Facebook Twitter Google +1     Admin

Se muestran los artículos pertenecientes a Mayo de 2010.

O CEO DO MES: MAIO 2010

Publicado: 01/05/2010 19:21 por vgomez en O CEO DO MES
20100501192135-skymap-north-strip.gif

6 de maio: Cuarto Minguante.

14 de maio: Lúa Nova.

20 de maio: Cuarto Crecente.

27 de maio: Lúa Chea.

Chuvia de meteoros: Eta- Acuáridas, entre o 19 abril eo 28 de maio. Máxima actividade o 6 de maio.

Eta- Lyridas, entre o 3 e o 12 de maio. Máxima actividade o día 9.

Ámbalas dúas procedentes do cometa 1P/Halley

 

NON APRENDEMOS!

Publicado: 02/05/2010 10:15 por vgomez en ZONA VERDE

 

A plataforma petrolífera da BP, que se incendiou o pasado 20 de abril , despois dunha explosión, e que se afundíu dous días despois, está causando un dos desastres ecolóxicos máis grandes nas costas americanas. Dos 126 traballadores que estaban a bordo da citada plataforma, 11 están aínda desaparecidos.

Para facernos unha idea do dasastre, tedes este vídeo de noticias, no que se albiscan outras consecuencias máis graves, dado que a mancha ten unha extensión de máis de 1000 km2.

Non aprendemos!

E-ELT

Publicado: 04/05/2010 12:39 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20100503180531-e-elt-1-570x379.jpg

Maqueta do E-ELT, onde se amosa o tamaño do telescopio con respecto a obxectos como un coche

Telescopio Europeo Extremadamente Grande (E-ELT). Así se chama o maior telescoipio óptico do mundo xamais contruído: 42 m de diámetro de espello.  Haberá que esperar un chisco, ata o ano 2018.

Este proxecto da ESO (Observatorio Europeo Austral), no que participan 14 países, etre eles o noso,  ubicouno  no alto de Armazores, unha montaña do deserto de Atacama (norte de Chile).

Só temos o proxecto, pena que no camiño quedou atrás a outra posible ubicación, La Palma (Canarias).

Que todo sexa pola ciencia!

ALUMNADO DE 1º ESO NA PRENSA

Publicado: 05/05/2010 11:07 por vgomez en ZONA VERDE
20100504125240-25-anos.26-01.2010.jpg

A prensa, concretamente o diario dixital Galiciasuroeste.info, fíxose eco onte da saída ornitolóxica que o alumnado de 1º ESO do noso centro fixo a principios de abril ao esteiro do Miño, dentro do programa "VISITAS GUIADAS" de ANABAM.

Se queres acceder á información publicada pincha AQUÍ .

CONFUCIO II

Publicado: 06/05/2010 08:54 por vgomez en FRASES
20100506085428-confucio1.jpg

Incorporamos unhas novas frases deste filóso oriental: CONFUCIO.

"Non fagas a outro aquelo que non che gustaría que che fixesen a ti."

"Esíxete moito a ti mesmo e espera pouco dos demais. Así aforrarás disgustos."

"O que nada se perdoa a si mesmo, merece que llo perdoen todo."

"Se serves á Natureza, ela servirate a ti."

"Contáronmo e olvideino, vino e entendino, fíxeno e aprendino."

"O máis elevado tipo de home é o que obra antes de falar, e practica o que profesa."

 

Reflexionesmos sobre elas!

HUMOR: NÓDULO REAL

Publicado: 09/05/2010 22:40 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100509210426-2010-05-16-vin-2010-05-09-01-26-52-humordavila.jpg

A noticia desta fin de semana foi a operación do Rei de España, a  causa dun nódulo (mancha ou lesión redonda ou ovalada nos pulmóns que se observa cunha tomografía computerizada ou unha radiografía del tórax, sendo unha grande parte benignos).

E entre chisme e chisme aparecen as opinións políticas (nomarquía/república). Precisamente Davila trata este tema na súa viñeta de hoxe no xornal Faro de Vigo.

Moi agudo! Polo menos nas enfermidades somos todos iguais, aínda que a algún opérano antes que  a outros!

 

SAÍDA DE 2º ESO A TUI

Publicado: 11/05/2010 10:09 por vgomez en OUTRAS COUSAS
20100510230732-dscf3865-4.jpg

Onte, día 10 de maio, a maioria do alumnado de 2º ESO (45 alumnos-as) visitamos a vila de Tui.

Iniciamos a visita na igrexa-parroquia de San Bartolomeu-Rebordáns, seguimos, a inversa, un anaco do Camiño de Santiago-Portugués, paramos na igrexa de  Santo Domingo, percorremos parte do casco vello, facendo unha parada na rúa do convento e igrexa das Clarisas e rematamos na Catedral.

Tivemos un profesor marabillodo D. Avelino e algo de axuda divina pois aínda que a chuvia foi míuda, cando rematamos, e de  cara ao autobús xa era moi intensa.

