Blogia

vgomez

#DígochoEu:#AquíDicímoloAsí: A gheada

 

Na nosa viaxe polas variedades dialectais xa vimos os diferentes bloques do galego, así que hoxe toca facer unha parada na gheada. #AquíDicímoloAsí

#DígochoEu

A VIDA SEMPRE MERECE A PENA

 

Son un mozo de pobo que gozou dunha vida plena. Desta maneira tan sinxela, defínese o exfutbolista navarro Juan Carlos Unzué. En 1986 debutou como porteiro no CA. Osasuna, o equipo da súa cidade. Mantívose durante dezasete tempadas na elite do fútbol español xogando en equipos como o FC. Barcelona, o Sevilla F.C, o C.D Tenerife e o Real Oviedo, pondo fin á súa carreira no ano 2003 regresando, precisamente, ao club onde comezou. Foi director técnico e adestrador de porteiros en varios equipos de primeira división nos que conseguiu todos os éxitos que un adestrador pode conseguir: Ligas, Copas do Rei, Copas de Europa e Mundiais de Clubs.

Hoxe, Juan Carlos Unzué disputa, quizá, a competición máis importante da súa vida: a loita contra a esclerose lateral amiotrófica (ELA), unha enfermidade neurodexenerativa que padece desde hai varios anos e que actualmente non ten cura. Máis que preocuparme polo tempo que me queda de vida, o que me ocupa é que o tempo que estea aquí teña sentido, que mereza a pena ata o último día.

A través do seu libro ‘Unha vida plena’, da súa participación na ’Fundación Luzón’ e grazas ao apoio e agarimo incondicional da súa familia, Juan Carlos dedícase en corpo e alma a recadar fondos para a investigación da enfermidade e a dar a coñecer á sociedade en que consiste, que consecuencias ten e, sobre todo, en que situación están a maioría de "compañeiros de equipo".

"Sento que esta nova forma de darlle sentido á miña vida, prodúceme tanta ou máis satisfacción que a que me produciu o deporte en cincuenta e tres anos", afirma o futbolista.

CANTO SABES SOBRE APICULTURA? IX

Continúo coa serie adicada á apicultura, a actividade agropecuaria que consiste na cría e explotación de abellas domésticas.

A contestación correcta á pregunta de onte é Unha avespa (Vespa velutina). Tamén coñecida como avespa asiática, é unha especie de avespa orixinaria de Asia. Procede da China, a India e Indonesia. Considérase unha especie invasora en Galicia. Triplica en tamaño a abella europea, pois as raíñas chegan a medir 40 mm, aínda que o resto dos individuos non pasan dos 30 mm. O seu abdome é negro ou marrón cunha franxa caudal amarela e a cabeza negra coa fronte laranxa. Os extremos das súas patas tamén son amarelos. É depredadora da Apis mellifera, a abella doméstica, á que mata por decapitación para alimentar con ela as súas larvas. Tamén devoran as crías de abella dentro da colmea. Aniñan no alto das árbores en colonias de máis de mil individuos.

E imos coa pregunta de hoxe!

9. Cantas veces se aparea a raíña na súa vida?

- Unha soa vez (con varios machos)

- Unha soa vez (con un só macho)

- Cada dúas primaveras

Mañá a solución e unha nova pregunta!

FONTE: apiculturaymiel.com e  es.wikipedia.org     Imaxe: curiosfera-animales.com

O CANGREXO MÁIS RARO DO MUNDO

Imaxes: Masato Hattori e Daniel Ocampo R. (Vencejo Films)

Descrito por primeira vez en 2019, os restos fosilizados dunha especie extinta de cangrexo braquiurano chamada Callichimaera perplexase, acháronse en Boyacá, Colombia, e Wyoming, Estados Unidos. O fósil, atopado concretamente, nunha capa de rocha do Cretácico en Ándelos de Colombia, presentaba unha conservación extraordinaria tanto dos elementos externos do ollo como do tecido neural óptico interno. Non é habitual (máis ben todo o contrario), xa que zonas tan delicadas como os ollos non adoitan conservarse ben ao longo do tempo.

