Blogia

vgomez

AS 21 MARABILLAS NATURAIS DE ESPAÑA QUE HAI QUE VER UNHA VEZ NA VIDA (XII)

Continúo coa serie adicada as 21 marabillas naturais que España alberga na súa gran variedade de paisaxes e ecosistemas, algunhas, recomendadas por expertos do Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos (ICOG) e outras porque son as máis visitadas e eloxiadas polos que xa pasaron por aí.

Se onte falamos da Caldeira de Taburiente, hoxe tócalle o turno a...

12. Deserto de Tabernas (Almería)

Coñecido como o único deserto de Europa, o Deserto de Tabernas, ofrece unha paisaxe desértica única que foi escenario de numerosas películas do xénero western durante a década dos 60 e 70.

Situadado ao norte de Almería, nos termos municipais de Tabernas, Gádor, Santa Cruz, Alboloduy e Gérgal, e protexido como Paraxe Natural nunha extensión de 280 km².

É un lugar fascinante para explorar e tomar fotografías. A chaira está composta de cárcavas, ramblas, torrenteiras e noiros propias das paisaxes badlands. Tamén é un dos mellores lugares da zona para o avistamento de aves, xa que está protexida para que estes animais poidan refuxiarse nel. Entre eles pódense ver o birrio real, o solitario ou a gralla, alén dalgúns mamíferos como o raposo, o lirón ou o coello.

Continuará...

FONTE: Idea orixinal Cristina Acebal/expansión.com e es.wikipedia.org

TAL DÍA COMO HOXE: 23 DE SETEMBRO...

38: En Roma, o emperador Calígula converte en deusa (chamada Pantea) á súa irmá Julia Drusila (falecida o 10 de xuño do 38 aos 21 anos, posiblemente asasinada por Calígula por quedar embarazada del).

1595: En Madrid, o rei Felipe II de España ordena o fin do exterminio da poboación india de América. Ordena o inicio dos bautizos obrigatorios, e divide as colonias en territorios de misión.

1846: No Observatorio de Berlín, o astrónomo alemán Johann Gottfried Galle, guiado polas instrucións dos astrónomos Urbain Le Verrier (francés) e John Couch Adams (británico), descobre o planeta Neptuno.

1848: Nos Estados Unidos, John Curtis produce o primeiro chicle.

1889: En Xapón fúndase a fábrica de naipes Nintendo (que no futuro desenvolverá videoxogos).

2002: Lánzase a primeira versión do navegador web Mozilla Firefox (Phoenix 0.1).

2008: Lanzamento inicial do sistema operativo Android para teléfonos intelixentes.

FONTE: es.wikipedia.org          Imaxes: es.wikipedia.org, weekend.perfil.com, libertaddigital.com e iworld.com.m

SABÍAS QUE... ESCALA REAL DO UNIVERSO

Nesta animación vemos a comparativa do tamaño real dos planetas, estrelas e buracos negros. O universo é inmenso.

QUE VES?

Que ves? Non é un micrófono nin unha pelota de golf.

Tran The Ngoc achegouse a este insecto axudado pola súa técnica fotográfica e conseguiu unha imaxe que custa comprender a primeira vista tras varios minutos buscando o mellor plano.

En realidade, é unha pequena crisopa verde (Chrysopidae) de Vietnam. As crisopas cumpren un rol vital na agricultura, xa que se alimentan de pequenos insectos e controlan as pragas. Pero o máis curioso é o seu aspecto: as súas ás son transparentes e os seus ollos metálicos, que lle valeu o alcume de "ollos de ouro".

Chrysopa perla / es.wikipedia.org

FONTE: Pedro Molina/nationalgeographic.com.es      

TAL DÍA COMO HOXE: 22 DE SETEMBRO...

1862 Nos Estados Unidos, o presidente Abraham Lincoln pronuncia o seu discurso de emancipación.

1869 En Múnic estréase a ópera O ouro do Rin de Richard Wagner.

1888 Publícase o primeiro exemplar do National Geographic Magazine.

1928 O bacteriólogo escocés Alexander Fleming, descobre a penicilina.

1928 Karl Wilhelm Reinmuth descobre o asteroide Arnica (asteroide 1100).

1980 Iraq invade Irán, dando inicio a unha guerra entre ambos os países.

1990 Turgot (asteroide 10089): asteroide descuberto por Eric Elst.

FONTE: hoyenlahistoria.com        Imaxes: es.wikipedia.org, lacarpa.com.mx, deultimominuto.com e youtube.com

AS 21 MARABILLAS NATURAIS DE ESPAÑA QUE HAI QUE VER UNHA VEZ NA VIDA (XI)

Continúo coa serie adicada as 21 marabillas naturais que España alberga na súa gran variedade de paisaxes e ecosistemas, algunhas, recomendadas por expertos do Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos (ICOG) e outras porque son as máis visitadas e eloxiadas polos que xa pasaron por aí.

