Blogia
vgomez

OUTRAS COUSAS

CASTROS DE GALICIA IX

 

Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Meixón.

No lugar de Cespón, Concello de Boiro (A Coruña), atópase unha punta natural na que se localizan os Castros de Neixón. Trátase dun espazo situado en pártea norte da Ría de Arousa, ao carón da ensenada formada pola desembocadura dos ríos Grande e Beluso. Constitúen en si mesmos, un dos conxuntos arqueolóxicos da época castrexa de maior antigüidade de Galicia, datados entre o s.V a.C. e o s.IV d.C; motivo polo cal foron declarados Ben de Interese Cultural no ano 2011 pola Xunta de Galicia.

Os coñecidos como Castros de Punta Neixón son dous poboados contiguos: Castro Pequeno e Castro Grande, cuxo período de ocupación transcorre desde finais da Idade de Bronce até a época tardorromana.

O chamado Castro Pequeno está situado nunha pequena península e ten os testemuños máis antigos de ocupación debido á unión entre os indíxenas Oestrimnios  con pobos chegados desde o noroeste europeo a finais do s.VI a.C. Constátase o paso dunha arquitectura feita con materiais perecedoiros a outra constituída por cabanas de planta circular con zócalos de pedra, parapetos de barro e madeira e cubertas de palla: época castrexa.

O Castro Grande, a escasos 100 metros do anterior, foi fundado a finais do século V a. C. posiblemente cando o Castro Pequeno estaba xa abandonado ou en proceso de abandono. Foi unha pequena aldea delimitada cunha serie de elementos defensivos como son os fosos e terrapléns. Os seus habitantes cultivaban cereais, colleitaban froitos silvestres, coidaban o gando e completaban a súa dieta coa pesca e as actividades marisqueiras. Ademais, practicaban a metalurxia, e pola súa situación estratéxica, desenvolveron un importante comercio co mediterraneo, tanto na época do comercio púnico como no romano.

Mañá outro castro!

CASTROS DE GALICIA VIII

Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Castromao.

É un castro situado no concello de Celanova, no sueste da provincia de Ourense. Suponse que foi habitado polo pobo dos coelernos. En 2018 foi declarado Ben de Interese Cultural.

Está situado nun outeiro de 732 metros de altura, desde o que se domina o curso do río Arnoia e os castros de Novelle, Trelle, Merca e Berredo. Ten unhas dimensións de 150 metros no eixo norte-sur e 130 no leste-oeste. O interior da parte amurallada ocupa uns 20.000 m². O terreo presenta un forte desnivel, salvo na súa parte noroeste, onde é bastante menos pronunciado. Polas súas inmediacións discorría unha calzada secundaria da Vía XVIII do itinerario de Antonino, relacionada coa ponte do Freixo.

Foi habitado durante a época castrexa, remontando ó século VI a.C. e mantívose poboado ata o século III. Desta época data o nome de Castromao (castro malo) polo lugar de Vilanova (que máis tarde foi bautizada como Vilanova dos Infantes por ter sido lugar de residencia temporal dunha infanta), debido, segundo fontes medievais, ó seu mal emprazamento para o aproveitamento agrícola.

Mañá outro castro!

PRIMEIRA ÁRBORE XENEALÓXICA DE TODOS OS HUMANOS

Liñaxes ancestrais humanos inferidos ao longo do tempo e o espazo. Cada liña representa unha relación devanceiro-descendente na nosa xenealoxía inferida de xenomas modernos e antigos. O ancho dunha liña corresponde a cantas veces obsérvase a relación, e as liñas  coloréanse segundo a idade estimada do antepasado / W.  Wohms

Investigadores en EE UU e Reino Unido acaban de compoñer a maior árbore xenealóxica da historia, pois representa a todos os humanos vivos do planeta Terra. Este  complejísimo mapa recolle o parentesco das diferentes poboacións humanas actuais xeración a xeración ata a orixe dos nosos antepasados remotos en África. A árbore desvela novos detalles sobre as migracións da nosa especie polo planeta e pode aclarar momentos cruciais, como a saída de África dun grupo de Homo sapiens hai 72.000 anos —ou 2.400 xeracións— e do que descendemos todos os humanos actuais.

