Blogia

vgomez

SABÍAS QUE... POR QUE PECHAMOS OS OLLOS CANDO DURMIMOS?

Neno durmindo / getty/elpaís.com

O sono é un estado fisiolóxico no cal pasamos, máis ou menos, a terceira parte da nosa vida. Isto significa que unha persoa que viva 84 anos pasouse, aproximadamente, vinte e oito anos durmindo.

Neste momento dispoñemos de suficientemente base científica para poder afirmar que aquelas persoas que dormen ben a súa esperanza de vida é maior. E é que son varios os estudos científicos que estableceron unha relación causal entre a cantidade e a calidade de horas de sono cunha maior esperanza de vida.

A pesar de todo, o home actual dorme menos cantidade de horas que os seus antepasados, sendo a causa principal deste feito a existencia de luz artificial, a cal nos permite permanecer espertos unha cantidade de horas maior que as que nos ditarían os nosos ciclos circadianos.

Ata ben entrado o século XX a comunidade científica defendía que durante o sono a actividade cerebral cesaba e que entrabamos nun estado similar ao da perda de conciencia. Nestes momentos sabemos que isto non é así, que durante o sono a cortiza cerebral mantén un estado de activación permanente, aínda que é certo que é menor ao que existe nos estados de vixilia.

Pero isto non significa que o cerebro non cumpra unha función específica. Viuse que o sono é fundamental para a consolidación da información: durante o sono o noso cerebro é capaz de almacenar na memoria os datos que aprendemos durante o día.

A esta conclusión chegaron científicos da UCLA Health en colaboración con investigadores da Universidade de Tel Aviv, un achado que podería ofrecer novas pistas de como a estimulación cerebral profunda durante o sono pode ter efectos beneficiosos na memoria dos pacientes que sofren enfermidade de Alzheimer.

Outro dos feitos que suceden durante o sono é que, xeralmente, pechamos os ollos. Trátase dun mecanismo de protección, grazas ao cal a córnea e a esclerótica, as capas máis externas do noso globo ocular, están convenientemente hidratadas. Dalgunha forma a natureza deseñou este mecanismo para paliar a ausencia do parpadeo nocturno, escenario que nos coloca nun estado de indefensión ocular fronte ao dano ambiental, xa sexa polo po, a luz ou a secura.

Agora ben, non todas as persoas dormen cos ollos pechados, existe unha situación médica coñecida como lagoftalmos nocturno, na que as pálpebras non se poden pechar completamente. Isto pode deberse a un problema do nervio facial, o encargado de transmitir correctamente a información á musculatura encargada do peche das pálpebras, ou ben a factores externos ou mecánicos, como poden ser cicatrices, retracción palpebral… que, dalgunha forma, impiden o peche total da pálpebra.

Esta situación, por estraña que nos poida parecer, afecta ata un 20% da poboación mundial, segundo a American Academy of Ophtalmology, e pode chegar a provocar deshidratación ocular, sensación de corpo estraño no ollo, visión borrosa ao espertar ou unha hipersensibilidade anormal á luz.

FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es

A AUGA DA CHOIVA NON É TAN LIMPA COMO PENSANOS!

A auga de choiva acumula contaminantes nos tellados e as rúas a medida que atravesa as cidades / Alex Linch, Shutterstock.com/ec.europa.eu

Preto da cidade medieval de Gante (Bélxica), no municipio de Wetteren, uns investigadores tentan reducir a contaminación da auga da chuvia utilizando cunchas mariñas. En realidade, son millóns de cunchas do Mar do Norte as que recollen e filtran a auga que flúe durante as chuvias desde o tellado dun centro comercial e dun aparcamento.

As cunchas, amontoadas baixo un desaugadoiro superficial, teñen un espazo oco do 70% que lles permite almacenar a auga procedente dunha forte treboada. Tamén son unha estación natural de depuración da auga, que logo se utiliza para regar xardíns comunitarios. O experimento forma parte dun proxecto de investigación chamado StopUP que recibiu financiamento da Unión Europea (UE) para idear novas formas de evitar que as augas pluviais arrastren contaminantes a ríos, lagos e baías.

