Se muestran los artículos pertenecientes a Junio de 2013.

O CEO DO MES: XUÑO 2013

Publicado: 01/06/2013 10:55 por vgomez en O CEO DO MES
20130530205026-noitesanxoan495.jpg

Noite máxica de San Xoan / Imaxe:www.museo.depo.es

Lúa Nova: 8 de xuño.

Cuarto cercente: 16 de xuño.

Comezo do verán: 21 de xuño.

Lúa Chea: 23 de xuño.

Cuarto Minguante: 30 de xuño.

Chuvia de meteoros: Bootidas de Xuño (JBO), actividade do 22 de xuño ao 2 de xullo, con máximo o 27 de xuño.

20130601204027-musgo-antartida-.jpg
Mofo antártico  / Imaxe:Rachel Sussman

Algúns dos organismos máis antigos viven nos ecosistemas máis fráxiles do mundo. Este é o caso do mofo antártico, de 2.200 anos de antigüidade. O pasado ano, unha investigación sinalaba que o mofo sobrevive ao clima extremo da Antártida grazas a unha fonte inusual de alimento, as materias fecais deixadas polos pingüíns que viviron na mesma zona do continente xeado hai miles de anos.

FONTE: Xornal abc/Ciencia

GLP / AUTOGAS

Publicado: 03/06/2013 08:08 por vgomez en OUTRAS COUSAS
20130602093401-grafico-glp-1.png

 

Comparativa / Imaxe:www.victoryautogas.com

 O GLP é un combustible líquido que resulta da mestura dun 60% de gas natural e un 40% do refino do petróleo. Tamén coñecido como gas licuado vehicular (GLV) é o combustible alternativo máis utilizado do mundo. O segredo do seu éxito débese ás súas diversas vantaxes, segundo a Asociación Española de Operadores de Gases Licuados do Petróleo (AOGLP):

Menos contaminante: emite menos gases e partículas nocivas, en especial fronte a un vehículo diesel, está exento de compostos como o xofre e o chumbo, diminúe os niveis de ruído nun 50% e reduce as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 15% con respecto á gasolina.

Máis económico
: o autogás reclama un maior consumo, pero ao ser un 50% máis barato que a gasolina convencional, o gasto cada 100 quilómetros redúcese entre un 30% e un 40%. Nótanse menos as oscilacións do petróleo. Prevese que nos próximos anos o seu prezo seguirá baixo, a diferenza da gasolina ou o gasóleo. Tamén se aforra en mantemento, xa que a súa combustión non deixa residuos e sofre menos avarías. Agora ben, o seu uso leva consigo unha pequena perda de potencia, que nos motores medianos apenas se percibe.

Seguro: os seus riscos son comparables aos doutros carburantes. En caso dunha eventual fuga de gas, detéctase de xeito rápido polo olfacto grazas a un elemento oloroso que se agrega. Non obstante, en Francia, algúns aparcadoiros subterráneos impiden o estacionamento destes vehículos, porque en caso de fuga o gas se acumula no chan.

Case calquera vehículo de gasolina (non así de diesel) pode utilizar GLP. Os coches con autogás son bifueles, xa que funcionan cun ou outro tipo de combustible, unha opción que pode variar sobre a marcha. A instalación consiste nunha serie de modificacións técnicas e en situar un depósito adicional no lugar da roda de reposto. Pérdese espazo no maleteiro, pero os novos depósitos contan con deseños que aproveitan mellor o espazo. Algunhas marcas xa fabrican vehículos específicos para GLP.

Aquí en Galicia, xa hai puntos de venda e hai axudas para as modificacións en venñiculos e barcos de pequeno tamaño.

FONTE: Revista Consumer 

PROXECTO RÍOS

Publicado: 04/06/2013 11:33 por vgomez en ZONA VERDE
20130603235007-1.jpg

Paco Bañobre no salón de actos, nunha exposición previa á saída ao río / Imaxe:Olga Mijón

Na xornada de onte, o alumnado de 2º ESO, participou na actividade PROXECTO RÍOS.

O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental promovido por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, impulsado e coordinado por ADEGA, que pretende involucrar á cidadanía, e en concreto o noso alumnado, na conservación dos ecosistemas fluviais, desenvolvendo os valores relacionados coa conciencia de respecto e protección do medio ambiente.

Contamos coa axuda de Paco Bañobre, membro de ADEGA, quen levou o peso da 1ª parte da actividade: Inspección do Río, levada a cabo no río Carballás, á altura da Ponde de Loureza.

Unha segunda parte da actividade consistía nunha ruta de sendeirismo, superando as denominadas Pozas de Loreza, observando e analizando a flora e fauna da contorna.

Contando cun día marabilloso, os resultados foron satisfactorios.

 

Un grupo de alumnos do noso IES, que forman o equipo tecnosang 4.2,  comandado polo profesor de tecnoloxía Antonio Lomba, está a participar no campionato de España de modelado 3D de precisión co móbil "d3mobile.es Metrology League."

O modelo en 3d foi realizado co programa 123D Catch dun Icosaedro estrelado. O modelo orixinal é un origami creado con módulos sonobe.
Para dicicir cal é o mellor dos modelos da competición podemos axudar todos mediante o noso voto. Se participades nesta votación, ademais de axudalos, podedes gañar "tecnolóxicos premios".

Para facer a túa votación preme AQUÍ.

