Blogia

vgomez

Un estudo da UVigo en ratas suxire que os microplásticos alteran a conduta e a función cerebral

Paseas pola praia, xusto á beira do mar, e atopas unha botella de auga, o envase roto dun xeado e os restos dunha antiga bolsa de supermercado. Ningún destes plásticos está nunha papeleira, senón flotando sobre a auga. Tamén están presentes a escala microscópica, aínda que non poida velos o ollo humano. Diferentes estudos xa detectaron microplásticos no sangue, nas feces e na placenta. Co obxectivo de entender o seu impacto sobre o cerebro, un equipo da Universidade de Vigo (UVigo) analizou os efectos da exposición aguda a micro e nanoplásticos en ratas. A investigación suxire que tras admnistrárllelos mediante unha inxección, os roedores experimentaron alteracións no comportamento e cambios na bioquímica do cerebro en tan só 24 horas.

O artigo, publicado recentemente na revista Ecotoxicology and Environmental Safety, é unha aproximación ao que podería acontecer no corpo humano baseándose nun modelo moi empregado en ciencia: as ratas. Con todo, o experimento non reproduce a exposición ambiental, senón que os micro e nanoplásticos son administrados en laboratorio para analizar os seus efectos a curto prazo. “Non avaliamos unha exposición crónica, senón aguda. Queremos saber onde están a facer dano. Precisaríanse máis investigacións para ver os mecanismos exactos que o causan”, explica a primeira autora do estudo, Laura Bergantiños Lillo.

A investigadora da UVigo matiza que, de momento, só atoparon indicios e unha relación entre o tóxico (os micro e nano plásticos) e os efectos que produce no comportamento e na función cerebral das ratas. Así, tras a inxección das partículas contaminantes, os roedores mostraron alteracións motoras, descoordinación e certa fatiga. “Adéstralos para correr nunha roda. Nunha situación normal fano durante un tempo determinado pero, tras a exposición a microplásticos, xa non eran capaces de acadalo”, sinala Bergantiños Lillo. Ademais dos problemas motores, tras someter as ratas a probas de exploración, o equipo decatouse de que tras a administración de microplásticos perdían parte da súa motivación e curiosidade.

O seguinte paso foi tratar de entender por que se producían os fallos motores nos ratos tras a exposición aos plásticos. “Analizamos marcadores específicos de toxicidade e avaliamos varios parámetros de estrés oxidativo. Con eles confirmamos que os microplásticos teñen certa toxicidade“, sinala a autora, que asinou o estudo xunto aos tamén investigadores da UVigo Martiño Barreiro Chapela, Lilian Rosana Ferreira Faro e Rafael Durán Barbosa. Mais un dos aspectos que máis lles sorprendeu foi a interacción dos micro e nanoplásticos con outros contaminantes. En concreto, co glifosato, un pesticida de uso moi común na agricultura.

“Se xa os microplásticos causaban efectos, cando os mesturabas con glifosato creábase unha bomba. É dicir, os danos eran máis evidentes”, sinala. A hipótese que barallan dende o equipo da UVigo é que os plásticos actúan como unha especie de vehículo ou vector doutros contaminantes e que, ao asociarse, potencian os seus efectos nocivos sobre o organismo. Bergantiños Lillo aclara que a dose empregada de glifosato foi moi baixa e, polo tanto, non debería ter “ningún efecto” sobre o organismo dos roedores. Porén, o estudo suxire que ao combinar ambos os contaminantes, amplifícase e poténciase a súa toxicidade.

Outro dos aspectos máis relevantes do traballo, que empregou 72 ratas, é a diferente resposta aos contaminantes en función do sexo. Malia que o que atopan tan só son indicios, os resultados suxiren que as femias son máis sensibles aos efectos do micro e nanoplásticos que os machos. “Só podemos extraer hipóteses pero probablemente estea relacionado con cuestións hormonais“, explica Bergantiños Lillo. Non obstante, a primeira autora insiste en que o seu estudo é unha primeira aproximación e que continuarán a investigar nesta liña para xerar máis coñecemento e evidencia científica.

