Blogia

vgomez

CÓDIGO MORSE: 175 ANOS

Morse e o seu código / Imaxe: plumaslibres.com.mx

Hai uns días, en concreto o pasado 24 de maio, cumprísronse os 175 anos da primeira mensaxe no código Morse de puntos e raias enviado a longa distancia viaxou desde Washington ata Baltimore o venres 24 de maio de 1844. Foi a primeira vez na historia da humanidade en que se lograba comunicar pensamentos complexos entre lugares afastados entre si de maneira case instantánea. Ata entón había que conversar cara a cara, enviar mensaxes codificadas mediante tambores, sinais de fume e sistemas de telégrafos ópticos, ou ler palabras impresas.

Grazas a Samuel Morse (1791-1872), a comunicación cambiou rapidamente, e dende entón seguiu cambiando cada vez máis rápido. Morse inventou o telégrafo eléctrico en 1832. Logo tardou outros seis anos en normalizar un código para poder comunicarse a través dos cables telegráficos. En 1843, o Congreso de Estados Unidos concedeulle 30.000 dólares para que tendese un cableado entre a capital do país e a veciña Baltimore. Cando a liña estivo acabada, o inventor fixo unha demostración pública da comunicación a longa distancia.

Morse non foi o único que traballou para desenvolver unha maneira de comunicarse a través do telégrafo, pero a súa é a única que sobreviviu. Os cables, os imáns e as claves utilizados na demostración inicial deixaron paso ás pantallas táctiles dos teléfonos móbiles, pero o código Morse mantívose esencialmente igual, e no século  XXI, quizá para sorpresa dalgúns, conserva a súa relevancia.

O sistema de comunicacións para o que foi deseñado o código Morse (conexións analóxicas por cables metálicos que transmitían moitas interferencias e necesitaban un sinal de tipo aceso/apagado moi clara para ser oídas) evolucionou de maneira significativa.

O primeiro gran cambio produciuse poucas décadas despois da demostración de  Morse. A finais do século XIX, Guillermo Marconi inventou o radiotelégrafo, que permitía enviar o código do seu predecesor a través de ondas de radio no canto de cables.

Ao sector do transporte marítimo entusiasmoulle esta nova maneira de comunicarse cos barcos que estaban no mar, xa fose de barco a barco ou coas estacións costeiras. En 1910, a lexislación de Estados Unidos esixiu a moitos barcos de pasaxeiros que navegaban por augas do país que levasen equipos inalámbricos para mandar e recibir mensaxes.

Os aviadores tamén utilizan o código Morse para identificar as asistencias á navegación automatizadas. Trátase de radiobalizas que axudan aos pilotos para seguir os roteiros e a pasar dun transmisor ao seguinte marcado sobre as cartas de navegación aeronáutica. Estas balizas envían os seus identificadores en código Morse. Os pilotos adoitan aprender a recoñecer os patróns recorrentes dos  transmisores situados en zonas que sobrevoan con frecuencia.

Así mesmo, existe unha florecente comunidade de  radioaficionados que tamén concede un gran valor ao código Morse. Entre os seus membros, o código representa unha prezada tradición cuxo orixe se remonta aos primeiros días da radio.

En situacións de emerxencia pode ser a única maneira de comunicarse, polo que merece a pena coñecelo e practicalo. Anímaste? Pois, se é o caso, preme AQUÍ.

FONTE: Eddie King/elpaís.com/

CÓCTEL DE SABERES XI

A contestación a pregunta de paleontoloxía de onte é O Compsognathus.  Viviu a finais do período Xurásico, hai uns 150 millóns de anos. Os seus restos fósiles colocárono no escalafón máis baixo de tamaño respecto a os seus conxéneres. Era un dinosauro do tamaño dun galo, cun máximo dun metro de altura e uns 3 quilogramos de peso.

E imos coa pregunta de hoxe!

11. Medio ambiente. De que está composta a choiva aceda?

- De ácido nítrico e clorhídrico

- De ácido sulfúrico e úrico

- De ácido sulfúrico e ácido nítrico

Mañá a solución e unha nova proposta! 

FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es/ciencia

5 DE XUÑO 2019: DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Loita contra a contaminación do aire / Imaxe: elblogverde.com

Hoxe, 5 de xuño, celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. Foi establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1972 coincidindo co primeiro cumio mundial sobre medio ambiente: a Conferencia de Estocolmo sobre o Medio Ambiente Humano. Os fins deste evento anual, que comezou a celebrarse en 1974, son o aumentar a conciencia ambiental e fomentar a acción global na protección do medio ambiente.

Nesta edición, dedicarase á loita contra a contaminación do aire, sendo China o anfitrión da celebración.

Aproximadamente 7 millóns de persoas en todo o mundo falecen prematuramente cada ano debido á contaminación do aire e, destas, preto de 4 millóns habitan na rexión de Asia e o Pacífico.

Os datos son preocupantes: o 92% dos habitantes do mundo non respira aire limpo, coa particularidade de que a contaminación do aire ten un custo económico global de 5 billóns de dólares estadounidenses cada ano debido aos gastos en asistencia social.

Ademais, estímase que a contaminación por ozono a nivel do chan reducirá o rendemento dos cultivos básicos nun 26% para 2030. O obxectivo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente 2019 é instar os gobernos, a industria, as comunidades e os cidadáns para sumar esforzos para explorar solucións a este problema a través das enerxías renovables e as tecnoloxías sustentables.