20130605192739-dia-mundial-del-medio-ambiente-2013.jpg

 

O Día Mundial do Medio foi establecido pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas, na súa Resolución (XXVII) do 15 de decembro de 1972 coa que se deu inicio á Conferencia de Estocolmo, Suecia, cuxo tema central foi o Ambiente. Celébrase o 5 de xuño de cada ano dende 1973.

Iste ano, o Día Mundial do Medio Ambiente, ten como lema “Pensa. Aliméntate, Aforra”, unha campaña para reducir os refugallos e as perdas de alimentos.

Segundo a FAO, cada ano son despediciados 1,3 miles de millóns de toneladas de comida, que é o mesmo que a produción alimentaria de todo o África Subsahariana.

Ademais, unha de cada sete persoas do planeta vaise á cama famenta, e máis de 20.000 nenos de menos de 5 anos morren de fame cada día.

Con esta campaña quérese animar a todo o mundo a actuar. Para que todos sexamos testemuñas de como moitas das nosas decisións reducen o volume de refugallos, aforran cartos e diminúen o impacto ambiental da produción de alimentos.

Se estamos a desperdiciar a comida, todos os recursos naturais empregados ou os gases emitidos á atmosfera no seu proceso de produción tamén se están a malgastar.

De feito, a produción global de alimentos ocupa un 25 % da superficie habitable e un 70 % do consumo de auga, que é a responsable do 80 % na destrución dos bosques e un 30 % da emisión de gases. É, polo tanto, unha das actividades que máis afectan á perda da biodiversidade e aos cambios no uso do solo.

Debemos, polo tanto, escoller aqueles alimentos cuxo impacto no medio ambiente sexa menor, como os provintes da agricultura ecolóxica na que apenas se usan produtos químicos. Tamén debemos comprar os nosos alimentos en mercados locais, nos que sabemos que apenas houbo gastos de transporte e non supoñen tantas emisións de gases á atmosfera.

Trátase, en definitiva, de pensar antes de alimentarse e así aforrar para protexer a riqueza da vida na terra.

Comprométete!

FONTE: www.unep.org

20130601202518-super-luna.jpg

Superlúa de maio / Imaxe:viudasdegila.com

Interesante artigo de Miguel Gilarte Fernández, presidente da Asociación Astronómica de España e director do Observatorio Astronómico de Almadén da Prata, publicado no xornal ABC/Ciencia, sobre as consecuencias do afastamento paulatino do noso satélite, a Lúa, que traduzo integramente para o voso coñecemento:          

Hai millóns de anos, a Lúa estaba moito máis preto da Terra, talvez dez veces máis preto que agora, e o seu tamaño aparente no ceo era colosal. Hoxe coñecemos que a Lúa se afástase da Terra a razón de 3,8 cm por ano e sabémolo porque os astronautas e dúas naves rusas que conseguiron alcanzar a Lúa, nas misións dos Apolos 11, 14 e 15 máis as naves Lunokhod 1 e 2 sen tripulación, deixaron cinco reflectores na superficie lunar. Dende a Terra, lanzamos un pulso láser cara a estes espellos que rebotan e volve á Terra. A precisión é de 1 milímetro, non está nada mal para un percorrido duns 800.000 km. A Lúa afástase porque acelérase na súa órbita, debido a efectos que provoca sobre os océanos terrestres.

O feito de que a Lúa se afaste traerá consecuencias á Terra. Unha delas é a duración dos días. Pouco despois de crearse a Lúa, esta comezou a afastarse moi rapidamente da Terra, dende unha posición de 22.500 km, polas friccións xeradas polas inmensas mareas creadas pola propia Lúa e por este mesmo motivo, os días fanse cada vez máis longos. Toda a cuestión está nas mareas, que serven de freo á rotación da Terra. Sabemos que as mareas eran máis numerosas e que os días eran máis curtos, polos rexistros encontrados nas rochas denominadas ritmitas de mareas. Cando a Lúa estaba moi preto da Terra, os días duraban apenas 5 horas, pero a medida que se afastaba, os días alongáronse ata as 24 horas de hoxe. Pero seguirán alongándose ata que duren un mes e máis, ata que se fagan eternos e unha cara da Terra mire sempre ao Sol e a outra resultará estar sempre en tebras.

Outra consecuencia inevitable serán as mareas. Todos sabemos que a gravidade da Lúa atrae a auga de mares e océanos. Cando a Lúa está enriba dun océano, prodúcese a marea alta, ao igual que na parte contraria da Terra, por efecto da rotación Terra-Lúa que provoca un efecto de forza centrífuga que fai que as augas se eleven. Cando a Lúa se afasta desa posición, prodúcese na costa marea baixa. As mareas, hai millóns de anos, cando a Lúa estaba "a tiro de pedra", eran colosais, ata mil veces superiores ás de hoxe. As augas non se retiraban decenas de metros nas mareas baixas ou internábase en terra algúns metros nas mareas altas como o fai agora, senón que retirábanse e internábanse quilómetros, como tsunamis continuos. Co afastamento da Lúa, a forza de gravidade do noso satélite sobre a Terra cada vez será menor, e as mareas deixarán de existir. Os océanos e os mares converteranse en piscinas xigantes.