O proxecto céntrase na escorrentía urbana (augas de chuvia que acumulan contaminantes procedentes de rúas, tellados e outros lugares ao seu paso polas cidades) e no desbordamento dos sumidoiros. O obxectivo é garantir o tratamento destas augas residuais, que poden conter desde plásticos ata pesticidas. Segundo o profesor Thomas Wintgens, director do Instituto de Enxeñería Ambiental da Universidade RWTH de Aquisgrán (Alemaña): “As tecnoloxías e métodos de StopUP poderían proporcionar ferramentas aos profesionais para planificar e aplicar medidas que reduzan a contaminación das augas pluviais”. Wintgens coordina StopUP, que comezou en setembro de 2022 e prolongarase ata agosto de 2025.

Aínda que o 98% da poboación da UE ten acceso a servizos básicos de saneamento e máis do 90% das augas residuais urbanas xestiónanse conforme á lexislación europea que data de 1991, a contaminación segue sendo un gran reto. En Europa, o 38% das masas de auga superficiais presentan diversas formas de contaminación, segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente.

A saúde humana depende da auga limpa para beber, bañarse e cociñar. Tamén está en xogo a saúde do ecosistema, xa que as plantas e os animais vense afectados polas substancias químicas presentes en ríos, lagos e augas costeiras. “Aínda que na UE se avanzou moito no tratamento das augas residuais, o impacto das emisións residuais procedentes da escorrentía urbana e os desbordamentos da rede de sumidoiros é importante”, afirma Wintgens.

En colaboración con 11 universidades e empresas de Bélxica, Alemaña, Italia, os Países Baixos, Noruega, Suíza, Tunes e o Reino Unido, StopUP está a desenvolver tecnoloxías para comprender mellor de onde proceden os contaminantes e como chegan ás masas de auga. Os contaminantes máis habituais son os nutrientes, os hidrocarburos, os metais pesados e os contaminantes microbianos.

Na cidade alemá de Aquisgrán, preto das fronteiras belga e neerlandesa, StopUP está a probar un sistema de filtración con area para frear a contaminación por desbordamento dos sumidoiros no río Wurm. A técnica empregada, denominada “filtro de solo de retención”, consiste principalmente en area cunha capa inferior de drenaxe de grava e canas plantadas na superficie.

En Anveres, a segunda cidade máis grande de Bélxica despois de Bruxelas, os investigadores están a experimentar cun filtro de grava para tratar a escorrentía urbana. Trátase dun campo de investigación importante, moi relevante para as comunidades locais.

Luz Herrero é outra experta neste campo. Xefa de tecnoloxía ambiental do Centro Tecnolóxico AIMEN, no Porriño, coordina outro proxecto financiado pola UE para facer fronte á escorrentía nas cidades. Chámase WATERUN e durará catro anos, ata maio de 2026.

Herrero, que leva 18 anos traballando en tecnoloxías para facer fronte aos retos ambientais, afirma que pode existir unha gran fenda entre a percepción popular da auga de chuvia e a súa verdadeira composición. “Pode parecer que a auga de chuvia a é moi limpa, pero cando lava as rúas e os tellados cárgase de po, residuos de feces de animais, microplásticos e outros contaminantes tóxicos”, explica. “A contaminación difusa pode ter importantes repercusións negativas no benestar humano e a saúde dos ecosistemas”, apunta.

Por exemplo, os custos sanitarios en Europa asociados á presenza de nitrato (unha substancia química utilizada a miúdo como fertilizante) na auga potable superan os 1.000 millóns de euros ao ano, segundo a Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económicos.

Segundo Herrero, existe un “baleiro de coñecemento” sobre onde se orixina exactamente a contaminación e como se propaga pola auga. Por iso, WATERUN está a desenvolver sensores de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP), substancias químicas procedentes do carbón, o petróleo e a gasolina, que se colocarán nas concas urbanas. Tamén busca identificar a orixe e a distribución dos contaminantes.

O proxecto está a realizar estudos sobre o terreo en tres cidades con climas moi diferentes: Aarhus (Dinamarca), Santiago de Compostela e Ammán (Xordania). As tres cidades atópanse tamén en fases de acción diferentes, con Aarhus á cabeza e Santiago aínda preparándose.

Aarhus, con lagos próximos, unha conca fluvial e unha baía, céntrase nos estanques do centro da cidade. O seu obxectivo é eliminar o 70% dos microplásticos, o fósforo e os HAP, que poden acumularse no chan e danar a terra, as plantas e os animais. “En Aarhus xa puxeron en marcha infraestruturas para facer fronte á escorrentía urbana”, explica Herrero. Os investigadores de WATERUN teñen previsto basearse nos tres estudos de casos para elaborar directrices dirixidas ás autoridades municipais sobre a mellor maneira de abordar a escorrentía urbana.

