Blogia
vgomez

ZONA VERDE

Salmóns 'colocados' con cocaína e fentos ata arriba de cafeína: a resaca que paga a natureza

Un grupo de novos salmóns atravesa as frías augas do lago Vättern, en Suecia. Deberían seguir un patrón relativamente predicible: desprazarse, alimentarse e evitar depredadores. Pero un centenar deles empeza a comportarse de forma estraña: nadan máis lonxe, máis rápido e son máis arriscados. Non están enfermos. Tampouco foron atacados por un parasito que os converta en zombis. É que levan cocaína no organismo. E non é que un cargamento ilegal caese de forma accidental no lago.

Estes peixes son, en realidade, os suxeitos dun experimento pioneiro que trata de entender como lles afecta a cocaína que chega cada vez en maior cantidade aos ríos, procedente da nosa propia urina. Porque si: cando unha persoa consome drogas, o seu organismo as metaboliza, aínda que non por completo. Unha pequena parte desas substancias, ínfima para nós, excrétase e acaba no inodoro para, finalmente, alcanzar os sistemas acuáticos. Trátase dun problema crecente que, aínda que non ten consecuencias directas para os seres humanos, pode marcar a diferenza entre a supervivencia e a extinción de determinadas especies, como demostran cada vez máis estudos científicos.



«A idea de que a cocaína afecte os peixes pode parecer sorprendente, pero a realidade é que a vida silvestre xa está exposta a unha ampla gama de drogas humanas a diario», explica Marcus Michelangeli, coautor do estudo publicado recentemente en Current Biology, e onde se recollen os resultados do experimento. Do traballo, o primeiro realizado con animais no medio natural, despréndese que os salmóns expostos a benzoilecgonina (o principal metabolito da cocaína; é dicir, o composto activo que produce o noso corpo tras o consumo desta droga) chegaron a nadar ata 1,9 veces máis distancia por semana e a dispersarse ata 12,3 quilómetros máis que os exemplares non expostos.

Non é o único, só o último. Unha investigación anterior publicada en Enviromental Pollution mostrou que a cocaína e a metanfetamina producen hiperactividade e afecta á reprodución de pequenos crustáceos como Daphnia magna. Tampouco a cocaína é a única droga que afecta os animais: outro estudo en Aquatic Toxicology observou que a ketamina e a metanfetamina modifican o desenvolvemento e os patróns de movemento do peixe medaka.

Pode parecer un cambio inocuo, con peixes que simplemente nadan máis lonxe ou máis rápido. No entanto, na natureza, pequenas alteracións do comportamento poden ter consecuencias profundas. «O lugar ao que van os peixes determina que comen, quen llos come e como se estruturan as poboación, sinala Michelangeli. Se a contaminación está a cambiar estes patróns, ten o potencial de afectar os ecosistemas de xeitos que apenas estamos a empezar a comprender».

Durante décadas, a contaminación dos ríos asociouse a verteduras industriais, fertilizantes ou metais pesados. Con todo, desde hai anos, os científicos advirten de que o impacto da nosa forma de vida chega moito máis alá, e que ata un xesto tan sinxelo como tomar unha pastilla contra a dor de cabeza pode influír en ríos, lagos e mares onde se verten as nosas augas mesmo unha vez depuradas.

«Son concentracións moi pequenas que non teñen consecuencias para o ser humano», recalca a investigadora Myriam Catalá, da Universidade Rey Juan Carlos, quen durante anos estudou as consecuencias dos chamados contaminantes emerxentes: substancias químicas bioactivas que abarcan desde as drogas aos fármacos, pasando polos cosméticos, os deterxentes e mesmo a nicotina e a cafeína.

«Unhas concentracións tan baixas nunha persoa adulta non significan nada; pero nunhas larvas de peixe cuxo sistema nervioso está en formación, os efectos déixanse notar moito máis»

Estas substancias buscan cambios en funcións biolóxicas, hormonais ou celulares en humanos, como evitar a inflamación do cerebro no caso da xaqueca citada anteriormente, por exemplo. O problema aquí é que eses mesmos mecanismos existen, en maior ou menor medida, en moitos outros organismos, como os peixes, que tamén poden verse afectados. «Unhas concentracións tan baixas nunha persoa adulta non significan nada; pero nunhas larvas de peixe cuxo sistema nervioso está en formación, os efectos déixanse notar moito máis», di Catalá.