Outro efecto relevante e que levará a toda a vida a unha evolución descoñecida polo momento, será a oscilación do eixe da Terra. A Lúa mantén o eixe da Terra estable, cunha inclinación de 23º. O feito de que a Lúa se afaste, desestabilizar o eixe terrestre, de forma que oscilará 90 graos, provocando que en ocasións os polos baixen ata o ecuador e o ecuador ocupe a posición dos polos. A situación actual do eixe terrestre é vital, xa que estabiliza o clima. Cando o eixe comece a oscilar, a vida deberá acomodarse ou deixar de existir. Os últimos estudos científicos, indican que a Lúa é un elemento fundamental para manter a vida na Terra.

               

20130610125816-aceite-agua-644x440.jpg

O aceite de oliva solidifícase nun rango de temperaturas de 23 a 5,5ºC / Imaxe:metode.cat/es/ 

Tanto a auga potable coma o aceite de oliva están constituídos basicamente por un determinado tipo de moléculas: de auga no primeiro caso e de triacilgliceroles (coñecidos coloquialmente co nome de triglicéridos) no segundo. É certo que a auga e o aceite de oliva conteñen substancias disoltas, pero en cantidades tan pequenas que apenas inflúen no comportamento destes líquidos ao arrefriar. Pero mentres que na auga temos un único tipo de moléculas, no aceite de oliva temos distintos tipos de moléculas de triglicéridos e, por iso, mentres que a auga pasa de líquido a sólido a 0ºC, no aceite de oliva temos un rango de temperaturas (de 23 a 5,5ºC) no cal vaise producindo a solidificación ao arrefriar.

No líquido, as moléculas de auga, H2O, están en continuo movemento: xiran, desprázanse, rebotan. En fase gasosa, as moléculas están moi afastadas unhas doutras pero, no líquido, están moi próximas debido ás forzas de atracción que existen entre elas. A medida que imos arrefriando a auga, as moléculas vanse movendo cada vez máis devagar ata que, cando a temperatura é de 0ºC, o líquido se transforma nun sólido. No xeo, as moléculas de auga xa non se desprazan nin xiran: están en repouso, ordenadas. Non obstante, no xeo aínda hai movemento: os átomos de hidróxeno oscilan arredor das súas posicións de equilibrio, e esas oscilacións son menores canto menor é a temperatura do xeo. A temperatura de conxelación dun líquido depende, polo tanto, da magnitude das forzas de atracción entre as moléculas que o constitúen.

Xa dixemos que no aceite de oliva temos distintos tipos de moléculas. En efecto, os triacilgliceroles son moléculas relativamente complexas. Teñen un núcleo que provén dunha molécula de glicerina, que está unida a tres moléculas de ácidos graxos. Os distintos triacilgliceroles diferéncianse polos ácidos graxos que conteñen e polos lugares de unión deses ácidos graxos ao núcleo de glicerina. No aceite de oliva, os ácidos graxos máis abundantes son o oleico (O), o palmítico (P), o linoleico (L) e o esteárico (S). E se identificamos un triacilglicerol coas letras correspondentes aos ácidos graxos que conteñen, na orde na que están unidos ao núcleo de glicerina, os triglicéridos maioritarios nun aceite de oliva típico son OOO (62%), POO (30%), OOL (4%) e SOO (2%).

Que sucede, entón, cando se arrefría o aceite de oliva? Cada un dos triacilgliceroles ten a súa propia temperatura de conxelación: OOO, 5,5ºC; POO, 18ºC, OOL, -2.8ºC; e SOO, 23ºC. Polo tanto, ao arrefriar, van aparecendo cristais destes compostos en función das súas temperaturas de conxelación. Por iso obsérvase a formación de pequenas cantidades dun sólido de aspecto céreo a partir de 23ºC, e por iso o aceite está en estado sólido a temperaturas inferiores a 5,5ºC.

Hai que indicar, finalmente, que a presenza nun aceite de oliva destes sólidos céreos, de aspecto esbrancuxado, é un proceso completamente natural, e que non está relacionado coa calidade deste: abonda con que a temperatura do aceite sexa maior de 23ºC para que teñamos, de novo, un aceite totalmente líquido.
 

FONTE:Revista Métode.

A VIDA DO ESTUDANTE ÉCHE ASÍ DE DURA

Publicado: 11/06/2013 08:04 por vgomez en OUTRAS COUSAS

 

Vídeo-parodia sobre o que supón estudar 2º de Bacharelato, elaborado polo alumnado do IES de Tomiño.

Sentídesvos identificados?

20130610204128-med-6li-5-.jpg

Os astrónomos estudaron a composición de litio nas vellas estrelas / Imaxe:Karin Lind, Davide De Martin

Segundo a teoría clásica, o Universo en que vivimos comezou hai uns 13.800 millóns de anos co Big Bang, unha grande explosión da que, ademais da propia materia, xurdiron tamén as leis físicas que a rexen, incluídos o espazo e o tempo. Non todos os científicos están de acordo con esta hipótese, aínda que é sen dúbida a máis aceptada. Agora, un equipo internacional de científicos veu a reforzala. A través do telescopio de 10 metros do Observatorio Keck   no cume do Mauna Kea, Hawaii, un dos máis potentes da Terra, descubriu que os momentos xusto despois do grande estalido aconteceron tal como predí a teoría. O achado, descrito na revista Astronomy & Astrophysic, elimina unha discrepancia importante que preocupou os físicos durante dúas décadas.

