Blogia
vgomez

OUTRAS COUSAS

ASÍ SERÁ DART

Durante a madrugada do 27 de setembro (aínda día 26 en Estados Unidos), exactamente ás 01:14, hora española, a misión DART, da NASA (Proba de Redirección de Dobre Asteroide) chocará frontalmente con Dimorphos, unha ’mini lúa’ de apenas 160 metros de diámetro que orbita ao redor dun asteroide maior, Didymos, duns 400 metros. O obxectivo do impacto será tratar de cambiar, de forma medible, a órbita do pequeno asteroide.

Trátase da primeira proba de ’defensa planetaria’ ensaiada pola humanidade en toda a súa historia. Segundo a NASA, chegou a hora de pescudar se somos, ou non, capaces de desviar un asteroide que estivese en roteiro directo de colisión coa Terra. O impacto de DART contra a pequena rocha espacial será monitorizado por un pequeno satélite europeo, LICIACubesat, de apenas 14 kg de peso, fabricado pola Axencia Espacial Italiana (ASI). A pequena nave viaxou axustada a DART desde o seu lanzamento, en novembro de 2021, ata hai apenas uns días, cando se separou da misión principal para dirixirse, xa polos seus propios medios, ao seu punto de observación, situado a un 55 km de Dimorphos.

Máis tarde, en 2024, outra nave europea, Hera, actualmente en construción, será lanzada de novo de novo cara ao mesmo dobre asteroide para tomar datos precisos da súa masa e composición. Ao mesmo tempo, medirá o cráter deixado por DART e axudará a converter este experimento nun auténtico método a gran escala de defensa contra asteroides.

Durante os días que quedan ata o 26 de setembro, a nave levará a cabo quendas de observación cada cinco horas, grazas ás cales o equipo de terra executará tres manobras de corrección de traxectoria, reducindo máis e máis en cada unha a marxe de erro. Tras a terceira e última manobra, que terá lugar o 25 de setembro, unhas 24 horas antes do impacto, os técnicos coñecerán a posición do obxectivo cunha marxe de só 2 km. A partir de aí, DART estará totalmente só para guiarse de forma autónoma ata a súa colisión final coa pequena lúa do asteroide.

FONTE: José Manuel Nieves/abc.es/ciencia


É RIQUIÑO UNHA PALABRA GALEGA?

A palabra riquiño é unha das máis identificativas do galego? Probablemente si. Quen non a empregou para describir a un compañeiro de traballo, a un familiar ou a un amigo? E non só iso. É, case con toda seguridade, unha das primeiras palabras que aprenden as persoas que se achegan ao idioma. Intégrana no seu vocabulario para designar a alguén con encanto, sobre todo se é un neno. Pero tamén hai falantes que a empregan para describir a quen non é nin guapo nin feo. Se quixeramos precisar máis polo miúdo o seu significado, que mellor maneira de conseguilo que facendo uso do dicionario da Real Academia Galega (RAG). Non obstante, cando introducimos riquiño no buscador, non aparece ningún termo. É posible que non sexa unha palabra galega?

Esa foi a pregunta que formulou un usuario á RAG a través do Twitter. E a institución contestou con rotundidade: “Palabra certamente popular, pero poderíase chamar pseudogalega“. É dicir, que malia que integra a nosa cultura e identidade, que se emprega con moita frecuencia na fala máis informal, non é tan nosa como cabería esperar. Segundo continúan explicando dende a academia, riquiño fórmase a partir da palabra castelá rico/a. E, segundo a Real Academia Española (RAE), ten o seguinte significado: “Dicho especialmente de un niño: bonito y a la vez gracioso, encantador”. É dicir, encaixa perfectamente co que un galego entendería por riquiño.

Tal e como continúa explicando a RAG, a acepción coloquial de rico aparece recollida no dicionario da RAE. A diferenza é que, na fala galega, engadíuselle o sufixo apreciativo -iño, tan propio do noso idioma. O obxectivo: “Darlle unha fasquía que se achegue á nosa lingua”, din dende a RAG. Porén, a academia confirma que ese adxectivo, polo menos co significado que a meirande parte da xente lle atribúe, correspóndese máis co castelán que co galego. De feito, se un busca rico no dicionario galego descubrirá que fai referencia a algo saboroso, de moito valor ou a alguén que posúe moito diñeiro. Pero que, en ningún caso, definirá o seu encanto, o seu atractivo ou a súa simpatía.

FONTE: gciencia.com/tolociencia

HOXE É MARTES 13



Hoxe é martes 13, unha data que está asociada á mala sorte, ao mal agoiro, á calamidade. Algo que, como moitas outras lendas e supersticiones, está incorporada no día a día ata o punto de formar parte do refraneiro español.