FONTE: Patricia biosca/abc.es        Imaxe: Adaptación da elaboración propia de abc.es

COMEZA A APLICACIÓN DO REGULAMENTO EUROPEO SOBRE ENVASES E RESIDUOS DE ENVASES

 

As primeiras medidas do Regulamento europeo sobre envases e residuos de envases, que entrou en vigor en febreiro de 2025, comezou a aplicarse onte, 12 de agosto, de forma progresiva ata 2040. A normativa afectará o deseño, a fabricación, a comercialización, a reciclabilidade, a reutilización e a xestión dos envases utilizados en distintos sectores.

Entre as primeiras esixencias atópase a limitación do uso de substancias PFAS, coñecidas como “químicos eternos”. Estes compostos utilízanse principalmente como barreira contra a graxa e a humidade en produtos como envoltorios, vasos e bandexas, pero persisten durante anos tanto no medio ambiente como no organismo.

Paralelamente, todos os envases que se comercialicen deberán ser reciclables, aínda que os obxectivos e criterios específicos non comezarán a aplicarse ata 2030. O regulamento establece tres categorías de reciclabilidade e fixa novos criterios de deseño destinados a facilitar a reciclaxe dos envases. Estes requisitos aplicaranse de forma progresiva desde 2030 e serán cada vez máis esixentes, especialmente a partir de 2038.

En 2027, os establecementos de hostalería e restauración que ofrezan comida ou bebidas para levar deberán permitir que os consumidores utilicen os seus propios recipientes para enchelos.

Neste mesmo ámbito, a hostalería tamén terá que eliminar enváselos monodose a partir do 2030, o que afectará a formatos individuais de salsas, azucre, sal, outros condimentos ou leite. No caso do aceite de oliva, aínda existen dúbidas sobre o alcance concreto desta medida. Pola súa banda, os hoteis non poderán ofrecer por defecto artigos de cortesía dun só uso, como champú ou xel ou xabón, salvo que o cliente o solicite.

Un dos cambios máis visibles para os consumidores chegará en 2028 coa implantación dun sistema harmonizado de etiquetaxe en toda a Unión Europea, que permitirá identificar a composición dos envases e facilitar a separación de residuos.

Posteriormente, en 2029, os estados membro deberán implantar o Sistema de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR), como o que España prevía implantar este mes de novembro, para botellas de plástico e latas metálicas co obxectivo de alcanzar unha taxa de recollida de polo menos o 90%.

Outra das medidas que máis pode afectar os consumidores chegará coa redución dos envases dun só uso. A partir de 2030, os supermercados non poderán vender froitas e verduras de menos de 1,5 quilos envasadas en plástico nin utilizar argolas de plástico para agrupar latas de cervexa ou refresco. Ningún establecemento poderá proporcionar aos seus clientes bolsas de plástico moi lixeiras, de menos de 15 micras, salvo que sexan compostables certificadas ou necesarias por motivos de hixiene alimentaria.

As medidas tamén afectarán as compras por internet. A partir de 2030, o espazo baleiro dos envoltorios dos paquetes non poderá superar o 50% da súa capacidade.

O novo regulamento supoñerá diversos cambios para empresas e consumidores que se irán aplicando de forma gradual durante os próximos anos. O obxectivo é reducir a xeración de residuos de envases, limitar os envases dun só uso e avanzar cara a un modelo de envases reutilizables e reciclables.

Se queres coñecer polo miúdo o contido deste Regulamento europeo preme AQUÍ.

FONTE: Cristina Oriol Val/lavanguardia.com e boe.es    Imaxe: globalfilms.es

Os segredos das augas profundas de Galicia: descubren tres novas especies de peixes para a ciencia

A investigación rexistra tres especies novas para a ciencia, dúas inéditas para augas españolas e unha non indíxena / Rafael Bañón

Os rexistros de especies de peixes raros son cada vez máis importantes para a ciencia: ademais de enriquecer os inventarios, melloran o coñecemento taxonómico e proporcionan evidencia dos cambios que se producen nos mares. A través do monitoreo a longo prazo, un equipo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), formado por investigadores de Santander e Vigo, presenta os rexistros recentes de especies novas para a ciencia e para augas españolas, xunto a unha especie non indíxena, atopadas en augas galegas e cantábricas. Os resultados foron presentados no XI Congreso de Ictioloxía, celebrado en Vila Real (Portugal).

