Blogia

vgomez

TAL DÍA COMO HOXE: 1 DE MAIO...

1045 En Roma un conclave de bispos nomea papa a Gregorio VI.

1660 En Inglaterra termina o Commonwealth e fórmase a monarquía. Carlos II de Inglaterra ascende ao trono.

1707 A Lei de Unión une a Inglaterra-Gales con Escocia, para formar o Reino de Gran Bretaña.

1753 En Suecia, o naturalista Carlos Linneo (1707-1778) publica Species Plantarum, dando comezo á taxonomía das plantas (que máis tarde sería adoptada como código internacional de nomenclatura botánica).

1786 En Viena (Austria) estréase a ópera As vodas de Fígaro, de Wolfgang Amadeus Mozart.

1886 En Chicago (Estados Unidos) comeza unha folga xeral de traballadores para demandar a xornada laboral de oito horas. Isto desembocará na Revolta de Haymarket tres días máis tarde, o 4 de maio. Debido a estes acontecementos celébrase o 1 de maio como Día Internacional dos Traballadores.

1994 No Autódromo Enzo e Dino Ferrari, en Imola (Italia), o brasileiro tricampión de Fórmula 1 Ayrton Senna falece en competición durante o Gran Premio de Santo Mariño.

FONTE: hoyenlahistoria.com     Imaxes: es.wikipedia.org, tn.com.ar e tycsports.com

O CEO DO MES: MAIO 2026

Eta-Acuáridas / skyshop.mx

1 de maio: Lúa Chea (Lúa das Flores)

9 de maio: Cuarto Minguante

16 de maio: Lúa Nova

23 de maio: Cuarto Crecente

31 de maio: Lúa Chea (Lúa azul)

Chuvia de Meteoros: Eta-Acuáridas: Do 19 de abril ao 28 de maio, con máximo da note do 5 ao 6 de maio. O seu corpo proxenitor é o cometa 1P/Halley e o seu radiante a constelación de Acuario.

CANTO SABES DE XEOGRAFÍA DE ESPAÑA? IX

Continúo coa serie adicada á xeografía española, xa que coñecela en profundidade non só nos axuda a entender mellor o noso país, senón tamén a interpretar como inflúe na nosa cultura, economía e formas de vida.

A contestación correcta á pregunta de onte é Segre. É afluente principal do Ebro. Nace na vertente setentrional do pico do Segre, no municipio francés de Llo. Xira a poñente no val da Cerdaña e entra en España pola provincia de Xirona. Pasa por Llivia, Sé de Urgel, Pons, Balaguer e Lérida, razón pola cal esa zona é chamada Segriá. Pouco despois, o río acaba desembocando no Ebro, pola esquerda, en Aragón.

E imos coa pregunta de hoxe!

9. En que cordilleira se atopa o pico da Maladeta?

- Sistema Bético

- Sistema Ibérico

- Cordilleira Cantábrica

- Pireneos

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Propia e es.wikipedia.org   Imaxes: refranerocastellano.com e es.wikipedia.org

Nova ameaza para a píllara das dunas: as chuvias intensas reducen a súa supervivencia

A píllara das dunas é unha ave catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas de Galicia / Wikimedia Commons

A píllara das dunas (Anarhynchus alexandrinus) é unha ave catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas de Galicia, cun risco moi alto de extinción en estado silvestre. Trátase dunha especie que nidifica sobre todo en praias areosas con pouca cobertura vexetal, como os sistemas dunares. Por iso, entre as causas do seu estado crítico atópanse a perda de hábitat, a presión turística durante os meses de verán (coincidindo coa súa época de reprodución, entre marzo e agosto), a presenza de cans e os sistemas de limpeza dos areais. Con todo, súmase agora un factor ata o de agora pouco coñecido que pode afectar á súa supervivencia: as precipitacións.

Un estudo liderado polo Departamento de Zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración con ornitólogos independentes, e publicado en Birds, revela que as condicións meteorolóxicas máis adversas reducen a supervivencia anual aparente da píllara das dunas, o que pode “provocar cambios nas súas tendencias poboacionais”, segundo sinala a investigadora. Este feito resulta especialmente relevante en praias galegas, como A Lanzada, cun clima caracterizado pola elevada frecuencia de precipitacións.

A poboación está en declive, aínda que nos últimos anos houbo un lixeiro aumento”, indica Gestoso. Este incremento responde aos obxectivos do Plan de conservación da píllara das dunas da Xunta de Galicia, aprobado en 2014, que inclúe medidas como a instalación de gaiolas de protección para os niños, limitacións no acceso de animais domésticos sen correa e o control de determinadas actividades deportivas e de limpeza. Con todo, esta investigación, que abrangue case tres décadas de observación, permite analizar a evolución da especie a partir de 375 exemplares adultos rexistrados en 62 praias da costa noroeste peninsular, utilizadas para a cría e/ou invernada.

