Facebook Twitter Google +1     Admin

Se muestran los artículos pertenecientes a Diciembre de 2014.

A SONDA HAYABUSA II LISTA PARA SAÍR AO ESPAZO

20141130103728-1417191106-228322-1417193352-noticia-normal.jpg

Proxecto xaponés Hayabusa II / JAXA

Unha nova e atrevida misión espacial está lista para partir ao encontro dun corpo do Sistema Solar, o asteroide 1999 JU 3 (descuberto en 1999 por LINEAL), unha rocha duns 920 metros. O obxectivo da sonda xaponesa Hayabusa II (Falcón Peregrino) é estudar de preto ese pequeno obxecto celeste cun sistema de minirrobots que despregará na súa superficie e mesmo tomar uns gramos de mostras alí para traelas á Terra e ser analizadas aquí.

A Hayabusa II está xa colocada na punta dun foguete H IIA, no centro espacial de Tanegashima, na illa do mesmo nome no sueste de Xapón, e o lanzamento estaba programado para onte, sábado. Pero as condicións meteorolóxicas adversas, previstas para o fin de semana, obrigaron a atrasar a partida e finalmente fixouse o lanzamento para hoxe, luns, 1 de decembro, ás 13.22, hora de Tokyo (as 21.22, hora peninsular española).

A Hayabusa II, unha misión da axencia espaza nipona JAXA coa colaboración de Alemaña e Francia, debe culminar coa chegada das mostras do asteroide a finais de 2020.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

No hay comentarios. Comentar. Más...

O CEO DO MES: DECEMBRO 2014

20141201223210-frio-forges.jpg

Frío / Forges

“Por Santa Lucia (día 13 de decembro) a salto de pulga, medra o día”

Lúa Chea: 6 de decembro

Cuarto Minguante: 14 de decembro

Lúa Nova: 22 de decembro

Comezo do inverno: 22 de decembro

Cuarto Crecente: 28 de decembro

Chuvia de meteoros: Xemínidas, do día 7 ao 17 con máximo o día 14. Úrsidas, do día 17 ao 26, con máximo o día 23.

No hay comentarios. Comentar. Más...

FERREIRIÑO ABELLEIRO

20141130110904-1416302944-045886-1416303511-album-normal.jpg

 

Exemplar de Ferreiriño abelleiro (Parus major), fotografado por JORGE REMACHA LORENZO en Fresno de Cantespino (Segovia).

A imaxe de fíxose mediante un dispositivo que dispara a cámara automaticamente cando detecta un posible obxectivo.

FONTE: Fotoaves 2014/El País

No hay comentarios. Comentar. Más...

UN PAPEL SOBRE O QUE SE PODE ESCRIBIR UNHA E OUTRA VEZ

20141203195212-papel-reescribir-.jpg

Pepel reescribible / Yin Lab, UC Riverside

Desenvolvido por primeira vez en China cara ao ano 150 dC, o papel é aínda un dos principais soportes da escritura. O 90% de toda a información nas empresas segue conservándose en papel, a pesar de que a maior parte se desbota despois dun só uso. As consecuencias desta práctica son claras: un gasto importante en papel (tamén en cartuchos e tinta), e unha serie de problemas ambientais como a deforestación e a contaminación química do aire, a auga e a terra. Pero, e se puidésemos escribir no mesmo papel tantas veces como quixeramos?

Químicos da Universidade de California Riverside, fabricaron no laboratorio un novo papel sobre o que se pode escribir unha e outra vez, que ten por base a propiedade de conmutación de cor duns produtos químicos comerciais chamados colorantes redox. A tinta forma a capa de obtención de imaxes do papel. A impresión conséguese mediante o uso de luz ultravioleta para fotoblanquear o colorante, agás as partes que constitúen o texto no papel. O novo papel reescribible pódese borrar e escribir máis de 20 veces sen perda significativa de contraste ou resolución.

O novo papel ten forma de película de cristal ou de plástico para que as letras e patróns poidan imprimirse en varias ocasións, conservarse durante días, e despois borrarse por simple quentamento.

O papel está dispoñible en tres cores primarias: azul, vermello e verde, producidos polo uso de tintas redox comerciais azul de metileno, vermello neutro e verde ácido, respectivamente. A tinguidura inclúe nanocristais de óxido de titanio (serven como catalizadores), entre outros compoñentes.