“Este é a maior árbore de familia dos humanos e describe a nosa orixe e expansión polo mundo baseado nas variacións xenéticas da especie”, explica Wilder Wohns, investigador do Instituto Broad (EE UU) e primeiro autor deste traballo, que se publicou na revista Science. Esta árbore xenealóxica humano é en realidade un “primeiro borrador”, aclara  Wohns. Ter a imaxe completa requiriría coñecer o xenoma de todos os humanos vivos e o de todos os que viviron, que sumarían uns 124.000 millóns de almas desde que o Homo sapiens comezou a existir hai uns 200.000 anos.

Esta xenealoxía compúxose a partir de fontes diversas. A principal é o xenoma de 3.601 persoas actuais que viven en máis de 200 lugares diferentes do planeta. Tamén se incluíu a secuencia xenómica detallada de tres neandertais, os nosos parentes humanos máis próximos e un denisovano.

Tamén se incluíu a secuencia xenética dunha familia completa de Homo sapiens —pai, nai e dous fillos— que viviu nos montes Altai de Rusia hai 4.600 anos. Esta familia pertenceu á cultura afanasievo, que xeneticamente era moi parecida aos yamnaya, un pobo de xinetes e pastores que protagonizaron un dos capítulos máis interesantes e escuros da historia: a ocupación de boa parte de Europa occidental grazas en parte a unha tecnoloxía punteira: a roda. O azoute yamnaya chegou ata a península Ibérica, onde desprazaron aos homes locais case por completo, segundo un estudo de 2018 liderado polo prestixioso xenetista David Reich, que tamén é coautor do traballo actual. A nova “xenealoxía unificada” da nosa especie tamén emprega outros 3.589 xenomas humanos antigos.

O xenoma de cada persoa contén 3.000 millóns de letras que compilan todas as instrucións necesarias para que o seu organismo funcione correctamente. Unha errata dunhas cantas letras nesa secuencia poden xerar cambios importantes, como unha maior capacidade a para vivir nos lugares máis altos do planeta ou un maior risco a desenvolver tumores. A nova árbore xenealóxica analiza máis de seis millóns de secuencias xenéticas e 245 millóns desas erratas —mutacións— para remontarse na árbore xenealóxica humano. “O nivel de detalle é tremendo, temos información duns 27 millóns de devanceiros de persoas actuais. O que obtemos é un mapa con liñas e nodos que serven para estimar os roteiros de migración dos humanos por todo o planeta durante toda a historia da especie humana”, resalta  Wohns.

A nova árbore coincide moi ben co que xa se sabía por achados paleoantropolóxicos, como que o grupo de sapiens do que descendemos todos os humanos actuais viviu no Nordés de África hai 72.000 anos. As 100 liñaxes máis antigos teñen como epicentro un punto do nordés de Sudán. O punto podería perfectamente estar no roteiro cara a Exipto e Oriente Próximo que seguiron os nosos devanceiros.

A nova árbore xenealóxica tamén ve claramente o sinal xenético de que os nosos antepasados tiveron sexo e fillos cos  neandertales e os  denisovanos, dous grupos humanos hoxe extintos. Hai sinais de algo moito máis inquietante: algunhas poboacións de Asia e  Oceanía, principalmente de  Papúa Nova Guinea, levan material xenético de humanos “pantasma”;  homínidos arcaicos de especie descoñecida cos que se toparon os  sapiens e non dubidaron en cruzarse con eles.

O traballo tamén detecta varios momentos nos que algunhas poboacións humanas estiveron a piques de desaparecer. Unha das aplicacións pendentes desta nova árbore pode ser explorar que sucedeu hai 74.000 anos, cando a poboación mundial reduciuse a uns poucos miles de persoas xusto tras a erupción do volcán Toba, en Sumatra, que provocou un cambio climático a temperaturas máis xélidas que durou mil anos.

