Blogia
vgomez

ZONA VERDE

AEROXERADORES SE ASPAS!



O desenvolvemento das enerxías renovables debe seguir avanzando a bo ritmo se queremos cumprir co obxectivo de redución de emisións fixado polo goberno coa Estratexia de  Descarbonización a longo prazo (ELP 2050)

Este plan debe contribuír a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro ( GEI) nun 90% para o ano 2050 con respecto a 1990 (o 10% restante será absorbido polos sumidoiros de carbono). E para conseguilo, o documento fixa a necesidade de alcanzar un escenario baseado nun consumo final de enerxía plenamente renovable a mediados de século. Un ambicioso obxectivo que ten un punto de apoio fundamental: o desenvolvemento da tecnoloxía.

No caso da enerxía eólica os estudos de impacto ambiental indican que os principais efectos negativos dos parques eólicos na biodiversidade (especialmente sobre as aves e os morcegos) son as colisións coas aspas en movemento. Para mitigar ese efecto, unha start-up española está a desenvolver, coa axuda de fondos europeos, un novo aeroxerador a piques de entrar en produción cuxa principal e sorprendente característica é que… non ten aspas!


Aeroxeradores sen pas (Vortex)

Os aeroxeradores de Vortex semellan lixeiras columnas oscilantes, espidas, sen pas nin rotores de calquera tipo, o que reduce enormemente o risco de impacto das aves e o resto de animais voadores. O seu cilindro exterior é ríxido e está realizado con resina reforzada con fibra de carbono ou de vidro, o que o fai moi lixeiro e non require unha ampla base de cemento para o sustento da estrutura.

Este orixinal dispositivo captura a enerxía do vento cando entra en resonancia debido a un efecto aerodinámico denominado desprendemento de vórtices. Dese modo, en lugar de aproveitar a rotación das pas do muíño, neste caso o cilindro oscila transformando a enerxía mecánica en electricidade mediante un  alternador.

Como explican desde a empresa “na mecánica de fluídos, cando o vento pasa a través dun corpo romo, o fluxo modifícase e xera un patrón cíclico de  vórtices. Unha vez que a frecuencia destas forzas está o suficientemente preto da frecuencia estrutural do corpo, o corpo comeza a oscilar e entra en resonancia co vento. Isto tamén se coñece en inglés como Vortex Induced Vibration (VIV)"

Evidentemente, ao carecer do amplo radio de acción xerado polas pas, iste dispositivo obtén un rendemento moito menor ao dos aeroxeradores convencionais, polo que non se pode comparar a eles. Con todo esta desvantaxe queda compensada polo feito de que poden instalarse moitos máis cilindros eólicos que muíños de aspas na mesma superficie. Ademais, aínda que convén insistir en que a potencia instalada é incomparable, a gran achega destes enxeños renovables é que grazas ao seu menor tamaño, a súa lixeireza e o seu reducido impacto ambiental, sonoro e paisaxístico, poden situarse en contornas urbanas e rurais moito máis próximos que os grandes parques eólicos, favorecendo o avance cara a autoconsumo e a xeración distribuída.

As turbinas eólicas convencionais deixan de funcionar a determinadas velocidades de vento, polo que son incompatibles coas contornas de alta intensidade dos refachos, así como os que están sometidos a rápidos e constantes cambios de dirección. En cambio os aeroxeradores sen pas de Vortex adáptanse rapidamente aos cambios de dirección e intensidade do vento grazas á versatilidade do efecto VIV.

Unha das opcións máis interesantes que achega este proxecto é un modelo de mini-aeroxerador que, con apenas 85 cm de altura, pode instalarse no ámbito doméstico, en granxas ou na contorna de pequenas naves industriais, dirixido ao autoconsumo, podendo atender demandas de baixa ou media potencia que poderían ofrecer unha solución enerxética integral en combinación con pequenas instalacións fotovoltaicas.

Todo iso, unido aos seus baixos custos de produción, instalación e mantemento, convérteno nunha magnífica proposta para avanzar cara a un modelo enerxético 100% renovable e moito máis eficiente, sostible e compatible coa protección da natureza.

