O TIGRE DO LOUREIRO: UN DIMINUTO INSECTO INVASOR DESCOÑECIDO
Non se coñecen con exactitude nin a data nin o roteiro de entrada. De momento, a primeira confirmación científica da súa presenza na península Ibérica foi publicada nun artigo no Boletín da Asociación Española de Entomoloxía, versión en liña 30 de marzo de 2021.
Trátase dun pequeno insecto (de pouco máis de 3 milímetros de lonxitude) fitófago, é dicir, que se alimenta de vexetais. En concreto, a súa especialidade é o loureiro (Laurus nobilis). De aí, do loureiro, xurdiron o nome científico do insecto, Stephanitis lauri, e a súa denominación común, tigre do loureiro (o de tigre, suponse, polas raias do seu corpo e ás).
Un dato destacado deste insecto agora observado por primeira vez na Península Ibérica (en concreto, a primeira presenza confirmada produciuse nos Xardíns de Santa Clotilde, en Lloret de Mar, no verán de 2020) é que a existencia desta especie (en xeral, a escala mundial) non foi descuberta ata o ano 2014.
É dicir, ata hai sete anos, cando se documentou a súa presenza en loureiros da illa de Creta, os científicos non sabían da existencia deste tipo de himenóptero (insecto con boca de tipo picador-chupador e ás membranosas) da familia dos tíngidos ou chinches de encaixe (pola curiosa forma do tecido que cobre o seu corpo).
Os autores do artigo agora publicado, indican que "non se coñecen os detalles da bioloxía da especie" e só poden indicar que no caso de que sexa similar a outros tíngidos de aspecto parecido (como como o Corythucha ciliata e o C.arcuata "desenvolvería 2 xeracións anuais en condicións normais e hata 3-4 xeracións se o clima é cálido".
A Universidade de Barcelona lembra, nunha nota informativa publicada para presentar o artigo asinado pola súa investigadora Marta Goula, que o tigre do loureiro "foi descrito por primeira vez por Siegfried Rietschel na illa de Creta en 2014". "Desde entón, varias citas científicas habían confirmado a súa presenza en diversos puntos da costa mediterránea de Francia e Italia".
O descubrimento deste insecto fitófago en Catalunya incrementa o inventario entomolóxico das especies do xénero Stephanitis identificadas na península ibérica: Stephanitis chlorophana (Fieber, 1861), citado en Ciudad Real, Leiria (Portugal) e Marrocos; Stephanitis pyri (Fabricius, 1775), un insecto que é praga habitual de maceiras e perales e que se atopou na Rioxa, Barcelona, Xirona, Tarragona, Valencia e Xaén, entre outras localizacións; e finalmente, Stephanitis takeyai (Drake & Maa, 1955), unha especie exótica nativa de Xapón estendida na India, en moitos países europeos e en Estados Unidos, que no ámbito ibérico localizouse na provincia de Pontevedra e no Porto (Portugal).
Os tíngidos ou chinches de encaixe son insectos de pequeno tamaño, o que dificulta distinguilos a primeira ollada. Se se dispón dunha lupa de campo ou duns binoculares, o ollo experto pode apreciar os detalles de forma e coloración que axudan a distinguir as diversas especies. En concreto, S. lauri pódese confundir con outros insectos autóctonos, en particular, con S. pyri, pero tamén con tíngidos doutros xéneros, como o tigre do plátano (Corythucha ciliata).
O insecto instálase na cara inferior das follas para alimentarse.
Exemplar de tigre do loureiro e anverso de follas afectadas /
O intenso comercio nacional e internacional de plantas ornamentais, como algunhas lauráceas, a familia do loureiro, podería abrir a porta de entrada de S. lauri no continente europeo. Aínda non se sabe se a presenza simultánea do tigre do loureiro en distintos países europeos é consecuencia de diversos episodios de introdución ou ben da dispersión a partir dun único punto inicial.
Por agora, o S.lauri só foi atopado no loureiro, unha árbore típica da vexetación autóctona mediterránea que se atopa en hábitats húmidos (fondos de vales, sombrías ou beiras de correntes de auga, por exemplo) e tamén no ámbito ornamental dos espazos verdes, xa que é unha planta moi utilizada en xardinería.
A maioría das citas de S. lauri corresponden ao medio urbano (maioritariamente, a parques públicos ou xardíns particulares). Agora ben, tamén se detectaron danos causados nos pés de loureiros silvestres relativamente próximos a vías de comunicación, que poderían explicarse pola dispersión de insectos a través do transporte de mercadorías ou da circulación de vehículos.
Na actualidade hai poucos produtos fitosanitarios cuxa aplicación no ámbito da xardinería estea autorizada. Ademais, tampouco hai produtos insecticidas autorizados polo ámbito forestal. Estes feitos fan que a xestión do tigre do loureiro co uso de fitosanitarios sexa difícil.
FONTE: Joaquim Elcaho/lavanguardia.com
0 comentarios