Esta criatura, de hai 95 millóns de anos, presentaba grandes ollos compostos sen concas, garras dobradas, pezas bucais en forma de patas, unha cola exposta e un corpo longo. Agora, unha nova investigación dilucidou que o sistema visual de Callichimaera perplexa era impresionante: os seus ollos representaban aproximadamente o 16% do tamaño total do seu corpo. Unha característica inusual e rechamante, sobre todo, tendo en conta que os cangrexos vivos adoitan ter pequenos ollos compostos situados ao final dun longo talo cunha órbita para cubrirse e protexerse.

Tratábase dun depredador moi visual que habitaba ambientes ben iluminados, segundo esta nova investigación dirixida por paleontólogos da Universidade de Yale (EE. UU.) e que recolle a revista iScience.

Os especímenes que temos do inusual cangrexo do Cretácico conservan algúns tecidos oculares moi delicados que normalmente non se conservan, comenta Kelsey Jenkins, estudante de posgrao na Universidade de Yale. “Isto inclúe cousas como facetas e tecidos ópticos internos. Esta excelente conservación é rara”.

Os investigadores analizaron case 1.000 cangrexos vivos e fósiles, incluídos cangrexos en diferentes etapas de desenvolvemento, cun total de 15 especies distintas de cangrexos. Compararon o tamaño dos ollos dos crustáceos e a rapidez coa que medraban. Callichimaera perplexase encabezou a lista en ambas as categorías. Os seus ollos eran aproximadamente o 16% do tamaño do seu corpo. Se algo ten ollos tan grandes, sen dúbida son animais moi visuais, expón Jenkins. Como comparación, sería coma se os nosos ollos medisen uns 23-25 centímetros.

E é que os ollos son cruciais na contorna. Serven para atopar comida, parella, evitar aos depredadores, localizar presas potenciais... e tamén axuda ao reloxo interno do organismo a diferenciar o día da noite.

A agudeza visual deste cangrexo prehistórico era similar á das libélulas -que se atopan entre os principais depredadores do mundo dos insectos-, e un camarón mantis.

Os cangrexos cuxos ollos crecen moi rápido teñen unha maior inclinación visual, probablemente sexan moi bos depredadores que usan os seus ollos cando cazan, mentres que os ollos de crecemento lento tenden a atoparse nos cangrexos carroñeiros que son menos dependentes da vista, aclara Derek EG Briggs, investigador da Universidade de Yale e coautor do estudo.

FONTE: Sarah Romero/muyinteresante.es

CANTO SABES SOBRE APICULTURA? VIII

Continúo coa serie adicada á apicultura, a actividade agropecuaria que consiste na cría e explotación de abellas domésticas.

A contestación correcta á pregunta de onte é O nivel de frescura do mel. O hidroximetilfurfural (HMF) trátase dun aldehído e un furano, é un dos compostos formado pola degradación dos produtos azucarados, en particular por deshidratación da fructosa. Nin o néctar nin os meles frescos conteñen HMF, por conseguinte este composto non é unha propiedade intrínseca do mel. Este composto aparece de forma espontánea e natural no mel debido ao pH acedo, á auga e á composición rica en monosacáridos (fructosa e glicosa), aumentando a súa concentración co tempo e outros factores. Os niveis de HMF aumentan significativamente cando o mel é sometida a tratamentos térmicos inadecuados. O contido de HMF no mel é un indicativo das condicións en que a mesma foi almacenada, o tratamento recibido e a idade do mel. Iste parametro debe mantenerse nuns niveis inferiores a 40 mg de HMF/Kg de mel.

E imos coa pregunta de hoxe!