Un dos problemas máis importantes da física e a astronomía era a inconsistencia entre os isótopos de litio previamente observados nas estrelas máis vellas da nosa galaxia, que suxería niveis unhas 200 veces maiores de litio-6 e entre tres e cinco veces menos de litio-7 do que predí a teoría do Big Bang. É dicir, a cantidade dos «ingredientes» cósmicos non coincidía.

O equipo, dirixido por Karin Lind, da Universidade de Cambridge, demostrou que estes datos eran erróneos. As análises empregaban varias simplificacións que daban lugar a falsas deteccións de isótopos de litio. Utilizando observacións de estrelas antigas co telescopio de 10 metros do Keck, os astrónomos confirmaron que non hai ningún conflito entre o seu contido en litio 6 e 7 e as predicións da teoría estándar, restaurando así a orde na nosa teoría dos inicios do Universo.
 

FONTE: Xornal abc/ciencia

O PEIXE QUE SE SECA AO SOL

Publicado: 13/06/2013 08:51 por vgomez en OUTRAS COUSAS

 

Este é un proxecto realizado polo alumnado de 3º de Primaria do CEIP "A Sangriña" durante este curso escolar coa intención de coñecer unha das tradicións mariñeiras do pobo de A Guarda: "O PEIXE SECO".

Parabéns aos rapaces e tamén ás súas mestras Mª Xosé e Mª Carmen!

CAMPIÓNS DE ESPAÑA DE MODELADO 3D

Publicado: 13/06/2013 09:01 por vgomez en OUTRAS COUSAS
20130613090108-campions-de-espana.jpg

Integrantes do grupo “tecnosang 4.2” co profesor coordinador / Imaxe: Antonio Lomba

Un grupo de alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES A Sangriña proclamouse campión de España da “d3mobile.es metrology league”, unha competición de modelado en 3D de precisión co móbil para estudantes de 4º da ESO e bacharelato.

A competición está organizada pola Universidade de Santiago de Compostela a través do grupo de investigación USCAN3D. Pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología). Polo CEM (Centro Español de Metrología) e polo Instituto Geográfico Nacional.

O obxectivo desta competición espertar nos alumnos a súa capacidade investigadora a vez que aprenden a usar novas técnicas e ferramentas relacionadas coas novas tecnoloxías.

Despois dunha dura competición e moitas horas de traballo, dende que no mes de xaneiro dera comezo a metrology league, o equipo do IES A Sangriña da Guarda “tecnosang 4.2” logrou acadar a primeira posición no campionato de modelado 3D de precisión co móbil grazas ao bos resultados nas distintas probas. Os integrantes do equipo son Alicia Pereira Márquez, Olaia Ferreira García, Carlos Baz Magallanes e Saúl Ávarez Ferreira, coordinados polo profesor Antonio Lomba Baz.

A competición consiste en utilizar o seu teléfono móbil e un ordenador persoal, xunto cun software específico, para crear modelos tridimensionais a escala de obxectos reais sinxelos. A técnica utilizada para realizar estes modelos recibe o nome de fotogrametría. A realización de modelos tridimensionais con esta técnica utilízase a nivel profesional en distintos ámbitos, é a que usan, por exemplo, para crear as tomas de "ollo de halcón" nos partidos de tenis.

Os integrantes do equipo gañador acompañados polo seu coordinador están convidados a acudir o día 20 de xuño, a Madrid, ao Centro Español de Metrología, para asistir ao acto de entrega de premios.

Parabéns!

 

COIDADO CO SOL

Publicado: 14/06/2013 11:42 por vgomez en OUTRAS COUSAS
20130613121741-sol-e-veran.jpg

Hai que ter coidado co Sol / Imaxe: Revista Consumer

Aínda que tarde, o verán chegará e con el a calor. O sol ten dúas caras. Por un lado, proporciona cor, calor e, para moitos, é motivo de alegría. É esencial na produción de vitamina D e a súa exposición, sempre con moderación e vixilancia médica, forma parte do tratamento de enfermidades dermatolóxicas, como a psoríase ou o eccema... Pero o astro rei ten o seu lado escuro: provoca queimaduras solares que aumentan o risco de padecer cancro de pel na idade adulta.

Cada ano, diagnostícanse no mundo 160.000 casos de melanoma (79.000 en homes e 81.000 en mulleres). A diminución da capa de ozono e a moda do bronceado son os dous factores que máis inflúen niso, polo que o sol debe tomarse con todas as precaucións.

O sol debe tomarse con todas as precaucións para protexer a saúde da nosa pel. É por iso moi recomendable utilizar os fotoprotectores indicados para cada tipo de pel e, sobre todo, reducir os tempos de exposición. A Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía aconsella:

