Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... POR QUE A AUGA NO DESAUGADOIRO VAI MÁIS RÁPIDA AO FINAL?

A velocidade á que sae a auga polo desaugadoiro depende do que teña por encima / Siegfried Layda (Getty)

A verdade é que, aínda que o parece, a auga no desaugadoiro non vai máis rápida ao final. A velocidade á que sae a auga polo desaugadoiro depende do que teña por encima, porque todo iso exerce presión. É coma se fose un pistón, canto máis ten por arriba máis presión hai e máis rápido sae. Defíneo o teorema de Torricelli que coñecemos desde o século XVII. E no desaugadoiro a auga ten a presión do aire máis a presión da auga mesma; segundo vai quedando menos auga, a presión do aire segue sendo a mesma, pero a da auga vai diminuíndo.

A medida que a auga vai baixando polo desaugadoiro ten menos empuxe e vai perdendo velocidade. Chega un momento no que a velocidade baixa tanto que se para. E ao final queda mesmo un pouso de auga que nin chega a caer. Vese moi ben se fas un sinxelo experimento na casa.

Colles un vaso de plástico e faslle un buraco na base. Pos un dedo para tapar o buraco e enches o vaso de auga. Cando quitas o dedo e deixas que a auga salga polo buraco podes ver que ao principio sae moito máis rápido e que, segundo vai quedando menos auga no vaso, a velocidade diminúe porque tamén diminúe a presión. E ao final sae tan amodo que podes ver as pingas separadas unhas doutras. A nada que inclines o vaso verase perfectamente que, ao principio, a auga sae cun certo ángulo, é como un tiro parabólico. Como cando xutas unha pelota, dependendo da velocidade á que sae a auga, o arco é maior ou menor. E o que se ve neste experimento é que o arco vai diminuíndo segundo queda menos auga, o que é unha proba de que a súa velocidade tamén diminúe.

Isto estúdase moito en enxeñería. Ademais da presión, a velocidade do descenso do líquido polo desaugadoiro (ou por calquera tubo) aféctanlle tamén outros fenómenos: debido á tensión superficial, a auga que discorre polo centro está máis libre que a que vai pegada á parede, e iso aumenta se ademais o desaugadoiro ten cóbado e provoca que non toda a auga vaia á mesma velocidade; o aumento da velocidade á vez produce turbulencias que tamén afectan á forma e a rapidez á que descende o líquido. E a todo iso súmase que a auga pode ter diferente viscosidade porque conteña xabón ou escuma ou calquera outro produto. E todos eses fenómenos físicos deben ser tidos en conta, así que trátase dun problema moi complexo.

Pero a pregunta ten moito sentido porque todos temos a impresión de que o que ocorre é precisamente iso, que ao final, a auga que baixa polo desaugadoiro vai máis rápida. E isto é así porque cando estás a ver como cae a auga polo desaugadoiro o que ves é a parte de arriba da auga, e esa ten unha velocidade moi pequena. O que está a pasar debaixo, no desaugadoiro, non o ves, non observas a auga que cae. Pero cando se baleirou case por completo, entón si ves a auga que cae e podes apreciar a velocidade á que baixa, algo que antes non podías facer porque a auga de encima tapaba o que pasaba por baixo. E por esa razón cando por fin podes ver realmente a auga que cae polo desaugadoiro, tes a impresión de que vai máis rápida, aínda que non sexa así.

FONTE: Ruth Lazkoz/elpais.com/ciencia

0 comentarios