O proceso de borrado pode facerse en menos de 10 minutos cun quentamento de 115ºC, algo que non supón ningún problema, xa que nas impresoras láser convencionais o papel xa se quenta a 200ºC. “As letras imprimidas permanecen lexibles en alta resolución en condicións ambientais durante máis de tres días, o tempo suficiente para as aplicacións prácticas como a lectura dos xornais”. “Mellor aínda, o noso papel reescribible é sinxelo de facer, ten un baixo custo de produción, baixa toxicidade e baixo consumo de enerxía” manifestan os inventores.

No laboratorio seguen a traballar agora para aumentar o número de veces que o papel reescribible se pode imprimir e borrar, cun obxectivo de 100 veces, para reducir o custo total. Ademais, o equipo explora formas de estender a lexibilidade dos textos imprimidos ou imaxes durante máis de tres días para ampliar os seus usos potenciais, como a impresión multicolor.

FONTE: Xornal abc/ciencia

No hay comentarios. Comentar. Más...

O CLIMA EN 2050

 

Este vídeo forma parte dun experimento de futuroloxía climática, un traballo conxunto da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e TVE, baseado en proxeccións científicas, serve para poñer sobre aviso a poboación dos riscos que corre o planeta de seguir por esta verea de emisións de gases con efecto invernadoiro e cambio climático global.

Segundo o prognóstico do tempo que presenta Mónica López, xefe de Información Meteorolóxica de TVE, durante as noites dese verán non haberá quen logre conciliar o sono: entre as 22.00 horas e as 8.00 horas daranse temperaturas de máis de 40 graos cunha mínima de 29 graos. Segundo explica López, nos 30 anos que preceden a 2050 a temperatura media de España terá aumentado de media 3 graos.

Este vídeo forma parte dunha serie que lanzou a OMM no marco do Cumio do Clima que comezou o pasado día 1 en Lima (Perú), para concienciar distintos países do mundo das consecuencias da inacción. Aínda que noticias como a coñecida onte, que 2014 será o máis caloroso da historia, xa poderían servir para ese propósito.

FONTE:Xornal El Pais/ciencia

No hay comentarios. Comentar. Más...

NON REGALES ABANDONO ISTE NADAL

Queda pouco para que chegue o Nadal e por este motivo o grupo animalista de nenos Alba Kids for animals e FAPAM, xunto a personaxes coñecidos, lanzaron a campaña "Non regales abandono" co obxectivo de que non compren animais por capricho durante esta época do ano.

Pensao dúas veces antes de mercar unha mascota iste Nadal!

No hay comentarios. Comentar. Más...

O ESPERTAR DA NAVE NEW HORIZONS CON DESTINO A PLUTÓN

20141208193641-14177211511023.jpg

Recreación artística da nave “New Horizons” aproximándose a Plutón, onde chegará en xullo de 2015 / JHUAPL/SwR

Cando a nave espacial New Horizons foi lanzada en xaneiro de 2006, Plutón aínda era considerado un planeta do Sistema Solar e era o único que non fora visitado por unha sonda. Agora, cando está moi preto de chegar ao seu destino, este obxecto celeste perdeu a súa condición de planeta e descendeu á categoría de planeta anano, aínda que non perdeu un ápice do seu interese científico.

Despois dunha viaxe de nove anos e case 5.000 millóns de quilómetros (a maior distancia á que unha misión espacial nunca viaxase para alcanzar o seu objetivo) a New Horizons “espertou” onte para preparar o seu encontro con Plutón, previsto para 2015.

Os operadores no Laboratorio de Física Aplicada da Universidade Johns Hopkins confirmaron ás 15.53 horas (hora peninsular española) que New Horizons pasara con éxito do modo hibernación ao modo “activo”. A propia nave mandou un sinal para informar do seu espertar, que tardou catro horas e 26 minutos en chegar á Terra, debido á gran distancia a que se encontra.

O equipo pasará as próximas semanas asegurándose de que os seus sistemas e os instrumentos científicos están a funcionar correctamente. Tamén continuarán probando a computadora que guiarán New Horizons a través do seu voo cara a Plutón.