FONTE: ecoticias.com

ACOSO ESCOLAR

 

“É fundamental que os mozos conten con recursos para saber como actuar diante situacións de trato malo ou acoso na escola”, afirma o profesor Juan de Vicente. Con máis de 25 anos de traxectoria docente, é experto en resolución de conflitos,  interculturalidade e convivencia escolar. Tamén é un dos grandes referentes en España na aplicación da metodoloxía educativa coñecida como ‘Aprendizaxe e Servizo’. En 2016 foi o gañador do Premio ao Docente máis Innovador de España no Certame D+I.

CÓCTEL DE SABERES X

A contestación a pregunta de astronomía de onte é Por ser o primeiro cometa recoñecido con órbita cíclica. Identificado como tal polo astrónomo inglés Edmund Halley (1656-1742) a principios do século XVIII (1705). Sen dúbida é un dos cometas máis coñecidos e máis brillantes do Cinto de Kuiper. Orbita ao redor do Sol cada 76 anos de media e a súa próxima aparición ocorrerá a mediados de 2061. Os datos evidencian, ademais, que xa fora observado polos astrónomos no ano 239 a. C.

E imos coa pregunta de hoxe!

10. Paleontoloxía. O dinosauro máis pequeno que existiu sobre a face da Terra foi...

- O Compsognathus

- O Lesothosaurus

- O Pisanosaurus

Mañá a solución e unha nova proposta! 

FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es/ciencia

CÓCTEL DE SABERES IX

A contestación a pregunta de química de onte é Osmio. O osmio (Os) ten unha densidade total de 22,61 gramos por centímetro cúbico. Séguenlle o Iridio (Ir) e o Platino (Pt).

E imos coa pregunta de hoxe!

9. Astronomía. Por que é famoso o cometa Halley?

- Por ser o primeiro cometa descuberto polo home.

- Por ser o primeiro cometa recoñecido con órbita cíclica.

- Pola súa gran cola de 35º de lonxitude, por iso é polo que se coñeza como o Gran Cometa.

Mañá a solución e unha nova proposta! 

FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es/ciencia

SOLUCIÓN CRUCIGRAMA VII

VERTICAIS: 1.Cerceta  3.Lavandeira  4.Paporroibo  5.Mazarico  9.Gaivota

HORIZONTAIS: 2.Píllara  6.Papallás  7.Bufo  8.Andoriña  10.Ferreiriño 11.Cuco  12.Liñaceiro  13. Pombo  14.pardal

Crucigrama das aves galegas. Continuará!


CRUCIGRAMA VII

Verticais: 1. Ave palmípede da familia dos anátidos, máis pequena ca o pato, da que existen distintas especies e que podes observala no Esteiro do Miño  3. Paxaro da familia dos motacílidos, do que existen diversas especies, de cor gris ou verdosa polo lombo e branca ou amarela polo ventre, cunha cola longa que abanea con elegancia ao andar, voo lixeiramente ondulado e que vive en lugares húmidos  4. Paxaro da familia dos muscicápidos, de cor olivácea nas partes superiores, coa parte dianteira da cabeza e da gorxa e o peito rubios e ventre abrancazado. O seu nome científico é   Erithacus rubecula  5. Ave da orde dos caradriformes, de peteiro longo, delgado e curvado na punta cara a baixo, patas longas, que vive na beiramar e en xeral en lugares húmidos e se alimenta principalmente de miñocas, moluscos e insectos, da que existen varias especies  9. Ave da familia dos láridos, mariña e cosmopolita, de tamaño medio, ás longas, patas palmadas, plumaxe xeralmente de cor gris na parte superior das ás e, no lombo e no resto do corpo, branca, da que existen varias especies e que abundan no noso pob, causando algún que outro dano nos tellados das casas.

Horizontais: 2. Ave limícola de plumaxe gris ou parda na parte superior e xeralmente branca na parte inferior, de patas curtas e ás rematadas en punta, da que existen diversas especies e que ANABAN está a facer unha campaña de aniñamento nos areais preto da praia do Muíño  6. Ave da familia dos fasiánidos, de cor acastañada cunha mancha branca e moura na gorxa a xeito de colar no macho, e de cor máis apagada con pencas escuras no peito e sen colar na femia. Ten por nome cientíco Coturnix coturnix  7. Ave rapaz nocturna da familia dos estríxidos, de cor parda polo dorso e máis clara con riscos verticais escuros nas partes inferiores, ollos grandes, dous feixiños de plumas erguidas na cabeza a modo de orellas, da que existen varias especies  8. Paxaro da familia dos hirundínidos, coa parte superior de cor negra azulada, a inferior branca e a testa e a gorxa vermellas, ás rematadas en punta e cola gallada e que forma parte dunha canción de Xoan Pardo 10. Ave insectívora da familia dos páridos, de peteiro fino e do tamaño do gorrión da que existen varias especies. O seu cando dise que anuncia a choiva  11. Ave da familia dos cucúlidos, de cor cinsenta nas partes superiores e o pescozo e abrancazada con bandas grises nas inferiores, coa cola máis escura, que se caracteriza polo seu canto, contendo o seu nome  12. Paxaro da familia dos frinxílidos coa plumaxe de tons pardos, co peito e a testa encarnados durante a época estival nos machos. tamén se coñece como nabiñeiro  13. Ave da familia dos colúmbidos, de cor gris cinsenta, coas patas e o peito granates, pintas brancas nas ás e no pescozo e no extremo do rabo unha ancha banda negra. Ten por nome científico Columba palumbus  14. Paxaro da orde dos paseriformes, moi común, de pequeno tamaño, con plumas pardas raiadas de escuro e peteiro curto e curvo, que se alimenta de grans, sementes, insectos etc., e do que existen varias especies. Tamén se coñece como gorrión.