ATOPAN UN ASOMBROSO FÓSIL DUN PEIXE DO XURÁSICO
O bucólico condado inglés de Gloucestershire foi testemuña dun impresionante achado. Baixo un chan que pisan a diario os animais dunha granxa, descubriuse todo un tesouro de fósiles do Xurásico, de 183 millóns de anos de antigüidade. Algúns están sorprendentemente ben conservados.
Peixe fósil /
Entre os restos fósiles de peixes, ictiosaurios (réptiles mariños xigantes), luras, insectos e outros animais antigos que datan da primeira parte do período Xurásico, destaca o fósil dunha cabeza de peixe conservada en tres dimensións e que pertenceu a Pachycormus, un xénero extinto de peixes con aletas de raia. O fósil, que estaba incrustado nun nódulo de pedra calcaria endurecida que sobresaía da arxila, deixou anonadados aos investigadores polo excepcionalmente ben conservado que está. Contiña tecidos brandos, incluídas escamas e un ollo. A natureza tridimensional da postura da cabeza e o corpo do espécime era tal que os investigadores non podían comparalo con ningún outro achado anterior.
"O análogo máis próximo que se nos ocorreu foi o Big Mouth Billy Bass", dixo Neville Hollingworth, xeólogo de campo da Universidade de Birmingham que descubriu o xacemento coa súa muller, Sally, preparadora de fósiles e coordinadora da escavación. "O globo ocular e a conca estaban ben conservados. Normalmente, no caso dos fósiles, están tombados. Pero neste caso, conserváronse en máis dunha dimensión, e parece que o peixe está a saltar da rocha", dixo Hollingworth a Live Science.
"Nunca vira nada semellante", engadiu Sally Hollingworth. "Podíanse ver as escamas, a pel, a columna vertebral, mesmo o seu globo ocular segue aí".
Os Hollingworth quedaron tan asombrados que contactaron con ThinkSee3D, unha empresa que crea modelos dixitais en 3D de fósiles, para confeccionar unha imaxe interactiva en 3D do peixe. A idea era “darlle vida” ao peixe e permitir aos investigadores estudalo con máis detalle.
Rexistráronse máis de 180 fósiles na escavación. A maioría estaba detrás do cortello da granxa, que alberga vacas de raza longhorn, con cornos longos e curvados. Moitas delas seguiron de preto a escavación.
No seu día, esta zona do Reino Unido atopábase baixo un mar tropical pouco profundo, e é probable que os sedimentos que alí se atopaban axudasen a preservar os fósiles.
Neville Hollingworth describiu os leitos do Xurásico como lixeiramente horizontais, con capas de arxilas brandas baixo un caparazón de leitos de calcaria máis duros.
"Cando os peixes morreron, afundíronse ata o fondo do leito mariño", dixo o especialista en réptiles mariños fósiles Dean Lomax, científico visitante da Universidade de Manchester (Reino Unido) e membro do grupo de escavación. "Como ocorre con outros fósiles, os minerais do fondo mariño circundante substituíron continuamente a estrutura orixinal dos ósos e dentes. Neste caso, o xacemento mostra que houbo moi pouca ou ningunha limpeza, polo que deberon quedar rapidamente enterrados polo sedimento. En canto chegaron ao leito mariño, foron cubertos e protexidos inmediatamente".
O equipo utilizou unha escavadora para cubrir 80 metros a través dos bancos de herba da leira, "retirando capas para revelar unha pequena porción de tempo xeolóxico", dixo Neville Hollingworth. Os investigadores descubriron que uns cantos especímenes son do Toarciano (un período do Xurásico que tivo lugar hai entre 183 e 174 millóns de anos) e incluían belemnites (cefalópodos extintos parecidos ás luras), ammonites (cefalópodos desaparecidos con cuncha), bivalvos e caracois, ademais de peixes e outros animais mariños.
"É importante que podamos comparar estes fósiles con outros xacementos da era Toarciana, non só no Reino Unido, senón tamén en toda Europa e, potencialmente, en América", dixo Lomax. Sinalou como exemplo Strawberry Bank Lagerstätte, un xacemento do Xurásico temperán no sur de Inglaterra.
O grupo ten previsto seguir estudando os especímenes e está a traballar para publicar os seus achados. Mentres tanto está previsto que o Museum in the Park de Stroud expoña unha selección de fósiles.
FONTE: Mar Aguilar/muyinteresante.es/ciencia
0 comentarios