8. Que é a velutina?

- Unha avispa (Vespa velutina)

- Unha abella (Apis velutina)

- Unha ferramenta para colleitar o mel

Mañá a solución e unha nova pregunta!

FONTE: apiculturaymiel.com e jovenesconinvestigadores.files.wordpress.com       Imaxe: es.wikipedia.org

#DígochoEu: Aprende a distinguir vogais abertas e pechadas (capítulo 45)

 

Imos con máis regras sobre fonética! Desta vez falamos das palabras que levan ch polo medio.

#DígochoEu

#DígochoEu: #ApuntamentoLusófono

 

No ApuntamentoLusófono de hoxe, Tanxugueiras responde á audiencia!

#DígochoEu

ENTENDENDO O UNIVERSO DENDE O SOFÁ UNHA TARDE DE INVERNO

Moitos fenómenos cotiáns revélannos conceptos físicos que se repiten ao longo de todo o universo e axúdannos a comprendelo. Por exemplo, sentados nun sofá quentiños podemos aprender sobre a formación de planetas.

Pablo G. Pérez González, investigador do Centro de  Astrobiología, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas e do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (CAB/CSIC- INTA) publicou este artigo o pasado día 17, no xornal El País, que polo seu interese reproduzo, eso si, no noso idioma.

Unha estrela, rodeada por un disco protoplanetario / NASA/JPL-CALTECH/R.HURT (IPAC)

Domingo despois de comer. Vai frío fóra, mellor quedar quentiño no sofá, debaixo da manta. Non o vexo directamente, pero os raios do sol vespertino entran pola xanela e penso: “a cantidade de po que hai no aire”. Sucédense escintileos por todas partes, podo ver flotando no aire as motas de po que normalmente pasan desapercibidas e que nos rodean en calquera sitio, sobre todo nun pechado. Vexo mesmo as turbulencias no po se a miña filla pasa correndo pola habitación, ou como soben as motas pola corrente  convectiva que crea o radiador.

 Hai unha chea de física nesa imaxe que creo que todos vimos algunha vez, desde dinámica de fluídos ata física estatística para describir a distribución de velocidades das motas de po. Pero hoxe quero centrarme en dous aspectos que son exactamente iguais ao que utilizamos os astrofísicos para estudar como se forman os planetas (e as estrelas que os albergan) e que teñen que ver, como non podía ser doutra maneira, coa luz.

Primeiro concepto físico: os raios de luz dese sol que non vexo inciden nas motas de po e estas reflíctenos. Eran raios que nunca chegarían aos meus ollos, pero o po rediríxeos cara ao meu. Iso chámase dispersión da luz, “scattering” en inglés. Cada mota de po compórtase como un pequeno espello, aínda que bastante imperfecto porque non reflicte toda a luz, parte absórbea. E iso lévanos ao segundo concepto físico: eses raios de sol, esa enerxía, é tamén en parte absorbida polas motas de po e quéntaas. Como todo corpo a certa temperatura, o po emite luz. Pero esa luz é bastante diferente á que chegou do Sol, o po é un “transformador de radiación”, aínda que os fotóns que emite o po dependen de como eran os que o quentaron. Os fotóns que crea o po non son perceptibles polos nosos ollos, son fotóns infravermellos que todo o que se atopa ao noso ao redor está a emitir en maior ou menor medida. Así que menos mal que non “vemos” os fotóns infravermellos, porque nos cegarían, demasiada radiación como para distinguir algo concreto.