Se onte falamos das Grutas de San Xosé, hoxe tócalle o turno a...

11. Caldeira de Taburiente (A Palma-Canarias)

O Parque Nacional da Caldeira de Taburiente sitúase no interior da illa da Palma, unha das Reservas da Biosfera das illas Canarias. De orixe volcánica, esta enorme depresión flanqueada por grandes desniveis lembra a forma dun cráter ou caldeira volcánica.

Conta cun circo de cumes de 8 quilómetros de diámetro e desniveis superiores a 1.500 metros. A súa cota máis alta é o Roque dos Muchacos, con 2.426 metros sobre o nivel do mar. Declarado Parque Nacional en 1954, os seus barrancos e alturas acollen unha extraordinaria vexetación, con representantes de endemismos canarios.

Destacan as plantas rupícolas, aferradas á verticalidade das paredes, especies propias dos cumes, as saucedas e o piñeiral canario. Entre a fauna, aves e réptiles contan con subespecies propias da illa.

Continuará...

FONTE: Idea orixinal Cristina Acebal/expansión.com e es.wikipedia.org   Imaxe: es.wikipedia.org

O tilcayo, primeiro felino salvaxe descuberto en máis de cen anos

Un exemplar de tilcayo, unha especie recentemente identificada mediante unha investigación dirixida pola exploradora de National Geographic Paola Nogueiras Ascarrunz, camiña no refuxio de animais Senda Verde na rexión dos Yungas, Bolivia, o 1 de setembro de 2026 / Fernando Faciole/National Geograhic (vía REUTERS)

Un pequeno gato salvaxe que habita no bosque nubrado de Bolivia foi identificado como unha especie ata o de agora descoñecida, o que supón a primeira vez que se nomea e describe formalmente unha nova especie viva de felino en máis dun século.

O gato, chamado tilcayo polas comunidades locais, forma parte dun grupo coñecido como gatos tigre, presentes en gran parte de Sudamérica. Foi achado nos exuberantes bosques dos Yungas bolivianos, unha rexión montañosa onde os bosques adoitan estar cubertos por nubes e rodeados dunha elevada humidade. Segundo os investigadores, mide uns 46 centímetros de longo e pesa ao redor de 1,4 quilos, polo que é máis pequeno que un gato doméstico medio.

Os investigadores utilizaron datos xenéticos para confirmar que se trata dunha nova especie e outorgáronlle o nome científico Leopardus tilcayo, conservando a súa denominación local.

“A súa pelame é de cor marrón claro, con rosetas de forma irregular distribuídas por todo o corpo”, explicou Paola Nogueiras-Ascarrunz, exploradora de National Geographic e unha das autoras do estudo que describe a nova especie, publicado este xoves na revista Current Biology.

O tilcayo, descuberto en Bolivia / Fernando Faciole/National Geographic (via REUTERS)

Aínda se sabe moi pouco sobre a bioloxía e o modo de vida do animal. Restos de pequenos roedores achados en mostras de excrementos suxiren que forman parte da súa dieta, mentres que as cámaras trampa indican que podería ser máis activo durante a noite, sinalou Nogueiras-Ascarrunz.

Os gatos tigre son o que se coñece como especies crípticas, é dicir, animais que non poden distinguirse facilmente só pola súa aparencia, explicou o biólogo evolutivo Jonas Lescroart, da Universidade de Anveres (Bélxica) e codirector do estudo.

Durante moito tempo considerouse que todos os gatos tigre pertencían a unha única especie, aínda que estudos xenéticos realizados hai décadas xa apuntaban á existencia de varias especies diferenciadas.

Sobre o novo felino, Lescroart afirmou: “Por agora, a nosa información limítase aos dous exemplares vivos que examinamos e a un pequeno número de rexistros obtidos mediante cámaras trampa”.

Un deses exemplares é un macho de dez anos que actualmente vive no santuario de fauna silvestre Senda Verde, despois de permanecer durante anos na vivenda dunha familia local.