As técnicas aplicadas á creación desta árbore teñen moitas máis aplicacións, argumenta Wohns. “Máis aló da historia evolutiva, hai moitas investigacións biolóxicas que necesitan saber como evolucionaron as diferentes poboacións humanas no tempo e o espazo. Isto pode facerse grazas a esta nova técnica, que tamén serviría para animais domésticos, especies salvaxes ameazadas, vectores de enfermidades e doenzas de orixe xenética como o cancro”, resalta

FONTE: Nuño Domínguez/elpais.com/ciencia

CASTROS DE GALICIA VII

 

Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Fazouro.

Este castro sitúase sobre a Punta Fazouro ou Punta do Castro, en Foz (Lugo), xunto á praia de Area Longa. Trátase dunha pequena punta que pentra uns metros no mar e cunhas condicións naturais defensivas favorables para albergar un poboado de orixe castrexo.

É un dos castros costeiros máis escavados de toda a costa cantábrica galega. Podemos ver as murallas, o foso e parte das vivendas de forma rectangular salvo unha que se conservou de forma ovalada. O motivo destas construcións rectangulares é que estas pertencen ao período final de ocupación (s.III) e por esas datas, debido á romanización, xa se abandonou a construción de vivendas circulares.

O poboado ten forma pentagonal e unha das puntas que penetra no mar foi o lugar elixido para realizar as escavacións que puxeron ao descuberto unha gran cantidade de estruturas arquitectónicamente ben conservadas. Neste lugar poderemos ver un gran foso escavado na rocha e o aspecto ondulado que presentaba o terreo que segundo algúns estudos testemuñan que o castro na súa orixe penetraríase no mar uns 30 metros máis e que este terreo perdeuse por mor da erosión. Púidose comprobar a existencia duns chanzos de lousa na parede dunha vivenda que fan probable a existencia dunha segunda planta na edificación, caso novo na época.

Supónselle unha ocupación entre os séculos II a.C e III d. C. Nestas últimas épocas a existencia de poboados xunto ao mar fíxose moi difícil debido ás incursións mariñas de piratas e outros invasores que empezaban a saquear as nosas costas polo que tiveron que afastarse algo do mar. O castro ocupa unha extensión aproximada de 7.000 m2 aínda que actualmente só hai escavada un sete vivendas.

Mañá outro castro!

CASTROS DE GALICIA VI

 

Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Troña.

Iste poboado castrexo está situado dentro do termo parroquial de Pías no conello de galego de Ponteareas (Pontevedra), a unha altitude aproximada de 280 msnm, nun monte coñecido como Doce Nome de Xesús.

O recinto do castro ten forma elíptica ou oval, presentando amplas terrazas na súa pendente oeste e un ancho foso escavado na rocha polo nacente. Mide 120 metros de norte a sur e 200 metros de leste a oeste. Os restos datan do século I a. C., pero crese que puido estar poboado con anterioridade.

Nel hai arredor de 30 construcións excavadas. Son de variada tipoloxía podendo observar construcións de planta circular, elíptica, cadrada e rectangular.

Mañá outro castro!

CASTROS DE GALICIA V

 

Continúo coa serie CASTROS DE GALICIA. Hoxé tócalle ao castro de Vidalonga.

É un castro galaico-romano situado no municipio de Castro de Rei, provincia de Lugo. Está localizado sobre un outeiro de 535 metros sobre o nivel do mar, desde onde se domina visualmente gran parte da comarca lucense da Terra Chá. O 11 de decembro de 2009 foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.

O recinto ocupa unha extensión aproximada de 4 ha intra murallas, das que 10.000 m² corresponden á croa de forma cuadrangular irregular (100x95 m) cos ángulos redondeados.