O seu traballo consistirá en caracterizar a xeoloxía e a topografía de  Plutón e da súa lúa máis grande, Caronte (que mide a metade que Plutón). Estudará a súa estrutura, a composición da súa superficie e da súa atmosfera, e a temperatura. Tamén estudará as lúas máis pequenas de Plutón e intentará descubrir se ten satélites que aínda non foron descubertos (de momento sábese que ten cinco).

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

No hay comentarios. Comentar. Más...

A PERFECCIÓN DA CAMUFLAXE I

20141209214848-mimeticos-hoja-mimeticos-hoja-7484.jpg

 

O insecto folla xigante (Phyllium giganteum) é unha especie de insecto pau e como podemos comprobar a súa camuflaxe é excelente. Utiliza unha coloración críptica para evitar os depredadores. Adoita manterse inmóbiles durante moito tempo e poden ser encontrados nos bosques tropicais de Malaisia. O curioso desta especie é que só existen femias; elas poñen ovos sen fertilizar dende os que nacen novas femias.

FONTE: Revista Muy Interesante/Naturaleza

No hay comentarios. Comentar. Más...

IDEAS BÁSICAS SOBRE MEDIO AMBIENTE I: ECONOMÍA CIRCULAR

20141210230619-tres-erres.jpg

Os "3 R’s" / Imaxe: emaus.com

A economía circular imita á natureza, onde todo se aproveita nun ciclo. O lixo, os residuos, non son algo inútil do que hai que desprenderse, senón un produto que se aproveita. A idea pretende superar o actual sistema de produción, baseado no "usar e tirar", que xa non dá máis de si. O lixo, a contaminación, o esgotamento dos recursos naturais redúcese e o medio agradéceo. A UE quere converterse nos próximos anos nunha economía circular que xere ademais miles de "empregos verdes". Cada vez máis plans, directivas ou propostas asúmena como obxectivo e os países membros, como España, deberán moverse nesa dirección.

FONTE: Revista Consumer

No hay comentarios. Comentar. Más...

"PLATERO E EU": 100 ANOS

20141212173303-image-9689-1-1395661912.jpeg

O libro "Platero e eu" / Imaxe:estrelaseouricos.sapo.pt

"Platero é pequeno, peludo, suave; tan brando por fóra, que se diría todo de algodón, que non leva ósos". É un dos mellores e máis soados arranques da literatura española, posiblemente tamén da universal, e hoxe, venres, cumpre cen anos.

Platero e eu recrea, a través da maxistral pluma de Juan Ramón Jiménez a vida e morte do burro Platero . A pesar de estar escrita en prosa, cada unha das frases desta obra, cunha singular lírica que chega ao corazón, reflicte o bo saber facer do poeta e convértea a en a terceira máis traducida a diferentes idiomas e linguaxes do mundo despois da Biblia e O Quixote.

 Pero Platero e eu, en contra do que todo o mundo cre, non é un libro para nenos. Encerra nas súas páxinas unha mordaz crítica social que supera o interese dos máis pequenos.

O argumento non é complexo. Platero e eu relata a amizade entre un burro e un poeta, un personaxe no que o lector pronto é capaz de identificar a Juan Ramón Jiménez, nacido en Moguer (Huelva) en 1881 e falecido en San Xoán (Porto Rico) en 1958.

Parabéns!

FONTE: Xornal La Voz de Galicia

No hay comentarios. Comentar. Más...

O PROBLEMA DA GARRAFA

20141213093401-garrafa-a.jpg

Garrafa de mimbre / Imaxe:todocoleccion.net

Hoxe propóñoche iste problema para o que terás dúas formas posibles de acadar a solución: unha operación aritmética e outra lóxica, podendo usar calquera das dúas.

Temos unha garrafa con 10 litros de auga e outra con 10 litros de viño. Bótanse tres litros de auga na garrafa de viño e mestúrase. Despois, vólvense a botar tres litros desa mestura na garrafa de auga.

Qué haberá despois do cambio, máis auga na garrafa de viño ou máis viño na garrafa de auga?

Mañá, a solución!

FONTE:juegosdelogica.com

No hay comentarios. Comentar. Más...