A investigación é aínda máis importante debido á aceleración do cambio climático, que está a provocar tormentas e inundacións máis frecuentes, e cada vez máis graves, xunto co aumento das temperaturas e o empeoramento das ondas de calor. “Isto só pode agravar o problema, debido aos cambios nos patróns de precipitacións e ás choivas extremas”, afirma Herrero.

Wintgens destacou outra conexión climática, ao afirmar que as secas supoñen un reto para os propios investigadores. “Se non chove durante meses nun lugar concreto, non podemos tomar mostras de nada”, afirma. Pero o fundamental é a importancia da auga limpa. “Non nos esquezamos da calidade da auga”, sostén Wintgens. “É crucial, xa que determina a calidade da nosa contorna común”, conclúe.

FONTE: Jessica Berthereau/gciencia.com/medioambiental

CANTO SABES DE BRASIL? VIII

Continúo coa serie adicada a Brasil, o país máis grande de suramérica. Un país de contrastes, de xunglas de aceiro e selvas inexploradas, de favelas e rañaceos, de ondas salvaxes e centros históricos onde pasear é puro pracer, de picanha e caipirinha, de verde, azul e amarelo.

A contestación correcta á pregunta de onte é 26 Estados máis o Distrito Federal. A saber: Acre, Alagoas, Amapa, Amazonas, Bahía, Ceara, Distrito Federal, Espirito Santo, Goias, Maranhao, Mato Grosso, Mato Grosso do Sul, Minas Gerais, Para, Paraiba, Paraná, Pernambuco, Piaui, Río de Janeiro, Río Grande do Norte, Río Grande do Sul, Rondonia, Roraima, Santa Catarina, Sao Paulo, Sergipe, Tocantins.

E imos co pregunta de hoxe!

8. Falar de ríos e de Brasil é falar do Amazonas. Atravesa Perú (nacemento), Colombia e Brasil (desembocadura). Pero cal é o río máis grande que discorre integramente por Brasil?

- Tocantins

- Parnaíba

- São Francisco

Mañá a solución e unha nova pregunta!

FONTE: es.wikipedia.org               Imaxes: es.wikipedia.org e portosenavios.com.br

O CONFLITO IESRAELÍ-PALESTINO

O conflito israelí-palestino é o conflito social e armado en curso entre israelís e palestinos polo control da terra de Palestina, que se remonta a principios do século XX. O conflito, de gran envergadura, forma parte importante do conflito árabe-israelí.

En resposta ao crecente antisemitismo que se vivía en Europa, a finais do século XIX xurdiu un movemento sionista que defendía o establecemento dunha Patria para o pobo xudeu en Palestina. Moitos xudeus emigraron alí desde entón e masivamente ao termo da Segunda Guerra Mundial, por mor do Holocausto Nazi.

Debido ao incremento masivo de poboación xudía en Palestina, apareceron brotes de violencia cada vez máis intensa entre as poboacións xudías e árabes. Como intento de solución, Nacións Unidas aprobou a partición do que fora o mandato británico en Palestina en dúas: Unha parte xudía e unha parte árabe.

 

O Estado xudeu supoñería un 55% do territorio do Mandato, incluído o deserto do Néguev, e a súa poboación estaría formada por 500.000 xudeus e 400.000 árabes palestinos. Nese momento, os xudeus só posuían o 7% das terras de Palestina.

O Estado árabe palestino tería o 44% do territorio do Mandato e unha poboación de 725.000 árabes palestinos cunha minoría duns 10.000 xudeus.​

Os xudeus aceptaron o plan mentres que os árabes rexeitárono. Estalou entón unha guerra civil no mandato entre xudeus e palestinos que desencadeou a expulsión ou fuxida de dous terzos da poboación palestina. O 14 de maio de 1948, coincidindo coa declaración de independencia de Israel, os Estados árabes veciños declararon a guerra ao recentemente creado estado de Israel, aínda que finalmente foron derrotados polos israelís. Á conclusión da guerra, Israel negouse a aceptar o retorno dos máis de 700.000 refuxiados palestinos, que viviron desde entón en campamentos de refuxiados e cidades de Líbano, Siria, Xordania, a Franxa de Gaza e Cisxordania, entre outros lugares.

O termo utilízase tamén en referencia ás primeiras fases do mesmo, que enfrontou ás poboacións xudías (Yishuv) e árabes que vivían en Palestina baixo o Imperio otomán6​ e posteriormente o Mandato británico de Palestina, como parte da partición do Imperio otomán.

