Blogia

vgomez

ENCRUCILLADO LXXXIX

VERTICAIS: 1. Planta herbácea perenne da familia das compostas, con talo duns cincuenta centímetros, follas longas segmentadas e flores de cor branca ou rosada reunidas en corimbos que, cocidas, se utilizan para curar feridas e de nome científico Achillea millefolium 2. Segundo río máis longo de Andalucía logo do río Guadalquivir, do que é afluente pola marxe esquerda 3. Desfiladeiro de paredes abruptas, con desniveis de máis de 500 m de altura e moi utilizado polo ser humano ao longo da historia, ao ser paso natural da Serra Morena e punto de conexión principal entre Andalucía e a Meseta, Castela-A Mancha, ou o que é o mesmo, co resto de España 5. Apelido do escritor lucense, falecido o pasado día 17, autor, entre outras obras, da novela Morte do rei.

HORIZONTAIS: 4. Micro-Estado soberano insular asiático situado na costa leste do golfo Pérsico, cuxa forma de goberno é a monarquía constitucional, organizado o seu territorio en cinco gobernacións, tendo por capital a cidade de Manama 6. Apelido, e nome polo que foi coñecido, do pintor, escultor, gravador, escenógrafo e escritor catalán, un dos principais representantes do surrealismo 7. Capital da República de Honduras 8. Músculo que está situado na coxa, de forma longa e estreita, que vai de forma oblicua desde a pelve ata a cara interna do xeonllo 9. Peixe da familia dos espáridos, de corpo oval, fociño alongado con catro cairos curvos, cor gris con manchas verdosas, coas aletas ventrais e anal alaranxadas e de nome científico Dentex dentex  10. Parte inferior da columna vertebral, articulada co sacro e formada por catro ou cinco vértebras soldadas, na especie humana, e que noutros vertebrados constitúe o esqueleto do rabo.

CANTO SABES SOBRE A HISTORIA DA ARTE? XX

Continúo coa serie CANTO SABES SOBRE A HISTORIA DA ARTE como disciplina académica, restrinxida ás denominadas artes visuais ou plásticas (esencialmente a pintura, escultura e arquitectura).

A contestación correcta á pregunta de onte é Modernismo. En francés Art nouveau, é o termo co que se designa a unha corrente de renovación artística desenvolvida a finais do século XIX e principios do XX, durante o período denominado fin de siècle e belle époque. En distintos países recibiu diversas denominacións: Art nouveau en Bélxica e Francia, España e Hispanoamérica, Jugendstil ou Art nouveau en Alemaña e países nórdicos, Sezession en Austria, Art nouveau ou Modern Style nos países anglosaxóns, Art nouveau ou Nieuwe Kunst en Países Baixos, e Art nouveau ou Style Liberty en Italia. Todas estas denominacións fan referencia á intención de crear unha arte nova, nova, libre e moderno, que representase unha ruptura cos estilos dominantes na época, tanto os de tradición academicista (o historicismo ou o eclecticismo) como os rupturistas (realismo ou impresionismo). Dúas ideas son fundamentais para entender a cultura moderna que estaba a emerxer: a conciencia de que “o futuro xa comezou”, que se relaciona co concepto de progreso; e a convicción de que para ter futuro non serven as pautas ou doutrinas de etapas anteriores, senón que é necesario crear as súas propias normas. Existe a ruptura co pasado e a aposta co futuro desde o mesmo presente.

E imos coa pregunta de hoxe!

20. Quen fixo esta escultura, denominada o Peite do vento?

- Santiago Calatrava

- Eduardo Chillida

- Joan Miró

- Salvador Dalí

Mañá a solución e unha nova pregunta!

FONTE: Idea orixinal culturizando.com e gl.wikipedia.org      Imaxe: gl.wikipedia.org     

#DígochoEu: Non digas *entorno

 

As expresións "en torno a" ou "en torno de" son outros dous castelanismos! Esther Estévez danos as alternativas!

