Blogia
vgomez

O SANTO GRIAL DOS DINOSAUROS, AÍNDA MÁIS RARO DO QUE SE CRÍA

O SANTO GRIAL DOS DINOSAUROS, AÍNDA MÁIS RARO DO QUE SE CRÍA

Dous espinosaurios cazan un Onchopristis, un peixe serra prehistórico, nas augas do sistema do río Kem Kem no que agora é Marrocos / Jason Treat, NG Staff e Mesa Schumacher / Arte:Davide Bonadonna / Fonte: Nizar Ibrahim, Universidade de Detroit Mercy

Os únicos restos conservados en todo o mundo de espinosaurio, un formidable depredador de máis de doce metros de lonxitude que viviu en África hai uns 100 millóns de anos, foron destruídos nun ataque aéreo aliado sobre Múnic, Alemaña, durante a Segunda Guerra Mundial. Así que este animal converteuse en case "munha criatura mítica, o ’santo grial’ para os  paleontólogos que saían en busca de dinosauros", explica Nizar Ibrahim, da Universidade de Detroit Mercy (EE. UU.) e explorador de  National Geographic. Só quedaron uns debuxos dos ósos destruídos, aos que se sumaron algúns restos illados atopados ao longo dos anos. Todo indicaba que se trataba dunha especie moi inusual, pero o que agora atoparon Ibrahim e o seu equipo "é aínda máis estraño e espectacular do que poderiamos imaxinar nos nosos soños máis tolos", asegura.

Segundo contan na revista Nature, os paleontólogos acharon os restos dun espinosaurio xuvenil na formación xeolóxica do Kem Kem, unha área de 95 millóns de anos de antigüidade no sueste de Marrocos. O esqueleto de Spinosaurus aegyptiacus comprende algo inesperado: unha cola case completa que na súa totalidade debía de medir 5,3 metros, máis ou menos a metade da lonxitude do exemplar. A cola en forma de paleta era flexible e capaz de moverse lateralmente para impulsar ao dinosauro a través da auga, dunha maneira similar á dos crocodilos modernos. É dicir, o espinosaurio, o depredador máis longo coñecido pola ciencia, era acuático e utilizaba a propulsión da cola para nadar e cazar presas nun sistema fluvial masivo. É a primeira vez que se coñece un dinosauro con esa adaptación.

Reconstrución do esqueleto da cola do espinosaurio (os ósos faltantes móstranse en branco) / Debuxos: Marco Auditore / Fotos: Gabriele Bindellini.

"Imaxínese nadar nun gran río e ser perseguido por un dinosauro depredador xigante con lombo de crocodilo e unha vela encima!", di Ibrahim. Algúns dos peixes que perseguía eran verdadeiros xigantes, incluídos os celacantos do tamaño dun automóbil.

"A cola era unha estrutura altamente especializada, similar a unha aleta, que impulsaría ao animal a través da auga. Permitiu a este dinosauro perseguir activamente presas na corrente, e esa é a primeira vez que se ve algo así nun dinosauro", explica o  paleobiólogo. Esta forma de nadar era unha vantaxe para o espinosaurio, que podía explotar unha fonte de alimento, os peixes, que non estaba dispoñible para outros dinosauros depredadores.

Durante a existencia do espinosaurio, as temperaturas cálidas (polos sen xeo, alto nivel do mar) eran a norma no mundo, pero o Sáhara tamén albergaba grandes sistemas fluviais, que se estendían por todo o norte de África. Alí é onde o espinosaurio cazaba ás súas presas. A área tamén estaba preto da costa, polo que pudo existir certa influencia mariña no ecosistema.

"Sempre quixen atopar outro esqueleto de espinosaurio", recoñece Ibrahim, ben coñecido por ser o descubridor doutras especies de dinosauros. A súa expedición, financiada pola National Geographic Society, atopouno e resultou ser aínda máis extraordinario do que cría.

FONTE: Judit de Jorge/abc.es/ciencia

0 comentarios