Concretamente, rexistráronse tres especies novas para a ciencia (Gaidropsarus gallaeciae, Notacanthus arrontei e Neoscopelus serranoi), mentres que outras dúas especies apareceron por primeira vez en augas españolas (Lyconus brachicolus e Lipogenys hyalovelanum). Por outra banda, un exemplar de Diapterus brevirostris, nativo da costa tropical e subtropical do Pacífico de América, identificado fronte a Asturias, dentro da boca dun peixe nativo. A causa do seu pequeno tamaño e a proximidade do porto comercial de Xixón, considérase a auga de lastre como vector máis posible para a súa introducción no mar Cantábrico. Algunhas das especies foron atopadas no Banco de Galicia, un monte submariño situado a pouco menos de 200 quilómetros de Fisterra, e tamén no litoral.

Son especies de augas profundas que viven arredor dos 800-1.000 metros de profundidade”, sinala o investigador do Centro Oceanográfico de Vigo Rafael Bañón, un dos autores do estudo publicado en Proceedings. Explica que son especies que sempre existiron a eses niveis pero que non se descubriron ata agora: “Non son abundantes, como a sardiña ou o xurelo, nin van en bancos; son especies solitarias de pequeno tamaño”. Ademais, engádese un risco na súa identificación, xa que son especies que se asemellan a outras que viven en diferentes partes do mundo, polo que o investigador indica que é fácil equivocarse e pór un nome que non corresponde.

Os peixes atopados foron recollidos durante enquisas anuais de arrastre de demersal realizadas polo IEO na plataforma continental do norte de España, así como durante dúas enquisas multidisciplinarias realizadas no Banco de Galicia en 2010 e 2011. As tres especies novas foron atopadas nas costas galegas, nas augas profundas e no talude da plataforma continental. Mentres, unha das novas especies notificadas para España, Lipogenys hyalovelanum, foi rexistrada fronte á ría de Vigo. Así, a importancia destes achados reside na biodiversidade mariña, sobre todo ao descubir especies novas ou non citadas no territorio estudado.

Todos os exemplares recollidos pasaron por un estudo dobre no que se baseou a súa identificación, un enfoque taxonómico integrador que combinou o exame morfolóxico e os análises moleculares.

Por unha banda, o estudo morfolóxico emprégase sempre para identificar a especie, e que, segundo explica Rafael Bañón, van dende medidas biométricas ata exames hematolóxicos.

Por outra, estúdase a codificación de barras COI, secuencias estandarizadas do ADN que se empregan para describir especies de peixes. Son únicos de cada unha delas e poden ser utilizados como un marcador universal para recoñecer determinadas especies: “A nivel molecular, as especies de peixes diferéncianse nun 2%; analízase só unha parte do xen”, explica o investigador. Desta forma, facilítase o recoñecemento, a conservación e o manexo de especies en perigo de extinción.

Unha das conclusión principais deste estudo foi a importancia dos estudos oceanográficos a longo prazo co obxectivo de detectar peixes raros e de augas profundas como os rexistrados no norte peninsular. Non só iso, senón tamén o papel da colaboración cidadá, dos pescadores e observadores na documentación da biodiversidade. Por exemplo, a especie exótica localizada na costa de Asturias foi identificada por un pescador deportivo. O resto dos achados foron froito de campañas científicas do IEO. Este traballo é o legado de proxectos como LEMGAL, que inventariou 6.381 especies mariñas en augas atlánticas. “Cada vez vanse descubrindo máis cousas; debería facerse unha actualización da biodiversidade mariña de Galicia de forma periódica”, sinala Bañón.

Ademais, tendo en conta que Galicia vive en gran medida do mar, é interesante saber que cambios se están a producir nel. O investigador do IEO de Vigo explica que as especies que se pescan habitualmente son crecidas, e que algunhas das novas que chegan co cambio climático son comerciais. “Cando comezan a ser abundantes, teñen interese comercial”, engade. Con todo, na súa maioría, as notificadas neste estudo son especies de augas profundas e, por tanto, ocasionais.

A longo prazo, segundo Rafael Bañón, hai tres retos para a investigación en Galicia das especies mariñas. En primeiro lugar, hai que detectar exemplares, e a través do monitoreo pódese detectar o antes posible a chegada de especies exóticas e novas. En segundo lugar, manter o estudo implicando a novos axentes como confrarías, pescadores, cidadáns e técnicos, xa que, tal e como comenta o investigador, “Galicia ten 1.500 quilómetros de costa e o estudo non debería depender só dos organismos de investigación”. En terceiro lugar, pero non por iso menos importante, notificar os cambios: “Canta máis xente, maior evolución poderemos observar”, conclúe.

FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com

A humanidade alcanzará o seu déficit ecolóxico este xoves 30 de xullo

 

 

Hoxe, 30 de xullo, a humanidade entrará oficialmente en déficit ecolóxico ao consumir todos os recursos biolóxicos que a Terra pode rexenerar nun ano, segundo as estimacións da organización internacional Global Footprint Network (GFN), materializadas no coñecido como Día da Sobrecapacidade da Terra. A partir desta data, a demanda global de recursos naturais e a xeración de emisións superarán a capacidade anual de rexeneración e absorción dos ecosistemas, unha situación que, de acordo con este indicador, reflicte o desequilibrio entre o consumo humano e os límites do noso planeta.

Segundo o estudo de GFN, a sobrecapacidade global empezou en 1973, cando se alcanzou o 16 de decembro, poucos días antes de terminar o ano. O período foi crecendo ata abarcar algo máis de cinco meses no 2026. a data calcúlase dividindo a biocapacidade da Terra (a cantidade de recursos ecolóxicos que o noso planeta pode xerar nun ano) entre a pegada ecolóxica humana, é dicir, a demanda destes recursos para ese ano entre os que se inclúen variables como o uso do chan, o comercio internacional ou as emisións de carbono. O resultado desta división multiplícase por 365, o número de días do ano, ou por 366 se é bisiesto. Os cálculos elabóranse actualizando miles de datos estatísticos achegados por organismos internacionais como as Nacións Unidas ou a Axencia Internacional da Enerxía.

Cada país conta con métricas particulares para calcular o seu Día do Déficit Nacional. No caso de España, alcanzouse o pasado 4 de xuño, o que significa que a biocapacidade estimada do país só cobre ao redor do 39% da pegada de consumo dos seus residentes e que, desde esa data, depende de recursos procedentes do exterior para manter o seu nivel de consumo. Doutra banda, Catar é o país que máis consome con diferenza, xa que segundo as estimacións de GFN esta data foi o 4 de febreiro, seguido por Luxemburgo o 17 e Singapura o 23 do mesmo mes. De acordo con este estudo, Honduras será o que máis respecte as súas condicións, xa que o seu día será o 27 de novembro e precederanlle Cambodia o 25 de novembro e Ecuador o 12 de novembro.

Esta xornada «non é unicamente unha advertencia sobre canto consumimos», senón tamén «un indicador do funcionamento do modelo económico e a súa dependencia de recursos naturais que se rexeneran a un ritmo inferior ao da súa utilización», explica o asesor académico de EALDE Business School, Sergi Simón. Máis que sinalar un día concreto, o indicador pretende mostrar a evolución dunha tendencia sostida no tempo, apunta, e de feito as previsións demográficas e económicas parecen indicar que a demanda de enerxía, materiais e bens de consumo incrementarase aínda máis durante os próximos decenios.

Neste contexto, o informe Global Resources Outlook 2024 do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) estima que o uso mundial de recursos materiais podería aumentar ata un 60% entre o 2020 e o 2060 «se non se adoptan cambios significativos nos actuais modelos de produción e consumo». Ante este escenario, Simón sostén que o debate non debe limitarse a reducir o consumo, senón tamén a transformar a forma de producir e utilizar os recursos, impulsando modelos diferentes «baseados na economía circular». Entre eles cita o deseño de produtos máis duradeiros, reparables, reutilizables ou reacondicionables, así como o apoio ás actividades vinculadas ao mantementos, a reciclaxe ou o alugueiro de bens, co obxectivo de xerar máis valor económico utilizando menos materias primas novas. 

FONTE: lavozdegalicia.es            Imaxe: 

Ata 44 toneladas de metano ao ano: así deixa a súa pegada o gas no fondo da ría de Vigo

Mapa das sondaxes e os campos de gas cartografados (en rosa) / Jon Gardoki

Estímase que a ría de Vigo libera entre 18 e 44 toneladas de metano ao ano, segundo un estudo de 2007, publicado en ScienceDirect e elaborado pola Universidade de Vigo (UVigo). Trátase dun campo que levan estudando durante máis de vinte anos os investigadores da institución viguesa, levando a cabo unha caracterización completa e unha cartografía en detalle dos campos de metano, un gas de efecto invernadoiro relativamente potente e un dos principais compoñentes do gas natural. Agora, unha nova investigación da Universidade do País Vasco, publicada en ScienceDirect, afonda en cales son os efectos deste composto sobre as comunidades biolóxicas, tanto actuais como semifósiles, un aspecto antes descoñecido. Desta forma convértese nun dos primeiros traballos sobre metano a nivel costeiro, xa que se adoita estudar en ecosistemas mariños.