#DígochoEu

A SOCIEDADE OLVIDOU A IMPORTANCIA DO AFECTO

 

Mestra, psicopedagoga e formadora de profesores e familias, Sonia López Iglesias destaca que a súa tarefa máis importante é a de ser nai de dous adolescentes. “Ser mamá ou papá é o único oficio do mundo no que primeiro che outorgan o título e logo cursas a carreira. Ademais, unha carreira de fondo, chea de tropezos e de non saber dar resposta”, afirma. Nesta carreira profesional e vital tivo ocasión de traballar en todas as etapas educativas, desde Educación Infantil a Secundaria, e impartir charlas e talleres sobre como mellorar a comunicación familiar, a intelixencia emocional e o que defende como “pedagoxía do querer”. 

Esta pedagoxía baséase nun acompañamento desde o amor incondicional, desde a confianza, desde o respecto, desde a creación dun vínculo sólido e desde a dispoñibilidade”, expón a experta, que comparte as súas reflexións en varios medios especializados en crianza e no seu blog Equilibrium. Segundo a súa experiencia, en tempos de incerteza e tensión, a sociedade esquece a importancia das mostras de afecto cara aos máis pequenos. “Os nosos fillos necesitan de nós o noso agarimo, tenrura e, sobre todo, que establezamos con eles un vínculo forte. Ese vínculo é o que lles vai a dar seguridade ante a vida”, conclúe.

#DígochoEu: Un par de dúbidas: 'anoche'? N velar?

 

No TikTok do #DígochoEu non paramos de resolver dúbidas! Como se di ’anoche’? Como pronunciamos o n de ’unha’?

CANTO SABES SOBRE A HISTORIA DA ARTE? XIX

Continúo coa serie CANTO SABES SOBRE A HISTORIA DA ARTE como disciplina académica, restrinxida ás denominadas artes visuais ou plásticas (esencialmente a pintura, escultura e arquitectura).

A contestación correcta á pregunta de onte é Verdadeiro. A Venus de Milo foi atopada, rota en dúas peza, en 1820, na illa grega de Milos, por un campesiño chamado Yorgos Kentrotas. Un oficial da mariña francesa, Jules Dumont d’Urville, decatouse do valor da obra e quixo comprala pero o prezo que o campesiño pedía pola escultura era demasiado alto, e como non levaba o diñeiro suficiente, recorreu a un embaixador francés en Constantinopla, quen accedeu a comprala. Con todo, anteriormente o campesiño acordara vendela aos turcos, o que iniciou un conflito pola posesión da estatua, incluso dise que algunha pelexa no último momento. Finalmente, a Venus de Milo saíu de Grecia no ano 1821, e logo de ser restaurada, presentoulla ao rei Luís XVIII no ano 1821 que a mandou colocar no museo do Louvre, onde aínda se exhibe. A obra en cuestión, tamén chamada pero menos coñecida como Afrodita de Melos, é unha escultura grega da época helenística que representa a deusa Afrodita (Venus para os romanos). É de  mármore, de preto de 2,02 m de alto, desprovista dos brazos e falta tamén do seu basamento orixinario. A partir dunha inscrición do perdido baseamento, a obra é atribuída a Alexandre de Antioquía. En tempos era, erradamente, adscrita ao célebre escultor Praxíteles.

E imos coa pregunta de hoxe!

19. Esta é a famosa obra O Beso, do pintor austríaco Gustav Klimt, pertencente ao…

- Surrealismo

- Modernismo

- Impresionismo

Mañá a solución e unha nova pregunta!

FONTE: Idea orixinal culturizando.com, buen-saber.com e gl.wikipedia.org      Imaxe: culturagenial.com

SISTEMA INTERNACIONAL DE UNIDADES (SI)

SISTEMA INTERNACIONAL DE UNIDADES (SI)

O Sistema Internacional de Unidades (abreviado SI, do francés Système international d’unités) é un sistema constituído por sete unidades básicas: metro, quilogramo, segundo, kelvin, amperio, mol e candea, que definen ás correspondentes magnitudes físicas fundamentais e que foron elixidas por convención.