O interese por este gato boliviano xurdiu porque “as súas características non coincidían coas descricións existentes, baseadas na súa maioría en exemplares brasileiros”, explicou Nogueiras-Ascarrunz. “Iso levounos a preguntarnos: que gato tigre temos realmente en Bolivia?”

O equipo analizou ADN de 38 gatos procedentes de varios países suramericanos, incluídos oito espécimes de museo. O estudo concluíu que os gatos tigre constitúen en realidade cinco especies xeneticamente distintas.

“Nunca esperamos que este gato tigre boliviano fose unha especie aparte e ninguén propuxera antes que fose un animal diferente, nin como subespecie nin de ningunha outro xeito”, dixo Lescroart.

A análise xenética suxire que a liñaxe do tilcayo separouse do resto dos gatos tigre hai aproximadamente 1,4 millóns de anos.

“Cantas máis diferenzas atopamos no seu ADN, máis tempo estimamos que esas poboacións permaneceron fisicamente separadas”, explicou Lescroart, quen engadiu que unha diverxencia deste tipo adoita considerarse suficiente para definir especies distintas nos felinos.

O equipo tamén describiu unha nova subespecie de gato tigre nos Yungas do Perú, bautizada como Leopardus tigrinus antisuyo, en referencia a Antisuyo, unha das rexións do antigo Imperio inca que incluía a área onde habita este animal.

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), cuxa Lista Vermella avalía o estado de conservación das especies, considera actualmente aos gatos tigre como dúas especies “vulnerables” cuxas poboacións están a diminuír.

Os investigadores xa trasladaron os seus achados á UICN, cuxa próxima revisión avaliará por separado as cinco liñas evolutivas identificadas. Segundo Lescroart, iso permitirá obter unha imaxe máis precisa do risco de extinción, e especies como o tilcayo poderían chegar a ser catalogadas como ameazadas cando se analicen de forma independente.

A necesidade dunha avaliación máis precisa é especialmente urxente nos Yungas, un dos ecosistemas máis ameazados da rexión.

Segundo Nogueiras-Ascarrunz, estes bosques montañosos sofren unha crecente presión pola deforestación, a expansión agrícola, os incendios provocados polo ser humano e a minería. Restaurar as zonas forestais danadas polo lume, protexer os bosques nativos que aínda sobreviven e manter a conectividade entre hábitats son prioridades urxentes.

“Mostrar ao público xeneral que mesmo nun grupo tan emblemático como os gatos aínda quedan especies por descubrir transmite unha mensaxe importante”, afirmou Eduardo Eizirik, biólogo evolutivo da Pontificia Universidade Católica de Rio Grande do Sul (Brasil) e autor principal do estudo. “Hai moitas especies aínda descoñecidas no mundo e corren o risco de desaparecer antes sequera de que cheguemos a descubrilas”.

FONTE: elpais.com/ciencia

AS 21 MARABILLAS NATURAIS DE ESPAÑA QUE HAI QUE VER UNHA VEZ NA VIDA (X)

Continúo coa serie adicada as 21 marabillas naturais que España alberga na súa gran variedade de paisaxes e ecosistemas, algunhas, recomendadas por expertos do Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos (ICOG) e outras porque son as máis visitadas e eloxiadas polos que xa pasaron por aí.

Se onte falamos da Praia de Gulpiyuri, hoxe tócalle o turno a...

10. Grutas de San Xosé (Castelló)

As Grutas de San Xosé están situadas na paraxe natural do mesmo nome, dentro do Parque Natural da Serra de Espadán. Son un sistema de covas naturais situadas no municipio de Vall de Uxó (Castelló).

Trátase dun dos poucos ríos subterráneos navegables de Europa, cunha lonxitude de 2.750 metros, dos cales 800 metros están habilitados para a súa visita turística. Constitúe un magnífico exemplo dunha cova hidrolóxicamente activa, na que tamén se acharon restos de xacementos e pinturas rupestres do Paleolítico.

Destaca o percorrido polas augas cristalinas da canle pasando polo Estanque Azul, a Sala dos Morcegos, a Boca do Forn ou os lagos de Diana e do Diaño, entre outros. Algunhas das súas formacións máis características son a Medusa, a Fervenza da Flor e o Portal de Belén.

Continuará...

FONTE: Idea orixinal Cristina Acebal/expansión.com e es.wikipedia.org