  • Limitar o tempo ao sol, sen importar a hora ou a estación do ano. Ter especial coidado en zonas a grandes alturas e en latitudes tropicais, onde as radiacións son máis frecuentes. Permanecer na sombra sempre que sexa posible.
  • Non facer sombra, senón buscar a sombra. Se a sombra que proxecta é máis pequena ca vostede, ten máis probabilidades de queimarse. Os raios solares son máis frecuentes e a posibilidade de desenvolver unha queimadura solar é maior entre as 12 horas e as 4 da tarde.
  • Aplicar un protector solar de amplo espectro cun factor de protección solar (FPS) polo menos de 15 cando se estea exposto ao sol (actividades ao aire libre). Aplique a pantalla solar 20 ou 30 minutos antes de saír ao aire libre, para que teña tempo de absorbela.
  • Volver aplicar o protector solar cada dúas horas cando se atope nun espazo exterior, mesmo en días anubrados. Se parte do produto se eliminou ao suar ou ao se secar coa toalla, volver aplicar o produto.
  • Levar roupa protectora coma pantalóns longos e camisas con manga longa. Canto máis espeso sexa o tecido e máis escura a cor, maior protección.
  • Levar un sombreiro e lentes de sol no exterior. O sombreiro debe ser de á ancha para protexer áreas expostas coma o colo, as orellas, a calva e a cara. Os lentes de sol deben ter protección UV.
  • Evitar as superficies reflectoras que poden chegar a reflectir ata o 85 % dos raios solares e que poden alcanzalo mesmo na sombra, o que pode provocar queimaduras e lesións na pel descuberta.
  • Evitar a exposición ao sol dos bebés.
  • Protexer os nenos. Minimizar a súa exposición ao sol e aplicarlles protector solar aos nenos de 6 meses ou máis.
  • O efecto prexudicial do sol é acumulativo, por iso é importante evitar as queimaduras solares durante a infancia.
  • Coidado cos medicamentos que poden inducir fotosensibilidade. Consultar co seu médico ou co seu farmacéutico.

FONTE: Revista Consumer 

MAXIA OU REALIDADE: A CAPA INVISIBLE

Publicado: 15/06/2013 10:39 por vgomez en CURIOSIDADES

 

O científico da Universidade de Rochester (Estados Unidos), John Howell, e o seu fillo de 14 anos, Benjamin, crearon unha capa de invisibilidade que é capaz de ocultar obxectos grandes en todo o espectro óptico.

A invisibilidade é un tema que se debateu dende hai tempo tanto na cultura popular coma na comunidade científica. Invisibilidade significa ocultar un obxecto da vista a frecuencias específicas, e diferentes tipos de camuflaxe. Ata agora, os estudos realizados só lograban “esconder” obxectos para algunhas frecuencias e para obxectos de pequeno tamaño.

O sistema ideado pola familia Howell, cuxo traballo foi publicado en  
Arxiv, consta de tres dispositivos. O primeiro de plexiglás e con cubos de auga en forma de L. O segundo utiliza catro lentes para conseguir unha camuflaxe óptica, mentres que o último utiliza un conxunto de espellos, un sistema que utilizan os magos nos seus trucos.

Con estes mecanismos lógrase "dobrar" a luz nun determinado espazo e ocultar un obxecto. Segundo explicou o investigador, todos estes materiais se conseguiron en tendas baratas e o presuposto total do experimento foi de 150 dólares. Ademais, poderíase reproducir a grande escala.

Pero este logro tamén ten "algunhas limitacións", como recoñeceu Howel, quen apuntou que "o punto débil desta tecnoloxía é que só funciona nunha dirección, ou asumindo que o observador non se moverá do seu lugar". Aínda así, conta con máis vantaxes que outros sistemas presentados anteriormente por científicos.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

SÓ QUEDA EMPRENDER A VIAXE

Publicado: 16/06/2013 08:40 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20130616083555-davila.jpg

 

Tal como indica a viñeta de Davila, publicada no xornal Faro de Vigo de hoxe, a estudantes que acabaron a súa carreira e a traballadores en xeral, só lles queda emprender a viaxe a fóra do noso país, iso que a Ministra de Emprego e Seguridade Social (Fátima Báñez) denomina "mobilidade externa".

Que país!

GALICIA TEN UNHA NOVA RESERVA DA BIOSFERA

Publicado: 17/06/2013 08:21 por vgomez en ZONA VERDE

 

Neste vídeo pódense ver as  principais características da nova Reserva da Biosfera galega: Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A UNESCO  aprobou doce novas Reservas de Biosfera, entre elas tres españolas: Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Terras do Ebro e Sitio real de San Ildefonso-El Espinar.

A rede mundial destes espazos naturais protexidos conta xa con 621 sitios en 117 países. España, con 45, convértese no segundo país do mundo en número destas reservas, por detrás de Estados Unidos.

A nova Reserva da Biosfera galega é Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (116.000 hectáreas, 190.000 habitantes): dous grandes ríos, o Mero e o Mandeo, sucan as súas terras, que albergan ecosistemas costeiros e de montaña cunha gran diversidade biolóxica. Os seus recursos naturais posibilitaron produtos naturais como aboamentos, mel, etc. e a conservación de razas autóctonas de gando.

A esta última hai que engadirlle: Área de Allariz, os Ancares lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o Río Eo, Oscos e Terra de Bouzón, Terras de Miño e Xurés-Xerês, o que fan en total o número de cinco.

As Reservas da Biosfera contribúen a protexer a biodiversidade e o desenvolvemento sostible da zona e os seus habitantes e promover a investigación científica.

FONTE: Revista Consumer

20130614204540-primate-recreacion-artistica-.jpg

Reconstrución artística do Archicebus achilles / Xijun Ni

Un equipo internacional de investigadores anunciou o mércores pasado na revista Nature o descubrimento do esqueleto do primate máis antigo que se coñece. A diminuta criatura, (de apenas 7,1 centímetros de altura e entre 20 e 30 gramos de peso) foi bautizada como Archicebus achilles, viviu na China central no Eoceno, hai 55 millóns de anos, e os seus restos foron recuperados do leito dun antigo lago non moi lonxe do actual curso do río Yangtze.

