Blogia
vgomez

NOTICIAS DAS CIENCIAS

P/2013 P5: UN ASTEROIDE CON SEIS COLAS

P/2013 P5: UN ASTEROIDE CON SEIS COLAS

Asteroide P/2013 P5 / NASA

Un equipo de astrónomos que traballan na misión Hubble da NASA e a Axencia Espacial Europea (ESA) observaron un obxecto único e desconcertante no cinto de asteroides. Segundo explicou, o corpo vese como unha pluma de bádminton rotativa e cunha enorme cola similar á dos cometas. Os asteroides normais aparecen como pequenos puntos de luz cando son observados polos científicos.

Pero este asteroide, denominado P/2013 P5, ten seis colas de papaventos de po que irradian dela como os raios dunha roda. Foi visto por primeira vez en agosto deste ano, a través de telescopio Pan-Starrs de Hawaii, como un obxecto cun aspecto extraordinariamente difuso.

Este achado, que foi publicado en
The Astrophysical Journal Letters, causou grande expectación na comunidade científico porque non se viu nada como isto antes e os astrónomos están a tratar de encontrar unha explicación axeitada da súa misteriosa aparición. As imaxes de Hubble foron tomadas o 10 de setembro de 2013. Cando Hubble volveu ao asteroide o 23 de setembro, o seu aspecto cambiara totalmente. Parecía que toda a estrutura se oscilara arredor.

Unha explicación para a estraña aparencia deste corpo celeste é que a velocidade de rotación do asteroide aumentase ata o punto da súa superficie comezase a voar a anacos, expulsando po en erupcións episódicas que terían comezado a pasada primavera.

As teorías dos astrofísicos rexeitan que se trate dun asteroide tras un impacto, xa que nese caso a gran cantidade de po se tería estendido polo espazo dunha soa vez, mentres que neste corpo o po foi expulsado de forma intermitente durante un período de polo menos cinco meses.

Agora, o equipo de Hubble está a levar a cabo novas observacións de seguimento. Os científicos esperan determinar se o po sae do asteroide no plano ecuatorial, o que sería unha evidencia dunha ruptura de rotación do asteroide.

FONTE: Xornal abc/ciencia

NOVA ESPECIE DE TRIANOSAURO: LYTHRONAX ARGESTES

NOVA ESPECIE DE TRIANOSAURO: LYTHRONAX ARGESTES

Recreación artística da nova especie de tiranosauro Lythronax argestes / ANDREY ATUCHIN/PLOS ONE 

Os seus descubridores bautizárono como "o rei do gore" (Lythronax argestes). E este nome non é ningunha esaxeración porque esta nova especie de tiranosauro, que acaban de descubrir científicos do Museo de Historia Natural (NHMU) de Utah (EUA), foi o dinosauro máis temible do seu tempo no territorio que hoxe coñecemos como Norteamérica.

Os restos fosilizados do Lythronax foron atopados no Monumento Nacional de Grand Staircase-Escalante (GSENM) ao sur de Utah, por Scott Richardson, un empregado da Oficina de Administración de Terras de EUA, institución que administra este territorio. En 2009, o esqueleto do "rei do gore" foi escavado por equipos do Museo de Historia Natural de Utah en colaboración con paleontólogos de GSENM.

No traballo de identificación da nova especie colaboraron, ademais do Museo de Historia Natural de Utah e a Universidade de Utah, o Museo de Natureza e Ciencia de Denver, a Universidade de Alberta. Estímase que a nova especie mediría aproximadamente 8 metros de longo e pesaba ao redor de 2,5 toneladas.

Ata o momento, os paleontólogos pensaban que esta clase de tiranosauros de cranio grande só existiron hai 70 millóns de anos. Non obstante, Lythronax mostra sinais de ter evolucionado polo menos 10 millóns de anos antes.

Este tiranosauro tería tombado doadamente calquera dinosauro cornudo ou de pico de parrulo que vivise xunto a el. A súa comida preferida podería ter sido o Diabloceratops, un dinosauro cornudo temperán e moi singular da súa época.

Outra característica que o convertía nun depredador infalible era a ampla anchura da parte posterior da súa cabeza, que lle permitía ver cun campo de visión en superposición.

Ademais, as características do seu cranio e algúns dos ósos das súas extremidades vincúlano máis estreitamente con Tiranosauro rex que con calquera outro tiranosauro. Isto é interesante porque Lythronax é o membro máis vello do grupo de dinosauros tiranosauros e T. rex o máis novo (de hai 66 millóns de anos). Isto pode insinuar que hai moitos máis familiares deste último no oeste de América do Norte.

