Blogia
vgomez

NOTICIAS DAS CIENCIAS

GJ 1214b: UNHA "SUPERTERRA" CON ATMOSFERA DE AUGA

GJ 1214b: UNHA "SUPERTERRA" CON ATMOSFERA DE AUGA

Representación artística doo tránsito do GJ 1214b arrededor da súa estrela / NAOJ

Un equipo de científicos xaponeses parece ter resolto o misterio da composición da atmosfera da "superterra" GJ 1214 b, un planeta descuberto en 2009 fóra do Sistema Solar nun proxecto que se centrou na busca de mundos habitables.

Dende que se descubríu a súa existencia, non se lograra definir se a súa atmosfera estaba composta por auga ou por hidróxeno. Pero os investigadores xaponeses lograron establecer a partir da observación do planeta e de resultados obtidos con anterioridade, que a súa atmosfera é rica en auga.

Como ferramenta, os científicos usaron o espello de 8.2 metros do
telescopio Subaru , en Hawai. Os achados sinalan que GJ 1214 b non mostra unha forte dispersión de Rayleigh, que podería predicir unha atmosfera sen nubes e dominada por hidróxeno. A dispersión de Rayleigh é a difusión que sofre a luz cando atravesa sólidos ou líquidos transparentes pero que se ve con maior intensidade a través de gases.

As "superterras" son planetas similares ao noso que orbitan arredor de estrelas fóra do sistema solar, aínda non se lograron determinar as súas propiedades con detalle. Do GJ 1214b sábese que ten un raio superior ao da Terra e atópase a unha distancia de 40 anos luz ao noroeste da nosa galaxia, a Vía Láctea. O astro xira arredor da estrela GJ 1214 .

Ata agora os científicos só poden estudar un pequeno número de "superterras", pero a situación cambiará cando o
Satélite de Sondaxe de Exoplanetas en Tránsito (TESS)  , busque planetas habitables co seu potente telescopio a partir de 2017.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

SOMOS TODOS MARCIANOS?

SOMOS TODOS MARCIANOS?

Marte / Imaxe: www.emol.com

Es un marciano! Non o tomes a insulto, porque en realidade todos somos marcianos. A teoría de que a vida puido chegar á Terra dun meteorito procedente de Marte, ou doutro lugar do espazo, non é nova en absoluto, só que agora se viu referendada cunha nova hipótese exposta hai uns días durante a conferencia Goldschmidt de Florencia.

A clave está nunha forma oxidada do elemento químico molibdeno, imprescindible para a vida primitiva e que nesta forma era imposible que existise na Terra fai tres mil millóns de anos, xa que apenas había osíxeno, pero que, por contra, si se atopa en Marte. "Esta forma de mineral só se atopa en Marte", explicou Steven Benner, director do Instituto para a Ciencia e a Tecnoloxía Westheimer. "A evidencia apunta a que todos somos marcianos, que a vida comezou en Marte e que chegou á Terra a bordo dunha rocha".

A cuestión é como se montaron os primeiros compoñentes moleculares necesarios para a vida (o ARN, o primeiro en aparecer, o ADN e as proteínas), en como se ensamblaron, nun proceso no que é necesario o boro, que axuda aos aneis de carbono a formar os produtos químicos prebióticos, e a forma oxidada de molibdeno, que leva esa forma intermedia e reorganízase para formar ribosa e, polo tanto, ARN. O boro tamén era un elemento moi escaso na cortiza terrestre primitiva, dominada pola auga, o que impediría que se concentrase o material nunha cantidade necesaria para que xurdise a vida. O medio acuoso tamén corroe o ARN, a molécula xenética máis antiga.

O científico Steven Benner sostén que todos os seres vivos están feitos de materia orgánica, pero se se agrega enerxía en forma de luz ou calor non se crearía vida, senón algo parecido ao alcatrán ou o asfalto. "Certos elementos, como o boro ou o molibdeno, parecen ser capaces de controlar a tendencia da materia orgánica a converterse en alcatrán, polo que cremos que ambos resultan fundamentais para que a vida poida dar os seus primeiros pasos. A recente análise dun meteorito marciano mostra claramente que hai boro en Marte. E cremos que tamén hai alí unha forma extremadamente oxidada de molibdeno". É máis, cre que en Marte aínda existen condicións para a vida.

A evidencia apunta a que todos somos marcianos, que a vida empezou alí!

