mundo. Porén, despois das medicións oportunas descubriuse que tiña cinco centímetros menos. Consagrouse, así, como o noveno máis grande do mundo e o sexto de Galicia cos seus 27,15 metros de longo por 1,15 metros de ancho.

Un hórreo de récord que, ata o de agora, non constaba nos rexistros oficiais. A casualidade ás veces é o mellor motor para o achado destes tesouros do patrimonio. A construción está dentro do recinto do Pazo de Ansariz, que é unha propiedade privada. A orixe da casa señorial data da segunda metade do XVII pero sufriu varias transformacións nos séculos posteriores. Ademais da capela e da torre, o maior elemento de interés é o seu longo hórreo. Ten un alto valor, ademais, porque este tipo de construcións son máis habituais das provincias da Coruña e Pontevedra que na de Ourense.

FONTE: gciencia.com