O PROBLEMA DA GARRAFA: SOLUCIÓN

20141214094731-probema-da-garrafa.png

Solución aritmética ao problema / Imaxe:verumscripta.blogspot.com

Tal como diciamos onte, hai dous modos de resolver iste problema, aritmeticamente e  loxicamente.

Opción aritmética:

Ao botar tres litros de auga no viño teremos na garrafa do viño  13 litros de mestura dos que 3/13 partes serán auga e 10/13 partes viño.

Ao devolver os tres litros de mestura á garrafa de auga devolveremos 3*10/13 litros de viño á agua, ou o que é o mesmo 30/13 litros de viño na garrafa de auga.

Cando tiñamos 13 litros de mestura na garrafa de viño 3 litros eran de auga, e diciamos que tiñamos 3/13 partes de auga e 10/13 partes de viño. Ao devolver 3 litros á garrafa de auga devolvemos 3*3/13 litros de auga, ou o que é o mesmo sacamos 9/13 litros de auga á garrafa de viño, polo tanto quedarán 3 – 9/13 litros de auga no viño, que é igual a 39/13-9/13 e que é igual a 30/13 litros de auga no viño.

Po lo tanto, pola opción aritmética sabemos que na garrafa de viño teremos 30/13 de litros de auga e na da auga 30/13 de litros de viño.

Opción lóxica:

Despois de facer a mestura nas dúas garrafas seguimos tendo 10 litros, polo tanto, a agua que falta nunha garrafa foi substituída pola mesma cantidade de viño e á inversa na outra garrafa. Nas dúas garrafas teremos a mesma cantidade de líquido da outra, que é o mesmo que nos plantexaba no problema.

Esta última solución é máis rápida, sabemos que a resposta ao enigma é que as dúas garrafas conteñen a mesma parte da outra, aínda que non coñecemos cal é esa cantidade, que si sabemos na opción aritmética.

FONTE: Juegosdelogica.com

No hay comentarios. Comentar. Más...

PARABÉNS GABRIEL!

20141214103943-20140613190616-gabriel.jpg

Gabriel Otero Moreira / Imaxe: Víctor M. Gómez

Esta fin de semana pasada, concretamente o sábado 13, procedeuse á entrega de premios da 7ª edición do concurso de relatos "A CIENCIA QUE CONTA" 2014, que se celebrou na sede da Fundación Barrié, organizadora do concurso, de Vigo.

Entre os premiados, cun accésit, na categoría de Educación Secundaria, estivo un alumno do noso IES, GABRIEL OTERO MOREIRA, alumndo de 3º ESO A. O título do seu relato foi "A Ciencia Salva Futuros"

Dase a casualidade de que este alumno xa fora finalista no Concurso de Relatos, na categoría xuvenil modalidade microrrelatos, que organizou o Centro Oceanográfico de Vigo con motivo da celebración do Centenario do Instituto Español de Oceanografía o ano pasado.

En próximos días poderemos ler aquí este relato.

Parabéns!

No hay comentarios. Comentar. Más...

CUMIO DO CLIMA DE LIMA: ACORDO DE MÍNIMOS E A ÚLTIMA HORA

20141215170224-logo-cop-vertical.png

Logo do COP20 de Lima (Perú) / Imaxe: cop20.pe


Á 1 da mañá do domingo e na prórroga do Vixésimo Cume do Clima (COP20), máis de 190 países lograron un acordo de mínimos que insufla un pouco de osíxeno ás asfixiadas negociacións climáticas que teñen como meta que Parides 2015 sexa o escenario da firma dun acordo que substitúa ao Protocolo de Kyoto.

O texto do acordo finalmente ratificado foi o terceiro posto sobre a mesa pola presidencia da COP tras dúas semanas de negociacións e 25 horas de prórroga. Ás 11 da noite e cando parecía que definitivamente o Cumio de Lima naufragaba, o Ministro de Medioambiente Peruano, entregaba ás parte un acordo que foi ratificado logo de tan só unha hora de plenaria.

A clave para obter este mínimo común denominador foi flexibilizar posturas e priorizar o lograr un acordo cara a Paris a costa do risco de que sexa débil e con deberes pendentes, como finalmente pasou. 

