Blogia
vgomez

ZONA VERDE

ESPECIES ENDÉMICAS DE ANIMAIS DE ESPAÑA VII

Continúo coa serie adicada as especies endémicas de animais de España. A maioría delas están en risco, e merece a pena coñecelas para poder protexelas mellor.

7. MUSARAÑA IBÉRICA

Como o anterior, a Musaraña ibérica (Sorex granarius) é unha especie distinta doutras musarañas polo seu tamaño e a cor da súa pelame no lombo, dunha cor marrón escura, que contrasta co pelo amarelado do ventre. Atópase sobre todo ao noroeste da península ibérica, no sistema central, desde a serra de Ayllón á serra da Estrela (Portugal).

A lonxitude de testa e corpo é duns catro centímetros, sendo a cola dunhas tres cuartas partes desa lonxitude. O peso non excede os seis gramos. Ten as puntas dos dentes de cor vermella.

Mañá, outra especie endémica animal de España e remate da serie!

FONTE: Idea orixinal Amina Jover/quo.eldiario.es/ciencia e es.wikipedia.org

ESPECIES ENDÉMICAS DE ANIMAIS DE ESPAÑA VI

Continúo coa serie adicada as especies endémicas de animais de España. A maioría delas están en risco, e merece a pena coñecelas para poder protexelas mellor.

6. TOUPA IBÉRICA

A toupa ibérica (Talpa occidentalis) diferénciase doutras toupas noutros lugares do mundo polo seu tamaño, bastante máis pequeno, e a súa cabeza máis alongada e estreita. Ademais, o pelo da toupa ibérica cobre por completo o seu ollos. Atópase ameazado pola agricultura, onde se chega a considerar unha praga para os cultivos.

Diferénciase da toupa europea polo seu menor tamaño, por ter os ollos, como dixemos, totalmente tapados polo pelo, un cranio máis alongado e estreito, e polos pelos brancos que cobren as poutas e mailo fociño. A cola é curta e atópase cuberta de pelo, as súas poutas son grandes. O fociño é cónico e con longos bigotes (vibrisas) que, ao igual cós pelos das poutas, serven para detectar vibracións e apalpar.

Mañá, outra especie endémica animal de España!

FONTE: Idea orixinal Amina Jover/quo.eldiario.es/ciencia e es.wikipedia.org

ESPECIES ENDÉMICAS DE ANIMAIS DE ESPAÑA V

Continúo coa serie adicada as especies endémicas de animais de España. A maioría delas están en risco, e merece a pena coñecelas para poder protexelas mellor.

5. ESCÁNCER IBÉRICO

Esta vez trátase dun lagarto (Chalcides bedriagai) da familia Scincidae que se atopa en toda España en zonas pedregosas. Aliméntase de escaravellos, formigas, chinchas e outros insectos. As súas curtas patas teñen cinco dedos e teñen unha escama rostral grande cunha cor alaranxada característica.

É un lagarto de pequeno tamaño, cunha cabeza pequena, triangular, alargada e con fociño arredondado. O seu corpo é curto e groso de sección arredondada ou cuadrangular, recuberto de escamas lisas e brillantes. Ten dimorfismo sexual, xa que as femias son de maior tamaño, pero polo demais son moi parecidas aos machos. Poden ter pequenos ocelos. A especie é ovovivípara.

Mañá, outra especie endémica animal de España!

FONTE: Idea orixinal Amina Jover/quo.eldiario.es/ciencia e es.wikipedia.org

ESPECIES ENDÉMICAS DE ANIMAIS DE ESPAÑA IV

Continúo coa serie adicada as especies endémicas de animais de España. A maioría delas están en risco, e merece a pena coñecelas para poder protexelas mellor.

4. TRITÓN ALPINO ESPAÑOL

Este tritón non é un réptil senón un anfibio, parente das ras, aínda que neste caso é urodelo comoa as pintegas. A pesar diso o seu nome (Ichthyosaura alpestris) significa lagarto de auga, porque a súa forma lembra á dos réptiles. É un animal duns 10 centímetros que se atopa en arroios de montaña do norte de España, onde se alimentan pequenos cangrexos, miñocas, vermes de auga e, ás veces, de pequenos vertebrados.

Mañá, outra especie endémica animal de España!