Para poder conseguir esta información, os investigadores tomaron a cartografia dos campos de gas de investigadoras como Soledad García Gil, do Centro de Investigación Mariñas (CIM-UVigo), e recolleron sondaxes en tres zonas próximas a campos de gas pouco profundos da ría de Vigo. Así, a partir destas mostras, analizaron os microorganismos presentes, concretamente os foraminíferos bentónicos, organismos unicelulares cunha pequena cuncha calcárea, a fin de coñecer como o metano afecta á súa distribución e abundancia, aspectos que queda reflectidos no sinal isotópico.

A produción de materia orgánica da ría de Vigo leva á aparición dunha elevada cantidade de metano”, sinala Jon Gardoki, primeiro autor do artigo. Así, a materia remata por ser depositada nos sedimentos. Aquela que non é consumida por outros organismos mantense enterrada durante decenas de miles de años, transformada por bacterias e mecanismos xeoquímicos ata producir metano. Con todo, a pesar de que é un gas que se asocia co cambio climático, este novo estudo céntrase no seu impacto biolóxico.

Para estudar o carbono, os foraminíferos son especialmente útiles. Mentres que a membrana dunha bacteria se degrada e desaparece unha vez morta, os foraminíferos, seres unicelulares, manteñen a súa cuncha intacta cando falecen, o que permite reconstruír as condicións do pasado. “As especies non parecen estar afectadas polas emisións de metano en termos de biodiversidade nin abundancia”, explica o investigador Gardoki, pero si que manteñen os restos no seu cacho ao longo do tempo.

O estudo conta tamén con análises de composición isotópica do carbono δ¹³C (mide as relacións isotópicas do carbono-13 respecto do carbono-12) e do osíxeno δ¹8O (mide as relacións isotópicas entre o osíxeno-18 y osíxeno-16) desas cunchas. Así, un dos resultados máis chamativos é que entre o 0% e 33% do carbono incorporado por alguns microorganismos procede do metano. É un dato procedente da aplicación do modelo de mestura isotópica que, de maneira tentativa, permite cuantificar cal é a porcentaxe de carbono inorgánico disolto do metano. “O metano en sedimentos pode producir transformacións: as cunchas calcáreas teñen calcita, a calcita contén carbono, e o carbono provén do metano”, apunta o investigador.

Ademais, os investigadores atoparon que, nalgúns niveis das sondaxes realizadas, os sinais non se corresponden a un sinal normal dun ambiente oceánico ou costeiro. “É o primeiro dato que atopamos sobre como o metano influencia a comunidades e permite coñecer que sinal deixa”, indica Jon Gardoki. Engade que se trata dun achado relevante, xa que nun futuro se poderá estudar que sinais deixa o metano ao longo de decenas de miles de anos, en base ao sinal isotópico dos foraminíferos.

A investigación entre a Universidade do País Vasco amosa que a influencia do metano na ría de Vigo non é uniforme, senón que aparece en pequenos intervalos de sedimento. “A pesar de que sabíamos que distribución do metano é heteroxénea, interpretamos que se poden producir migracións laterais deste gas a escala moi pequena”, indica. Desta forma, este gas de efecto invernadoiro pode desprazarse horizontalmente uns centímetros aproveitando capas máis permeables de sedimento: “A unha determinada profundidade pode non haber sinal isotópico, pero máis abaixo si”.

O aumento da temperatura pode producir que chegue unha maior migración de metano. “Non ocorreu na ría de Vigo nin digo que vaia ocorrer, pero é un proceso a considerar”, apunta. Con todo, achados como as análises de foraminíferos bentónicos son especialmente relevantes para poder entender a saúde da ría de Vigo e a súa futura evolución, ou mesmo monitorizar outros ecosistemas mariños semellantes, como a ría de Arousa. “Non afecta de forma uniforme a todas as comunidades”, apunta, polo que é importante un estudo individualizado.