FONTE: Xornal La Voz de Galicia

OBXECTIVO 2025

 

NASA revelou, en forma de vídeos e bosquexos, parte dos plans nos que está a traballar para encontrar, capturar e enviar astronautas a un asteroide próximo á Terra en 2025, como paso previo a un futuro viaxe a Marte. O ambicioso proxecto inclúese no plan do presidente Barack Obama de gasto de 17.700 millóns de dólares para a axencia espacial de Estados Unidos durante o ano fiscal 2014.

Como parte deste proxecto, a NASA creou un plan preliminar que será desenvolvido durante o ano que vén. O plan, segundo os bosquexos e vídeo publicado pola NASA, consiste en enviar unha sonda espacial que capture un asteroide próximo á Terra, enganchándoselle e envolvéndoo nunha bolsa, para despois desviar a súa traxectoria ata situalo nunha órbita estable. 

 Unha vez completada esta primeira parte da misión, a nave espacial Orion que está a desenvolver a NASA sería lanzada dende a Terra con dous astronautas e iniciaría unha viaxe de ao redor de nove días ata chegar ao asteroide capturado, valéndose do impulso dado pola forza de gravidade da Lúa. Tras chegar ao seu destino, os astronautas adaptarían a súa nave á sonda espacial e iniciaría un paseo espacial, a través dunha pasarela especial, ata o asteroide co obxectivo de recoller mostras e estudar a súa superficie.

FONTE: Xornal abc/ciencia

UNUNPENTIUM, O ELEMENTO 115

UNUNPENTIUM, O ELEMENTO 115

Configuración electrónica do ununpentium / Imaxe:commons.wikimedia.org 

Con nome, provisional, ununpentium, o elemento 115 foi sintetizado de novo, unha década despois de que fose descuberto, e pode que agora cumpra os requisitos oficiais necesarios para entrar na táboa periódica dos elementos. De ser así, ocupará o posto 115, entre o flerovium(114) e o livermorium (116), recoñecidos hai un par de anos

O elemento 115 foi producido agora en laboratorio por un equipo da Universidade de Lund (Suecia), en colaboración con expertos alemáns. É superpesado (con número atómico superior a 112) e desintégrase inmediatamente. Xa fora descuberto en 2003 por científicos rusos e estadounidenses, que lograron crear uns poucos átomos de ununpentium (desintegrados en milésimas de segundo). Pero o achado non foi suficiente para que o comité conxunto da Unión Internacional de Física Pura e Aplicada (IUPAP) e a correspondente de Química (IUPAC) o aceptase na táboa periódica, esperando a que se reproduciseo experimento de síntese e se confirmase.

Agora Dirk Rudolph e os seus colegas explican na revista Physical Review Letters que sintetizaron o elemento 115 bombardeando átomos de americio-243 (que ten no núcleo 95 protóns) con ións de calcio-48 (con 20 protóns). O ununpentium, como nos experimentos anteriores, desintégrase case ao instante, pero os científicos puideron demostrar a formación do novo elemento medindo as características físicas precisas desa desintegración.

Outro elemento superpesado, o 113 fora sintetizado á vez que o 115 nos experimentos anteriores, nunha colaboración do Laboratorio Nacional Lawrence Livermore (EUA) co Laboratorio Flerov de Reacciones Nucleares (Dubna, Rusia). Eles lograron dous isótopos do elemento 115 que sobreviviron entre 30 e 80 milisegundos antes de desintegrarse en isótopos do elemento 113. Tamén este último está pendente de entrada oficial na táboa periódica dos elementos, malia que o ano pasado uns científicos xaponeses anunciaron a súa confirmación.

Agora o comité internacional terá que decidir sobre dous novos candidatos a entrar da famosa táboa periódica dos elementos, que Dmitri Mendeleiev presentou en 1869, e decidirase o nome definitivo. 

FONTE:Xornal El País/Ciencia

UN ANO QUE DURA 8,5 HORAS

UN ANO QUE DURA 8,5 HORAS

Ilustración do planeta extrasolar Kepler 78b, onde un ano dura só 8,5 horas / CRISTINA SANCHIS OJEDA

No tempo dunha xornada laboral, ou dunha boa noite de sono, un pequeno planeta extrasolar descuberto a 700 anos luz de aquí cumpre toda unha volta arredor da súa estrela, un ano completo, explican os astrónomos que o encontraron. É un planeta do tamaño da Terra, pero está tan preto da súa estrela (a súa órbita é só unhas tres veces o raio estelar) que a temperatura estimada na súa superficie debe roldar os 3.000 graos centígrados, así que estará fundida completamente formando todo un mar de lava.

