A EDUCACIÓN E AS PLATAFORMAS DIXITAIS
“Ningunha plataforma dixital pode cambiar a vida dun estudante, só os bos profesores poden facelo”, sostén o escritor e filósofo Nuccio Ordine. Para o humanista italiano, é fundamental non perder de vista a importancia das relacións humanas neste contexto e saber distinguir a emerxencia da normalidade: “Como poderei ler un texto clásico sen mirar aos ollos aos meus estudantes, sen recoñecer nos seus rostros os xestos de desaprobación ou de complicidade?” E engade: “Estamos a esquecer que sen a vida comunitaria, sen os rituais que regulan os encontros entre profesores e alumnos nas aulas non pode haber nin transmisión do saber, nin formación auténtica”.
Para Ordine, “a literatura pode ensinarnos valores inmortais” e ofrécenos valiosas aprendizaxes sobre as consecuencias das enfermidades e pandemias: “Tal como lémbranos Albert Camus, en tempos de epidemias é máis fácil entender que un mundo construído sobre a indiferenza, a inxustiza social e as profundas desigualdades é un mundo sen futuro”.
Profesor de Literatura Italiana na Universidade de Calabria, humanista, filósofo e escritor, Nuccio Ordine reivindica a construción dunha sociedade mellor a través de valores humanistas. Cando era neno, no seu pobo non había escola e na súa casa non había libros. Os seus pais non chegaron ao instituto, pero el logrou converterse nun referente mundial sobre literatura clásica. A súa obra máis coñecida, ‘A utilidade do inútil’, foi traducida a máis de vinte idiomas e obtivo a consideración de Mellor Libro Humanista do ano 2017.
0 comentarios