Unha das chaves que permitiron desbloquear as negociacións foi o punto 4 do acordo, que "urxe" aos países desenvolvidos "a prever e mobilizar soporte financeiro para accións ambiciosas de mitigación e adaptación" para os países xa afectados polo cambio climático. Nese sentido, o texto "invita" aos países a incluír este financiamiento xunto aos compromisos de redución de emisións que cada parte firmante da Convención Marco de Cambio Climático debe presentar á ONU antes de outubro de 2015, segundo o novo texto.

Unha vez que os países entreguen os seus compromisos, a presidencia da COP só terá pouco máis dun mes para procesalos e incorporalos a un acordo global e vinculante para lograr reducir as emisións e non superar o limiar de temperatura dos 2 grados Celsius. 

Na conferencia de prensa tralo acordo, o presidente do Cumio de Lima, cualificou o texto como unha "boa decisión. O Comisario Europeo de Cambio Climático, considerou que a flexibilidad que demostraron as partes na madrugada deste domingo prevé un avance positivo das negociacións cara a Paris durante todo o 2015. Pero a sociedade civil advirte que o acordo de Lima deixa demasiados deberes para o COP21.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

No hay comentarios. Comentar. Más...

OPERACIÓN QUILO

20141217175749-logo-conrazones.jpg

Logo de Conrazones / Imaxe:www.15kdelatlantico.com

O próximo venres de 8:20 a 10:30 horas, no vestíbulo do noso IES estarán voluntarios do colectivo "Conrazones" para recoller alimentos non perecedeiros para persoas necesitadas no Baixo Miño.

Ata ese día tes a posibiliade de levara cabo esta ación alturista nunha grande bolsa que veras co distintivo que arriba aparece.

Colabora!

No hay comentarios. Comentar. Más...

CHEGARON AS VACACIÓNS!

20141218141429-descarga.jpg

 

Chegou o día! Despois de recoller as temidas notas, con algunha que outra sorpresa e a correspondente bronca na casa, chegaron as VACACIÓÓÓÓÓNS!

Nada de madrugar, nada de libros e de profes... e moito de festa!

Iso si, por un tempo limitado, xa que o xoves, día 8 de xaneiro toca volver á rutina, pero será xa outro ano, o 2015.

Boas vacacións a tod@s!

No hay comentarios. Comentar. Más...

RELATO: "A CIENCIA SALVA FUTUROS"

20141220083539-banner-noticiaweb.png

 Cartel / cienciaqueconta.com

Tal como prometín, aquí tedes o texto do relato de Gabriel Otero Moreira, coa que acadou o accésit na 7ª edición do concurso de relatos "A CIENCIA QUE CONTA" 2014.

 

Estrela sentíase a muller máis feliz do mundo con aquela pequena vida que medraba no seu interior; na clínica dixéronlle que era un neno.

Un día Estrella tivo un precioso soño. Soñou cun precioso bebé loiro, forte e fermoso. Pero cando chegou o feliz momento, o seu bebé non era como no seu soño, o seu pelo era negro coma o carbón e a súa cabeciña non era precisamente... normal. A súa forma era esaxeradamente apepinada e, aínda que o médico da clínica dixéralles que non era nada anormal, Estrela non quedou tranquila.

Quince días máis tarde, os pais levaron a Gabriel á consulta do seu pediatra. O doutor Rivas deuse conta inmediatamente de que algo non ía ben, o problema era serio.

- Teño que darlles unha mala noticia -dí o médico mentres palpa suavamente a cabeza do neno 

- Que é o que sucede? -pregunta o pai.

- Gabriel ten un problema na unión dos ósos da súa cabeza chamado craneosinoestosis -engade mentres os pais miranse entre eles asustados.

- Ai, meu Deus! E iso e grave? -pregunta a nai, tremendo do medo.

- Pois naceu coa súa fontanela pechada... hai que operar canto antes.

-Ai, Deus! E en que consiste a operación? -preguntalle o pai.

- Trátase dun mal desenvolvemento nos ósos do cráneo durante o embarazo, nun caso normal os ósos do cranio únense entre o primeiro e o terceiro ano do bebé, no caso dos nenos ou nenas afectados por esta malformación sucede durante o embarazo. De non separamos ises ósos, o cranio e o cerebro medrarán de forma anormal.

