Blogia

vgomez

CARA CÓSMICA FANTASMAL

A 704 millóns de anos luz da Terra, este sistema está catalogado como Arp-Madore 2026-424 / NASA, ESA, J. Dalcanton, BF Williams e M. Durbin (Universidade de Washington)

O espazo segue revelando incribles imaxes aos ollos do Telescopio Espacial Hubble. Neste caso, e coincidindo coa festividade de Halloween, a NASA e a Axencia Espacial Europea (ESA) fixeron pública unha captura de dúas galaxias do mesmo tamaño en colisión que se asemellan a unha cara cósmica fantasmal. A observación foi realizada o pasado 19 de xuño en luz visible pola cámara avanzada do telescopio espacial.

FONTE: abc.es/ciencia

CANDO A TERRA ERA UNHA BOLA DE NEVE

A nai de todas as glaciacións / Universidade de Barcelona/lavoz.es

Hoxe estase producindo un quecemento global. Un serio problema que non supón ningunha ameaza para a Terra senón para os seres vivos. O mundo superará facilmente calquera cambio climático, tal e como fixo no pasado. Desde que se formou hai 4.500 millóns de anos atravesou períodos moito máis hostís que o actual. Houbo incluso unha época na que se converteu nunha bóla de neve, unha teoría que acaba de ser apoia por unha recente investigación baseada en novas evidencias achadas en rochas sedimentarias.

Durante unha glaciación prodúcese un notable descenso da temperatura media. A capa de xeo esténdese e acada moitas rexións, mesmo de latitudes medias. Hai 600 millóns de anos tivo lugar a nai de todas as glaciacións. Os casquetes polares foron avanzando desde o norte e o sur ata alcanzar o Ecuador. Crese que a temperatura na chamada etapa Crioxénica descendeu ata os vinte graos baixo cero.

As causas dese drástico cambio climático, como o de hoxe, foron unha serie de variacións na atmosfera. Por entón había unha concentración máis elevada de dióxido de carbono e metano, pero empezaron a descender os niveis destes gases de efecto invernadoiro e o clima comezou a arrefriarse de forma intensa.

A acumulación do xeo produciu á súa vez un efecto de retroalimentación polo albedo, xa que a neve rebota toda a radiación solar. Desta forma o branco non tardaría en cubrir o planeta enteiro prexudicando gravemente aos seres vivos. Naqueles anos eran todos mariños e unicelulares. Cando o océano comezou a conxelarse tiveron moitas dificultades para sobrevivir. A inmensa maioría dos organismos extinguíronse pero a vida atopou un refuxio nas profundidades, nas fumarolas ou chemineas hidrotermais. Aquí afloran os materiais terrestres desde o interior do planeta. Son unha especie de volcáns mariños que achegan gases, minerais e sobre todo altas temperaturas. O sorprendente é que co tempo, foron aparecendo unha serie de organismos novos e pluricelularais. É dicir, a vida non só resistira senón que evolucionou.

Os científicos que estudaron este evento climático do pasado aseguran que a Terra saíu adiante grazas á actividade volcánica, que inxectou dióxido de carbono na atmosfera e desta forma volveu poñerse en marcha o efecto invernadoiro que produciu un quecemento que contrarrestou o arrefriado global. Os diminutos seres vivos que sobreviviron e naceron durante a bóla de neve son os devanceiros máis afastados. A vida que hai na Terra, incluída a especie humana, é filla do xeo.

FONTE: Xavier Fonseca/lavoz.es

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XV

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

15. España: A Mesquita de Córdoba

 A mesquita de Córdoba é o monumento máis senlleiro da arte andalusí que se atopa na cidade española de Córdoba.  O seu arquitecto é descoñecido, pero sábese que a mesquita foi construída entre o 785 e o 788 baixo o reinado de Abd al-Rahman I, coa apropiación e reutilización dos materiais da basílica hispanorromana de San Vicente Mártir, que se atopaba no seu lugar, polos conquistadores musulmáns. O edificio resultante foi obxecto de ampliacións durante o emirato de Córdoba e o califato de Córdoba. Con 23.400 metros cadrados, foi a segunda mesquita meirande do mundo en superficie, por detrás da mesquita da Meca, sendo só alcanzada posteriormente pola mesquita Azul (Istambul, 1588). Unha das súas principais características é que o seu muro da quibla non foi orientado cara a Meca, senón 51º graos máis cara o sur, algo adoito nas mesquitas de al-Andalus. En 1238, logo da Reconquista cristiá da cidade, levouse a cabo a súa consagración como catedral da diocese coa ordenación episcopal do seu primeiro bispo, Lope de Fitero. Foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1984.

A moeda de 2 euros do noso país recolle esta construción.

Mañá outra moeda, tamén do noso país e máis coñecementos!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XVI

 

Esta é a bandeira dos Países Bixos (Nederlan), localizado no noroeste de Europa, e un dos países constituíntes do Reino dos Países Baixos que abrangue a súa parte europea e os municipios especiais de Bonaire, Saba e San Eustaquio. Forma parte da Unión Europea. Ten unha poboación que rolda os 17 millóns de habitantes e a súa capitañ é Ámsterdam. Os idiomas oficiais son o neerlandés, convivindo co frisón.

A bandeira divídese en tres franxas horizontais do mesmo grosor. As cores da bandeira son o vermellón, o branco e o azul cobalto. O vermellón ten que ver co sangue dos que defenderon o país, o branco símbolo da paz e o cobalto os mares e ríos dos Paises Baixos.