FONTE: Idea orixinal Amina Jover/quo.eldiario.es/ciencia

ESPECIES ENDÉMICAS DE ANIMAIS DE ESPAÑA III

Continúo coa serie adicada as especies endémicas de animais de España. A maioría delas están en risco, e merece a pena coñecelas para poder protexelas mellor.

 
3. CABRA MONTESA

A cabra montesa (Capra pirenaica) atópase nas zonas montañosas do Sueste español, onde atopa rochas inaccesibles onde protexerse dos seus depredaores. É capaz de rubir alí onde non chega ninguén máis, e aliméntase de todo tipo de herbas, incluíndo as ramas madeireiras dos arbustos. Está en perigo pola caza.

É unha especie con forte dimorfismo sexual, do mesmo xeito que moitos outros bóvidos. As femias miden uns 1,20 metros de longo e 60 cm de altura na cruz, pesando entre 30 e 45 quilos de peso. Teñen cornos bastante curtos e parécense bastante a unha cabra doméstica. Os machos, en cambio, poden chegar aos 148 centímetros de longo e ter unha altura de 77 centímetros na cruz, acadando un peso máximo de 110 quilos. Os cornos dos machos son notablemente grosos e poden chegar a ser o triplo de longos que os das femias. Están máis separados entre si cós cornos doutras especies do xénero Capra. Os machos adultos teñen tamén unha cara máis alongada e a típica barba de chivo escura baixo a mandíbula.

Mañá, outra especie endémica animal de España!

FONTE: Idea orixinal Amina Jover/quo.eldiario.es/ciencia e es.wikipedia.org   Imaxe: RaMaOrli

ESPECIES ENDÉMICAS DE ANIMAIS DE ESPAÑA II

Continúo coa serie adicada as especies endémicas de animais de España. A maioría delas están en risco, e merece a pena coñecelas para poder protexelas mellor.

2. LOBO IBÉRICO 

O lobo ibérico (Canis lupus signatus) tamén é unha especie que se atopa gravemente ameazada. Se antes estendíase por toda a península ibérica, hoxe a caza indiscriminada por parte dos gandeiros reduciu o seu hábitat ao norte do Douro. Son lobos de tamaño mediano, que se alimentan principalmente corzos e cervos, e en ocasións xabarís.

O seu tamaño é medio, algo máis pequeno que outros lobos europeos. De longo miden dende 130 ata 180 cm os machos, e dende 130 ata 160 cm as femias. A altura de cruz pode chegar aos 70 cm. Os machos adultos pesan xeralmente entre 30 e 40 kg, e as femias pesan de 20 a 35 kg. Presentan testa grande e maciza, orellas triangulares relativamente pequenas e ollos oblicuos de cor amarelenta. O fociño presenta unhas manchas brancas nos belfos denominadas bigoteiras. A súa pelaxe é heteroxénea, de tal xeito que se describen unhas franxas lonxitudinais escuras ou negras cubrindo a parte anterior das súas dúas patas dianteiras, unha mancha escura ao longo da cola, e outra mancha escura ao redor da cruz á que se lle coñece como cadeira de montar.

O conxunto destas marcas ou manchas escuras, son as que lle deron o nome "signatus" a esta subespecie de lobo, posto que "signatus" (en latín) significa "signado" ou "marcado".

Mañá, outra especie endémica animal de España!

FONTE: Idea orixinal Amina Jover/quo.eldiario.es/ciencia e es.wikipedia.org

ESPECIES ENDÉMICAS DE ANIMAIS DE ESPAÑA

España é o país con maior biodiversidade de Europa. Isto débese en parte á gran diversidade de climas e paisaxes, desde o norte chuvioso ata o sur semidesértico, desde os humidais na desembocadura dos ríos ata as altas montañas. Ademais, España conta con máis de 200.000 quilómetros cadrados de espazos protexidos.

Todo isto favorece que ademais, en España atópense notables especies endémicas de plantas e animais, é dicir, especies restrinxidas a unha área xeográfica concreta, e que non se atopan fóra dela. O lince ibérico, o oso pardo ou a cabra  montesa ibérica son algúns dos animais endémicos máis notables e espectaculares. A maioría destas especies están en risco, e merece a pena coñecelas para poder protexelas mellor.

Esta serie que hoxe comezo pretende precisamente iso, coñecer esas especies.

Comezamos!