O estudo analiza a supervivencia da especie en función da precipitación anual acumulada e do número de días con refachos de vento superiores aos 60 quilómetros por hora. Os resultados amosan unha influencia negativa das precipitacións sobre a supervivencia da píllara das dunas. “A supervivencia foi menor entre 2012 e 2014, coincidindo cun período de condicións climáticas extremas na costa galega, con abundantes tormentas“, explica Andrea Gestoso. Como consecuencia, produciuse unha notable diminución no número de parellas reprodutoras. Pola contra, o vento non mostrou un efecto significativo sobre a supervivencia das aves. Non obstante, fenómenos máis intensos, como os furacáns, si poden ter un impacto máis acusado, aínda que son pouco frecuentes en Galicia.

Aínda que o estudo non analiza de forma directa os efectos concretos dos fenómenos meteorolóxicos, Gestoso indica que, en liña con outras investigacións sobre aves, estes poden dificultar a alimentación, aumentar o estrés, obrigar aos desprazamentos ou mesmo provocar a morte. A dispoñibilidade de alimento tamén pode verse afectada, xa sexa pola redución das presas (principalmente crustáceos, lombrigas e moluscos) ou pola dificultade para capturalas debido á baixa visibilidade durante episodios de chuvia. Ademais, estes factores poden influír en distintas fases do ciclo vital da especie, desde a supervivencia dos niños ata a dos exemplares adultos.

Para analizar esta evolución, o equipo realizou censos regulares durante a tempada de cría, entre marzo e agosto, en praias potenciais ou confirmadas, e posteriormente ampliou o estudo ás zonas de invernada. A metodoloxía principal baséase no anelamento, que permite o seguimento individual dos exemplares. “Sempre tratamos de ter anelado o maior número posible de individuos”, sinala a investigadora. Ademais, incluíron rexistros de aves marcadas observadas fóra destas áreas por outros colaboradores.

Os datos meteorolóxicos empregados abranguen o período entre 1994 e 2023, considerando os doce meses de cada ano. Proceden principalmente da rede de estacións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), especialmente da situada en Fisterra, e foron complementados con información de Cabo Vilán, Estaca de Bares e A Coruña nos anos con rexistros incompletos.

A investigación tamén analiza o impacto de verteduras como a do Prestige. Para iso, diferenciáronse catro fases: o período previo (1994-2002) e tres etapas posteriores (2003-2007; 2008-2015; 2016-2023). “O Prestige provocou unha lixeira diminución“, apunta Gestoso. Ademais, detectouse un efecto negativo na masa corporal das femias, máis acusado ca nos machos.

O cambio climático preséntase como un factor que pode agravar esta situación. Espérase unha maior variabilidade climática, con eventos extremos que inclúan tanto secas severas como precipitacións torrenciais, así como un incremento significativo na frecuencia e intensidade das chuvias na Península Ibérica. “Non podemos atribuír todo ao cambio climático, pero é previsible un aumento das precipitacións extremas“, sinala a investigadora. En Galicia, a isto súmanse as anomalías de temperatura e o quecemento da superficie do mar, factores que favorecen a intensificación das tormentas e que poden ter consecuencias nunha especie xa de por si vulnerable.

O impacto das precipitacións debe interpretarse en combinación con factores ambientais e antropoxénicos, nunca de forma illada, sinala Andrea Gestoso. Entre estes destacan o uso intensivo das praias —como o pisoteo dos ecosistemas dunares— e a presenza de cans sen control: “Moita xente non os leva atados; con iso xa se podería avanzar moito”.

A investigación, feita dende Galicia, subliña a importancia do seguimento demográfico a longo prazo para comprender como factores como as precipitacións ou a contaminación costeira inflúen nas poboacións da píllara das dunas ao longo dos anos. Ademais, no caso das verteduras de petróleo, os investigadores reclaman a “implementación de medidas de resposta rápida e restauración do hábitat” a fin de garantir a viabilidade a longo prazo da especie.

FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com

CANTO SABES DE XEOGRAFÍA DE ESPAÑA? VIII

Continúo coa serie adicada á xeografía española, xa que coñecela en profundidade non só nos axuda a entender mellor o noso país, senón tamén a interpretar como inflúe na nosa cultura, economía e formas de vida.

A contestación correcta á pregunta de onte é Texo. Nace nos montes Universais, na serra de Albarracín (Teruel), sobre a rama occidental do sistema Ibérico e, despois de percorrer 1.007 km, chega ao océano Atlántico na cidade de Lisboa. S non consideraros o percorrido por Portugal o Ebro sería o máis longo, e así o é, de España con 930 km. 

E imos coa pregunta de hoxe!

8. Cal é o maior afluente do Ebro por volume de Auga?

- Cinca

- Aragón

- Gállego

- Jalón

- Segre

- Guadalope

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE  e Imaxes: Propia e es.wikipedia.org

TAL DÍA COMO HOXE: 30 DE ABRIL...

