Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... POR QUE SE ENGURRAN OS DEDOS BAIXO A AUGA?

A pel do noso organismo é un órgano moi extenso que está deseñado para protexernos da contorna e regular multitude de procesos. Conségueo grazas á súa enorme adaptabilidade, un fenómeno que experimentamos, aínda que non nos detiveramos a pensalo, en numerosas ocasións.

A quen non se lle engurrou a pel tras un baño prolongado? Agora ben, por que só sucede isto nos dedos das mans e os pés? Por que non pasa, por exemplo, na pel da fronte ou no abdome?

Para comprender este fenómeno imos poñer a nosa lupa na capa máis externa da epidermis. Coñécese como estrato córneo ou capa córnea, e está composta por células planas e mortas que se atopan empaquetadas nun colchón de proteínas e lípidos. Esta capa actúa como unha poderosa barreira fronte ás ameazas externas.

Durante moito tempo pensábase que a aparición de engurras tras a exposición á auga era o resultado dun proceso de ósmosis, no cal a entrada de auga na capa máis externa da pel provocando que se inchase. De feito, esta explicación estivo vixente ata o ano 1935.

Nas últimas décadas a evidencia científica apuntou noutra dirección, todo parece indicar que o engurramento é a consecuencia da vasoconstricción dos vasos sanguíneos que hai baixo a pel, os cales dependen do sistema nervioso autónomo.

Dalgunha forma cando a auga penetra na epidermis altera o balance de electrolitos o que xera unha mensaxe que chega ata o cerebro e que, á súa vez, provoca unha resposta: contraer os capilares subcutáneos e evitar o fluxo do sangue. Debido a que na capa máis exterior da nosa pel hai menos vasos está obrigada a engurrarse.

Todo este proceso leva o seu tempo, viuse que non é inmediato, calcúlase que se necesita, aproximadamente, 10 minutos, sendo necesario para revertelo uns 15-20 minutos. Pero estes valores son moi aproximados, viuse, por exemplo, que na auga quente o proceso é moito máis rápido e que na praia os dedos non se engurran tanto como nunha piscina.

Agora ben; que utilidade ten todo isto? Porque a natureza non dá puntadas sen fíos. As primeiras pistas chegaron no ano 2001, por aquel entón científicos da Universidade de Tel-Aviv observaron que os dedos das mans dos pacientes con enfermidade de Parkinson engurrábanse menos que os pacientes que non os tiñan.

Unha década despois comprobouse que os dedos engurrados actúan a modo de bandas de rozamento, canalizan a auga fóra dos dedos cando se mollan, de forma que a capacidade de agarre a distintas superficies é maior. E é que, moi probablemente este deseño da natureza permítenos agarrar cunha maior precisión obxectos mollados ou que se atopan baixa a auga.

Quizais, polo menos iso defenden os antropólogos, as engurras nos dedos dos nosos devanceiros favoreceron que puidesen colleitar alimentos cunha maior facilidade nun escenario cheo de vexetación húmida ou en arroios. Con aquela ’mellora evolutiva’ sería posible recoller, por exemplo, moluscos con maior facilidade nas zonas costeiras ou nas ribeiras.

En canto a engurras dos pés, é posible que tamén fose unha vantaxe evolutiva, xa que a adherencia ao chan aumentaba e resultaríalles máis fácil camiñar polas pedras molladas.

Pasaron millóns de anos, e agora que? Pois se o que desexa é tomarse unha xerra de cervexa ben fresquiña e que non se escorregue das mans, o primeiro que ten que facer é darse un bo mergullo, para que minutos despois as engurras dos dedos teñan un mellor agarre. Aproveitémonos das melloras evolutivas.

FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia      Imaxe: lasprovincias.es

0 comentarios