Blogia
vgomez

NOTICIAS DAS CIENCIAS

O DINOSAURO QUE RESPIRABA COMO UN PAXARO

O DINOSAURO QUE RESPIRABA COMO UN PAXARO

O Tataouinea hannibalis /
DAVIDE BONADONNA

 

Tataouinea hannibalis, un dinosauro atopado no sur de Túnez en 2001 e o mellor conservado dos que apareceron no norte de África, deparou unha sorpresa aos investigadores. O animal, un dos herbívoros máis grandes do Cretácio, tiña un sistema respiratorio moi similar ao das aves actuais, segundo describe un equipo da Universidade de Bolonia na revista Nature Communications.

Cunha lonxitude duns catorce metros, o novo saurópodo da familia Rebbachisauridae tiña un esqueleto moi lixeiro en comparación co seu gran tamaño, xa que os seus ósos estaban recheos de aire, como acontece cos paxaros. Algúns ósos da cola e a pelve confirman a hipótese de que estes dinosauros respiraban co mesmo mecanismo avanzado das aves actuais.

O autor principal do estudo, Federico Fanti, sinalou que este achado é "un dos máis importantes no norte de África» e tamén destacou que se trata da confirmación de que "o sistema de respiración das aves naceu na época dos dinosauros".

FONTE: Xornal abc/ciencia

A PENÍNSULA IBÉRICA TRAGARÁ O ATLÁNTICO EN 220 MILLÓNS DE ANOS

A PENÍNSULA IBÉRICA TRAGARÁ O ATLÁNTICO EN 220 MILLÓNS DE ANOS

O océano Atlántico será tan só un recordo dentro de 220 millóns de anos / Joao Duarte

Se aínda queda alguén por aquí dentro de 220 millóns de anos, EUA estará moito máis preto da Península Ibérica. Soa a slogan dunha axencia de viaxes, pero é literal: para entón, se as previsións do xeólogo portugués, que traballa na Universidade de Monash (Australia), Joao Duarte  se cumpren, Iberia e Norteamérica aproximaranse, e o que hoxe coñecemos como océano Atlántico será un recordo tan antigo como para nós o son os dinosauros do Jurásico.

O mapamundi que coñecemos non é máis que a foto do instante xeolóxico en que nos tocou vivir. Todo escolar aprende que a codia terrestre está dividida en placas tectónicas que derivan sobre o manto, a capa inferior, e que estas láminas, tan delgadas a escala como a nata que flota no café con leite, se crean e se destrúen, formando supercontinentes que logo se fragmentan e se separan. As fronteiras entre dúas placas onde unha se somerxe baixo a outra e se recicla chámanse zonas de subducción.

O que Duarte e os seus colaboradores describiron é que estamos a asistir ao nacemento dunha zona de subducción, e encóntrase moi próxima a nós, ao sueste da Península Ibérica. Alí encóntrase o bordo da placa de Iberia, que forma parte da placa euroasiática. Ese lugar era un bordo pasivo, sen actividade. Non obstante, un mapeo en 3D e alta resolución do fondo mariño e das súas fallas tectónicas, realizado por tecnoloxías de soar, encontrou signos de fracturas que indican que esa zona se está a activar.

Non obstante, en xeoloxía non existen as présas; segundo o estudo publicado por Duarte e os seus colaboradores na revista Geology , o bordo sueste da placa ibérica non se converterá en toda unha señora zona de subducción ata dentro duns 20 millóns de anos. Unha minucia comparada cos 220 millóns de anos que deberán pasar ata que o Vello Mundo e o Nuevo se reúnan. 

FONTE: Xornal abc/ciencia

AS LÚAS P4 E P5 DE PLUTÓN XA TEÑEN NOME

AS LÚAS P4 E P5 DE PLUTÓN XA TEÑEN NOME

As novas lúas de Plutón (siñaladas con círculos vermellos) / NASA

Os novos satélites do planeta anano  Plutón xa teñen nome recoñecido pola Unión Astronómica Internacional: Cerbero (Kerberos) e Estigia (Styx), segundo informou o Instituto Seti de Mountain View    (EEUU).

Na mitoloxía grega Cerbero era o can de tres cabezas que vixiaba a porta do Hades, o inframundo. Estigia -tamén coñecido como Estix ou Éstige- era o río (ou lagoa) que separaba o mundo dos vivos do dos mortos.

Os nomes para os satélites xurdiron dunha enquisa en Internet, aínda que ningún dos dous logrou o posto número un nesta.

En primeiro lugar quedou Vulcano, o nome do planeta ficticio do que procedía Mr. Spock na saga ’Star Trek’, e que foi suxerido polo actor William Shatner, que interpretaba ao capitán Kirk na mesma serie televisiva. Non obstante, os científicos desestimaron este nome porque a palabra Vulcano xa se utiliza en astronomía.