1789 En EEUU, George Washington xura o seu cargo como primeiro presidente do país.

1897 En Reino Unido, o físico británico Joseph John Thomson descobre o electrón, cuxa existencia predixera xa en 1891 o seu compatriota George Johnstone Stoney.

1909 en España recoñécese o dereito de folga.

1931 Nas proximidades de Baraxas inaugúrase o aeroporto de Madrid.

1965 En EEUU, a revista Life publica fotografías dun feto dentro do seo materno, tomadas polo fotógrafo sueco Lennart Nilsson.

1976 En Barcelona estréase a película O gran ditador, de Charles Chaplin, realizada en 1940 como unha sátira contra o ditador Adolf Hitler, e prohibida polo ditador Francisco Franco durante 36 anos.

FONTE: hoyenlahistoria.com          Imaxes: facebook.com e es.wikipedia.org

TAL DÍA COMO HOXE: 29 DE ABRIL...

1624 En Francia, o Cardeal Richelieu asume o cargo de ministro de Luis XIII de Francia.

1882 En Berlín, Alemaña, Ernst Werner von Siemens proba o elektromote (antecesor do trolebús).

1899 O piloto belga Camille Jenatzy establece unha marca de velocidade en automóbil con 105,876 km/h a bordo do seu vehículo, A Jamais Contente.

1935 En España comeza a Primeira Volta Ciclista a España.

1945 No seu búnker de Berlín, Adolf Hitler casa con Eva Braun (suicidaranse ao día seguinte) e designa como o seu sucesor ao almirante Karl Doenitz.

1975 En Vietnam, tras catorce anos de guerra co invasor Estados Unidos, asínase o "cesamento do fogo".

1994 En España, dáse á fuga Luis Roldán (ex director xeneral da Garda Civil).

FONTE: hoyenlahistoria.com         Imaxes: es.wikipedia.org

O uso inesperado do cabelo humano que está a revolucionar a agricultura e a protección dos océanos

Clic Recycle, unha startup fundada en 2021 pola emprendedora Valérie Itey, está a demostrar que mesmo os residuos máis inesperados e, a priori, inservibles, poden ter un impacto positivo no medio ambiente. O protagonista desta innovación? O cabelo humano.

A idea xurdiu dunha combinación de tradición e tecnoloxía. Antigamente, os campesiños xa utilizaban cabelo e outros restos orgánicos para enriquecer a terra, aínda que de forma rudimentaria. Itey, cunha conexión especial co mundo do viño e as viñas de Bordeus, decidiu modernizar esta práctica, creando un sistema que non só beneficia á agricultura, senón que tamén protexe os océanos.

Cada ano, un salón de salón de peiteado pode xerar ata 40 quilos de cabelo. En lugar de refugalo, Clic Recycle recíclao e convérteo en mantillos naturais para a agricultura. Estes mantillos, feitos de cabelo e fibras vexetais, colócanse sobre a terra para reter a humidade, reducir a erosión e minimizar o uso de pesticidas e fertilizantes químicos.

"Antes os campesiños poñían pelo ao redor das viñas en Bordeus. Cando se recuperaban as uvas, quitábase o pelo tamén. Ao darlle voltas, vimos que había unha boa utilidade: collemos o pelo, mesturámolo con fibras vexetais e isto sérvenos para poñelo na terra. Isto protéxea e mantén as condicións ideais. Antes facíase con plástico biodegradable, pero quedaban moitos restos na terra", conta Itey.

Os beneficios son tanxibles. En viñas e árbores froiteiras, estes mantillos non só melloran a calidade do chan, senón que tamén protexen os cultivos de condicións climáticas adversas e evitan que os animais danen as plantas. Ademais, a súa duración varía entre un e tres anos, dependendo da densidade do material. Para medir o impacto dos seus produtos, Clic Recycle utiliza sensores que monitorizan a humidade e outros parámetros do chan. "Estudos realizados en colaboración con universidades e programas como Green Assist da Unión Europea validaron a eficacia desta solución", asegurou a súa fundadora.

Pero o cabelo non só ten aplicacións na agricultura. Clic Recycle tamén desenvolveu barreiras flotantes feitas de cabelo que absorben aceites, gasóleo e metais pesados en portos e zonas costeiras. Estas barreiras, que funcionan como estruturas tubulares, ancóranse en áreas estratéxicas para mellorar a calidade da auga sen xerar residuos plásticos. "No mar tes que atopar un bo tecido ao redor para que non saia. O pelo pesa e afúndese, así que deseñamos o produto para previlo. Son barreiras de descontaminación que absorben metais pesados e hidrocarburos", sinalou Itey.

A vida útil destas barreiras depende do seu uso. Algunhas están deseñadas para retirarse despois de absorber os contaminantes, mentres que outras poden permanecer na auga a longo prazo. Ademais, os seus sensores integrados permiten medir parámetros como a condutividade e o osíxeno da auga, utilizando intelixencia artificial para prever riscos medioambientais.

FONTE: Álvaro García-Dotor/cadenaser.com