"Un martes 13...", probablemente non faga falta nin terminar de escribir esta frase para que calquera lector complétea na súa mente. Pero isto, como moitas outras supersticiones, ten unha explicación.

A historia está infestada de episodios que se relacionan con números e datas, tanto positivos como negativos. Neste caso, a relixión ten moito que ver. E é que os máis medorentos temen ao número 13 polo que representa en distintas crenzas. O cristianismo rexéitao porque na última cea, ese era o número de presentes se se conta a Xudas. Un personaxe escuro canto menos para esta relixión.

Tamén se adoita pensar que Xesucristo foi crucificado un día 13, aínda que neste caso sitúase nun venres, motivo polo que en Italia este é o día da mala sorte.

E xa nun plano máis infernal, o Anticristo aparece no decimoterceiro capítulo do Libro da Apocalipse.

Nin occidente, nin moito menos o cristianismo son os únicos que cren no martes 13 como data maldita. A Cábala xudía tamén o ten marcado no seu calendario debido a que 13 son os espíritos malignos, e por tanto, é o número da morte.

Os viquingos, lonxe da influencia destas crenzas, tamén, xa que se relaciona co deus Loki, caótico e traizoeiro.

Aínda que o trece está máis comunmente relacionado coa mala sorte, non sucede o mesmo co martes. E iso débese a que esta é unha herdanza da cultura romana, que contaba no seu catálogo de deidades con Marte, señor da guerra. Mesmo se chega a poñer, erroneamente, como data da caída de Constantinopla.

Supersticioso ou non, este martes 13 será probablemente un día difícil, especialmente para quen aínda teñen en mente as vacacións que acaban de rematar.

FONTE: Alfredo Teja/laregion.es

A MOREA DE PALABRAS EN GALEGO PARA DESIGNAR A CHUVIA

Existe a crenza de que os esquimós inuit teñen centos de palabras distintas para designar a neve. Pero é falso. A falacia foi propalada polo antropólogo estadounidense Franz Boas en 1911. En realidade, as linguas inuit son polisintéticas, co que crean longas palabras que funcionan como frases completas. E por iso só teñen dúas raíces léxicas ou ‘palabras’ para a neve: ‘ganik‘, para os copos no aire; e ‘aput‘, para a que se acumula no chan. Que logo, cando se escoitan, parezan longas palabras só responde a que lle suman afixos que en galego serían adxectivos ou preposicións como ‘branca neve’, ‘neve a derreter’ ou ‘neve en po’.

Así que non é certa a lenda dos esquimós e a palabra neve. Pero si é verdade que os galegos temos máis de cen palabras para designar a chuvia, das que 61 a denominan directamente.

Para resumir aquí están 61 palabras galegas distintas para denominar a chuvia. E outras dezaseis máis relacionadas co mesmo concepto:

Para chuvia feble: Babuña, Babuxa, Barbaña, Barbuza, Barrallo, Barrufa, Barruñeira, Barruzo, Borralla, Breca, Chuvisca, Chuviscada, Chuviñada, Froallo, Lapiñeira, Marmaña, Orballo, Parruma, Parrumada, Patiñeira, Patumeira, Poalla, Poallada, Poalleira, Poallo, Zarzallo…

Para chuvia forte: Arroiada, Ballón, Basto, Bátega, Bategada, Cebra, Cebrina, Chaparrada, Chuvascada, Chuvasco, Chuvieira, Cifra, Ciobra, Dioivo, Treixada, Xistra, Zarracina…

Cando hai raios e tronos: Treboada, Torboada, Torbón, Trebón…

Se vén con neve e xeo: Auganeve, Cebrina, Cebrisca, Escarabana, Nevada, Nevarada, Nevareira, Nevarío, Nevisca, Nevarisca, Pedrazo, Salabreada, Sarabiada, Torba…

Cando remata de chover: Amizar, Delampar, Escambrar, Escampar, Estear, Estiñar, Estrelampar…

E cando hai condensación de auga: Borraxeira, Borraxoia, Brétema, Cegoña, Fuscallo, Néboa, Neboeiro, Nebra, Zarrazina…

Para que despois digan do noso idioma!

FONTE: gciencia.com/tolociencia

LENDA: ILLA COELLEIRA

Nunca oíches as campás da illa Coelleira? Pois pon atención, sobre todo nas noites sen lúa, cando o vento galga as ondas e a néboa enchoupa os montes. Contan que, unha noite escura, o rei enviou uns guerreiros para exterminar os cabaleiros da Orde do Temple e degolaron todos os cabaleiros e monxes que descansaban no cenobio da illa Coelleira.

Cando deron por rematada a matanza, escoitaron as campás da torre. Alí atoparon un raparigo louro, de ollos azuis que, axeonllándose perante eles e mirando ao ceo, clamou, desesperado: “Aquí me tedes, son o último templario da miña Orde!” e, segundos despois, foi degolado.