Tradicionalmente identificáronse catro escollos principais para a resolución do conflito: o establecemento de fronteiras seguras e definidas, o control de Xerusalén, os asentamentos israelís e o dereito de retorno dos refuxiados palestinos, aos que deben sumarse outras claves como o recoñecemento mutuo, a dereitos da auga, os asasinatos de civís palestinos (incluídos nenos e mulleres), o terrorismo palestino, a liberdade de movemento palestino, a seguridade israelí e outros problemas de dereitos humanos. A violencia resultante do conflito levou a diversas posturas internacionais en torno ao conflito.

Fixéronse moitos intentos para negociar unha solución de dous Estados, o que implicaría a creación dun Estado de Palestina independente xunto ao Estado de Israel, concibido na súa orixe como un Estado xudeu.

Dentro das sociedades israelí e palestina, o conflito xera unha gran variedade de puntos de vista e opinións. Isto pon de relevo as profundas divisións que existen non só entre israelís e palestinos, senón tamén dentro de cada sociedade. Un selo distintivo do conflito foi o nivel de violencia que o protagonizou durante case toda a súa duración. Houbo enfrontamentos entre exércitos regulares, grupos paramilitares, células terroristas e cidadáns independentes. Estes enfrontamentos non se limitaron estritamente ao campo militar e causaron un gran número de vítimas mortais na poboación civil de ambas as partes.

Hai importantes actores internacionais involucrados no conflito. As dúas partes que participarían nas conversacións directas de paz no caso de que as houber serían o Goberno de Israel, actualmente liderado por Benjamín Netanyahu, e o Estado de Palestina, actualmente presidido por Mahmud Abbas. O Cuarteto sobre Oriente Medio, composto por un enviado especial dos Estados Unidos, outro de Rusia, un terceiro da Unión Europea e un das Nacións Unidas, media nas negociacións oficiais. A liga Árabe é outro actor importante que propuxo un plan de paz alternativo. Exipto, membro fundador da liga Árabe, foi historicamente un factor importante.

Por mor da vitoria de Hamás nas eleccións parlamentarias de 2006 e da súa toma do poder na Franxa de Gaza en xuño de 2007, o control real de Palestina dividiuse en dúas. Por unha banda Fatah (compoñente principal da OLP e da Autoridade Nacional Palestina) que predomina en Cisxordania. Por outra banda, Hamás controla a Franxa de Gaza. Esta división provocou o colapso do goberno palestino. Desde entón non se convocaron novas eleccións en Palestina. Outra consecuencia foi que a Franxa de Gaza está sometida, desde entón, a bloqueo económico e comercial por parte do estado de Israel e o de Exipto, que provocou unha crise humanitaria na zona.

Desde 2011, o estado de palestina obtivo certo recoñecemento internacional, ao ser aceptado, en 2011 na UNESCO e en 2012, como Estado observador na ONU. En 2014 obtivo o apoio da Unión Europea para ser aceptado como Estado, e o mesmo ano Palestina recoñeceu á Corte Penal Internacional.

Tres conflitos recentes produciron gran número de vítimas civís, durante o Conflito de Gaza de 2014, o Conflito de Gaza de 2021 e o actual de 2023 co ataque de Hamás a Israel coa toma de reféns e a prominente invasión de Israel sobre a franxa de Gaza e as posibles implicacións dos países limítrofes.

A cousa non pinta ben, pois ante o dereito a defenderse de Israel, planea un ánimo de vinganza e invasión de Gaza por parte de Israel e os danos de persoas e materias do pobo palestino.

Xa veremos como remata esto, se é que remata no tempo!

FONTE: es.wikipedia.org e opinión propia         Imaxe: europapres.es e laxesta.com

CANTO SABES DE BRASIL? VII

Continúo coa serie adicada a Brasil, o país máis grande de suramérica. Un país de contrastes, de xunglas de aceiro e selvas inexploradas, de favelas e rañaceos, de ondas salvaxes e centros históricos onde pasear é puro pracer, de picanha e caipirinha, de verde, azul e amarelo.

A contestación correcta á pregunta de onte é República Federal Presidencialista Representativa. Brasil é unha república federal presidencial e constitucional, baseada nunha Democracia representativa. O goberno federal ten tres poderes: o executivo, o lexislativo e o xudicial. O poder Executivo está investido no Presidente, quen é asesorado por un Gabinete; o presidente que é o Xefe de Goberno é tamén o xefe de Estado. O poder Lexislativo exérceo o Congreso Nacional, que en Brasil é Bicameral composto polo Senado Federal e pola Cámara de Deputados. O poder Xudicial exérceo o sistema Xudicial, que consiste da Corte Suprema Federal, a Corte Superior de Xustiza e outras cortes superiores, o Concello Nacional de Xustiza de Brasil e das cortes federais rexionais.