A muralla principal é de perpiaños de xisto, que chega a unha altura de 12 a 14 metros cara ao foxo. Predominan os materiais de época romana avanzada ou tardorromana.

Mañá outro castro!

CASTROS DE GALICIA IV

 

Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Baroña.

Iste castro está situado na parroquia de Baroña, no concello de Porto do Son, provincia da Coruña. O asentamento está construído nunha península, situándose a súa ocupación nos séculos I a.C. e I d.C.

Posuía dúas murallas ao seu redor e consérvanse 20 vivendas circulares ou alongadas.

No istmo que une o poboado ao castro escavouse un foxo de catro metros de ancho e tres de fondo que constitúe a primeira liña de defensa. A continuación hai unha muralla consistente en dous muros de cachotería case paralelos cun recheo de area e pedras. Pénsase que orixinariamente continuaba ata conectar coa muralla do poboado, creando un espazo probabelmente non ocupado con vivendas.

O poboado debeu de ser autosuficiente. Dentro do castro non hai auga, nin mananciais nin alxibes, polo que debeu ser preciso ir a procura no exterior. Pénsase que a alimentación tiña como principal fonte o mar: lapas, mexillóns, caramuxos e peixes; tamén se consumían bóvidos, cabras, ovellas e landras.

Hai restos de metalurxia (fornos), traballo da pedra e de tecido (fusaiolas).

Mañá outro castro!

23 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Rosalía de Castro e poema  / cuadernosdelatorre.es

O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego e, por primeira vez, neste curso escolar 2021/2022 inclúe a celebración desta efeméride na súa programación. Unha data que ata o de agora, e diante o descoñecemento do día exacto do nacemento da poeta, celebrábase o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautismo.

Este cambio prodúcese despois de que a investigadora galega Sagrario Abelleira revelase o pasado ano nova documentación que acredita a data de nacemento real: 23 de febreiro de 1837. Iste ano celebramos o seu 185 aniversario.

Seguro que a maior parte de nós coñecemos os datos máis relevantes sobre ela, a saber: Naceu o 23 de febreiro de 1837 no Camiño Novo, un arrabalde da cidade de Compostela. Súa nai, María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, proviña dunha familia fidalga vida a menos. A súa paternidade atribúese a José Martínez Viojo, crego de profesión; e o seu coidado, durante a nenez, ás tías paternas. Con todo, non existen probas que avalen estas afirmacións, aínda que si sabemos da infancia leda de Rosalía nas vilas de Ortoño e Padrón, pois así o lembra a autora nun dos seus poemas de Cantares Gallegos. Posteriormente, arredor do ano 1850, nai e filla trasládanse a Santiago de Compostela. Na cidade comeza a recibir formación musical e literaria na Sociedad Económica de Amigos del País e participa nas actividades do Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista.

En 1856 Rosalía marcha a Madrid, onde vive cunha curmá. As súas primeiras obras comezan entón a ver a luz: o libro de poemas La Flor, en 1857, e a novela La hija del mar, en 1859. En 1858 casa co excelso investigador Manuel Murguía. Ao ano seguinte ambos regresan a Galicia no que será o inicio dunha vida itinerante, debido aos cargos de funcionario de Murguía, que levarán á parella e aos seus once fillos a vivir en diversos lugares.

A década de 1860 foi un período de efervescencia intelectual e política na que Rosalía e Murguía participaron seguindo a corrente federalista e republicana. Neste contexto, no ano 1863, a autora publica Cantares Gallegos, marcando o inicio do Primeiro Rexurdimento. Rosalía era xa unha escritora profesional que colaboraba en diversas publicacións, ao tempo que atendía as obrigas familiares entre Castela e Galicia, onde se instalará definitivamente na década dos 70. O seu derradeiro libro de poemas en galego, Follas Novas, foi publicado en 1880.

En castelán publicou La flor (1857), A mi madre (1863), En las orillas del Sar (1884) e a novela El caballero de las botas azules (1867), todas elas encadradas no movemento romántico.