Este estudo foi publicado na revista PLOS ONE.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia 

O MAR ESCONDE O QUENTAMENTO

O MAR ESCONDE O QUENTAMENTO

Aportacións ao aumento do nivel medio do mar / IPCC (AR5)/EL PAÍS

O océano mundial, nos últimos 60 anos, absorbe calor 15 veces máis rápida que nos 10.000 anos anteriores, afirman uns científicos estadounidenses que lograron considerar a temperatura das augas intermedias (entre 450 e mil metros de profundidade) no Pacífico, no pasado, grazas ás análises químicas de microfósiles presentes en sedimentos mariños. A maior parte do quentamento do planeta provocado polo efecto invernadoiro reforzado pola actividade humana estao a almacenar o mar... de momento. O estudo foi presentado no último número de  Science.

O océano non só é unha despensa eficaz do quentamento do planeta inducido polas emisións crecentes de gases de efecto invernadoiro, tamén, e unido a este aumento da temperatura da auga, é protagonista dun dos efectos máis notables do cambio climático: a suba do nivel do mar. Unha elevación do nivel das augas que non será igual en todo o planeta e que mesmo nalgunhas zonas baixará. A finais do século XXI, é moi probable que o nivel do mar terá subido en aproximadamente o 95% da área oceánica respecto ao presente, sinala o último informe (AR5) do Panel Intergobernamental sobre Cambio climático (IPCC) . O 70% das costas do planeta experimentarán un cambio do nivel da auga. A variabilidade rexional vai ser moi grande: un 80% das zonas rexistrarán cambios de +/- o 20% sobre a media global.

Máis dun 60% do incremento de enerxía neta no sistema climático está almacenada na capa superior do océano (ata 700 metros de profundidade) e un 30% nas augas máis profundas, indica o AR5. A capa máis superficial, ata 75 metros, quentouse 0,11 graos centígrados por década entre 1971 e 2010. O nivel do mar subiu en torno a 0,19 metros de media, ao longo do século XX. E o proceso estase a acelerar: a elevación media foi de 1,7 milímetros ao ano entre 1901 e 2010, pero de 2,0 milímetros dende 1971, e de 3,2 milímetros entre 1993 e 2010, sempre segundo as conclusións do AR5.

A causa principal desta suba do nivel do mar é a expansión térmica da auga (que se dilata coa calor), pero tamén hai outros factores: o desxeo de Groenlandia e, en menor medida, da capa xeada antártica, a fusión de glaciares en terra e o incremento da vertedura ao mar de auga doce continental.

En canto ao que sucederá no futuro, o AR5 indica que a elevación media será, en 2081-2100, respecto a 1986-2005, de entre 26 centímetros no escenario máis favorable de contención de emisións de gases de efecto invernadoiro, ata 98 centímetros no máis desfavorable.

FONTE: Xornal El Pais/Ciencia 

DETECTADA A GALAXIA MÁIS AFASTADA ATA AGORA

DETECTADA A GALAXIA MÁIS AFASTADA ATA AGORA

Imaxe captada polo telescopio Hubble da rexión do ceo onde está a galaxia z8-GND-5296 (ampliada), que é a máis afastada confirmada ata agora. / V. TILVI (TEXAS A&M) / S. FINKELSTEIN (UT AUSTIN) /CANDELS TEAM /HST/NASA

A galaxia máis afastada detectada ata agora chámase z8-GND-5296 e a súa luz tardou 13.000 millóns de anos en chegar ata nós dende que se emitiu. Os astrónomos, polo tanto, vena agora como era cando transcorreran só pouco máis de 700 millóns de anos dende o Big Bang. Hai outras galaxias candidatas a récord de distancia, pero non se confirmaron, como esta agora, mediante técnicas de espectrometría, é dicir, de análise da súa luz. Os astrónomos que a mediron calculan, ademais, que se están a crear nela estrelas a ritmo realmente alto: unhas 300 anualmente, mentres que na nosa Vía Láctea se forman unha ou dous como o Sol ao ano. Esta información foi publicada na revista Nature. 

A idade do universo foi establecida polo telescopio espacial Planck en 13.800 millóns de anos, así que se a luz de z8-GND-5296 que chega agora aos telescopios na Terra estivo viaxando algo máis de 13.000 millóns de anos; cando se emitiu o cosmos tiña arredor do 5% da súa idade actual. Como o universo se está a expandir dende o Big Bang, os investigadores calculan que esa galaxia estará xa agora a uns 30.000 millóns de anos luz de distancia de nós.

Coas observacións de espectrometría os científicos poden estimar a distancia dos obxectos afastados no ceo comparando as lonxitudes de onda emitidas por un átomo determinado coas observadas procedentes da galaxia afastada. Viaxando nun universo en expansión, as ondas fóronse alongando, como as engurras dun pano que un estirase. Chámase para este efecto corremento cara ao vermello (as ondas máis longas perceptibles polo ollo humano), que será maior canto máis lonxe este a galaxia observada.

