Blogia
vgomez

A ORIXE DAS PALABRAS: ABURRIRSE COMO UNHA OSTRA

Se pensas no aburrimento, quizais che veña á mente a imaxe dunha ostra. A frase coloquial “aburrirse como unha ostra” atribúe a este xénero de moluscos bivalvos a condición de apatía. A orixe deste termo, ademais do feito de que a ostra sexa un animal ancorado no fondo de mares e océanos, onde ‘ve a vida pasar’, atópase na antiga Grecia.

Na Atenas do século V antes de nosa era instaurouse a lei do ostracismo (ὀστρακισμός), un desterro por mala conduta durante 10 anos. Á persoa condenada entregábaselle un óstrakon (ὄστρακον), palabra grega para o concepto ‘cuncha’ pola forma do obxecto, feito a partir de barro ou cerámica, cascas de ovo ou, precisamente, cunchas de ostra. Esta condena implicaba a privación de relacións persoais e profesionais, é dicir, unha vida similar á das ostras.

Para que enganarnos, a maior parte da vida da ostra adulta é pouco aventureira: consiste basicamente en permanecer encerrada nun caparazón ríxido. Mentres que algunhas especies viven fixas en rochas ou en chans mariños, outras prefiren enterrarse en fondos fangosos. En definitiva, o sedentarismo é a principal forma de vida da ostra. Con todo, antes de chegar a ese estado vital de ‘aburrimento’, o certo é que o animal leva unha vida bastante ‘movidiña’.

O seu primeiro estado vital é en forma de larva que forma parte do zooplancton, pequenos animais que flotan na auga e son susceptibles de ser o alimento doutros animais mariños. De vida libre e grazas ás súas cilios, a larva é capaz de desprazarse polas augas de forma activa. Existen certas familias de bivalvos que son capaces mesmo de ancorarse a aletas e branquias de peixes para moverse a gran velocidade. Esta fase xuvenil acaba cando chegan ao fondo, fíxanse nun lugar concreto e deciden levar unha vida apracible ata o final dos seus días. A ostra, por tanto, abúrrese, pero só na vida adulta e madura.

FONTE: maldita.es

0 comentarios