Vortex Bladeless traballa en estreita colaboración coa organización conservacionista SÉ/Birdlife, desde onde apoian esta tecnoloxía proposta porque "permitirá reducir drasticamente a mortalidade das aves por colisión coas pas dos aeroxeradores e ao mesmo tempo reducir outros impactos ambientais como a xeración de ruído, que á súa vez conleva a posibilidade de achegar a instalación de aeroxeradores aos puntos de consumo".

FONTR: J. Luis Gallego/elconfidencial.com

QUE É O E-DIÉSEL?

 

O e-diésel é un combustible que baséase en auga e CO2 para producir un hidrocarburo. A produción deste diésel sintético é posible mediante a obtención do CO2 da atmosfera, que en combinación co hidróxeno da auga permite crear un gasóleo sintético mediante un proceso de electrólise.

Non debe confundirse o ’e’ do e-diésel coa habitualmente utilizada nos biocarburantes. Neste caso trátase dun combustible sintético.

No vídeo superior tes toda a información sobre esta alternativa ecolóxica aos combustibles fósiles actuais.

FONTE: Enrique Pérez/xataka.com

MITOS SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO XV (FIN)

Rematatamos con esta serie adicada a intentar desmontar algúns dos enganos e falsas afirmacións que circulan relacionados co cambio climático.

15. "A CULPA ATAFÉGAME ASÍ QUE NON FAGO NADA"


Máis que un engano, iste é un sentimento que moitas persoas experimentan ao verse atafegadas pola magnitude do problema e polo bombardeo de mensaxes apocalípticas sobre estas cuestións. O termo ‘ecoansiedade’ fai referencia a esas sensacións que, lonxe de motivarnos para a acción, pódennos paralizar e deprimir. Non é bo obsesionarse por nada, e obviamente ninguén pode facelo todo nin sentirse culpable por cada gramo de carbono emitido. Como comentamos en días pasados, calquera pequeno xesto que fagamos suma. Recomendámosche o libro ‘E agora eu que fago. Como evitar a culpa climática e pasar á acción’, de Andreu Escrivà, publicado por Capitán Swing  e que ofrece ferramentas moi prácticas para motivarnos a actuar sen culpas nin ansiedade.

Espero que a serie contribuira á sensibilización sobre iste tema e intentar aportar o noso gran de area, na procura da mitigación do cambio climático.

FONTE: Victoria González/muyinteresante.es

ESTAÑAS CRIATURAS NA ANTÁRTIDA

Un estudo recentemente publicado na revista Frontiers in Marine Science acaba de revelar que baixo a grosa capa de xeo da Antártida hai máis vida da que se esperaba.

No transcurso dunha recente expedición xeolóxica, un equipo de investigadores perforou a través de 900 metros de xeo na plataforma de Filchnner-Ronne, no sueste do mar de Weddel e a un 260 km do mar aberto. Aí abaixo, na máis absoluta escuridade e cunha auga a -2,2 graos de temperatura, ninguén esperaba atopar criaturas viventes.

Pero non foi así. De feito, os investigadores descubriron alí, por primeira vez, estraños seres estacionarios parecidos ás esponxas, xunto con outras criaturas previamente descoñecidas adheridas a unha rocha no fondo do mar.

FONTE: alicantur.com                    Imaxe: abc.es

MITOS SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO XIV

Seguimos con esta serie adicada a intentar desmontar algúns dos enganos e falsas afirmacións que circulan relacionados co cambio climático.

14. AS ENERXÍAS LIMPAS SON A SOLUCIÓN DEFINITIVA AO PROBLEMA DAS ENISIÓNS


A transición enerxética cara a un maior uso das enerxías procedentes de fontes renovables é vital para frear as emisións rapidamente e debe ser un eixo principal nas políticas de descarbonización, pero este debería ser tan só un paso intermedio cara á construción dun modelo realmente sostible no que non se extraian recursos por encima dos límites biofísicos do planeta. A fin de contas, as chamadas enerxías limpas tamén necesitan, para as súas estruturas, a extracción de minerais moi raros e con elevado custo ambiental, e o mesmo sucede coa enerxía nuclear. Sinxelamente, non é posible seguir consumindo e vivindo ao mesmo ritmo que o actual.