1. O LINCE IBÉRICO

O lince ibérico (Lynx pardinus) é un dos felinos máis belos e máis ameazados do mundo. Na actualidade os poucos exemplares que sobreviven atópanse nos montes de Toledo e en Sierra Morena, ademais do parque nacional de Doñana, onde se alimenta de coellos e presas pequenas. Ten aproximadamente a metade de tamaño que a outra especie de lince europeo, o lince boreal, que se alimenta de presas máis grandes. O programa de recuperación conseguiu que o lince ibérico pase de «especie en perigo crítico de extinción» a «especie en perigo» nos últimos anos, aínda que queda moito por facer.

É un felino de aspecto grácil, con patas longas e unha cola curta cunha borla negra no extremo que adoita manter erguida baténdoa en momentos de perigo ou excitación. As súas características orellas puntiagudas están terminadas nun pincel de pelos negros ríxidos que favorece a súa camuflaxe ao descompoñer a redonda silueta da súa cabeza.

Tamén son características as patillas que colgan das súas fazulas. Aparecen a partir do ano de vida, cando apenas colgan por baixo do queixo e aumentan de tamaño coa idade. Os machos teñen as patillas e os pinceis negros e máis longos que as femias.

O seu  coloración varía de pardo a agrisado cos flancos moteados de negro.

É un lince de pequeno tamaño. Pesa aproximadamente a metade que o lince boreal ou euroasiático (Lynx lynx). Os machos adultos pesan unha media de 12,8 kg e as femias sobre 9,3 kg, chegando a pesar os machos ata 20 kg.

Mañá, outra especie endémica animal de España!

FONTE: Idea orixinal Amina Jover/quo.eldiario.es/ciencia e es.wikipedia.org

O INVERNO PASADO EN GALICIA, O MÁIS CÁLIDO E SECO DO SÉCULO

O informe climatolóxico do inverno 2021-2022 elaborado por MeteoGalicia, que inclúe os meses de decembro, xaneiro e febreiro, indica que a estación foi moi cálida, cunha anomalía positiva na temperatura media de +1,15ºC. En canto ás precipitacións, este inverno ten unha porcentaxe dun 37% inferior á media do período 1981-2010, o que fai que poida considerarse seco.

Porcentaxe de precipitación acumulada no inverno 2021-2022. Mapa de anomalías de precipitación en forma de porcentaxe respecto aos valores normais (1981-2010), sendo 100% a porcentaxe que representa a normalidade.

Referente ás precipitacións, estas no mes de decembro foron normais. Non ocorreu o mesmo en xaneiro, na que a porcentaxe de precipitación foi un 64% inferior ao habitual, considerándose un mes moi seco, cun número medio de días de chuvia maior ou igual a 1 L/m2 de 6,1. O inverno rematou cun febreiro no que novamente as choivas foron en xeral moi escasas, cunha porcentaxe de precipitación dun 67% inferior ao normal, menos incluso que no precedente no ano 2012.

Mapa de desviacións de temperatura media respecto ao valor de referencia no período 1981-2010. Foi un inverno cunha anomalía media de +1,6ºC.

A explicación a que os meses de xaneiro e febreiro tan pouco húmedos atopámola no predominio de situacións anticiclónicas frecuentes e duradeiras, que provocan tempo estable e ausencia de precipitacións, algo inusual para este período.

Respecto ás temperaturas, o inverno comezou cun mes de decembro no que as máximas e as mínimas foron elevadas, cunha temperatura media de 10,8ºC, o que representou unha anomalía de +2,1ºC, dando como resultado un mes moi cálido para este período. Xaneiro, en cambio, presentou un gran contraste entre as temperaturas máximas, extremadamente cálidas debido ao forte predominio anticiclónico, e as mínimas, que foron moi frías debido a que esta estabilidade deixaba noites despexadas con fortes xeadas en puntos do interior. Pese a iso, o mes considerouse cálido.

O inverno rematou cun mes de febreiro no que o predominio anticiclónico tamén foi o habitual. As temperaturas mínimas acadaron valores normais para esa época do ano, e mesmo foron frías nalgunhas localidades do interior. Non obstante, as máximas foron en xeral elevadas. No conxunto da comunidade a temperatura media acadou un valor de 9,7ºC, o que representa unha anomalía de +0.9º C, e por tanto, pode considerarse un mes cálido.

FONTE: Xiana Meda/gciencia.com/medioambiental