Ademais de ser o primate máis antigo nunca visto ata agora, os restos fósiles deste animal botan luz sobre un episodio de crucial importancia para a evolución tanto dos humanos coma dos demais primates: a diverxencia entre a liñaxe que conduce aos antropoides (monos, simios e seres humanos) e o que derivou nos tarsios, pequenos primates nocturnos de grandes ollos e que viven nas árbores. O achado demostra, ademais, que os primeiros primates tamén eran activos durante o día, podían trepar ás árbores e se alimentaban principalmente de insectos.
 

FONTE: Xornal aabc/ciencia

ISTO ACÁBASE!

Publicado: 19/06/2013 08:03 por vgomez en COMUNICADOS
20130615204053-1237066896625-f.jpg

As clases rematan / Imaxe:www.fotolog.com

O próximo venres, día 21, rematarán oficialmente as clases deste curso. Nós acabarémolo, coma todos os anos, na praia da Lamiña-Armona co alumnado de 1º ESO, con actividades de EF e CCNN.

Na semana seguinte, despois do festivo do día 24, San Xoán (que por certo, eu non lembro que fose festivo nunca) comezaran as sesións de avaliación. Concretamente 1º e 2º de ESO serán o martes 25 en sesións de mañá e tarde. O resto de cursos serán tamén o 25 e 26.

A entrega de notas será o dí 27 ás 12 horas, nas aula de referencia de cada grupo.

Que os resultados sexan favorables e proporcionais ao traballo de cada un!

COMEZA O VERÁN

Publicado: 20/06/2013 08:31 por vgomez en DOCENCIA
20130615202332-estacions-do-ano.png

Estacións do ano / Imaxe:hablandodeciencia.com

Na próxima madrugada, xa venres día 21, comeza o verán de 2013, exactamente ás 7 horas e 4 minutos, hora oficial peninsular. Este día será o de maior duración do ano (tempo entre a saída e la posta ol Sol).

Esta estación, que é a máis longa do ano dende hai algúns séculos, durará 93 días e 15 horas, e rematará o 22 de setembro co comezo do outono.


O DRAMA DE PERDER O MÓBIL

Publicado: 21/06/2013 08:05 por vgomez en OUTRAS COUSAS
20130616093455-telefono-mobil.jpg

Teléfono móbil / Imaxe:imagenesfotos.com

Perder un teléfono móbil é un drama, xa que ao custe económico hai que engadirlle as fotografías persoais, o acceso ao correo electrónico, o historial da nosa mensaxería instantánea, as contas en redes sociais como Facebook ou Twitter e, mesmo, aplicacións para acceder á nosa entidade bancaria. Por iso, a súa perda por un descoido ou un roubo pode xerar máis dun rompedeiro de cabeza.

Moitos dos problemas que carrexa a perda do dispositivo atenuaranse se se toman estas medidas:

Antes da perda ou roubo

Pon un contrasinal ou patrón para bloquear o terminal: Non é unha medida que te vaia protexer ao 100% pero polo menos darache algo máis de tempo para poñer remedio a todo o que se che vén enriba. Pode ser algo pesado ter que escribir o contrasinal cada vez que un quere mirar algo no teléfono pero a molestia paga a pena.

Instala aplicacións de localización e protección: Existen aplicacións que permiten rastrexar a situación dos dispositivos e bloquealos dende unha páxina web pero que hai que instalalas antes de perdelo, obviamente. Os usuarios de Apple, tanto de iPhone coma de iPad, poden optar pola aplicación ’Buscar o meu iPhone’, creada pola propia empresa de Cupertino. Mentres, en Android existen diversas opcións, entre as máis populares encóntranse Cerberus, Android Lost ou Where’s my Droid. Algunhas delas permiten bloquear o terminal tamén con SMS. Para os usuarios de Blackberry existe a app BlacBerry Protect mentres que Prey está dispoñible para iOS, Android e tamén para ordenadores con Windows e Mac. Hai outras moitas con funcións parecidas.

Apunta o código IMEI: O código IMEI é o ’DNI’ do noso teléfono, o seu identificador único. Coñecer o número pode ser útil á nosa operadora para poder bloquealo se foi roubado. Adoita estar imprimido baixo a batería aínda que tamén é posible velo pulsando *#06# no teclado de chamadas, algo útil para os usuarios de iPhone, cuxa batería non é accesible.

Fai copias de seguridade habitualmente: Perder un teléfono pode doer pero máis aínda probablemente todos os arquivos e datos que temos nel. É recomendable facer polo menos un ’back up’ no ordenador polo menos unha vez ao mes, con maior frecuencia nos usuarios máis intensivos aínda que é certo que a proliferación de servizos na ’nube’ fai que cada vez sexa menos necesario.

Despois da perda ou roubo

Intenta contactar co teu teléfono
: Pode parecer un pouco de perogrullo pero é aconsellable chamar ou escribir unha mensaxe ao teu número de teléfono antes de dar o seguinte paso. Quizais a persoa que o encontrou non teña problema en devolvelo ou, mesmo, póidase negociar unha ’recompensa’ económica por el. Por intentalo non se perde nada.