FONTE: gl.wikipedia.org

O SEXTO PLANETA ANANO DO SISTEMA SOLAR: HIGÍA

Imaxe de Higía tomada polo Telescopio Moi Grande, en Chile / ESO


Un estudo publicado esta semana mantén que o sistema solar ten un novo planeta anano que é, de feito, o máis anano de todos. O corpo en cuestión é Higía, o cuarto maior do cinto de asteroides despois de Ceres, Vesta e Pallas.

Ata o de agora sabíase que Higía cumpría dous das tres condiciones para ser un planeta anano: orbita en torno ao Sol e non despexou da súa órbita outros corpos. Esta condición foi a que elegou a Plutón a esta categoría. Agora, un equipo internacional de astrónomos usou o Telescopio Moi Grande (VLT), situado no deserto de Atacama en Chile, para pescudar se cumpre a terceira condición, que teña gravidade propia e por tanto teña forma redonda.

"Grazas á capacidade única do instrumento SPHERE instalado no VLT, puidemos resolver a forma de Higía, que resulta ser case esférica", afirma o investigador principal do Laboratorio de Astrofísica de Marsella, en Francia. "Grazas a estas imaxes, Higía pode ser reclasificada como un planeta anano, por agora o máis pequeno do Sistema Solar".

Ata o momento existen cinco planetas ananos confirmados: Plutón, Ceres, Eris, Makemake e Haumea. As observacións co telescopio chileno, publicadas en Nature Astronomy, mostran que o diámetro de Higía é de 430 quilómetros. Ceres, considerado o máis pequeno ata o de agora, ten 950 quilómetros.

As novas observacións profundan o misterio sobre a orixe de Higía, que toma o seu nome da deusa grega da saúde e a hixiene. Este corpo é o maior dunha familia de 7.000 asteroides. Pénsase que a súa orixe está na descomposición dun corpo duns 100 quilómetros de diámetro hai miles de millóns de anos. Os astrónomos realizaron simulacións numéricas para entender as dimensións dos corpos que chocaron. Os resultados apuntan a que a forma esférica de Higía é resultado dunha colisión frontal cun proxectil dun diámetro de entre 75 e 125 quilómetros. Ese impacto ocorrería hai uns 2.000 millóns de anos e esnaquizou por completo o corpo principal. Unha vez as pezas sobrantes volveron unirse, déronlle a Higía a súa forma esférica. Foi a última gran colisión no cinto de asteroides dos últimos 4.000 millóns de anos, explica o coautor do traballo. Pero todo isto non encaixa coas observacións realizadas co telescopio VLT. Os astrónomos cubriron o 95% da xeografía do planeta anano sen achar ningún cráter compatible cunha colisión das dimensións estimadas.

CONFÍA NOS TEUS FILLOS PARA QUE ELES CONFIEN EN TI

 

O pintor e investigador Arno Stern naceu en 1924 e viviu unha infancia marcada pola ameaza do ascenso de Hitler en Alemaña, a fuxida, a fame e a Segunda Guerra Mundial. Sobreviviu cos seus pais nun campo de traballo en Suíza, que substituíu ao colexio e instituto. “Antes pensaba que a guerra impediume ir á escola, hoxe creo que me salvou de ela”, lembra  Stern, que anos despois non escolarizou aos seus fillos para respectar os “ritmos e rituais da infancia”.

Arno Stern é autor da Formulación, teoría que defende que o ser humano comparte unha “memoria orgánica” universal, que se expresa a través do “xogo de pintar”, con debuxo libre e espontáneo. “Un neno nómade do deserto, debuxaría o mesmo que os nenos que viven na cidade? Algo distinto ou as mesmas cousas, pero dunha maneira acorde á súa cultura, propia do seu modo de vida? Ninguén podía responder a esta pregunta porque ninguén se fixo dita pregunta antes. Así que viaxei polo mundo visitando nenos non escolarizados, na selva ou o deserto, que nunca pintaran. E si, deilles papel e pintura… e debuxaban o mesmo”.

Esta investigación deu paso á creación dunha disciplina denominada Semiología da Expresión, que implica no seu estudo a biólogos, antropólogos, xenetistas, psicólogos, neurofisiólogos, e prehistoriadores. E serviu de inspiración ao seu fillo non escolarizado, André Stern, músico e escritor, que o entrevista nesta ocasión. Xuntos desenvolven a idea de educación alternativa baseada nun só principio: “Quérote porque es como es”.

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XIV

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

14. España: Acueduto de Segovia

O acueduto de Segovia é un acueduto construído a cabalo dos séculos I e II, entre o reinado dos emperadores romanos Vespasiano e Traxano na actual localidade de Segovia. Na súa construción empregáronse grosso modo uns 35.000 bloques de granito. A parte máis visible, e por tanto famosa, é a arquería que cruza a praza do Azoguejo, na cidade.

A moeda de 2 euros do noso país recolle esta construción romana.

Mañá outra moeda, tamén do noso país e máis coñecementos!

FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org

BANDEIRAS DO MUNDO XV

 

Esta é a bandeira de Omán (Sultanato de Omán / سلطانة عمان), un país situado no extremo oriental da Península da Arabia. Ten unha poboación duns 3 millóns de habitantes e a súa capital é Mascate. A lingua oficial é o árabe.

A bandeira consta de tres franxas (branco, verde e vermello) cunha barra vermella á esquerda que contén o emblema nacional de Omán. O branco está representa a paz e a prosperidade, o verde a fertilidade e as montañas e o vermello as loitas contra os invasores estranxeiros. O vermello é a cor da antiga bandeira da nación, cando era coñecida simplemente como o Sultanato de Muscat e Omán.

FONTE: gl.wikipedia.org