- Non sei, doutor; isto é demasiado forte, teño que o pensar, fáltame o aire, vémonos fóra! -engade o home moi impresionado, saíndo da sala.

- Non mo podo crer!, pero a operación é perigosa? -pregunta Estrela.

- Home pois...non podedes pensar niso, tendes que ser valentes e autorizar a operación, senón a súa cabeciña deformaríase enormemente e o seu cerebro podería sufrir danos irreversibles xa que non podería medrar con normalidade.

Durante a viaxe de camiño á casa a nai e o pai case non falaron nada. Preocupáronse moito, moitísimo; aquel pequeno ser era o seu máis prezado tesouro. Pola noite comezaron a pensar e darlle voltas.

- Que imos facer con isto, … non podemos deixar que lle pase nada ao noso fillo -comeza dicindo o pai.

- Seino... Creme, eu tampouco quero que lle pase nada, pero temos que operalo -respóndelle.

- Non hai ningunha outra alternativa? Que pasaría se non o operamos? -pregunta o pai.

- Pois as consecuencias serían irreversibles, podería dañarse o seu cerebro, e ademais, os nenos non quererían xogar con el polo seu aspecto, tería moitos problemas ao longo da súa vida -dille a nai.

- Seino, seino! Pero por en risco a vida do noso fillo...-dí o pai dubitativo.

- E se non o operamos, que clase de vida lle espera? -interrumpelle a nai-Ademais o doutor Rivas asegurounos que en Galicia temos os mellores neurociruxanos infantís e que todo sairía ben.

A decisión estaba tomada. Cinco meses máis tarde e despois dunha dura espera para os pais, o neno foi operado con éxito. Os médicos, tras unha difícil operación de 5 horas conseguiron separar os osos do seu pequeno cranio e remediar a deformación que tiña. O neurociruxano explicáralles o proceso:

- A incisión quirúrxica irá na parte superior da cabeza dende unha orella ata a outra. A incisión será en zig-zag para facilitar a rexeneración da pel. A continuación manipularemos os ósos retirando os pedazos que sobren, o que se denomina “sinoestectomía”. Despois será necesario cambiar ou mover os ósos que se deixan no cranio. Finalmente fíxaranse mediante unha placa con parafusos.

O neno estivo 2 días na UCI e nove mais ingresado. Pouco a pouco recuperouse de tan dura experiencia. Os pais sentíronse moi felices ao saber que o seu fillo estaba ben. Quedáronlle, sen embargo, algunhas consecuencias como por exemplo, non podía evitar porse a chorar ao ver unha bata branca ou unha camilla, e estivo máis dun ano sen dormir ben polas noites.

Tres meses despois da operación chegou o día do bautizo ao que asistiron amigos e familia. A nai sentíase a muller máis feliz do mundo, o seu bebé estaba a salvo por fin; mentres vestía ao seu fillo, a mirada quedóuselle cravada nel, desúpeto deuse conta de que aquel neno que ela soñara aquela noite, tíñao diante dos seus ollos, Gabriel era un bebé forte e fermoso, e o peliño que empezaba a aparecer era loiro coma os raios de sol, mágoas coma cristais de neve saíron dos seus ollos.

Oito anos mais tarde, Gabriel e a súa familia foron de viaxe ás Covas de Altamira, onde no museo viron, nun mostrario de cristal, o fragmento dun periódico no que estaba escrito unha noticia sobre unha excavación en Atapuerca na que se atoparan o cranio dunha nena de fai máis de 500.000 anos afectado por esta deformación:

- Gabriel mira! -dixo a nai emocionada.

- Isto é o que me pasou a mí? -preguntou o neno.

- Sí, pero esa neniña non tivo tanta sorte coma tí, morreu cando tiña dez anos - respondelle a nai.

E así Gabriel entendeu o longo percorrido que a ciencia fixera para que el poidera ter un futuro digno por diante. Grazas a evolución da ciencia, hoxe en día a craneosinoestosis pódese remediar. Grazas á ciencia, iste neno hoxe está sentado no seu sofá cunha taza de leite quente, escribindo a súa historia. Agora o único recordo que teñen da operación Gabriel e os seus pais é unha cicatriz en zig-zag de orella a orella.