Pero a investigación debe seguir o seu curso: “A miña pregunta agora mesmo é se podemos estudar máis sondaxes da ría interna, onde os campos de gas están máis na superficie”. Así, con vistas ao futuro, Jon Gardoki agarda poder seguir analizando o impacto biolóxico do metano na parte interna e externa da ría, ademais das zonas onde o campo de gas se atopa aínda a unha maior profundidade, a fin de coñecer como afecta o sinal isotópico dos foraminíferos.

FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com

Un estudo da UVigo en ratas suxire que os microplásticos alteran a conduta e a función cerebral

Paseas pola praia, xusto á beira do mar, e atopas unha botella de auga, o envase roto dun xeado e os restos dunha antiga bolsa de supermercado. Ningún destes plásticos está nunha papeleira, senón flotando sobre a auga. Tamén están presentes a escala microscópica, aínda que non poida velos o ollo humano. Diferentes estudos xa detectaron microplásticos no sangue, nas feces e na placenta. Co obxectivo de entender o seu impacto sobre o cerebro, un equipo da Universidade de Vigo (UVigo) analizou os efectos da exposición aguda a micro e nanoplásticos en ratas. A investigación suxire que tras admnistrárllelos mediante unha inxección, os roedores experimentaron alteracións no comportamento e cambios na bioquímica do cerebro en tan só 24 horas.

O artigo, publicado recentemente na revista Ecotoxicology and Environmental Safety, é unha aproximación ao que podería acontecer no corpo humano baseándose nun modelo moi empregado en ciencia: as ratas. Con todo, o experimento non reproduce a exposición ambiental, senón que os micro e nanoplásticos son administrados en laboratorio para analizar os seus efectos a curto prazo. “Non avaliamos unha exposición crónica, senón aguda. Queremos saber onde están a facer dano. Precisaríanse máis investigacións para ver os mecanismos exactos que o causan”, explica a primeira autora do estudo, Laura Bergantiños Lillo.

A investigadora da UVigo matiza que, de momento, só atoparon indicios e unha relación entre o tóxico (os micro e nano plásticos) e os efectos que produce no comportamento e na función cerebral das ratas. Así, tras a inxección das partículas contaminantes, os roedores mostraron alteracións motoras, descoordinación e certa fatiga. “Adéstralos para correr nunha roda. Nunha situación normal fano durante un tempo determinado pero, tras a exposición a microplásticos, xa non eran capaces de acadalo”, sinala Bergantiños Lillo. Ademais dos problemas motores, tras someter as ratas a probas de exploración, o equipo decatouse de que tras a administración de microplásticos perdían parte da súa motivación e curiosidade.

O seguinte paso foi tratar de entender por que se producían os fallos motores nos ratos tras a exposición aos plásticos. “Analizamos marcadores específicos de toxicidade e avaliamos varios parámetros de estrés oxidativo. Con eles confirmamos que os microplásticos teñen certa toxicidade“, sinala a autora, que asinou o estudo xunto aos tamén investigadores da UVigo Martiño Barreiro Chapela, Lilian Rosana Ferreira Faro e Rafael Durán Barbosa. Mais un dos aspectos que máis lles sorprendeu foi a interacción dos micro e nanoplásticos con outros contaminantes. En concreto, co glifosato, un pesticida de uso moi común na agricultura.

Se xa os microplásticos causaban efectos, cando os mesturabas con glifosato creábase unha bomba. É dicir, os danos eran máis evidentes”, sinala. A hipótese que barallan dende o equipo da UVigo é que os plásticos actúan como unha especie de vehículo ou vector doutros contaminantes e que, ao asociarse, potencian os seus efectos nocivos sobre o organismo. Bergantiños Lillo aclara que a dose empregada de glifosato foi moi baixa e, polo tanto, non debería ter “ningún efecto” sobre o organismo dos roedores. Porén, o estudo suxire que ao combinar ambos os contaminantes, amplifícase e poténciase a súa toxicidade.

Outro dos aspectos máis relevantes do traballo, que empregou 72 ratas, é a diferente resposta aos contaminantes en función do sexo. Malia que o que atopan tan só son indicios, os resultados suxiren que as femias son máis sensibles aos efectos do micro e nanoplásticos que os machos. “Só podemos extraer hipóteses pero probablemente estea relacionado con cuestións hormonais“, explica Bergantiños Lillo. Non obstante, a primeira autora insiste en que o seu estudo é unha primeira aproximación e que continuarán a investigar nesta liña para xerar máis coñecemento e evidencia científica.