O equipo da UVigo centrouse no estudo do cerebro en ratas, dado que a literatura científica sobre o impacto dos nano e microplásticos está máis enfocada ao modelo de peixe cebra e ao sistema dixestivo. “O cerebro é especialmente delicado”, sinala Bergantiños Lillo, quen menciona estudos que xa describiron a capacidade dos micro e nanoplásticos de atravesar a barreira hematoencefálica, ás veces complicada de cruzar incluso para algúns fármacos. O obxectivo agora é indagar en máis profundidade que acontece coas moléculas que conseguen chegar a cerebro. “O que buscamos é previr, porque non sabemos o que vén”, advirte a investigadora.

Bergantiños Lillo expón as grandes lagoas que hai sobre os efectos no corpo humano dos nano e microplásticos, e lembra o impacto mediático da crise dos pellets, que chegaron en masa ás costas galegas tras o accidente do buque Toconao en decembro de 2023. A liberación de plásticos no medio ambiente, e tamén a súa chegada aos tecidos humanos, dá pé a unha profunda reflexión. “Xa hai estudos que apuntan que a inxestión de plásticos podería estar asociada con enfermidades como o párkinson e o alzhéimer”, apunta a investigadora da UVigo. De momento tan só son hipóteses, pero Bergantiños Lillo e o seu equipo están xa un paso máis preto de entender o efecto dos micro e nanoplásticos no sistema nervioso central.

FONTE: Laura Filloy/gciencia.com      Imaxe: ars.els-cdn.com/sciencedirect.com

TAL DÍA COMO HOXE: 23 DE XULLO...

1431 En Suíza iníciase o Concilio de Basilea, noveno concilio ecuménico universal.

1829 William Austin Burt patenta o tipógrafo.

1995 Os astrónomos estadounidenses Alan Ale e Thomas Bopp descobren, case simultaneamente, o cometa Ale-Bopp.

2001 O Cume do Clima, celebrada en Bonn (Alemaña), logra alcanzar un acordo mundial para avanzar na redución dos gases de efecto invernadoiro que provocan o quecemento global da Terra. 178 países votan a favor do pacto, que só foi rexeitado por Estados Unidos.

2004 A revista Science publica a creación dunha nova vacúa contra a bacteria Haemophilus influenzae tipo b, que causa pneumonía e meninxite.

FONTE: hoyenlahistoria.com     Imaxes: cabomil.net e es.wikipedia.org

CANTO SABES DE GUINEA ECUATORIAL? XIV (FIN)

Remato coa serie adicada a Guinea Ecuatorial, un dos países máis misteriosos do mundo, máis pequenos de África e onde o español é lingua oficial.

A contestación correctaá pregunta de onte, e última da serie é 3-Germaine Abessolo. Germaine Abessolo Bivina (Camerún, 9 de maio de 1990) é unha atleta camerunesa, especialista na proba de 200 m, na que logrou ser subcampioa africana en 2018.

O resto son todos de Guinea Ecuatorial. A saber...

1-Juan Michá Obiang Bicogo (Bata, 28 de xullo de 1975) é un adestrador e exxogador de fútbol ecuatoguineano no posto de dianteiro. É o actual adestrador da selección de fútbol Guinea Ecuatorial.

2-Genoveva Añonman Nze Ataha (Cogo, 12 de outubro de 1987) é unha adestradora e exxogadora de fútbol ecuatoguineana que xogaba como centrocampista. É a actual adestradora do FC 15 de Agosto feminino e adestradora adxunta da selección feminina sub-20 de Guinea Ecuatorial.

4-Rom So Love: Foi considerado para os Premios Joncham como o mellor artista de Guinea Ecuatorial en catro ocasións. Un fito musical que fixo crecer a súa popularidade a nivel nacional. O seu talento e estilo musical convérteno nun dos músicos con máis «hits» en toda a súa carreira.