A existencia de Rosalía estivo sempre marcada polos problemas económicos, derivados da inestabilidade laboral de Murguía, e pola súa feble saúde. Un cancro remataría coa vida da autora o 15 de xullo de 1885, dez anos despois de instalarse en Padrón. Os seus restos repousan actualmente no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.

Pero hoxe, quixérame parar nas OUTRAS ROSALÍAS ESQUECIDAS, como as chamaba Mar Mato nun artigo publicado hai uns días no Faro de Vigo.

Filomena Dato, Pura Vázquez, Herminia Fariña e María Mariño, as outras Rosalías / farode vigo.es

Filomena Dato Muruais, nada en Ourense o 26 de xullo de 1856 e finada na Coruña o 27 de febreiro de 1926. Pouco se sabe da súa vida, e a meirande parte dos seus datos biográficos están relacionados co seu labor social e cultural. Colaborou con composicións poéticas en xornais como El Heraldo Gallego, Galicia Recreativa ou o Album Literario. Igualmente, participou do movemento literario que iniciara Valentín Lamas Carvajal en Barbaña. En 1906, foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega.

Filomena foi unha fervente feminista. Canda Rosalía de Castro, é unha das máis senlleiras representantes da lírica feminista do século XIX, un momento en que o machismo era a ideoloxía dominante, non só entre a xente sen formación cultural, senón tamén entre a intelectualidade. Cuestións como se as mulleres tiñan alma, conciencia e remorsos, ou se eran as portadoras do pecado por herdanza de Eva eran comúns nos debates sociais e filosóficos nesa altura.

As súas reivindicacións feministas están patentes no poemario Follatos (1891), o seu único libro en lingua galega. Morreu cega aos 69 anos de idade.

Carmen Pura Vázquez Iglesias, nada en Ourense (no barrio do Polvorín) o 31 de marzo de 1918 e finada na mesma cidade o 25 de xullo de 2006, foi unha poetisa galega. Representante da poesía de posguerra, apostou por unha saída lírica e existencialista fronte a liñas máis combativas. Poetisa en galego e castelán, e irmá da escritora Dora Vázquez, tamén se conta entre as escritoras vencelladas á emigración. Foi a primeira muller que comezou a publicar en galego nos xornais e revistas de Galiza e da emigración tras a guerra civil. Tamén foi unha das pioneiras no eido da literatura infantil e xuvenil.

Estudou a carreira de Maxisterio. Desempeñou a primeira escola, logo da oposición, en diversas localidades da provincia ourensá e logo por Segovia, Toledo, Sevilla ou Madrid. Nesta última capital xubilouse en 1985, cando enviuvou, e regresou definitivamente a Ourense, onde viviu os seus derradeiros vinte anos de vida.

En 1955 viaxou por primeira vez a Venezuela, onde foi encargada polas autoridades venezolanas de organizar e dirixir un xardín de infancia piloto en Caracas. Un ano despois, é chamada pola Universidade Central para ser secretaria da Escola de Xornalismo, que daquela funcionaba dentro da Facultade de Letras. Alí tamén mantivo contactos co ámbito literario da emigración galega. Regresou á docencia na península en 1968.

Comezou a escribir e publicar desde moi nova, en revistas e prensa galegas, fundamentalmente ourensás. En 1944 a Deputación de Ourense publicoulle o seu primeiro libro de poesía en castelá. Antes, en 1943, publicáranlle xa persoas particulares unha edición de 18 exemplares doutro libro tamén escrito en castelán, pero que incluía xa nove poemas en galego, o que para aquela data era algo insólito. Neste idioma publica tamén xa entón contos e poesías en xornais e revistas galegas de Galiza e da emigración, como no Centro Gallego de Buenos Aires.

En 1952 editouse como número dous da Colección Xistral, o seu libro Íntimas totalmente xa escrito en galego. En Galiza, e logo en Castela e en Venezuela, seguiu publicando poesía, alternando o galego co castelán. Posteriormente atravesou un intervalo de preto de nove anos sen escribir, por motivos familiares e de saúde.