E imos coa pregunta de hoxe!

7. Acabamos de decir que Brasil é un Estado Federal, pero cantos Estados Federais ten?

- 25 Estados máis o Distrito Federal

- 23 Estados máis o Distrito Federal

- 26 Estados máis o Distrito Federal

- 27 Estados máis o Distrito Federal

- 29 Estados máis o Distrito Federal

Mañá a solución e unha nova pregunta!

FONTE: es.wikipedia.org               Imaxes: es.wikipedia.org e rioandlearn.com/es

#DígochoEu: Non digas *capullo

 

Pero que palabra é esa? Hoxe, Esther Estévez tráenos a forma de dicilo correctamente para calquera dos seus significados!

#DígochoEu

SABIAS QUE... POR QUE OS PLÁTANOS SON CURVOS?

Acios de plátanos / Adobe Stock

Os plátanos son a froita tropical máis cultivada e unha das catro froitas máis consumidas a nivel mundial. Se poñemos a lupa no noso país, os plátanos ocupan o segundo lugar na clasificación de froitas máis consumidas, estímase que ao ano inxerimos case 12 quilos por persoa, unha cifra que tan só é superada polas laranxas, cunha media de 17 quilos anuais por persoa.

Nas clases de bioloxía ensináronnos que na maioría das plantas o froito é unha estrutura que se forma ao redor das sementes, coa finalidade de protexelas e axudalas a dispersarse. Poderíase dicir que o froito é a última derivada da transformación do ovario tras producirse a polinización.

De forma excepcional hai situacións nas que os froitos medran sen polinización, é máis, existen casos nos que o ovario non encerra os óvulos. Nestas situacións desenvólvese un froito sen sementes, é o que se coñece como partenocárpica e sucede, por exemplo, nos plátanos. Esta sería a explicación biolóxica de por que cando inxerimos esta froita non atopamos sementes.

Outras das súas idiosincrasias é que o plátano é o froito dunha planta e non dunha árbore, e que son froitas radioactivas, xa que conteñen un 0.0117% de potasio 40 na súa composición. Unha cifra que, por outra banda, non debe de asustarnos xa que sería necesario comer diariamente 900 plátanos para que a radiación fose similar á que nos afectaría a 20 quilómetros de distancia dun accidente nuclear non extremadamente grave.

É sabido que as células vexetais conteñen pigmentos asociados aos cloroplastos, nos cales se realiza a fotosíntese. Estes orgánulos están recubertos por un pigmento –a clorofila- que reflicte o espectro verde.

Pois ben, a clorofila está presente na pel do plátano antes de iniciar a maduración, por ese motivo este tipo de plátanos son de cor verde, os cales, ademais, parécennos menos doces que os plátanos maduros xa que na súa composición hai unha elevada cantidade de amidóns.

Unha vez o proceso de maduración iniciouse ten lugar unha degradación das células e os cloroplastos deterióranse. Coa degradación da clorofila entran en xogo outros pigmentos (carotenos e xantofilas) que son os responsables últimos da coloración amarelada. Os plátanos maduros teñen unha elevada concentración de fructosa, sacarosa e glicosa, o que explicaría o seu sabor dulzón.

Os plátanos son un verso libre no mundo das froitas, son os únicos que teñen unha forma curvada. Para poder entender a elección desta xeometría hai que ter en conta que os plátanos son orixinarios da selva tropical, onde a luz do sol apenas penetra a través da densa vexetación.

Estes froitos tiveron que adaptarse para buscar a luz solar e desafiar a forza da gravidade ’rubindo’ con todas as inflorescencias cara á copa da planta. Dalgunha forma poderíase dicir que, do mesmo xeito que sucede cos xirasois, os plátanos buscan a luz solar.

O ’esforzo’ que realiza o plátano para medrar en sentido contrario á terra –xeotropismo negativo- xera unha curvatura cara arriba característica, que pode ser máis ou menos pronunciada e de diferente coloración, segundo a variedade á que o plátano pertenza.

FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es

#DígochoEu: Non digas *rodaxa

 

*Rodaxa é unha tradución cativa da ’rodaja’ do castelán. En galego temos varios termos para substituír esta palabra!

#DígochoEu