No hay comentarios. Comentar. Más...

CHEGADA DO INVERNO

20141220091941-frio.jpg

Chega o inverno e con el o fío / Imaxe:deguapas.com

O inverno  comezará nesta próxima noite, concretamente  ás 0 horas e 3 minutos, xa luns 22 de decembro, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional.

Durará 88 días e 23 horas, e rematará o 20 de marzo de 2015 co comezo da primavera.

O inicio do inverno pode darse, como máximo, en catro datas distintas do calendario (do 20 ao 23 de decembro). Ao longo deste século  o inverno iniciarase nos días 20 a 22 de decembro (data oficial española), sendo o seu inicio máis temperán o do ano 2096 e o inicio máis tardío o de 2003. As variacións dun ano a outro son debidas ao modo en que encaixa a secuencia de anos segundo o calendario (uns bisestos, outros non) coa duración de cada órbita da Terra arredor do Sol (duración coñecida como ano trópico).


No hay comentarios. Comentar. Más...

BOMBERÍA, E ALGO MÁIS

 

Bombería”, o anuncio de Campofrío deste 2014, intenta mandar aos españois, como fixo nos últimos tres anos, a idea de "que nada nin ninguén nos quite o noso xeito de gozar da vida".

Pero para entender o contido deste anuncio que tedes na parte inferior da imaxe, deberiades de ver o primeiro, no que se explica o por que e o contido do anuncio: “Queimados”. Tanta xente queimada, empezando pola mesma empresa polo incendio ocurrido na súa planta de Burgos o pasado 16 de novembro, preferentistas, estudantes, sanitarios…

Relamente reflexa a situación do país e deixa caer que a única forma de saír  adiante é co esforzo e apoio de todos.

Parabéns, polo anuncio!

FONTE:O primeiro vídeo: verme/elpais.es

No hay comentarios. Comentar. Más...

O PROBLEMA DO AFORCADO

20141221203158-aforcado.jpg

Aforcado / Imaxe:taringa.net

Un home aparece aforcado na súa cela sen ningún apoio baixo os seus pés.

Tanto a porta coma a ventá están pechadas por dentro, e non existe outra saída. Non hai ningún outro moble no cuarto.

Como o fixo?

Solución: Preme no bloque de xeo.

FONTE: juegos de lógica.com

No hay comentarios. Comentar. Más...

BO NADAL!

20141220184743-desde-galicia-bon-nadal-el-arbol-de-los-celtas-portada.jpg

Imaxe da árore ilumnida coa costa ao fondo / Imaxe: galiciaunica.es

Para todos vós deséxovos unha boa noite e un bo día de Nadal, na compaña dos voso seres queridos.

Unha aperta

VÍCTOR

No hay comentarios. Comentar. Más...

ILUSIÓNS ÓPTICAS I

20141221200828-ilusion1.gif

 

As ilusións ópticas son ilusións do sentido da vista, que nos levan a percibir a realidade erroneamente, ou ver cousas diferentes nunha mesma imaxe dependendo de varios factores como pode ser o estado de animo, ou a diferente estimulación dos ollos ou o cerebro.

Fíxate na imaxe superior:

Son as liñas horizontais paralelas?

E rectas ou curvadas?

Esta ilusión óptica é indiferente vela como liñas horizontais ou xirar a imaxe 90º e ver as liñas en posición vertical.

FONTE: juegosdelogica.com

No hay comentarios. Comentar. Más...

O XEN KLF11, SOLUCIÓN Á OBESIDADE?

20141221195504-obesidade.jpg

Home obeso / Imaxe: revistavivasaude.uol.com.br

Os intentos de dar coa pastilla milagrosa contra a obesidade levan décadas coleccionando fracasos. Iso explica a expectación de industria farmacéutica ante os achados relacionados coa chamada graxa boa (tamén denominada beixe), un tecido capaz de queimar calorías e rematar cos depósitos de graxa mala que non se identificou nas persoas ata 2009. O obxectivo que perseguen cada vez máis grupos de investigadores consiste en dar cos interruptores moleculares que activan estas propiedades adelgazantes no corpo para poder controlalos por vontade cun fármaco.

O último descubrimento relacionado con istes traballos e pubicados na revista Genes&Development, chega dun grupo da Universidade do Sur de Dinamarca, e ten que ver cun deites interruptores. Os investigadores deron cun mecanismo polo que as células de graxa branca, as malas, se converten nas marrón claro, as boas, as que queiman os depósitos adiposos mentres consumen as reservas de calorías. A clave está nun xene mestre, o KLF11, que codifica un factor de transcrición capaz de reprogramar a célula e darlle totalmente a volta.

Os investigadores recorreron a un fármaco antigo contra a diabete tipo II (rosiglitazona) xa retirado do mercado. Administrárono in vitro nas células adiposas convencionais e observaron como se transformaban en graxa marrón claro. Facíano grazas á activación do xene KLF11, un xene mestre que controla a expresión doutros xenes. A uns ponos a traballar, por exemplo aos responsables de aumentar o número de mitocondrias nos adipocitos (as células da graxa mala). Estes orgánulos son os motores que achegan enerxía á célula, polo que o seu incremento é sinónimo dun maior consumo de calorías. A outros, os encargados de expresar as características da graxa mala, inhíbeos.

O achado abre a vía para dirixirse directamente ao KLF11 e así activar a conversión dos adipocitos en graxa marrón claro. O medicamento empregado non serviría como pastilla adelgazante; retirouse polos efectos secundarios que provocaba, e ademais, o fármaco non actúa directamente sobre o mecanismo celular: prodúcese unha fervenza de acontecementos ata que se activa o xene. Non obstante, máis que o camiño elixido para estimular a actividade da graxa marrón claro, que non é o idóneo, o máis relevante do traballo é que conseguiu chegar ao destino desexado: identificar que botón hai que pulsar (neste caso, o xene KLF11) para reprogramar a célula e queimar graxa.

Pero o obxectivo ideal non é tanto actuar onde se inicia o proceso, senón no punto final da resposta metabólica. É dicir, nun interruptor específico que poña en marcha o efecto adelgazante sen provocar danos colaterais. Quizais este resorte ideal sexa o xene KLF11. Agora só falta saber activalo sen alterar ningunha outra función do organismo.

FONTE: Xornal El Pais/ Ciencia

No hay comentarios. Comentar. Más...

O PROBEMA DAS IDADES

20141221205149-encuestas-1.jpg

Enquisa / Imaxe:runrun.es

Un enquisador diríxese a unha casa onde é atendido por unha muller. Pregúntalle:

Cantidade de fillos?

Tres, di ela.

Idades?

O produto das idades é 36 e a suma é igual ao numero da casa, responde.

O enquisador vaise pero ao anaco volve e dille á muller que os datos que lle deu non son suficientes; a muller pensa e dille: ten razón, a maior estuda piano.

Isto é suficiente para que o enquisador saiba as idades dos fillos. Cales son?

A solución, mañá!

FONTE:juegos de logica.com

No hay comentarios. Comentar. Más...

O PROBLEMA DAS IDADES: SOLUCIÓN

20141221210038-problema-solucion.jpg

Solución / Imaxe:marketingdirecto.com

O enquisador pregunta as idades e ao obter como resposta que o produto destas é 36 e a súa suma o numero da casa, mira o numero desta, que nós non coñecemos pero el si.

O enquisador descompón o 36 nos seus factoriais e realiza as seguintes combinacións de idades. (todas as posibles)

1-1-36
1-2-18
1-3-12
1-4-9
1-6-6
2-2-9
2-3-6
3-3-4

Só queda saber cal destas combinacións de idades suman o numero da casa, entón decátase algún dato de que lle falta, só pode ser porque hai dúas combinacións que suman igual:

1+6+6=13
2+2+9=13

Ao regresar e saber que a maior estuda piano, deduce que só hai unha maior, non dous, polo que as idades serán 2, 2 e 9 anos.

FONTE: juegosdelogica.com

No hay comentarios. Comentar. Más...

QUE DEPARARÁ O 2015?

20141230193800-1419874230-288767-1419874315-noticia-normal-2-.jpg

Viñeta de El Roto (Andrés Rábago García, Madrid 1947), no xornal El País de hoxe.

Sen comentarios!

No hay comentarios. Comentar. Más...