Xa xubilada e volvida para a casa familiar das Mercedes, en Ourense, publicou en 1990 e 1991 unha antoloxía poética en castelán e outra en galego, onde recolleu parte da obra que fora editando en todos os seus anos anteriores. A partir dese momento, seguiu publicando poesía, fundamentalmente en galego. Moitas das súas obras foron editadas por ela mesma, fóra de editoriais comerciais, e escritas a miúdo a catro mans coa súa irmá Dora Vázquez.

Herminia Fariña Cobián, nada en Santiago de Compostela o 4 de abril de 1904[1] e finada en Simes (Meaño) o 16 de outubro de 1967. Filla de José Fariña González, militar, e Regina Cobián Tejo, viviu a infancia en diferentes cidades pola profesión do pai. Aos dez anos trasládase a Simes, Meaño, á casa da avoa materna, onde comeza a desenvolver a súa vocación literaria.

Os seus versos apareceron nas revistas Vida Gallega, da que foi asidua colaboradora, e Gloria Femenina. O seu primeiro libro foi Cadencias, un poemario en castelán publicado en Pontevedra en 1922. En 1924 publicou Seara, con poemas en galego.

Tamén publicou en galego o poema dramático Margarida a malfadada e a peza cómica O soldado froita e outros diálogos e monólogos. Margarida a malfadada, xunto coa comedia en castelán La marquesa de Miraflores, foron estreadas no Teatro Principal de Santiago o 23 de marzo de 1927.

Colaborou en La Temporada en Mondariz e publicou nesa vila Pétalos líricos en 1927. Foi elixida membro non numerario da Real Academia Galega en 1925.

Marchou a Buenos Aires, onde colaborou en publicacións como Céltiga, La Razón ou El Mundo de Montevideo. Tamén publicou alí Bajo el cielo porteño (1930) e Hosanna (1931). Regresou a Galicia en xaneiro de 1932 e escribiu unha zarzuela en tres actos e un cadro, O avarento, con música de José Jané. Foi vivir co pai, destinado en Calatayud, onde fundou e dirixiu a revista Fortaleza dende febreiro de 1935. A finais de 1935 malvivía en Madrid, e mesmo se chegou a solicitar colaboración popular para aliviar a súa situación.

En 1937 publicou ¡Por España y para España! (El libro del combatiente), con 14 poemas de exaltación relixiosa e franquista, dez deles en castelán e catro en galego. O libro foi utilizado como propaganda polo bando sublevado. Ante o goberno franquista de Burgos publicitábase como orfa de pai, "asasinado polo bando republicano". Colaborou en La Noche, Sonata Gallega e Ciudad. En 1950, con motivo das festas de Vigo, publicou o folleto Cantiga serea con tres poemas.

A principios da década de 1960 instalouse definitivamente en Simes, Meaño, onde morreu o 16 de outubro de 1966.

María Mariño Carou, nada en Noia o 8 de xuño de 1907 e finada en Seoane do Courel (Folgoso do Courel) o 19 de maio de 1967, con escasa obra (poética en galego e narrativa en castelán), foi unha das escritoras galegas máis importantes do século XX, encadrada na xeración do 36, reivindicada para a literatura galega pola xeración Brais Pinto, especialmente por Uxío Novoneyra e Xosé Luís Méndez Ferrín. Da súa autoría son Palabra no tempo (1963) e Verba que comenza (1990).[8] Compaxinou a súa actividade intelectual cunha vida discreta e moi apartada dos cenáculos literarios. En plenario do 7 de xullo de 2006, os membros da Real Academia Galega decidiron dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2007.

No fondo destes día adicado a Rosalía e  neste caso, unha lembranza doutras mulleres, nas que faltan moitas por sinalar, ás outras Rosalías está o máis importante,  a defensa do noso idioma: O GALEGO!

FONTE: rag.gal e gl.wikipedia.org