O planeta, denominado Kepler 78b (un máis da boa colleita do telescopio espacial do mesmo nome cuxa misión a NASA  deu por concluída debido a unha avaría irreparable), está unhas 40 veces máis preto da súa estrela que Mercurio do Sol. A estrela debe ser nova porque xira moi á présa e Kepler 78B está tan preto dela (o seu período orbital é un dos máis curtos que se descubriron) que os investigadores cren que poderán medir a súa influencia gravitatoria nesta, co que poderían estimar a masa do planeta.

O grupo de investigadores deron con Kepler 78 b analizando os datos do Kepler de máis de 150.000 estrelas. Nas observacións, buscan a atenuación periódica da luz do astro debida ao paso dun planeta que se cruza por diante, na liña de visión da Terra, e este equipo está especializado precisamente en planetas similares ao noso pero en órbita moi estreita do seu astro.

Ao tempo que estes astrónomos presentas o Kepler 78b na revista The Astrophysical Journal, parte do equipo xunto con colegas doutras institucións anuncian un achado máis noutra publicación, Astrophysical Journal Letters, acerca dun planeta xa descuberto e cun período orbital aínda máis curto: 4.25 horas. Para poder soportar unha órbita tan estreita arredor do seu astro, segundo determinaron eles agora, o exoplaneta KOI1843.03 ten que der incriblemente denso, composto fundamentalmente de ferro, ou as forzas de marea da estrela o romperían.

A medida que avanza a investigación dos planetas extrasolares, os científicos estanse a encontrar un auténtico zoolóxico deses obxectos, moitos deles ben diferentes dos do Sistema Solar, ben sexa polo seu gran tamaño ou pola súa peculiar distancia á estrela... o Kepler mesmo encontrou un xirando en torno a dous soles, o Kepler 16b. Agora, co telescopio inutilizado para continuar a busca, os científicos afánanse na análise das observacións realizadas e, tal e como sinalou a NASA ao anunciar que os enxeñeiros non lograban devolver ao Kepler a precisión necesaria, seguirán facendo descubrimentos escarvando na información almacenada.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

A PRIMEIRA COTA DE NEVE FÓRA DO SISTEMA SOLAR

 

Grazas á tecnoloxía do telescopio ALMA (Atacama Large Millimiter/submillimeter Array) de Chile, un grupo internacional de astrónomos puido obter a primeira imaxe dunha cota de neve fóra do noso Sistema Solar, máis concretamente a 175 anos de luz, na estrela TW Hydrae  .

Neste vídeo, o experto en ciencia e tecnoloxía, José Manuel Nieves, analiza que significa este achado á hora de coñecer que tipo de planetas formaranse arredor das estrelas.

FONTE: Xornal abc/ciencia

A COMPLEXA ORIXE DO CANCRO

A COMPLEXA ORIXE DO CANCRO
Imaxe dunhaa célula tumoral, atacada por linfocitos / FOTOLIA

Que fai que unha célula se altere e empece a medrar de forma desorganizada ata orixinar un tumor? A xenómica ensinounos que todos os cancros orixínanse pola acumulación de mutacións xenéticas no ADN das células do organismo. Algunhas desas mutacións están presentes dende o nacemento e elevan o risco desa persoa a ter un tipo de tumor, pero o máis frecuente é que esas alteracións xenéticas non sexan herdadas e se produzan ao longo da vida dunha persoa.

A clave da orixe do cancro está nos procesos que rexen esas mutacións. Por iso, a investigación do cancro céntrase en coñecer que acontece antes de que se xeren esas alteracións no ADN, buscando as pegadas dos axentes causais do cancro. Quérese descubrir como evitar que xurdan esas mutacións xenéticas e se xa están en marcha, achar o talón de Aquiles deste proceso para desenvolver tratamentos eficaces.