Mañá o último mito da serie!

FONTE: Victoria González/muyinteresante.es

ASÍ PODE O PO DO SAHARA CONXELAR A TERRA

  A densa e molesta calima (vento con area en suspensión) procede do Sahara / NASA

O corredor de ventos do sur que xerou durante os últimos días o anticiclón situado ao leste e as borrascas ao oeste non só permitiu que as temperaturas fosen elevadas, senón que tamén canalizou calima ou po do deserto cara a Canarias e a Península.

 Recentemente, a comunidade científica descubriu unha incrible conexión entre o deserto cálido máis grande do planeta, o Sahara, e a maior masa forestal da Terra, o Amazonas. As nubes de po que saen desde África son capaces de cruzar o Atlántico e viaxan cargadas de elementos como o fósforo, nitróxeno, potasio, calcio e ferro, que cando se depositan sobre a selva amazónica axudan a fertilizar o chan. Cada ano precipítanse unhas 180 millóns de toneladas. A area do deserto cruza o océano empurrado polos ventos alisios de compoñente leste, os mesmos que levaron a Colón ata América.

Un artigo publicado na revista Nature desvelou ademais como a calima provocou ao longo da historia períodos glaciares. E como sempre ocorre, todo ten que ver directamente coa cantidade de dióxido de carbono presente na atmosfera. Mentres o po do deserto atravesa o Atlántico unha parte cae cara á superficie oceánica e o ferro que contén tamén favorece a fertilización do fitoplancto, un elemento que inflúe directamente na fotosíntesis. Este proceso tradúcese nunha maior absorción de dióxido de carbono, que pasa da atmosfera ao fondo mariño. Segundo os autores da investigación este mecanismo estaría detrás de polo menos a metade de redución do famoso gas de efecto invernadoiro durante os etapas glaciares.

A influencia do ferro foi descuberta no ano 1987 polo oceanógrafo estadounidense John Martin tras analizar antigas burbullas de aire atrapadas en núcleos de xeo da Antártida, que permiten aos científicos viaxar no tempo para coñecer a composición da atmosfera do pasado. Martin propuxo que este elemento tivo un impacto notable ata o punto de ter transformado a superficie do océano durante a última Idade de Xeo. Como adoita ser habitual, a comunidade científica reaccionou con escepticismo á súa teoría, pero ata oito experimentos realizados entre 1993 e o 2005 confirmaron a tese da relación entre o ferro, o aumento das algas mariñas e o descenso do dióxido de carbono.

FONTE: X.Fonseca/lavoz.es

MITOS SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO XIII

Seguimos con esta serie adicada a intentar desmontar algúns dos enganos e falsas afirmacións que circulan relacionados co cambio climático.

13. SE A TERRA VÓLVESE INABITÁBEL PODEMOS TERRAFORMAR OUTRO PLANETA


Neste momento non dispoñemos da tecnoloxía adecuada como para crear unha colonia nun exoplaneta habitábel e, de momento, este tipo de ideas quedan reservadas ao terreo da ciencia ficción, polo que non se pode confiar nesa alternativa como unha solución real e viable fronte ao cambio climático.

Mañá outro mito!

FONTE: Victoria González/muyinteresante.es

MITOS SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO XII

Seguimos con esta serie adicada a intentar desmontar algúns dos enganos e falsas afirmacións que circulan relacionados co cambio climático.

12. O BURACO DA CAPA DE OZONO É A CAUSA DO CAMBIO CLIMÁTICO

Ambos son problemas que incumben á atmosfera, e un artigo publicado hai poucos meses por científicos do IPCC na revista Nature Sustainability describía que o aumento da radiación solar que penetra a través da capa de ozono danada está a interactuar co clima cambiante. Con todo, o que existan este tipo de interaccións non significa que a orixe do cambio climático sexa o buraco da capa de ozono. Como xa comentamos, a causa está no aumento de emisión de gases con efecto invernadoiro, principalmente dióxido de carbono, debido á actividade humana.

Mañá outro mito!

FONTE: Victoria González/muyinteresante.es