Durante moitos anos, nas noites tenebrosas, o tanguemento das campás estarreceu toda a bisbarra. Ata que morreu en Viveiro un nobre pertencente á familia baixo cuxa domina- ción se argallou a arrepiante matanza e, arrepentido pola súa crueldade, deixou dito no seu testamento: “Mando que se digan trinta e seis misas polo descanso das almas dos templarios que fixen matar por orde do rei en San Miguel da Coelleira”.

As almas dos templarios repousaron en paz, mais non as campás, que aínda arreguizan na escuridade das noites de lúa negra e vento.

FONTE: syngenta.es/almanaque-agricola-2022

UN CONTO DE CESTOS

Proceso fabricación cesto / Imaxe: Javier Carballo/gipuzkoa.eus/es

Segundo se conta houbo un cesteiro un tanto peculiar pola razón que cada mes só facía un determinado número de cestos por riguroso turno de pedido e se alguen chegaba tarde limitábase a dicirlle:

– Xa está completo o cupo.

Por iso entre outras cousas sempre andaba de rifa cos seus veciños así un día lle dixo un:

– Eu pedínche que me fixeras uns cetos como ao meu veciño non obstante sendo o mesmo número a el faslle un desconto no precio e a min non.

Ao que lle respondeu o cesteiro moi tranquilo:

– Mira cando volvas para a casa e pases pola leira de carballos do teu veciño, que che queda en camiño, poderás saber a razón.

Así o fixo o veciño e así o home esculcou abraíado que apenas quedaban carballos.

Entón dixo asorado:

Madia leva! O desconto, visto así, resulta demasiado caro.

FONTE: Xosé Lois Ripalda/syngenta.es/almanaque-agricola-2022

A VOLTA 2022

Hoxe, 19 de agosto, comeza a 77ª edición da Volta Ciclista a España, tendo o seu remate o 11 de setembro.

Un total de 3.280,5 km repartidos es 21 etapas. A etapa inicial será fóra de España, concretamente en Utrecht (Holanda), discorrendo tamén as dúas seguintes neste memo país. Xa en España, comezará en Vitoria-Gasteiz, o día 23 de agosto, e rematará, o día 11 de setembro, en Paisaxe da Luz-Madrid.

Participarán 18 equipos UCI WorldTour + 2 equipos UCI ProTeams 2021 + 3 equipos españoles invitados.

Lamentablemente, nesta ocasión, non pasará por Galicia!

Para seguir toda a información preme AQUÍ ou véndoa pola TVE.

Que a disfrutedes!

FONTE: lavuelta.es

CAMPAMENTO ROMANO AQUIS QUERQUENNIS A VISTA DE DRON



O campamento romano e a mansión-viaria de Aquis Querquennis, coñecido popularmente como A cidá, garda a pegada dun pasado que se remonta dous milenios no tempo. Permaneceu ocupado entre o último cuarto do século I e ata os anos 20 do II, durante a construción da Vía XVIII ou Vía Nova, calzada que comunicaba Bracara Augusta e Asturica Augusta

Está situado na parroquia de Baños (Bande-Ourense) á beira do río Limia no encoro de As Conchas, que se atopa ao 49,5% da súa capacidade máxima, segundo os datos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).



O encoro das Conchas, onde se atopa o campamento romano, está actualmente ao 49,5% / BRAIS LORENZO

Durante unha parte do ano o xacemento, un Ben de Interese Cultural desde 2018, non pode ser visitado. Cando sobe o nivel de auga do encoro os restos arqueolóxicos quedan asolagados. Coa seca baixou a presa e os restos do asentamento son máis visibles.

Desde o século XVI había xa noticias destes restos arqueolóxicos, coñecidos na zona como A Cidá, aínda que non foi ata o século XX cando se realizaron as primeiras intervencións arqueolóxicas, dirixidas por Florentino López Cuevillas a comezos dos anos 20. Naqueles momentos pensaban que se trataba dunha mansión romana, non dun campamento militar. Foi na década dos anos 80, grazas a novos achados e fotografías aéreas, cando se expuxo a verdadeira natureza do recinto.

Atravesa o lugar unha ruta de peregrinación a Santiago de Compostela, coñecida como Ruta da Raíña Santa, nome debido á peregrinación realizada por Isabel de Portugal, no século XIV e seguida nos séculos posteriores por numerosos camiñantes. Tal ruta coincide coa citada calzada romana Vía Nova no seu tramo inicial ata Bande e está a ser reivindicada como "camiño xacobeo" por diversas asociacións da comarca.

No lugar atópase o moderno Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova, que alberga un museo e varias salas explicativas do complexo arqueolóxico.

Un lugar que merece a pena visitalo!

FONTE: J.F./farodevigo.es e gl.wikipedia.org