Chama ao teu operador: En canto perdas a esperanza de poder recuperar o teléfono, é moi aconsellable chamar inmediatamente o teu operador para bloquear a túa tarxeta SIM. Doutro xeito, a persoa co teléfono podería chamar co teu número e facerte un ’roto’ na túa factura se comeza a realizar chamadas internacionais por exemplo.

Pon unha denuncia: Canto antes acudas á Policía, máis posibilidades terás de que se poida encontrar o terminal grazas aos servizos de localización que xa deberías ter instalados.

Goza do teu tempo de desconexión: Consólate con algún deses moitos refráns dos que podes tirar se finalmente non logras recuperalo. Pensa en positivo e goza dos momentos de desconexión que che brindará o suceso. Non hai mal...

FONTE: Xornal El Mundo/Navegante.Tecnoloxía

CINE: O HOME DE ACEIRO

Publicado: 22/06/2013 09:46 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20130617195230-superman-cartel-horiznt3d.jpg

 

Esta fin de semana chega aos cines a película O HOME DE ACEIRO, unha nova versión de superman, o superheroe por excelencia. Esta é a súa ficha técnica:

Título: El Hombre de Acero

Título Orixinal: Man of Steel

Xénero: Acción, Aventuras

Nacionalidade: USA

Ano: 2013

Director: Zack Snyder

Guión: David S. Goyer, Jonathan Nolan

Producción: Christopher Nolan

Música: Hans Zimmer

Duración: 148 minutos

Reparto: Henry Cavill, Amy Adams, Diane Lane, Kevin Costner, Russell Crowe, Julia Ormond, Laurence Fishburne, Michael Shannon, Antje Traue, Harry Lennix, Christopher Meloni

Sinopsis:Un neno descobre que posúe poderes extraordinarios e que non pertence a este planeta. Na súa xuventude, viaxa para descubrir as súas orixes e as razóns polas cales foi enviado á Terra. Pero o heroe que leva dentro ten que emerxer para que poida salvar ao mundo da aniquilación e converterse no símbolo de esperanza para a humanidade

Divertimento asegurado!

 

ASÍ SERÁ O CURSO ESCOLAR 2013/2014

Publicado: 24/06/2013 07:40 por vgomez en COMUNICADOS
20130617204408-2013-2014.jpg

Carátula curso 2013-2014 / Imaxe:solarfeeds.com 

 

 

Isto é o adianto do calendario escolar para o próximo curso 2013/2014: 

Na educación secundaria obrigatoria, no bacharelato e na formación profesional a impartición efectiva de clases realizarase do día 16 de setembro de 2013 ao 20 de xuño de  2014, ambos os dous inclusive. 

Períodos de vacacións:  

Nadal: desde o día 22 de decembro de 2013 ata o día 8 de xaneiro de 2014, ambos os dous inclusive.  

Entroido: días 3, 4 e 5 de marzo de 2014.

Semana Santa: desde o día 14 ata o 21 de abril de 2014, ambos os dous inclusive.

Día do Ensino coa con sideración de non lectivo para efectos académicos celebrarase o 31 de outubro de 2013.

Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local, non coincidan con días de clase, os consellos escolares, poderán solicitar un ou dous días non lectivos.

Para información máis detallada preme AQUÍ.

 

MATRÍCULA CURSO 2013/2014

Publicado: 25/06/2013 17:47 por vgomez en COMUNICADOS
20130625174708-matricula.jpg

 

Hoxe, martes día 25 de xuño, comeza a matrícula no noso IES para o próximo curso 2012/2013. Farano o alumnado procedente de 6º de Primaria, quer superou este curso para matricularse no vindeiro en 1º ESO. Mañá, día 26, será o último día para este alumnado.

O venres día 28 será o turno do alumnado que superou 1º ESO para matricularse en 2º ESO.

O luns, día 1 de xullo, será o turno para 3ºESO que superaron na convocatoria de xuño 2º ESO.

Documentación a presentar:

1º/2º ESO: Impreso de matrícula, impreso aulas bilingües (interesados), 2 fotos (co nome e apelidos polo reverso), fotocopia DNI (en caso de non telo: fotocopia do libro de familia) e impreso transporte subvencionado con 2 fotos (co nome e apelidos no reverso das fotos)

3º ESO: Impreso de matrícula, impreso aulas bilingües (interesados), recibo abono do seguro escolar (1,12€) no Banco Pastor na conta do Centro no que se fará constar o nome, apelidos e o curso no que se matricula, 2 fotos (co nome e apelidos polo reverso), 2 fotocopias DNI, impreso transporte subvencionado con 2 fotos (co nome e apelidos no reverso das fotos) e impreso (TA-1) de solicitude de asignación do número á Seguridade Social (N.U.S.S.)

O horario de Secretaría é de 9 a 13 horas.


20130625184606-eso1328a.jpg

Ilustración do ceo con tres soles visto dende un planeta do astro Gliese 667C. / ESO/M. Kornmesser

Arredor da estrela Gliese 667 C   xiran polo menos seis planetas (que poden ser sete) e tres deles están no que os científicos denominan zona habitable porque nela os planetas poderían ter auga en estado líquido. Dous máis están máis preto do astro e outro máis lonxe desa franxa. Ademais, os tres da zona habitable son superterras, é dicir, planetas máis masivos que a Terra, pero menos que os xigantes Saturno ou Neptuno. É a primeira vez que se encontran tres planetas nesa franxa de habitabilidade dunha mesma estrela, explican os investigadores. Como Gliese 667 C forma parte dun sistema estelar triplo, no ceo alí locen tres, e a noite estará iluminada tanto como aquí con Lúa chea. O conxunto está a 22 anos luz da Terra, na constelación de Escorpio , o que se considera, en termos galácticos, a veciñanza solar, explica o Observatorio Europeo Austral (ESO).