O planeta anano Plutón ten cinco lúas. A cuarta foi descuberta en xullo de 2011 pola NASA e a quinta un ano despois. Ata agora denominábaselles como P4 e P5. As outras lúas de Plutón chámanse Caronte, Nix e Hidra, todos eles relacionados coa mitoloxía.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia 

XIGANTESCO CRÁTER BAIXO A SUPERFICIE XEADA DA ANTÁRTIDA

XIGANTESCO CRÁTER BAIXO A SUPERFICIE XEADA DA ANTÁRTIDA

Localización do cráter / Imaxe:European Space Agency

O satélite CryoSat da Axencia Espacial Europea (ESA) encontrou un gran cráter baixo a superficie xeada da Antártida. Os científicos cren que saíu á luz despois de que se drenase un lago, situado a uns 3 quilómetros por debaixo do continente.

Moi por debaixo da grosa capa de xeo que cobre a Antártdida hai lagos de auga doce sen unha conexión directa co océano. Estes lagos son de grande interese para os científicos, que tratan de entender o transporte de auga e a dinámica do xeo baixo a superficie conxelada do continente.

Un método para este tipo de investigacións consiste en perforar buratos a través de quilómetros de xeo. Non obstante, os científicos da ESA decidiron deixar de mirar o xeo e empezar a mirar o ceo, cara aos satélites.

Así, mediante a combinación de novas medidas adquiridas por CryoSat, unido a datos máis antigos do satélite ICESat da NASA, o equipo ten mapeado un grande cráter deixado por un lago, e mesmo puido determinar a magnitude da inundación que o formou.
De 2007 a 2008, drenáronse uns seis quilómetros cúbicos de auga, aproximadamente a mesma cantidade que se almacena no Lago Ness (Escocia), segundo indicaron os autores do traballo, publicado en ’ 
Geophysical Research Letters’, os que destacaron que é o maior evento do seu tipo rexistrado. Segundo explicaron, esa cantidade de auga é a décima parte da fusión que se produce baixo a superficie da Antártida cada ano.

Do mesmo modo, o estudo destacou a capacidade única de CryoSat para trazar os cambios nos lagos subglaciais da Antártida en 3D, e para botar nova luz sobre os acontecementos na base da capa de xeo. A ESA sinalou que CryoSat leva un altímetro de radar que pode “ver” a través das nubes e na escuridade, que proporciona medicións continuas sobre áreas como a Antártida que son propensas ao mal tempo e os longos períodos de escuridade. O radar pode medir a área e a profundidade dos cráteres de xeo en alta resolución, o que permite aos científicos calcular con precisión o seu volume.

Con cada lago subglacial, hai esperanza de encontrar vida mariña prehistórica. Ata agora, descubríronse preto de 400 lagos na base da capa de xeo antártica. A súa investigación tamén é de grande importancia, porque, cando se esgotan, alteran os hábitats subglaciais e poden provocar que o xeo que os cobre se deslice máis rapidamente no mar.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

ASÍ SERÁ O FINAL DO NOSO PLANETA

ASÍ SERÁ O FINAL DO NOSO PLANETA
O Sol acabará coa vida na Terra, segundo as previsiones científicas/ Imaxe: xornal abc

 

Existe un grande número de profecías acerca de como pode rematar a vida na Terra e o noso planeta mesmo, pero a máis probable, se é que antes non acontece algunha outra catástrofe cósmica, é que dentro duns 2.800 millóns de anos o Sol se converta nun xigante vermello e decida facer unha barbacoa connosco. Non exactamente connosco, porque fará moito tempo que xa non estaremos aquí. Antes de que iso suceda e a medida que a nosa estrela vaia envellecendo, irá desaparecendo a vida. Os últimos en resistir serán os máis pequenos e sinxelos, uns organismos unicelulares capaces de sobrevivir en auga quente e salgada. Eses microbios gobernarán o que agora é o noso mundo durante mil millóns de anos antes de que eles tamén perezan para sempre. Este é o panorama que debuxaron científicos da Universidade de St Andrews (Escocia) no Encontro Nacional de Astronomía no Reino Unido.

Os investigadores calcularon as fases de agonía para o noso planeta segundo o Sol vaia expandíndose e entrando na terceira idade. A vida complexa será a primeira en caer: plantas, mamíferos, peixes e invertebrados morrerán cando as temperaturas se disparen. Os océanos evaporaranse e a tectónica de placas actual non funcionará ao non existir auga. Iso acontecerá dentro de mil millóns de anos.

Só microbios extremófilos capaces de vivir en ambientes con pouco ou ningún osíxeno, altas presións e salinidade pola evaporación dos océanos conseguirán sobrevivir en pozas de auga quente, as que quedase de forma illada en zonas escuras e protexidas. Desa forma reinarán durante mil millóns de anos antes de que eles tamén digan un adeus definitivo.

Pode parecer un futuro triste, pero quizais sexa o mellor que poidamos ter xa que rematar así significará que ningún outro evento catastrófico, natural ou provocado polo home, rematou coa Terra antes do previsto.

FONTE: Xornal abc/ciencia

 

GLIESE 667C: A ESTRELA CON SEIS PLANETAS, DOS QUE TRES ESTÁN EN ZONA HABITABLE

GLIESE 667C: A ESTRELA CON SEIS PLANETAS, DOS QUE TRES ESTÁN EN ZONA HABITABLE

Ilustración do ceo con tres soles visto dende un planeta do astro Gliese 667C. / ESO/M. Kornmesser

Arredor da estrela Gliese 667 C   xiran polo menos seis planetas (que poden ser sete) e tres deles están no que os científicos denominan zona habitable porque nela os planetas poderían ter auga en estado líquido. Dous máis están máis preto do astro e outro máis lonxe desa franxa. Ademais, os tres da zona habitable son superterras, é dicir, planetas máis masivos que a Terra, pero menos que os xigantes Saturno ou Neptuno. É a primeira vez que se encontran tres planetas nesa franxa de habitabilidade dunha mesma estrela, explican os investigadores. Como Gliese 667 C forma parte dun sistema estelar triplo, no ceo alí locen tres, e a noite estará iluminada tanto como aquí con Lúa chea. O conxunto está a 22 anos luz da Terra, na constelación de Escorpio , o que se considera, en termos galácticos, a veciñanza solar, explica o Observatorio Europeo Austral (ESO).

O descubrimento foi presentado na revista Astronomy and Astrophysics.

FONTE: Xornal El país/Ciencia

O PRIMATE MÁIS ANTIGO QUE SE COÑECE: ARCHICEBUSA ACHILLES

O PRIMATE MÁIS ANTIGO QUE SE COÑECE: ARCHICEBUSA ACHILLES

Reconstrución artística do Archicebus achilles / Xijun Ni

Un equipo internacional de investigadores anunciou o mércores pasado na revista Nature o descubrimento do esqueleto do primate máis antigo que se coñece. A diminuta criatura, (de apenas 7,1 centímetros de altura e entre 20 e 30 gramos de peso) foi bautizada como Archicebus achilles, viviu na China central no Eoceno, hai 55 millóns de anos, e os seus restos foron recuperados do leito dun antigo lago non moi lonxe do actual curso do río Yangtze.

Ademais de ser o primate máis antigo nunca visto ata agora, os restos fósiles deste animal botan luz sobre un episodio de crucial importancia para a evolución tanto dos humanos coma dos demais primates: a diverxencia entre a liñaxe que conduce aos antropoides (monos, simios e seres humanos) e o que derivou nos tarsios, pequenos primates nocturnos de grandes ollos e que viven nas árbores. O achado demostra, ademais, que os primeiros primates tamén eran activos durante o día, podían trepar ás árbores e se alimentaban principalmente de insectos.
 

FONTE: Xornal aabc/ciencia

A TEORÍA DO BIG BANG SEGUE VIXENTE

A TEORÍA DO BIG BANG SEGUE VIXENTE

Os astrónomos estudaron a composición de litio nas vellas estrelas / Imaxe:Karin Lind, Davide De Martin

Segundo a teoría clásica, o Universo en que vivimos comezou hai uns 13.800 millóns de anos co Big Bang, unha grande explosión da que, ademais da propia materia, xurdiron tamén as leis físicas que a rexen, incluídos o espazo e o tempo. Non todos os científicos están de acordo con esta hipótese, aínda que é sen dúbida a máis aceptada. Agora, un equipo internacional de científicos veu a reforzala. A través do telescopio de 10 metros do Observatorio Keck   no cume do Mauna Kea, Hawaii, un dos máis potentes da Terra, descubriu que os momentos xusto despois do grande estalido aconteceron tal como predí a teoría. O achado, descrito na revista Astronomy & Astrophysic, elimina unha discrepancia importante que preocupou os físicos durante dúas décadas.

Un dos problemas máis importantes da física e a astronomía era a inconsistencia entre os isótopos de litio previamente observados nas estrelas máis vellas da nosa galaxia, que suxería niveis unhas 200 veces maiores de litio-6 e entre tres e cinco veces menos de litio-7 do que predí a teoría do Big Bang. É dicir, a cantidade dos «ingredientes» cósmicos non coincidía.

O equipo, dirixido por Karin Lind, da Universidade de Cambridge, demostrou que estes datos eran erróneos. As análises empregaban varias simplificacións que daban lugar a falsas deteccións de isótopos de litio. Utilizando observacións de estrelas antigas co telescopio de 10 metros do Keck, os astrónomos confirmaron que non hai ningún conflito entre o seu contido en litio 6 e 7 e as predicións da teoría estándar, restaurando así a orde na nosa teoría dos inicios do Universo.
 

FONTE: Xornal abc/ciencia