Agora, unha nova investigación na que participan equipos científicos de 14 países, entre eles españois, ilumina este camiño con nova e valiosa información. Identificaron máis de 20 firmas mutacionais distintas que explicarían a maioría das mutacións implicadas nos trinta tipos de cancro máis común, entre eles o cancro de mama, de ovario, próstata, páncreas, leucemia... Cada unha destas firmas é responsable de xerar as alteracións xenéticas que conducen á aparición dun tumor. Probablemente, esta vintena de procesos non inclúe absolutamente todas as firmas mutacionais que conducen ao cancro, aínda que si a maioría delas, aseguran os investigadores implicados. Este importante achado pertence ao Consorcio Internacional do Xenoma do Cancro. Para identificar eses procesos xeradores de mutacións, investigouse os xenomas de 7.042 pacientes e cinco millóns de mutacións.

A investigación preséntase na revista «Nature» e foi coordinada por Michael Stratton del Instituto Sanger, no Reino Unido. A contribución española foi dirixida por Carlos López-Otín, do Instituto Universitario de Oncoloxía da Universidade de Oviedo e Elías Campo, da Universidade de Barcelona.

O resultado deste inxente esforzo é a análise máis completa realizada ata a data en busca da orixe do cancro. O estudo ten profundas implicacións, tanto para a comprensión das enfermidades oncológicas, coma para a súa prevención e tratamento.

FONTE: Xornal abc/ciencia

O BURATO NEGRO DO CENTRO DA VÍA LÁCTEA

O BURATO NEGRO DO CENTRO DA VÍA LÁCTEA

Ilustración do púlsar PSR J1745-2900 situado preto do burato negro do centro da Vía Láctea / NRAO

No centro da nosa galaxia, a Vía Láctea, a 26.000 anos luz da Terra, debe haber un burato negro supermasivo tragando materia, sobre todo gas, que forma un disco en espiral ao seu arredor. O proceso xera uns potentes campos magnéticos, tamén formando un remuíño, e os científicos cren que eses campos fan que algo de materia se salve das poutas do voraz burato ao saír disparado cara a fóra en dous chorros superrápidos. Así que o campo magnético do centro galáctico é de suma importancia para coñecer a estrutura do fluxo de material do que se alimenta o burato coa súa potente atracción gravitatoria. Pero o centro galáctico está escurecido, para os telescopios ópticos, polo gas e o po, o que dificulta a súa observación. Deste burato negro coñécese a súa masa (é uns catro millóns de veces máis masivo que o Sol), pero o seu ámbito próximo tan extremo así como moitas das súas propiedades aínda non se comprenden, recalcan os astrónomos.

Na súa axuda chegou un púlsar, unha estrela de neutróns, supercompacta, en rotación, que emite radiación en pulsos periódicos e que debe estar a menos de medio ano luz do burato negro (o máis próximo do mesmo que se descubríu). Trátase dun tipo pouco común de púlsar, cun campo magnético extraordinariamente intenso. Foi achado a raíz dun fulgor de raios X que un telescopio da NASA, o Swift  , captou o pasado abril procedente do centro da Vía Láctea e as observacións posteriores con diferentes radiotelescopios en varios países permitiron determinar que se trataba dun púlsar, denominado PSR J1745-2900.

PSR J1745-2900 permitiu aos astrónomos medir a intensidade do campo magnético na zona inicial do fluxo de materia que cae no burato negro, indicando que, efectivamente, hai un potente campo magnético e grande escala. A análise das radioondas procedentes do púlsar mostraron que estaban a sufrir un retorcemento importante na súa viaxe ata a Terra, un fenómeno que se produce cando as ondas atravesan gas inmerso nun campo magnético, e ese gas está a uns 150 anos luz do burato negro, exactamente na liña de observación entre o púlsar e o noso planeta.

Os astrónomos calculan a forza do campo magnético medindo o xiro das radioondas ao pasar polo gas. As medidas que tomaron indican que o campo magnético alí é relativamente organizado, en lugar de ser turbulento.

Os investigadores seguen pendentes do oportuno púlsar esperando detectar cambios a medida que se despraza arredor do burato negro. Ao mesmo tempo buscan máis púlsares deste tipo para aplicar a mesma técnica de observación e poder facer un mapa detallado do campo magnético nas proximidades do burato negro. Pero o primeiro, PSR J1745-2900, tardou décadas en aparecer. E non está suficientemente preto do burato negro para para medir alí as propiedades do espazo/tempo da Relatividade Xeral de Einstein.

Esta investigación foi publicada, o pasado día 14, pola revista Nature.

FONTE: Xornal El País/Ciencia