O descubrimento foi presentado na revista Astronomy and Astrophysics.

FONTE: Xornal El país/Ciencia

PROXECTO RÍOS: RÍO CARBALLAS

Publicado: 26/06/2013 23:43 por vgomez en ZONA VERDE

 

Este é o vídeo-resumo da actividade PROXECTO RÍOS, levada a cabo polo alumnado de 2º ESO do noso IES, o paso día 3.

O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental promovido por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, impulsado e coordinado por ADEGA, que pretende involucrar á cidadanía, e en concreto o noso alumnado, na conservación dos ecosistemas fluviais, desenvolvendo os valores relacionados coa conciencia de respecto e protección do medio ambiente.

O alumnado que participou nesta actividade foi o de 2º de ESO (Ciencias da Natureza). O profesorado implicado foi o do Departamento de Bioloxía-Xeoloxía. O río escollido para a actividade é o Carballas, da conca hidrográfica do Miño-Sil, no punto concreto coñecido como Ponte de Refoxos, parroquia de Loureza, no concello de Oia (Pontevedra). A actividade levouse a cabo o pasado día 3 de xuño de 2013. Os resultados do estudo amosan una calidade da auga BOA.

Unha experiencia inesquecible!

VACACIÓNS!

Publicado: 27/06/2013 08:34 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20130627083420-20120328173047-vacacions.jpg

 

Por fin, chegaron as vacacións! Recollidas as notas, e despois dalgunha que outra sorpresas nelas, remata definitivamente o curso. Bueno, para unha grande maioría, pois para algúns as vacacións irán mesturadas obrigatoriamente co estudo, a fin de poder completar o curso na convocatoria extraordinaria do mes de setembro.

De calquera xeito penso que se pode conciliar ocio e estudo, só é preciso organizarse e establecer un horario, iso si, pero para cumprilo.

Boas vacacións a todo@s!

20130627185227-axudas-2012-2013.jpg

Convocáronse axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en educación secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso escolar 2013/2014.

Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna. As instancias poderán obterse nos centros, nas Xefaturas Territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e tamén se poderán descargar en formato pdf.

O prazo de presentación de instancias será o seguinte: Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 26 de xullo de 2013, ambos inclusive. Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 2 de setembro ao 2 de outubro de 2013, ambos inclusive.

Para máis información premer AQUÍ.

CINE: AFTER EARTH

Publicado: 29/06/2013 09:32 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20130628083402-after-earth.jpg

Esta fin de semana chega aos cines a películaAfter Earth”, que a tenor das primeiras críticas, parece que é unha película aburrida e previsible. Esta é a súa ficha técnica:

Título: After Earth (Despois da Terra)

Título orixinal: After Earth

Nacionalidade: USA

Duración: 100 minitos

Xénero: Ciencia ficción

Produtora: Overbrook Entertainment, Sony/Columbia Pictures

Director: M. Night Shyamalan

Guión: Gary Whitta, M. Night Shyamalan, Stephen Gaghan

Fotografía: Peter Suschitzky

Música: James Newton Howard

Reparto: Will Smith, Jaden Smith, Isabelle Fuhrman, Zoë Kravitz, Sophie Okonedo, Kristofer Hivju, David Denman, Sacha Dhawan, Lincoln Lewis, Chris Geere, Jaden Martin, Gilbert Soto, Darrell Foster, Faron Salisbury, Nick Grock

Sinopse: Unha aterraxe forzosa deixa atrapada no planeta Terra ao adolescente Kitai Raige e ao seu lendario pai Cypher 1.000 anos despois de que un cataclismo forzase á raza humana a escapar do planeta. Con Cypher criticamente ferido, Kitai embárcase nunha perigosa viaxe en busca de axuda, enfrontándose a terreos inexplorados, especies animais evolucionadas que agora gobernan o planeta e unha feroz criatura alienígena escapada da nave durante o accidente. Pai e fillo terán que aprender a traballar xuntos e a confiar o un no outro se queren ter algunha posibilidade de volver á casa.

Teremos que comprobar que as críticas son certas véndoa!

LIBROS DE TEXTO PARA O PRÓXIMO CURSO

Publicado: 30/06/2013 08:06 por vgomez en DOCENCIA
20130627190032-20120711201123-escanear0001.jpg

Estes son os libros de texto de Ciencias da Natureza do próximo curso, que son os mesmos do curso pasado:

1º ESO: Ciencias da Natureza 1.

Autor/es: Zubiaurre Cortés, Sabino; Osuna Alcalaya, M.ª del Carmen; Plaza Escribano, Concepción; Hernández Gómez, Jesús; Martínez Casillas, Jesús.
ISBN: 978-84-678-0046-3
Idioma: Galego

2º ESO: Ciencias da Natureza 2.

Autor/es: Zubiaurre Cortés, Sabino; Osuna Alcalaya, M.ª del Carmen; Plaza Escribano, Concepción; Hernández Gómez, Jesús; Martínez Casillas, Jesús.
ISBN: 978-84-678-2376-9
Idioma: Galego