Os investigadores, partindo de datos tomados con telescopio espacial Hubble, seleccionaron 43 galaxias candidatas para a súa busca. Grazas a un novo espectrómetro avanzado instalado nun dos telescopios Keck (en Hawái) puideron determinar para z8-GND-5296 un valor de corremento ao vermello de 7.51 (o que traducen neses 13.000 millóns de anos de distancia percorrida pola luz da galaxia).

FONTE: Xornal El Pais/Ciencia

REMATA A MISION DO SATÉLITE PLANCK

REMATA A MISION DO SATÉLITE PLANCK

Satélite Planck / Imaxe:noticiasdelcosmos

O satélite Planck da Axencia Espacial Europea (ESA) comezou o seu proceso de apagamento no día de onte, co que poñerá fin a súa misión. Segundo informou a ESA, os controladores dispararon xa os propulsores do aparato para baleirar os seus tanques de comble.

Un dos dous instrumentos de Planck, o de alta frecuencia de HFI, xa esgotara a súa subministración de helio líquido en xaneiro de 2012. Para entón, Planck xa completara cinco estudos completos do ceo utilizando tanto HFI como o seu detector asociado, o LFI, un instrumento de baixa frecuencia.

Ademais, dende xaneiro de 2012, a nave espacial levou a cabo outros tres estudos do ceo con LFI, o que permitiu aos científicos refinar os seus datos da Radiación de fondo de Microondas (CMB).

Planck é a terceira misión de medio tamaño (M3) do programa científico Horizon 2000 da ESA. O seu lanzamento produciuse en maio de 2009 e a súa principal misión era detectar as anisotropías no fondo cósmico de microondas en todo o ceo, cunha resolución e sensibilidade sen precedentes. Segundo destaca a axencia europea, foi unha fonte valiosa de datos cos que se comprobarán as teorías actuais sobre o universo primitivo e as orixes das estruturas cósmicas.

Entre os seus grandes logros destaca a súa primeira imaxe de todo o ceo, que obtivo o 5 de xullo de 2010 e a estimación máis precisa da distribución do Universo, que determinou en 68,3% de enerxía escura, un 26,8% de materia escura e un 4,9% de materia ordinaria.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

O RELOXO BIOLÓXICO DO ADN

O RELOXO BIOLÓXICO DO ADN

O reloxo biolóxico mide o envellecemento dos tecidos en todo o corpo / Imaxe: UCLA/Horvath lab

 

Todo o mundo envellece, pero os científicos non saben realmente por que acontece. Un estudo da Universidade de California-Los Ángeles (UCLA), en Estados Unidos descubríu unha especie de "reloxo biolóxico" encravado no noso xenoma que pode botar luz sobre por que envellecen o noso corpo e como podemos deter o proceso.

Os achados tamén poderían ofrecer información valiosa sobre o cancro e a investigación con células nai. A  investigación, publicada esta semana na revista Genome Biology , é a primeira que calibra con seguridade a idade de diferentes órganos, tecidos e células humanas.  

Mentres que reloxos anteriores relacionáronse coa saliva, as hormonas e os telómeros, a nova investigación é a primeira en identificar un reloxo interno capaz de medir con precisión a idade de diversos órganos, tecidos e tipos de células. Inesperadamente, o reloxo sinala que algunhas partes da anatomía, como o tecido dos seos dunha muller, envellecen máis rápido que o resto do corpo.

Recollendo información de preto de 8.000 mostras de 51 tipos de tecido e células de todo o corpo, trazaron como a idade afecta aos niveis de metilación do ADN  dende o prenacemento aos 101 anos. Para identificar o reloxo, concentráronse en 353 marcadores que cambian coa idade e están presentes en todo o corpo. Probaron a eficacia do reloxo mediante a comparación da idade biolóxica dun tecido á súa idade cronolóxica. Se ben a maioría das idades das mostras biolóxicas coincidiron coa súa idade cronolóxica, outras diverxeron considerablemente.

En principio, o descubrimento proba que os científicos poden retroceder o reloxo biolóxico do corpo e restauralo a cero, pero a gran pregunta é se o reloxo biolóxico controla un proceso que conduce ao envellecemento.

Por último, descubriron que o ritmo do reloxo acelérase ou retarda en función da idade dunha persoa. O tic-tac do reloxo non é constante. É moito máis rápido cando nacemos e durante o crecemento dos nenos a adolescentes e logo diminúe a un ritmo constante ao chegar aos 20 anos. Nun achado inesperado, as células de nenos con progeria (unha enfermidade xenética que causa envellecemento prematuro), parecían normais e reflectían a súa verdadeira idade cronolóxica.