E así remato esta serie, esperando que servise para coñecer algo mellor este país tan misterioso.

Ata a próxima serie!

FONTE: es.wikipedia.org       Imaxes: realequatoriaguinea.com, es.wikipedia.org, ouest-france.fr e facebook.com

Un descubrimento que cambiou o que criamos sobre a historia

Tito Vivas é arqueólogo e divulgador especializado en civilizacións antigas e pensamento histórico. O seu traballo combina o rigor do método científico cunha profunda reflexión sobre os grandes interrogantes humanos que atravesan a historia.

Ao longo da súa traxectoria investigou o Antigo Exipto, os mitos fundacionais e os relatos pseudocientíficos que moldearon a nosa visión do pasado. Defende unha arqueoloxía crítica, multidisciplinar e aberta ao diálogo con outras ciencias como a astronomía ou a astrofísica.

Para Tito Vivas, estudar o pasado non é unha forma de evasión, senón un xeito de entender quen somos hoxe. A historia, sostén, non predí o futuro, pero ofrécenos patróns e advertencias que seguen sendo profundamente actuais.

TAL DÍA COMO HOXE: 22 DE XULLO...

1795 España e Francia asinan o segundo tratado de Basilea, dando por finalizada a guerra do Rosellón.

1894 Entre París e Ruan celébrase a primeira carreira automobilística da historia. A velocidade media dos vehículos alcanza os 20 quilómetros por hora.

1919 En Londres estréase O chapeu de tres picos, de Manuel de Falla, con decorados de Pablo Picasso.

1944 Finaliza a conferencia económica de Bretton Woods que acordou a creación do fondo Monetario Internacional e do BIRD ou Banco Mundial.

1946 Celébrase unha Conferencia Internacional na que se decide a creación da Organización Mundial da Saúde (OMS).

1962 Estados Unidos lanza a sonda estadounidense Mariner 1 a Venus, fallando en alcanzar a órbita debido a un desvío do foguete portador.

1977 Celébrase no Congreso a cerimonia da solemne inauguración das Cortes Constituíntes españolas na que o rei Juan Carlos I recoñece a soberanía do pobo español.

1987 A Unión Soviética pon en órbita a nave Soyuz TM-3.

1993 Lánzase ao espazo o foguete Ariane IV, que transporta o satélite español de comunicacións Hispasat 1B.

2005 Descóbrese en Atapuerca un fósil do óso humano máis pequeno (un dos ósos do oído medio), do que ata o de agora só había catro restos en todo o mundo.

FONTE: hoyenlahistoria.com     Imaxes: history.com, congreso.es e oocities.org

CANTO SABES DE GUINEA ECUATORIAL? XIII

Continúo coa serie adicada a Guinea Ecuatorial, un dos países máis misteriosos do mundo, máis pequenos de África e onde o español é lingua oficial.

A contestación correcta á pregunta de onte é República. Oficialmente República de Guinea Ecuatoriaal, defínese na súa constitución como Estado independiente, republicano, unitario, social e democrático, e cuxa forma de goberno é a república presidencialista. Con todo, a realidade política do país é a ditadura unipartidista e persoal de Teodoro Obiang Nguema, no poder desde o 3 de agosto de 1979, cando liderou un golpe de estado contra o seu tío, Francisco Macías Nguema, e que se perpetúa na presidencia falseando os resultados electorais.

E imos coa pregunta de hoxe e última da serie!

13. Neste listado de personaxes hai un que non é de Guinea Ecuatorial. Sabería identificalo?

1-Juan Micha

2-Genoveva Añonman

3-Germaine Abessolo 

4-Rom So Love

Mañá a solución e fin da serie!

FONTE: es.wikipedia.org        Imaxes: realequatoriaguinea.com, es.wikipedia.org, ouest-france.fr e facebook.com

HUMOR REAL: DEFENSA

O xenial Gogue (José Ángel Rodríguez López, O Grove-1953) saca punta, na viñeta do Faro de Vigo de hoxe, ao partido da final do Mundial 2026, relativo ao gran partido e á "defensa" de España.