O equipo da UVigo centrouse no estudo do cerebro en ratas, dado que a literatura científica sobre o impacto dos nano e microplásticos está máis enfocada ao modelo de peixe cebra e ao sistema dixestivo. “O cerebro é especialmente delicado”, sinala Bergantiños Lillo, quen menciona estudos que xa describiron a capacidade dos micro e nanoplásticos de atravesar a barreira hematoencefálica, ás veces complicada de cruzar incluso para algúns fármacos. O obxectivo agora é indagar en máis profundidade que acontece coas moléculas que conseguen chegar a cerebro. “O que buscamos é previr, porque non sabemos o que vén”, advirte a investigadora.

Bergantiños Lillo expón as grandes lagoas que hai sobre os efectos no corpo humano dos nano e microplásticos, e lembra o impacto mediático da crise dos pellets, que chegaron en masa ás costas galegas tras o accidente do buque Toconao en decembro de 2023. A liberación de plásticos no medio ambiente, e tamén a súa chegada aos tecidos humanos, dá pé a unha profunda reflexión. “Xa hai estudos que apuntan que a inxestión de plásticos podería estar asociada con enfermidades como o párkinson e o alzhéimer”, apunta a investigadora da UVigo. De momento tan só son hipóteses, pero Bergantiños Lillo e o seu equipo están xa un paso máis preto de entender o efecto dos micro e nanoplásticos no sistema nervioso central.

FONTE: Laura Filloy/gciencia.com      Imaxe: ars.els-cdn.com/sciencedirect.com

A auga do mar pronto poderase beber grazas a este material: inventouno China e ten un custo enerxético baixísimo

Foses ou non á praia para mergullarte na auga, saberás que a auga mariña (a que se atopa nos océanos e mares, recubrindo o 71% da superficie da Terra), contén sales disoltos, por iso sabe salgada ao padal (non como a auga doce que bebemos para hidratarnos). Estímase que a súa salinidade é de aproximadamente 35 gramos de sal por litro, o que equivale a unha salinidade do 3,5%, aínda que esta cifra pode variar dependendo da zona debido á evaporación e o fluxo da auga doce proveniente dos ríos e o desxeo dos glaciares.

A auga mariña está composta de diversos sales, como o cloruro de sodio (o sal común), o sulfato de magnesio e o sulfato de calcio. Se algunha vez preguntácheste por que é salgada, a resposta é sinxela: a través da auga de choiva, os ríos e os arroios, levando o sal desde a terra ata o mar. Ademais, ten máis importancia da que a xente pensa, xa que non só é o medio no que vive multitude de especies (fonte de alimento, vía de transporte e enerxía), senón que tamén actúa como regulador do clima.

Poder utilizar a auga mariña para consumo humano sería de gran axuda nas rexións que sofren de secas ou para reducir a presión sobre os acuíferos, permitindo aos pozos e reservas de auga doce subterráneas ‘descansar’. O problema é que non se pode beber directamente auga do mar, xa que en lugar de hidratar, deshidrata a gran velocidade

Cando se bebe auga de mar, a concentración de sal no sangue e os fluídos que rodean as túas células sobe drasticamente. Como o corpo humano é unha máquina marabillosa, para intentar equilibrar as cousas, aplica o proceso de ósmosis: a auga desprázase desde onde hai menos concentración de sal cara a onde hai máis. Isto provoca que a auga das células saia para diluír o sal que acaba de entrar ao corpo, facendo que as células se encollan e se deshidraten.

Os riles son os órganos que se encargan de desfacerse do exceso de sal a través da urina, pero teñen un límite biolóxico: a máxima concentración de sal que pode albergar a urina é dun 2%. Entón, se se bebe un litro de auga de mar (3,5% de sal), e a urina só pode concentrar un 2%, os riles necesitan fabricar 1,75 litros de urina. Por tanto, por tomar un só vaso de auga de mar, o corpo debe gastar case dous vasos da súa propia auga, pediendo así moito máis líquido do que se inxeriu.

O ser humano só pode beber auga de mar se previamente a desaliniza. O proceso de ósmosis inversa, segundo os expertos, consome entre 2,5 e 4 kWh por cada metro cúbico (1.000 litros) de auga producida, o que equivale a 0,003 kWh por litro). Se é auga salobre (menos salina), o consumo redúcese a 1,5 kWh por metro cúbico ou menos. Aínda que as tecnoloxías modernas lograron reducir aínda máis o consumo eléctrico, o ideal é que o consumo fose 0.