Símbolo   NomeMagnitude
s    segundo     
tempo
m    metro lonxitude
kg    kilogramo masa
A    amperio corrente eléctrica
K    kelvin temperatura termodinámica
mol    mol cantidade de sustancia
cd   candelaintensidade luminosa

O segundo (s). Tradicionalmente, é definido como unha das 86.400 partes nas que se divide o período de tempo que tarda a Terra en dar unha volta sobre o seu eixo imaxinario (período tamén chamado día), mais a definición oficial de segundo é a duración equivalente a 9.192.631.770 períodos de radiación correspondente á transición entre os dous niveis hiperfinos do estado fundamental do isótopo 133 do átomo de cesio, medidos a 0 kelvin.

O metro (m). Definiuse inicialmente como a 10.000.000 parte do cuadrante do meridiano terrestre, mais actualmente, o metro defínese como a lonxitude do traxecto percorrido pola luz no baleiro durante un intervalo de tempo de 1/299.792.458 de segundo (Unidade de Base ratificada pola 17ª CGPM - 1983.)

O quilogramo (kg). Todos temos unha idea intuitiva da masa como a cantidade de materia que hai nun obxecto; pero esta noción é enganosa por imprecisa, pois se pode confundir coa cantidade de sustancia. E, por outra banda, tamén é frecuente confundir a masa co peso, posto que vivimos inmersos no campo gravitatorio terrestre e percibimos a masa dos obxectos (e do noso propio corpo) sobre todo polo seu peso. A nivel coloquial é frecuente confundir masa e peso, como cando se di que algo pesa 10 quilogramos, cando en realidade habería que dicir 10 kilopondios: o quilogramo é a unidade de masa, e o kilopondio é a forza con que a Terra atrae un obxecto de 10 quilogramos de masa. A masa defínese en relación coa inercia: é aquela propiedade dun obxecto físico que determina a súa aceleración ao ser sometido a unha forza (de acordo coa fórmula F = m.a).

En canto á cantidade de sustancia, outra das magnitudes fundamentais, é o número de entidades elementais (normalmente átomos ou moléculas, aínda que tamén se pode tratar de ións, electróns ou outras partículas). A unidade é o mol, que é a cantidade de sustancia que ten un número de entidades elementais igual ao de átomos que hai en 12 gramos de carbono-12. Ese número é o coñecido como número de Avogadro, aproximadamente 6,022 x 10²³. Un mol dun elemento é o seu peso atómico expresado en gramos e, por tanto, nun mol de calquera elemento hai o mesmo número de átomos (o número de Avogadro). Por iso os moles utilízanse sobre todo para axustar as recciones químicas, xa que indican as cantidades dos distintos elementos que interveñen nunha reacción ou unha fórmula; así, posto que o dióxido de carbono é CO₂, un mol de CO₂ (44 gramos) fórmase combinando un mol de carbono (12 gramos) con dous moles de osíxeno (2 x 16 = 32 gramos). Por iso a cantidade de sustancia denomínase tamén “cantidade química”.

O kelvin (k). O cero kelvin é o cero absoluto, a temperatura á que cesan completamente os movementos moleculares. Un kelvin é a fracción 1/273.16 da temperatura termodinámica do punto triplo da auga (0.01°C).

A candea (cd) debe o seu nome a que é aproximadamente igual á intensidade luminosa dunha vela común, a sesaxésima parte da luz emitida por un centímetro cadrado de platino puro en estado sólido á temperatura do seu punto de fusión (2046 K).

O amperio (A), é a intensidade dunha corrente eléctrica dun culombio por segundo, sendo o culombio equivalente á carga eléctrica duns 6,24 x 10¹⁸ electróns.

FONTE: Carlo Frabetti/elpais.com/ciencia e gl.wikipedia.org

25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA MULLER

 

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller conmemórase anualmente o 25 de novembro para denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación.

A convocatoria foi iniciada polo movemento feminista latinoamericano en 1981, en conmemoración á data na que foron asasinadas, en 1960, as tres irmás Mirabal (Patria, Minerva e María Teresa), na República Dominicana. En 1999, a xornada de reivindicación foi asumida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa resolución 54/134, o 17 de decembro de 1999, entendendo por violencia contra a muller "todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto si prodúcense na vida pública como na vida privada", e convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a convocar actividades dirixidas a sensibilizar á opinión pública sobre o problema da violencia contra as mulleres.

Está nas nosas máns evitalo!