UCLA solicitou unha patente provisional para o reloxo e os seus seguintes estudos centraranse en examinar se ao parar o reloxo do corpo se detén o envellecemento ou aumenta o risco de cancro.

FONTE: Xornais elmundo/ciencia e abc/ciencia

COMETA ISON

COMETA ISON

 O cometa Ison fotografado polo Hubble / Imaxe: NASA

 

En realidade, ninguén sabe se o cometa ISON , descuberto fai agora un ano por científicos rusos, converterase en decembro nun dos máis espectaculares da historia, tan brillante como a Lúa chea e mesmo visible en pleno día se se confirman as mellores previsións, ou será en cambio un completo fracaso. Aos astrónomos non lles queda máis remedio que seguir a súa traxectoria e esperar. De momento, vai por bo camiño. As predicións máis pesimistas sinalaban que Ison xa corría grave perigo de desintegrase na súa actual fase de achegamento ao Sol, pero o telescopio espacial Hubble da NASA obtivo unha nova imaxe do cometa na que o seu núcleo xeado permanece intacto.

Na imaxe, o núcleo sólido do cometa segue dunha soa peza. Se se tivese desintegrado, probablemente o Hubble tería detectado a evidencia de múltiples fragmentos. Por outra parte, a coma que rodea o núcleo é “simétrica e suave”, segundo indica o Instituto de Ciencia do Telescopio Espacial en Baltimore, Maryland (EUA). Probablemente, este non sería o caso se as agrupacións de pequenos fragmentos voasen ao seu arredor. Ademais, un chorro de po que apareceu por primeira vez nas imaxes do Hubble tomadas o pasado mes de abril xa non é visible e púidose desactivar.

Cando foi fotografado, o cometa, procedente da Nube de Oort, un depósito de rochas conxeladas situado a miles de millóns de quilómetros do Sol, estaba dentro da órbita de Marte e a 284 millóns de km da Terra. Fará a súa máxima aproximación ao Sol o 28 de novembro: pasará a 1.100 millóns de km a unha velocidade de 425.000 km/h. Ese será o momento clave, no que seguramente sairemos de dúbidas de que tipo de rocha nos espera. Entón producirase o maior estalido de actividade na súa superficie. Se o cometa non se disolve ou fragmenta verase enormemente brillante.

E se é que sobrevive, os expertos esperan que a rocha faga o seu máximo achegamento ao noso planeta o 26 de decembro, a unha distancia duns 64 millóns de quilómetros. Ison podería converterse no “cometa do século” e eclipsar a todos os demais cometas brillantes que vimos no pasado, pero iso aínda está por verse.

Sería un bonito regalo de Nadal!

ASTEROIDE CON AUGA. VIDA FÓRA DO SISTEMA SOLAR?

ASTEROIDE CON AUGA. VIDA FÓRA DO SISTEMA SOLAR?

Recreación do asteroide con augua / Science

A posibilidade de que a vida exista noutros planetas, e mesmo que sexa un fenómeno moi común no Universo, é unha hipótese que vai gañando cada día máis peso. Un equipo de astrofísicos do Instituto de Astronomía de Cambridge descubríu fragmentos dun asteroide con enormes cantidades de auga na órbita da estrela GD 61 anana branca (o corpo celeste no que se converte unha estrela a punto de morrer). Trátase da primeira vez que se acha auga, o ingrediente fundamental para a vida, nun corpo rochoso fóra do noso Sistema Solar.

Os resultados, obtidos co telescopio espacial
Hubble e o Keck de Hawai, son sorprendentes: o asteroide posúe unha composición de masa de auga do 26%, fronte á exigüa cifra terrestre de 0.023%. As cantidades de osíxeno tamén son máis que notables, de 26% a 28%, que podería provir da auga.

Todos os planetas rochosos fórmanse pola acumulación de asteroides, medrando ata o seu tamaño completo, polo que os asteroides considéranse os "ladrillos" cos que se forman os planetas.
 

A importancia deste descubrimento, publicado na revista  Science, radica en que se dispón dunha evidencia real e non froito de predicións a partir de datos. O achado de auga nunha superficie rochosa (a diferenza da encontrada en planetas gasosos, como Júpiter) achega máis probas sobre dúas teorías que cada vez están a cobrar máis forza no mundo da Astronomía. A primeira é a que defende que a vida na Terra tivo unha orixe extraterrestre, é dicir, que todos os elementos necesarios para a habitabilidade chegaron a bordo dos asteroides que aterraban na súa superficie.

A segunda é a posibilidade de que haxa vida noutros planetas, é dicir que a vida pode ser un fenómeno xeneralizado no universo.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia