Se muestran los artículos pertenecientes a Octubre de 2012.
GEI PEORES QUE O DIÓXIDO DE CARBONO
por vgomez el 01/10/2012 07:21, en ZONA VERDE

Quentamento global do efecto invernadoiro / Imaxe:doslourdes.net
A loita contra o cambio climático non remata no dióxido de carbono (CO2). Institucións como a Axencia Europea do Medio ou diversos investigadores internacionais alertaron sobre o impacto do aumento doutros gases de efecto invernadoiro (GEI) máis potentes que o CO2.
Os gases-F contribuíron en 2010 ao 2% do total de emisións de GEI en termos de CO2 equivalente dos 27 Países Membros, segundo os últimos datos da UE. A Axencia Europea do Medio (AEMA), en colaboración coa Comisión Europea, destacou nun informe o incremento "constante" destes gases dende 1990, a pesar da "F-Gas Regulation", o acordo comunitario que require as industrias europeas que reduzan o seu uso.
O Protocolo de Montreal prohibía en 1975 de forma internacional o uso de gases que reducisen a capa de ozono, como os CFC ou os HCFC. A industria buscou substitutos, como os gases-F, unha familia que comprende os hidrofluorocarbonos (HFC), os perfluorocarbonos (PFC) e o hexafluoruro de xofre (SF6). O Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático de Nacións Unidas (IPCC) considera o SF6, un gas inerte moi empregado como illante na industria da electrónica, o GEI máis poderoso do mundo: posúe unha capacidade de atrapar a calor 22.200 veces maior que o CO2.
A cantidade de CO2 emitido polo transporte ou a industria é tan elevada que o seu impacto final é maior que o metano (CH4), cuxo efecto invernadoiro é 20 veces superior ao do CO2. Non obstante, a preocupación dos científicos polo metano é cada vez maior. Por iso, algúns científicos considérano tanto ou máis perigoso que o CO2. Investigadores da Universidade Aberta de Reino Unido e da Universidade alemá de Colonia sinalaron que o metano foi o responsable do quentamento global de hai uns 180 millóns de anos e que rematou cun gran número de especies. Segundo estes científicos, o fenómeno produciuse a causa de alteracións periódicas na insolación da Terra debidas á forma na que rota. Deste xeito, os océanos quentáronse e desconxelaron as enormes cantidades de hidrato de metano atrapadas no leito mariño, expulsándoo á atmosfera.
Unha das formas nas que se xera o metano é mediante os procesos de dixestión animal. De aí que diversos científicos suxerisen cambiar a dieta do gando vacún, causante dunha cuarta parte das emisións de metano producidas por actividades humanas.
A lista de GEI é extensa e algúns deles son moito máis prexudiciais na súa capacidade de atrapar a calor na atmosfera que o CO2. Para comparar os distintos GEI emprégase o denominado "potencial de quentamento global" (GWP), que ten tamén en conta o número de anos. Ao tomar o CO2 como base, o seu GWP é 1. No caso do metano, o seu GWP en 20 anos é 72: a igualdade de masa na atmosfera, o metano atrapará a calor 72 veces máis que o CO2 nos próximos 20 anos, 25 nos próximos 100 anos e 7,6 nos próximos 500 anos. O GWP do SF6 é 22.800 en 100 anos, pero en 20 anos é 16.300.
En calquera caso, os científicos reclaman maior apoio para investigar os efectos reais destes gases e doutros pouco coñecidos. En 2009, un equipo da Universidade San Diego e o Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT) descubría que o fluoruro de sulfurilo (SO2F2), utilizado como fumigante contra térmites, é un GEI que permanece na atmosfera entre seis a dez veces máis do que se cría ata ese momento. O SO2F2 é capaz de atrapar a calor 4.800 veces máis que o CO2.
FONTE: Revista Consumer
TRUCOS PARA A VIDA DIARIA I
por vgomez el 02/10/2012 09:31, en CURIOSIDADES

Unha situación, unha solución. Máis dunha vez tivemos que cravar unha punta nunha madeira, e ai!..., de cheo co martelo no dedo.
Do xeito que amosa a fotografía superior evitaremos esta dolorosa situación, empregando os dentes do peite como guía de suxeición.
Bo truco!
NOVAS PROBAS DE QUE FLUÍU AUGA EN MARTE
por vgomez el 03/10/2012 08:15, en NOTICIAS DAS CIENCIAS

Rochas con grava dun antigo leito de auga en Marte / Imaxe:NASA
O robot Curiosity atopou novas probas de que fluíu auga pola superficie de Marte no pasado. Non é a primeira proba disto que se obtén, advirte a NASA, pero si é unha proba diferente. Nas fotos tomadas polas cámaras do vehículo aprécianse rochas con grava dun antigo leito. "Polo tamaño da grava arrastrada podemos interpretar que a auga se desprazaba aproximadamente un metro por segundo cunha profundidade que estaría entre a altura do nocello e da cadeira", explicou un investigador da misión do Curiosity da Universidade de California en Berkeley.
As rochas en cuestión descubríronse nun punto entre o bordo setentrional do cráter Gale e a base do monte Sharp que está no seu centro, segundo informa a NASA. Coas imaxes previas que se tiñan da zona permiten aos científicos unha interpretación do contexto das gravas. Parece ser un fluxo de auga que se abre en forma de abano arrastrando material dende o bordo do cráter, con numerosas canles.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
TRUCOS PARA A VIDA DIARIA II
por vgomez el 04/10/2012 08:36, en CURIOSIDADES

Unha situación, unha solución. Cada vez que pintamos as paredes, portas… o bote está cheo de liñas de pintura como consecuencia de escorrer a brocha. A solución a este problema é a que se amosa na imaxe superior: unha goma. Así os restos da pintura quedarán no bote, evitando manchas e perdas innecesarias do produto.
Bo truco!
URSA MAJOR (A OSA MAIOR)
por vgomez el 04/10/2012 12:03, en DOCENCIA

Osa maior / Imaxe:coompu.net
Moitas persoas consideran que a Osa Maior é unha constelación, pero, de feito, é un asterismo. Un asterismo é un conxunto de estrelas que vistas dende o ceo da Terra parecen formar unha figura pero que a diferenza dunha constelación non ten un recoñecemento oficial por parte da comunidade científica. Polo tanto é un patrón de estrelas no ceo que tamén se compón de estrelas que non están fisicamente relacionadas entre si e poden ter grandes distancias de separación. Un asterismo pode estar composto por estrelas dunha ou máis constelacións (no caso da Osa Maior, componse enteiramente das sete estrelas máis brillantes da constelacion "Great Bear").
Cinco das estrelas do Carro están no núcleo da Asociación estelar da Osa Maior, as dúas dos extremos, Dubhe e Benetnasch (Alkaid), non son parte da agrupación e móvense na dirección oposta. En relación coas cinco do centro, móvense cara a abaixo e cara á dereita sobre o mapa. Isto cambiará a forma do Carro, co corpo abríndose e o mastro facéndose máis curvo. Nuns 50.000 anos, o Carro xa non existirá tal e como o coñecemos.
Mitoloxía da Osa Maior
Aínda que para os exipcios a constelación da Osa Maior ou Ursa Major representaba a silueta dun xabaril e mesmo un hipopótamo para outras civilizacións, é a osa co animal que máis se asociou este asterismo ao longo dos tempos entre xentes que nunca mantiveron contactos entre si, como árabes, fenicios e iroqueses (estes de Norteamérica).
Di a mitoloxía grega que o gran deus Zeus se encaprichou coa ninfa Callisto da deusa Diana, da cal se disfrazou Zeus para achegarse á ninfa ata conseguir facer o amor con ela. Como Callisto quedou embarazada e Diana deuse conta do acontecido cando tomaba un baño con todas as súas ninfas, apartouna del. Hera, a esposa de Zeus escoitou que Callisto parira ao seu fillo Arkas, polo que nun ataque de celos, a converteu nun oso.
Anos despois, Arkas encontrou un oso ao que, por medo, intentou matar. Zeus, sabendo que se trataba de nai e fillo, tomounos e colocou entre as estrelas como dúas resplandecentes e veciñas constelacións. Hera, enfadada por isto, somerxeuse no océano en busca de Thethys e Oceanos, aos que contou a historia e pediu un favor: que o oso (a constelación Ursa Major) nunca tocase a auga. Por iso, segundo a mitoloxía, o Grande Oso nunca toca o horizonte. (Metamorfose, libro II, de Ovidio).
FONTE:mallorcaweb.net / coompu.net
MARTE EN CUARTO CRECENTE
por vgomez el 05/10/2012 07:22, en NOTICIAS DAS CIENCIAS

Imaxe de Marte en cuarto crecente / ESA
É algo común observar a Lúa en cuarto crecente; pero é insólito ver a Marte reducido a unha pequena porción iluminado. A sonda "Rosetta" da Axencia Espacial Europea (ESA) foi capaz de captar esta curiosa imaxe, durante a súa aproximación ao planeta vermello en febreiro de 2007.
As sondas de exploración do Sistema Solar xa enviaran fotografías doutros planetas e das súas lúas en cuarto crecente, pero esta é a primeira vez que se observou a Marte nesa fase.
A sonda “Rosetta” aproximouse ao Planeta Vermello durante a segunda das catro manobras necesarias para alcanzar o seu destino final, o cometa Churyumov-Gerasimenko, ao que chegará no verán de 2014. As outras tres manobras realizáronse ao redor do noso planeta.
Durante esta aproximación a Marte, o equipo de “Rosetta” intentou observar a luminescencia nocturna da atmosfera do planeta. Este fenómeno consiste nunha tenue emisión de luz nas capas máis altas da atmosfera, producida pola enerxía liberada pola recombinación dos átomos de osíxeno e nitróxeno.
Os halos vermello e azul (difuso) son o resultado da reflexión da luz nos compoñentes ópticos da cámara.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
TRUCOS PARA A VIDA DIARIA III
por vgomez el 06/10/2012 09:47, en CURIOSIDADES

Unha situación, unha solución. Máis dunha vez, sobre todo os máis pequenos, tomaron un refresco de lata cunha palliña. O problema xorde cando esta, xogando, cae ao chan. A solución témola na fotografía superior: o mesmo abridor da lata serve para fixala e evitar que se mova e se perda.
Bo truco!
UN NOVO DINOSAURO: PEGOMASTAX AFRICANUS
por vgomez el 07/10/2012 10:14, en NOTICIAS DAS CIENCIAS

O dinosauro con cairos de vampiro / Imaxe:zocalo.com.mx
Foi desenterrado hai moitos anos pero ata agora non se estudara en profundidade. Trátase dun dinosauro moi pequeno, duns 60 centímetros de lonxitude, do tamaño dun gato doméstico, cuberto de sedas como as dun porco espiño e cuxa cabeza recorda á dun loro. O seu trazo máis rechamante, non obstante, é a súa espectacular dentadura de cairos punzantes como os dun vampiro.
Ademais dos seus dous afiados cairos, os seus dentes superiores e a súa mandíbula inferior funcionaban coma se fosen unhas tesoiras afiadas. O seu pequeno cranio, duns sete centímetros de lonxitude adaptouse para arrancar a froita.
Polo que respecta aos seus cairs, máis propios dun animal carnívoro que dun herbívoro, o máis probable é que tivesen unha función defensiva, para loitar contra os seus inimigos ou para competir con outros machos por femias coas que copular.

Recreación do Pegomastax africanus / Todd Marshall
Este era ou extraordinario aspecto do Pegomastax africanus (mandíbula grosa de África), un dinosauro herbívoro que habitou a Terra hai 200 millóns de anos, cando ou supercontinente Panxea comezaba a dividirse en dous. Os seus restos apareceron orixinalmente nos anos 60 en Sudáfrica, pero non foi ata agora que ou famoso paleontólogo Paul Sereno («pai» do xigantesco Supercroc, entre outros monstros) identificounos como pertencentes a unha nova especie entre a colección de fósiles da Universidade de Harvard.
Este investigador da Universidade de Chicago e investigador de National Geographic, describiu os detalles da anatomía e estilo de vida do dinosauro anano na revista ZooKeys.
FONTE: Xornais El Pais e El Mundo
FRACTURA DUNHA PLACA TECTÓNICA NA TERRA
por vgomez el 08/10/2012 08:18, en NOTICIAS DAS CIENCIAS

Localización da fractura da placa tectónica / Imaxe: Xornal El País
O 11 de abril deste ano rexistráronse dous grandes terremotos de magnitude 8.7 e 8.2 no océano Índico, ao sueste de Sumatra. Tremeu a terra dende Australia ata a India e o sueste asiático e morreron dúas persoas e outras oito faleceron por ataques cardíacos. Foron moi poucas vítimas e danos en comparación coa tremenda catástrofe do terremoto de 2004 na rexión, cando o tsunami desencadeado cobrouse miles de vidas. Pero non pasou desapercibido para os científicos: foi un grande acontecemento na historia da Terra, algo excepcional, porque eses sismos debéronse a un proceso de fractura dunha das grandes placas tectónicas (a Indoaustraliana) que forman a codia terrestre.
En realidade, o terremoto de 8.7 respondeu a catro fracturas no interior da placa, tres delas paralelas entre si e unha cuarta perpendicular a elas, formando no seu conxunto unha falla en chanzo. O proceso durou dous minutos e 40 segundos e foi seguido dúas horas despois por outro terremoto de magnitude 8.2. A zona de rotura situouse a uns centenares de quilómetros da costa occidental de Sumatra e en pleno mar. Rompeu o fondo do océano. Os terremotos deron lugar ao que os expertos denominan esgazaduras de placa.
Segundo os investigadores da Universidade de California, Santa Cruz (UCSC), autores dun dos tres artigos sobre este acontecemento xeofísico publicados na revista Nature, "o terremoto do pasado 11 de abril é probablemente o maior terremoto de esgace que se rexistrou con sismógrafos".
A litosfera terrestre, é dicir, os 100 primeiros quilómetros que inclúen a codia e a parte superior do manto, está dividida nunha ducia de grandes placas ríxidas de distintos tamaños e formas que descansan sobre o manto terrestre semifluído. As placas chocan entre si, sepáranse, móntanse unha sobre outra, defórmanse e orixinan cordilleiras, deslízanse nos seus bordos... e as zonas do planeta onde acontecen estes procesos dinámicos nas fronteiras entre placas son especialmente susceptibles de sufrir terremotos e vulcanismo. Cando unha destas grandes pezas da litosfera está a premer sobre outra, vanse acumulando tensións que se liberan provocando grandes sismos.
Dende o punto de vista tectónico, os dous terremotos de abril manifestan un proceso de rotura no interior da placa Indoaustraliana e a creación dun novo bordo de placa no que as partes correspondentes a India e Australia sepáranse entre si.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
PREMIO NOBEL DE MEDICINA 2012
por vgomez el 09/10/2012 07:41, en NOMES PROPIOS

John B. Gurdon e Shinya Yamanaka / Imaxe: lavanguardia.com
Como cada ano dende 1901, Suecia prepárase para a entrega dos Premios Nobel, que premian as mellores investigacións e traballos nas disciplinas de Fisioloxía e Medicina, Física, Química, Literatura e Economía, ademais do recoñecido premio Nobel da Paz.
A orixe dos premios Nobel está vinculada ás circunstancias persoais do seu fundador: Alfred Nobel (1833-1896), un magnate que acumulou unha fortuna cos seus inventos, pero a quen lle atormentaban as consecuencias funestas do máis famoso dos froitos do seu enxeño: a dinamita. Nobel legou a súa fortuna para premiar a benfeitores da humanidade, establecendo que o diñeiro se investise en valores inmobiliarios e que os intereses se dividisen en cinco partes iguais, tantas como premios creou.
Segundo fixo público a páxina web oficial destes premios, nesta edición 2012, o primeiro galardón, o Nobel de Filisoloxía e Medicina 2012, foi compartido polo británico John B. Gurdon e o xaponés Shinya Yamanaka por descubrir como se poden reprogramar as células maduras para que se convertan en células pluripotentes, capaces de transformarse en calquera tipo de tecido, o que revolucionou a comprensión científica de como se desenvolven as células e os organismos. Reprogramando estas células humanas, os científicos crearon novas oportunidades para estudar enfermidades e desenvolver métodos de diagnóstico e terapia.
Sir John Bertrand Gurdon, naceu o 2 de outubro de 1933. Biólogo británico coñecido pola investigación pioneira no transplante nuclear e a clonación.
Shinya Yamanaka, naceu o 4 de setembro de 1962. Biólogo xapones. Curiosamente en 2010, recibe o Premio de Biomedicina nos Premios Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento "por demostrar que é posible reprogramar células xa diferenciadas e devolvelas a un estado propio das células pluripotentes".
Dos 7 premios Nobel conseguidos por españois, 2 foron nesta especialidade: Santiago Ramón y Cajal, no ano 1906, e Severo Ochoa, en 1959.
FONTE: Xornal La Vanguardia e Wikipedia.org
TRUCOS PARA A VIDA DIARIA IV
por vgomez el 09/10/2012 18:11, en CURIOSIDADES

Nalgunha ocasión tivestes que meter na argola dun chaveiro unha nova chave. A situación é complicada pois non é fácil separar os dous metais do aro, deixando parte das unllas ou incluso tendo que recorrer aos dentes ou a un coitelo.
Tal como amosa a fotografía superior a solución é sinxela. Un simple quitagrampas facilitará a separación e posterior inclusión da nova chave.
Bo truco!
PREMIO NOBEL DE FÍSICA 2012
por vgomez el 10/10/2012 08:01, en NOMES PROPIOS

Gañadores do Nobel de Física. Á esquerda, Serge Haroche, e á dereita, David Wineland / Imaxe: lavanguardia.com
O científico francés Serge Haroche e o estadounidense David Wineland gañaron o premio Nobel de Física 2012 polas súas investigacións pioneiras no campo da óptica cuántica: "Os premiados abriron a vía a unha nova era de experimentación na física cuántica ao demostrar a observación directa de partículas cuánticas individuais sen destruílas".
Serge Haroche, naceu o 11 de setembro de 1944 en Casablanca (Marrocos). Físico francés. É membro da Sociedade de Física francesa , da Sociedad Europea de Física e investigador e membro da Sociedade Americana de Física.
David Wineland, naceu o 24 de febreiro de 1944 en Milwaukee-Wisconsin (EEUU). É membro da Sociedade Americana de Física, da Sociedade Óptica Americana e membro da Academia Nacional das Ciencias.
FONTE: Xornal La Vanguardia/ Wikipedia.org
NOBEL DE QUÍMICA 2012
por vgomez el 11/10/2012 08:20, en NOMES PROPIOS

Lefkowitz e Kobilka, premio Nobel de Química 2012 / Imaxe: Xornal ABC
Os científicos estadounidenses Robert Lefkowitz e Brian Kobilka gañaron o premio Nobel de Química 2012 polas súas investigacións sobre un tipo de receptores da membrana das células que regulan múltiples funcións biolóxicas.
Dos receptores aclopados ás proteínas G, como se denominan, depende a actividade de hormonas como a adrenalina ou a leptina, así como de neurotransmisores como a serotonina ou a dopamina. Regulan, polo tanto, dende o apetito ao estado de ánimo, pasando pola tensión arterial, o ton muscular ou as reaccións ante situacións de estrés. Aproximadamente a metade dos fármacos existentes actualmente basean a súa eficacia na acción destes receptores.
Robert Lefkowitz, naceu o 15 de abril de 1943 en Nova York (EEUU). Médico e investigador. Traballa no Instituto Médico Howard Hughes e no Centro Médico Universitario Duke, de Durham (EEUU).
Brian Kobilka, naceu no ano 1955 en Little Falls-Minnesota (EEUU). Desempaña a súa labor na Escola Universitaria de Medicina de Stanford (EEUU).
FONTE: Xornal ABC e Wikipedia
CINE: "FRANKENWEENIE" E "O IMPOSIBLE"
por vgomez el 12/10/2012 09:15, en OPINIÓN E COMENTARIO
Nesta longa fin de semana chegana aso cines dúas película a ter en conta e moi recomendables: "Frankenweenie" e "O imposible".
A primeira delas, "Frankenweenie", é unha película baseada na curtametraxe homónima que o propio Burton, director desta película, realizou en 1984. Esta é a súa ficha técnica:
Título: Frankenweenie
Director: Tim Burton
Guión: John August (Historia: Tim Burton, Leonard Ripps)
Ano: 2012
Nacionalidade: USA
Produtora: Walt Disney Pictures / Tim Burton Animation Co. e Productions
Xénero: Animación, Comedia, Terror
Duración: 87 minutos
Música: Danny Elfman
Fotografía: Peter Sorg
Sinopse: Tras as inesperada morte do seu querido can Sparky, o pequeno Victor aproveita o poder da ciencia para devolvelle a vida. Esta nova situación obrigarao a afrontar terribles situacións cuxas consecuencias son imprevisibles.
A segunda, "O imposible", é unha longametraxe sobre o tsunami que azoutou o sueste asiático en 2004. Esta é a súa ficha técnica:
Título: O Imposible
Director: Juan Antonio Bayona
Guión: Sergio G. Sánchez
Ano: 2012
Nacionalidade: Española
Produtora: Apaches Entertainment / Telecinco Cinema / Mediaset España / Canal+ España / IVAC / ICAA
Xénero: Drama
Duración: 107 minutos
Música: Fernando Velázquez
Fotografía: Óscar Faura
Reparto: Ewan McGregor, Naomi Watts, Geraldine Chaplin, Marta Etura, Dominic Power, Bruce Blain, Tom Holland, Sönke Möhring, Nicola Harrison, Oaklee Pendergast, Natalie Lorence, Olivia Jackson, Laura Power, Russell Geoffrey Banks, Ploy Jindachote
Sinopse: Un matrimonio e os seus tres fillos comezan as súas vacacións de inverno en Thailandia, pasando uns días nun paraíso tropical. Pero na mañá do 26 de decembro, cando a familia se relaxaba na piscina despois do día de Nadal, un ruxido terrible elévase dende o centro da terra: un enorme muro de auga negro percorre todo o recinto do hotel. O home trata de coller aos seus dous fillos máis pequenos, pero é demasiado tarde: a onda rompe nel cunha forza incrible e perde o control. A muller é empurrada baixo a auga, é golpeada e maltratada pola auga e os entullos ata deixala ao bordo da morte. Finalmente sae á superficie nun mar embravecido, que somerxeu por completo o hotel de tres pisos e a paisaxe circundante. Esta muller arquexa para respirar, mentres trata de entender o que acaba de acontecer, convencida de que a súa familia foi borrada nun abrir e pechar de ollos. Pero entón, o seu fillo maior, sae á superficies uns metros máis adiante en medio da inundación salvaxe. Cara a cara con algo incomprensible e inesperado ela debe loitar contra todo para a supervivencia do seu fillo e a súa propia.
CO OUTONO CHEGAN OS COGOMELOS
por vgomez el 13/10/2012 08:21, en OUTRAS COUSAS

Despois destas primeiras choivas aparecen os primeiros cogomelos. Na fin de semana pasada, na miña terra de Ourense, conseguín os primeiros exemplares de lepiota (Macrolepiota procera). Onte pola tarde fixen a primeira saída aos montes de Oia e xa vedes o botín conseguido. Pouco, pero para min como se fosen os zapatos novos dun rapaz: varios exemplares de níscaro (Lactarius deliciosus) e moi poucos de boleto (especie Boletus pinophilus).
Por certo, nunca collades exemplares de cogomelos sen estar seguros que é unha especie comestible. Facédeo na compaña dalgún experto. En caso de dúbida non consumir. E sempre con cesta e navalla para cortar. Nunca arrincar.
Se queredes investigar tedes unha guía para facelo premedo AQUÍ.
Gozade do monte, pero con respecto. Espero que sexa un bo ano para os amantes dos cogomelos!
UN PLANETA DE DIAMANTE
por vgomez el 14/10/2012 10:38, en NOTICIAS DAS CIENCIAS

Recreación do planeta 55Cancri / Reuters
Científicos da Universidade de Yale (EUA) descubriron un planeta rochoso composto de grafito e diamante, dúas veces máis grande que a Terra e cunha masa oito veces maior.
O planeta, chamado 55 Cancri, é un dos cinco planetas que orbitan en torno a unha estrela similar ao Sol na constelación de Cáncer, a 40 anos luz da Terra, relativamente preto, polo que se pode ver a simple vista.
O planeta orbita tan rápido que un ano dura 18 días, fronte aos 365 da Terra, é ademais extremadamente quente xa que, segundo os investigadores, a súa temperatura alcanza os 2.148 ºC.
Parece estar composto principalmente de carbono (como o grafito e o diamante), ferro, carburo de silicio, e, posiblemente, algúns silicatos, apuntan os investigadores que publicarán o estudo na revista The Astrophysical Journal Letters.
O planeta foi observado por primeira vez o ano pasado e os científicos asumiron inicialmente que podería ter unha composición química similar á auga, pero tras novas investigacións determinaron que o planeta non ten auga.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
TRUCOS PARA A VIDA DIARIA V
por vgomez el 15/10/2012 07:56, en CURIOSIDADES

Poñer a ferver algo nunha ola e ver como bota fóra pola cociña ou vitrocerámica é algo que acontece moi a miúdo. Para evitar esta húmida situación, tal como amosa a fotografía superior, unha simple culler de madeira colocada sobre o recipiente resolverá o problema.
Bo truco!
UNHA ROCHA ÍGNEA DE MARTE
por vgomez el 16/10/2012 07:46, en NOTICIAS DAS CIENCIAS

Rocha de Marte / Imaxe: nasa.gov
O vehículo robot "Curiosity" descubriu un tipo de rocha en Marte ata agora descoñecida e que se asemella a unha rocha volcánica da Terra, segundo confirmou a axencia espacial estadounidense NASA.
"Esta rocha ten unha composición química similar á dun tipo de rocha ígnea inusual encontrada en varias rexións volcánicas da Terra", dixo Edward Solper, do Instituto de Tecnoloxía en Pasadena, estado norteamericano de California, sobre a primeira mostra de rocha analizada polo vehículo, que aterrou en Marte o 6 de agosto.
Polo momento non se deron a coñecer máis detalles sobre esta rocha nin sobre as implicancias do achado. Marte é considerado dende hai tempo un planeta rochoso que se asemella máis que calquera outro deste sistema solar á Terra.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
UN LIBRO PARA LER: "COA AUGA AO PESCOZO"
por vgomez el 17/10/2012 07:16, en OPINIÓN E COMENTARIO

Outro dos libros que lin este pasado verán foi "Coa auga ao pescozo" (Con el agua al cuello), do escritror Petros Márkaris (Estambul, 1937).
É unha novela do xénero policial, cun protagonista central: un comisario grego do Departamento de homicidio de Atenas , Kostas Jaritos.
Nesta novela en concreto, a 5ª desta serie, sitúase na Grecia do verán do 2010 e que parece ser o destino, esperemos que non cheguemos a tanto, do noso país: a brutal crise económica ao bordo da bancarrota.
Argumento: Un caloroso domingo do verán de 2010, o comisario Jaritos asiste á voda da súa filla Katerina. Ao día seguinte, pouco despois de chegar a Xefatura, é informado do asasinato de Nikitas Zisimópulos, antigo director de banco, degolado cunha arma cortante. O macabro homicidio coincide cunha campaña que alguén, amparándose no anonimato, emprendeu contra os bancos, animando aos cidadáns a que boicoteen as entidades financeiras e non paguen as súas débedas e hipotecas. O certo é que Grecia, ao bordo da bancarrota, pasa por un momento moi crítico, e a poboación non dubida en saír á rúa para queixarse dos recortes en soldos e pensións. Para colmo, Stazakos, o xefe da Brigada Antiterrorista, sostén que o asasinato de Zisimópulos podería ser obra de terroristas. Jaritos, en desacordo con esa hipótese, terá que apañarllas cos seus dous axudantes para enfrontarse a un asasino cuxos crimes apenas acaban de empezar.
Novela moi entretida e fácil de ler, onde se mesturan coa trama problemas laborais, persoais e familiares, dándolle realidade, se cabe aínda máis, a este relato.
Recoméndovola!
TRUCOS PARA A VIDA DIARIA VI
por vgomez el 18/10/2012 09:21, en CURIOSIDADES

A situación é a seguinte: coller auga nun caldeiro nun cuarto de baño que só ten unha billa na pileta. A solución témola na fotografía superior: un simple recolledor de man. O seu mango ten, normalmente, media abertura que fai de canle para conducir a auga da billa ao caldeiro.
Bo truco!
SÓ SE ACORDAN CANDO HAI ELECCIÓNS
por vgomez el 19/10/2012 06:36, en OPINIÓN E COMENTARIO

A viñeta de Dávila, no xornal Faro de Vigo de onte, amosa unha realidade: Os políticos só se acordan de nós cando hai eleccións. Como di un vello do meu pobo sarcasticamente, "ata saben o meu nome e mándanme cartas".
Pásanche a man polo lombo, saúdos efusivos, sorrisos forzadas, collen aos nenos, bican a mulleres e vellos... Penoso!
Prometen o ouro e o mouro e despois... Non cumpren case nada do que prometen, mo mellor dos casos, ou fan o contrario do que prometeron, como por desgraza está sucedendo ultimamente.
Iso si, despois do día 21, todo volverá á normalidade. Xa non se acordarán máis ata que toque outra elección!
Só queren o poder! Por que será?
UNHA NOVA ESPECIE DE VERME:" YODA PURPURATA"
por vgomez el 19/10/2012 09:01, en CURIOSIDADES

Parecido entre os labios do verme e as orellas de Yoda / EM
O verme, de cor avermellada púrpura, foi descuberto durante unha expedición no Atlántico entre Islandia e as Azores xunto con outras dúas especies nun ecosistema a 2,8 quilómetros de profundidade. O animal é descrito no último número da revista Invertebrate Biology.
Máis alá do seu curioso nome, o animal é un ben prezado para os investigadores: "Non é exactamente un elo perdido pero si dá unha boa idea sobre a evolución temperá dos vertebrados".
O descubrimento deste verme é o último caso dentro dunha longa lista de especies bautizadas con nomes de famosos cantantes, políticos ou científicos. Así o verme Yoda únese á mosca Beyoncé , ao peixe parasito Bob Marley ou a un trío de escaravellos bautizados como George Bush, Dick Cheney e Donald Rumsfeld.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
CIENCIAS E INGLÉS
por vgomez el 20/10/2012 09:02, en DOCENCIA
Este vídeo amosa a realidade máis próxima a nós no Universo. Demostra que somos ananos neste mundo de xigantes. Danos unha visión comparativa para que teñamos unha realidade algo máis alá dos números.
O motivo deste vídeo (máis alá de ser un dos moitos sobre a temática que estamos a dar na clase) é tratar este tema pero empregando como lingua de información o inglés. Unha idea, que me propuxo, e que comparto, Rosana, do Departamento de Inglés do noso centro.
Seguramente non será a última colaboración! Grazas, Rosana.
UN PLANETA CON CATRO SOLES
por vgomez el 21/10/2012 09:09, en NOTICIAS DAS CIENCIAS

O planeta PH1 orbitando ao rededor do sistema circumbinario / Europa Press
Un equipo de astrónomos afeccionados, en colaboración con expertos dá Universidade de Yale, descubriu un sistema único non Universo. Por primeira vez, observaron un planeta con catro estrelas. Trátase do planeta PH1, que xira ao redor dun sistema estelar binario que, á súa vez, é orbitado por un segundo par de estrelas distantes.
Segundo explicaron os expertos, trátase do primeiro sistema destas características e sinalaron que é unha configuración planetaria extremadamente rara: "Actualmente só se coñecen seis planetas que orbitan dúas estrelas, e ningún deles se moveu en órbita arredor doutras compañeiras estelares". Os astrónomos chamaron a este "mundo" recén descuberto "sistema circumbinario". Os planetas circumbinarios son os extremos da formación de planetas.
PH1 é un xigante de gas cun raio de ao redor de 6,2 veces ou da Terra -algo maior que Neptuno- e é denso, cunha masa unhas 170 veces maior que o noso planeta. Xira en torno ás súas estrelas máis ou menos cada 138 días. Máis alá da órbita do planeta, a unha distancia de ao redor de 1.000 UA (a distancia entre a Terra e ou Sol) está ou segundo par de estrelas que orbita o sistema planetario.
Segundo os expertos, o descubrimento destes sistemas obriga aos expertos a volver á mesa de debuxo para entender como estes planetas poden nacer e evolucionar dinamicamente nestes ambientes difíciles.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
ARQUITECTURA DE CADEIRAS
por vgomez el 22/10/2012 10:08, en FOTOS

A fin de semana pasada estiven en Vilanova de Cerveira (Portugal). Entre o Aquamuseu e o río Miño atopei esta obra equitectónica curiosa. Non ten nome, que eu saiba, pero podería bautizala como "Descanso invernal". Está formada por 84 cadeiras de terraza brancas colocadas e 7 columnas unidas entre elas.
Orixinal!
A FAMILIA E OS ESTUDOS
por vgomez el 24/10/2012 07:13, en OUTRAS COUSAS

Que se pode facer dende a familia para loitar contra os malos resultados dos alumnos españois en el informe PISA? Moito. Aínda que debería ser unha combinación ideal de esforzos entre a familia, o neno e a escola, a actitude dos pais é máis importante nas notas dos fillos do que nun principio poida parecer. Esa é a idea que Victòria Cardona Romeu traballa no se u libro «Quen educa ao meu fillo?», e do que se poden quitaras as seguintes pautas de estudo para axudar aos nosos fillos a render mellor nos estudos:
FACER AGRADABLE O ESTUDO. Isto significa anirmalos con comentarios como: «Que toca hoxe?, se podo bótoche unha man...», «non terás interrupcións», «aproveita agora que tes o ordenador libre por se tes que buscar algo en internet...». Nunca faremos comentarios que desprestixien a autoridade do profesor como, por exemplo, «eses profesores póñenche demasiados deberes», ou ben que preocupen ao noso estudante: «Mira como traballan os teus pais para pagarche un bo colexio!». Se ten que realizar algún traballo, procuraremos que o noso fillo non sexa adicto ao cortar e pegar, senón que a lectura sexa instrutiva e sirva para adquirir coñecementos. «Aínda que os estudantes que len ficción teñen máis probabilidades de lograr unha puntuación alta, son os estudantes que len unha gran variedade de materiais os que conseguen facelo realmente ben», di textualmente o informe PISA. É un consolo saber que o fracaso escolar non se debe á utilización que fan das redes sociais; non obstante, convén que na casa establezamos un horario para a comunicación na rede cos seus amigos, que sexa distinto do tempo de estudo, igual que facemos con algunha actividade extraescolar e con algún deporte que practique.
DISPOÑER DUN ESPAZO AXEITADO. Hai que intentar dispoñer dun espazo no fogar para o estudo dos nosos fillos, que sempre sexa o mesmo. Sen música, sen ruídos, sen iluminación; á vez, como cada un é diferente, debemos distinguir ao que sabe estar concentrado durante moito tempo do que necesita facer pausas de descanso e continuar os deberes ou o estudo. Nas familias con pisos pequenos, pódese arranxar un espazo para estudar, aínda que sexa a mesa da cociña ou do comedor, coa única condición de establecer un horario par ano ter que cear cos libros ocupando a mesa. Para non os dispersar, non podemos interrompelos a cada momento. O que si podemos facer é preguntarlles o que memorizaron; desa forma saberemos se aprenderon a resumir e sintetizar, e se reflexionaron sobre o que están a estudar. Sería ideal que non tivesen o ordenador aberto mentres estudan, a non ser que estean a buscar na rede algún documento relacionado co estudo. Cando o noso fillo le detidamente, aprende. Concentrarse no estudo é unha tarefa que os pais temos que facilitar. O noso fillo necesita o seu lugar.
APOIAR AOS PROFESORES. Escoitemos e secundemos o que nos din os profesores sobre o noso fillo. Se non soubésemos a versión do colexio poderiamos deixar de lado aquel fillo ou filla que, con máis dificultades, necesita máis tempo para aprender e, polo tanto, máis atención da nosa parte e -en caso necesario-, de profesores ou especialistas da linguaxe; mesmo pode suceder que outro con máis facilidade para estudar se converta en preguiceiro por non realizar ningún esforzo.
RESUMINDO
-Cando o alumno está motivado e é valorado pola súa familia e polo seu profesor, responde mellor a todas as tarefas escolares.
-As motivacións que deamos ao noso fillo deben ser menos materialistas e máis fundamentais, como recibir a gratificación polo traballo ben feito e aumentar así a súa propia autoestima.
-Estimular no interese polo estudo e secundar o que pide no colexio.
-O noso fillo necesita unha ampla cultura para ter máis medios para ser máis libre; a ignorancia é mala conselleira, porque coarta a súa capacidade de elección.
VACACIÓNS E DÍAS NON LECTIVOS
por vgomez el 24/10/2012 07:14, en COMUNICADOS

Os días non lectivos para o presente curso escolar 2012/2013 propostos polo noso centro son: 7 de decembro de 2012 (venres) e 20 de maio de 2013 (luns).
A Consellería de Educación propuxo o día 2 de novembro de 2012 (venres) como Día do Ensino, polo tanto non lectivo.
Finalmente os períodos de vacacións serán:
Nadal: Do 22 dedecembro de 2012 ao 7 de xaneiro de 2013, ámbolos dous inclusive.
Entroido:11, 12 e 13 de febreiro de 2013.
Semana Santa: Do 25 de marzo ao 1 de abril de 2013, ámbolos dous inclusive.
AGARRÁNDOSE AO CHAN
por vgomez el 24/10/2012 07:14, en FOTOVERDE

Curiosa fotografía que tomei hai uns días no pais veciño, concretamente fronte á praia do Muíño, pero claro do outro lado do río: Piñeiral dos areais de Camarido.
Nela apréciase un piñeiro agarrándose fortemente a ese chan tan inestable. Vense as súas raíces, grosas, como se quixese dar un paso adiante ou erguerse para ver mellor o océano, que outras árbores llo impiden.
FOTO GAÑADORA DO VEOLIA ENVIRONNEMET WILDLIFE 2012
por vgomez el 28/10/2012 22:09, en ZONA VERDE

“Bubble-jetting emperors” de Paul Nicklen / Imaxe: National Geographic
Esta é a fotografía do canadiense Paul Nicklen, gañadora absoluta do Veolia Environnement Wildlife deste ano 2012. Este é un concurso onde cada ano se premian as mellores fotografías de natureza do momento. Neste caso vemos os pingüíns emperador ascendendo como foguetes cara a un orificio de saída no xeo.
En seguintes días analizaremos outras fotografías gañadoras en difrentes categorías.
VIDEOXOGO CLMNTK
por vgomez el 28/10/2012 22:10, en XOGOS

Este ano celébrase o ANO INTERNACIONAL DA ENERXÍA SOSTIBLE PARA TODOS. Recoñecendo a importancia da enerxía para o desenvolvemento sostible, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o ano 2012 Ano Internacional da Enerxía Sostible para Todos mediante resolución 65/151.
O Ano Internacional da Enerxía Sostible para Todos ofrece unha valiosa oportunidade para afondar a toma de conciencia sobre a importancia de incrementar o acceso sostible á enerxía, á eficiencia enerxética e á enerxía renovable no ámbito local, nacional, rexional e internacional.
Climántica está a desenvolver actividades co gallo desta celebración. Unha delas é o videoxogo CLMNTK (en galego, español e inglés). É un vídeoxogo de simulación para a toma decisións na xestión racional dos recursos enerxéticos para a mitigación do cambio climático na primeira metade do século XXI.
Se o queres coñecer só tes que premer AQUÍ.
HORARIO DE INVERNO: CAMBIO DE HORA
por vgomez el 28/10/2012 22:10, en OUTRAS COUSAS

A normativa da Unión Europea establece que cada ano, o último domingo de outubro, procederase ao cambio de hora para adaptarse ao horario de inverno. Ás 3 da madrugada (hora da Península) de mañá, domingo 28 de outubro, haberá que atrasar o reloxo ata as 2, e polo tanto, este día terá, oficialmente, unha hora máis.
Este horario permanecerá ata o 31 de marzo, último domingo dese mes, no que procederase ao cambio de hora para adaptarse ao horario de verán.
O cambio de hora encóntrase regulado en España polo Real Decreto 236/2002 da 1 de marzo, que incorpora ao noso ordenamento xurídico a Directiva 2000/84/CE de 19 de xaneiro de 2001 do Parlamento Europeo e do Consello da Unión.
Mirádeo polo lado positivo, mañá podemos durmir unha hora máis!
BURACOS NEGROS
por vgomez el 28/10/2012 22:10, en DOCENCIA
Un buraco negro é un obxecto celeste cunha densidade tal que a curvatura do espazo adxacente está pregada sobre si, polo que están illados do universo exterior e nin sequera a luz pode fuxir. De aí o seu nome, xa que non só non emiten luz senón que absorben todo tipo de radiación ou materia que se achegue demasiado. O periodista científico José Manuel Nieves explica no seu videoblog «Materia Oscura» (na parte superior) que son estes pozos cósmicos e como se comportan.
MÁIS GAÑADORES DO VEOLIA ENVIRONNEMENT WILDLIFE
por vgomez el 29/10/2012 07:11, en ZONA VERDE

“Into the mouth of the caiman” de Luciano Candisani / Imaxe: taringa.net
Se o outro día publiquei a foto gañadora absoluta do Veolia Environnemet Wildlife 2012, esta é a gañadora do apartado de Comportamento: Animais de sangue fría.
A fotografía en cuestión, "Dentro da boca do caimán" é do brasileiro Luciano Candisani, na que se amosa un yacaré negro nas augas do Patanal de Brasil.
Se queres coñecer o resto de fotografía gañadoras, nos diferentes apartados, só tes que pinchar AQUÍ.
Son espectaculares!
OS GALEGOS NA PUBLICIDADE
por vgomez el 30/10/2012 08:13, en OUTRAS COUSAS
Unha vez máis, a publicidade de GADIS, toca a fibra sensible dos galegos. Neste caso os nenos son os protagonistas, co telón de fondo da crise.
Os pequenos da casa non viven indiferentes ao que acontece ao seu arredor. Unha mensaxe común, "Axudemos como galegos!", repítese nos centos de mensaxes cos que os nenos e nenas galegas están inundando a rede para demostrarlle aos seus pais que están ahí, que son o que son gracias a eles e que xuntos enfrontarán a crise baixo un único desexo: "Vaite e non volvas!".
Esta vez, superaronse!
10 AVES MÁIS RARAS DESCUBERTAS EN ESPAÑA (I)
por vgomez el 31/10/2012 07:25, en ZONA VERDE

Fregetta gregaria / Imaxe: taringa.net
As aves raras ou rarezas son exemplares que chegan a un lugar de forma ocasional fóra da súa zona habitual. Segundo SEO/BirdLife , o seu avistamento en España aumentou nos últimos anos por diversos factores. Algunhas delas atópanse en perigo e por iso observalas é un dobre luxo.
Ao longo de varios días coñeceremos as dez aves máis raras descubertas en España. Hoxe comenzaremos polo Paíño ventinegro (Fregetta gregaria).
1. PAÍÑO VENTINEGRO (Fregetta gregaria): Observouse por primeira vez en España en 2011 a unhas 40 millas náuticas ao norte de Lanzarote, no Banco da Concepción. Nativo de zonas austrais de América, África ou Oceanía, a Lista Vermella de Especies Ameazadas da UICN asegura que esta especie non se atopa en perigo, aínda que a súa poboación marca unha tendencia en descenso.
FONTE: Revista Consumer