Ata aquí a física de andar por casa, nunca mellor dito. Agora, que ten que ver todo isto coa formación de planetas e coa astrofísica? Pois exactamente cos mesmos procesos físicos é como estudamos os sistemas planetarios en formación, os chamados discos protoplanetarios (coñecidos como proplyds, pola súa abreviatura en inglés), e tamén a formación da propia estrela ou estrelas que reinan neses sistemas. Primeiro as estrelas e acto seguido os planetas (ou simultaneamente) fórmanse en nubes de gas que tamén conteñen po interestelar. Iste consiste principalmente no que se coñece como silicatos e moléculas con carbono como os chamados hidrocarburos policíclicos aromáticos (PAHs polas súas siglas en inglés) ou o grafito. Parecen compostos moi raros, pero só polo nome, porque os silicatos dan conta de máis do 90% da codia terrestre; os PAHs rodéannos cando algo se queima, por exemplo, madeira nunha grellada ou a propia carne nunha cociña, ou atópanse tamén no fume dos tubos de escape dos coches; e o grafito, ese si o temos máis controlado, sabemos que se usa para lapis pero tamén para rodamentos, lubricantes industriais ou en reactores nucleares.

Volvendo aos discos protoplanetarios, as motas de po interestelar dan lugar aos planetas, aínda que a cousa non é sinxela, polo camiño adoitan perderse os PAHs e moitas das moléculas carbónicas, a nube transfórmase nun disco,... E tense que xuntar moito po para formar un planeta, como as peluxes nas esquinas de casa! O po nos discos ten nun principio tamaños parecidos, unhas poucas micras (tan grandes como unha bacteria ou un glóbulo vermello), e dispersan a luz igual que as motas de po da nosa casa (a composición é normalmente moi diferente, na nosa casa dominan os anaquiños de pel, pelo, roupa,...). Quéntanse tamén, aínda que a súa temperatura típica está moi por baixo da das nosas casas, duns -200 a -250 graos centígrados.

Ás veces os discos protoplanetarios son tan densos que non deixan ver a luz da propia estrela nonata ou xa formada que está no centro do disco e cuxa gravidade e radiación dominan o comportamento do disco. Pero o estudo da luz dispersada polo po permítenos saber como é esa estrela ou proxecto de estrela. É como no noso sofá, non viamos o Sol pero parte da súa luz chegábanos reflectida polas motas de po.

Toda esta física que estou a contar é o que utilizamos xa durante un par de décadas para estudar como se forman os planetas. Empezamos con observacións desde Terra, moi limitadas porque a radiación infravermella proveniente de obxectos astronómicos é inmensamente máis débil que a luz infravermella emitida por todo o que nos rodea no noso planeta, e porque a nosa atmosfera é opaca para parte do espectro infravermello. Así que tivemos que mandar observatorios ao espazo, como Spitzer, un pequeno telescopio de só 80 centímetros de diámetro que, con todo, estando a unha temperatura de menos de 240 graos centígrados baixo cero, era extremadamente sensible á emisión térmica do po interestelar. Co telescopio espacial Hubble descubrimos os chamados proplyds na famosa nebulosa de Orión, onde miles de estrelas están a formarse nestes momentos, cos seus discos protoplanetarios ao redor. Con Spitzer, por medio da emisión infravermella do po, logramos estudar a súa composición, detectando os mencionados silicatos, e tamén xeos de auga, de dióxido de carbono ou de metanol, que paradoxalmente se usaba para evitar a conxelación da auga nos nosos coches.

Spitzer era un telescopio pequeno, mesmo máis pequeno que o que moitos astrónomos afeccionados usan cada noite. Hoxe o telescopio espacial James Webb, que normalmente se identifica co herdeiro de Hubble (que non o seu substituto) e non tanto de Spitzer aínda séndoo, vai permitir estudar a luz infravermella proveniente de sistemas planetarios en formación dunha maneira moito máis detallada. Iso será grazas ao seu tamaño 8 veces maior que Spitzer e á súa temperatura, que aínda que é algo maior que a de Spitzer, aínda fará posible observar unha  miríada de sistemas planetarios en distintos estadios da súa evolución que nos permitirán reconstruír unha historia do noso propio Sistema Solar. Todo iso con física que podemos aprender desde o noso sofá mentres imaxinamos viaxes de coñecemento polo universo, manténdonos quentiños, iso si.