China desenvolveu un novo tipo de material fototérmico que logrou manter a estabilidade durante un ano con cero custos de enerxía, e un prototipo xa foi posto a proba ao aire libre. Integraron nanopartículas nun material de evaporación fototérmica tridimensional, aumentando significativamente a eficiencia da conversión de enerxía solar para impulsar a desalinización.

O dispositivo alcanzou unha taxa de absorción solar de ata o 90,2%, á vez que reduciu a enerxía necesaria para evaporar o mesmo volume de auga de mar nun 45,7%. Nun pequeno campo de probas, o dispositivo axudou a irrigar 5 metros cadrados de terra de cultivo durante un ciclo de crecemento completo usando unicamente luz solar natural sen necesidade de infraestrutura de rede eléctrica externa.

O equipo tras o desenvolvemento observou que o custo de produción da auga sería inferior á da auga embotellada.

FONTE: Jesús Quesada/nationalgeographic.com.es

O mapa oculto de insectos por descubrir: estiman que hai entre 8 e 14 millóns de especies descoñecidas

Oruga con casulos de avespa parásita en Ecuador / Steve A. Marshall/Universidade de Guelph, Ontario, Canadá.

Coa chegada do verán, aparece na vida cotiá un mundo de insectos que antes estaban ocultos polo frío. Molestan, pican, a moitos inténtase matar ou escorrentar. Con todo, eses só representan unha pequena porcentaxe de todas as especies que hai no mundo.

Un equipo de investigadores da Universidade de Cornell (Nova York), entre os que figuran Robert K. Colwell e Laura Melissa Guzmán, estimaron que pode haber entre 8 e 14 millóns máis de especies de insectos das que se pensaba. Ata o de agora, os expertos aseguraran que existen uns seis millóns de especies. No seu estudo, publicado na revista  Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS), sinalan que este dato ten profundas implicacións para comprender a escala, riqueza e futuro da biodiversidade na Terra.

Ademais, advirten que este reconto axudará a protexer especies hoxe descoñecidas. "Subestimouse enormemente cantas existen. Antes de que poder dicir cantas estamos a perder, necesitamos saber cantas hai e iso é o que este traballo axuda a establecer", asegura Laura Melissa Guzmán, profesora adxunta de entomoloxía na Universidade de Cornell e autora do artigo.

Actualmente, estímase que o cambio climático e o uso intensivo de terras agrícolas provocou a redución de insectos en case un 50%, segundo un estudo publicado en 2022 en Nature. "Temos probas contundentes de que o uso de pesticidas e a perda de hábitat están a provocar diminucións reais nas poboacións de abellas e bolboretas", advirte Guzmán.

Os insectos son o grupo de animais máis diversos do mundo. Este informe indica que débese a que moitos sofren metamorfose durante os seus ciclos de vida, o que lles permite explotar diferentes hábitats segundo as súas etapas vitais, tal como é o caso das bolboretas. Ademais, o seu tamaño permítelles manter poboacións en zonas restrinxidas. "Hai moitas cousas que podemos facer para axudar a protexer os insectos. Por outros estudos sabemos que deter a perda de hábitat, reducir o uso de pesticidas e abordar o cambio climático son cruciais", afirma a coautora do artigo.

Para este estudo, aproveitaron a extensa toma de mostras de insectos na área protexida da área de Conservación Guanacaste (ACG), que abarca 169.000 hectáreas no noroeste de Costa Rica. O novo reconto utilizou información xenética de 1,6 millóns de insectos tropicais individuais, dun grupo moi diverso de avespas parasitoides en Costa Rica. Utilizáronse diversos métodos para levar a cabo a mostra. Alén das trampas con forma de tenda, unha das técnicas para a categorización constou en recoller orugas e analizar as especies de que emerxían delas.

Ademais, utilizaron estratexias estatísticas para estimar a cantidade de especies existentes. A partir da medición de cantas avespas foron achadas, calcularon a cantidade das que non poderían detectarse. Despois, comparárono cos 54.000 tipos de insectos que hai na área e chegaron á conclusión de que o total de especies no ACG é de 333.000. 

FONTE: Dlorecia Da Silva/elmundo.es/ciencia