A auga do mar pronto poderase beber grazas a este material: inventouno China e ten un custo enerxético baixísimo

Foses ou non á praia para mergullarte na auga, saberás que a auga mariña (a que se atopa nos océanos e mares, recubrindo o 71% da superficie da Terra), contén sales disoltos, por iso sabe salgada ao padal (non como a auga doce que bebemos para hidratarnos). Estímase que a súa salinidade é de aproximadamente 35 gramos de sal por litro, o que equivale a unha salinidade do 3,5%, aínda que esta cifra pode variar dependendo da zona debido á evaporación e o fluxo da auga doce proveniente dos ríos e o desxeo dos glaciares.

A auga mariña está composta de diversos sales, como o cloruro de sodio (o sal común), o sulfato de magnesio e o sulfato de calcio. Se algunha vez preguntácheste por que é salgada, a resposta é sinxela: a través da auga de choiva, os ríos e os arroios, levando o sal desde a terra ata o mar. Ademais, ten máis importancia da que a xente pensa, xa que non só é o medio no que vive multitude de especies (fonte de alimento, vía de transporte e enerxía), senón que tamén actúa como regulador do clima.

Poder utilizar a auga mariña para consumo humano sería de gran axuda nas rexións que sofren de secas ou para reducir a presión sobre os acuíferos, permitindo aos pozos e reservas de auga doce subterráneas ‘descansar’. O problema é que non se pode beber directamente auga do mar, xa que en lugar de hidratar, deshidrata a gran velocidade. 

Cando se bebe auga de mar, a concentración de sal no sangue e os fluídos que rodean as túas células sobe drasticamente. Como o corpo humano é unha máquina marabillosa, para intentar equilibrar as cousas, aplica o proceso de ósmosis: a auga desprázase desde onde hai menos concentración de sal cara a onde hai máis. Isto provoca que a auga das células saia para diluír o sal que acaba de entrar ao corpo, facendo que as células se encollan e se deshidraten.

Os riles son os órganos que se encargan de desfacerse do exceso de sal a través da urina, pero teñen un límite biolóxico: a máxima concentración de sal que pode albergar a urina é dun 2%. Entón, se se bebe un litro de auga de mar (3,5% de sal), e a urina só pode concentrar un 2%, os riles necesitan fabricar 1,75 litros de urina. Por tanto, por tomar un só vaso de auga de mar, o corpo debe gastar case dous vasos da súa propia auga, pediendo así moito máis líquido do que se inxeriu.

O ser humano só pode beber auga de mar se previamente a desaliniza. O proceso de ósmosis inversa, segundo os expertos, consome entre 2,5 e 4 kWh por cada metro cúbico (1.000 litros) de auga producida, o que equivale a 0,003 kWh por litro). Se é auga salobre (menos salina), o consumo redúcese a 1,5 kWh por metro cúbico ou menos. Aínda que as tecnoloxías modernas lograron reducir aínda máis o consumo eléctrico, o ideal é que o consumo fose 0.

China desenvolveu un novo tipo de material fototérmico que logrou manter a estabilidade durante un ano con cero custos de enerxía, e un prototipo xa foi posto a proba ao aire libre. Integraron nanopartículas nun material de evaporación fototérmica tridimensional, aumentando significativamente a eficiencia da conversión de enerxía solar para impulsar a desalinización.

O dispositivo alcanzou unha taxa de absorción solar de ata o 90,2%, á vez que reduciu a enerxía necesaria para evaporar o mesmo volume de auga de mar nun 45,7%. Nun pequeno campo de probas, o dispositivo axudou a irrigar 5 metros cadrados de terra de cultivo durante un ciclo de crecemento completo usando unicamente luz solar natural sen necesidade de infraestrutura de rede eléctrica externa.

O equipo tras o desenvolvemento observou que o custo de produción da auga sería inferior á da auga embotellada.

FONTE: Jesús Quesada/nationalgeographic.com.es