Todo saíu ben. Esperamos (Teresa e eu) que merecera a pena, aínda que hai que agradecer a parte que puxo o noso  compañeiro Anxel (profe de Relixión) no asunto.

EXPOSICIÓN: BALEA COMÚN

Publicado: 12/05/2010 19:07 por vgomez en COMUNICADOS
20100512184256-dscn1368-2.jpg

Dende hai uns días, e con motivo do Ano Internacional da Biodiversidade, no pasillo do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía e do Departamento de Física e Química, temos exposta unha costela e unha vértebra dun rorcual común ou balea commún (Balaenoptera physalu).


Este mamífero ten a seguinte clasificación:
Reino: Animal
Filo: Cordado
Clase: Mamífero
Orde: Cetáceo
Familia: Balaenopteridae

A balea común é o segundo animal máis grande do planeta. É unha especie oceánica, distribuída en todos os océanos do mundo. Presenta unha lonxitude de 19m nas femias e 18 nos machos. A talla máxima é de 24m. O peso pode chegar ata 70 toneladas. Ten cor dorsal gris e ventral branca. A aleta dorsal está situada no tercio posterior do corpo. Presenta de 70 a 100 sucos ventrais. O aventador sitúase no centro da cabeza e consta de dúas aberturas. Aliméntase de pequenos crustáceos (krill) e peixes. A xestación dura de 11 a 12 meses e a cría mide 6m ao nacer. É unha nadadora velóz, capaz de superar a velocidade de 30km/h. Estímase que poden vivir ata 50 anos.

Esta é parte da información que alí se ofrece. Non dudes en pasar a vela!

 

 

 

RECORTES

Publicado: 13/05/2010 11:34 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100513113357-resize.jpeg.jpeg

Sen dúbida ningunha, a palabra máis oída hoxe é RECORTE. A todos afecta: funcionarios, pensionistas, pais que están a punto de ter un fillo, ...

España é un país que pasa das vacas cheas ás vacas fracas en pouco tempo. Somos pouco previsores e nunca aprendemos dunhas para as outras.Penso que os políticos, en xeral todos, non están a altura e este pobo non se merece o que lle está a pasar. E esto non acaba aquí, pois dentro de pouco temos a subida do IVE e Deus sabe que seguira!

Este tema é o tratado polo Carrabouxo na súa viñeta do xornal La Región.

SUPERVIVENCIA

Publicado: 14/05/2010 20:26 por vgomez en VÍDEOS

 

Os selacimorfos, son os coñecidos tiburóns (peixe cartilaxinoso, da familia dos carcarínido) sempre foron considerados como grandes depredadores. De vez en cando atópanse con inimigos que nunca consideramos capaces de enfrontarse a eles. É o caso do polbo (molusco octópodo da familia dos octopódidos).

Este vídeo mostra o ataque dun polbo a un tiburón. Espectacular!

 

PETICIÓN DE COLABORACIÓN

Publicado: 15/05/2010 11:36 por vgomez en ZONA VERDE
20100515113141-gaivotas.cartel-gaivotas.05.05.2010.jpg

Dende o mes de marzo, as gaivotas deron comezo ao período reproductor que ten como finalidade perpetuar a especie, algo que a máis dun non gusta pero algo que é común a tódolos seres vivos do planeta. Sabemos que quen ten que sufrir as consecuencias destes ruidosos e, en moitas ocasisóns, molestos veciños, lles gustaría que este período reproductor non chegara. Tamén sabemos que as consecuencias dos seus "misiles" lanzados en pleno vó, non son de recibo (un xa tuvo a desagradable experiencia de sufrir un destes impactos mentres camiñaba placidamente polo paseo marítimo), pero sexa ou non do noso agrado, aí están.

 

     Todos esperabamos que coa eliminación dos vertedoiros de lixo, controlados ou incontrolados, legais ou ilegais, estas aves ían diminuír en número. Pero non é así, e dende finais da década dos oitenta, comezaron a aniñar no máis alto dos edificios, ou sexa, nos tellados, que era o que máis se lles parecía aos acantilados onde adoitaban facelo. Algunha debeu dar o primeiro paso e as demais non se quedaron atrás, e o que hai 20 anos podería considerarse como algo anecdótico, hoxe é habitual.

 

     Dende ANABAM tratase de facer un seguimento dos niños de gaivotas que hai na Guarda. Para iso precisa a colaboración da poboación, enviando de datos de aqueles niños que están sendo usados polas gaivotas ou dos que se destrúen para evitar as molestias que producen.

 

Colaboremos todos!

 

20100514100349-uxio-novoneyra.jpg

Uxío Novoneyra nace o 19 de Xaneiro de 1930, na aldea de Parada de Moreda, en plena serra do Courel, dentro dunha familia labrega acomodada.
En 1945 trasládase, durante o período escolar, a Lugo para estudiar o bacharelato, que remata en 1948.  De 1949 a 1951 está en Madrid e alí, tras superar o Exame de Estado, matricúlase por ouvinte na carreira de Filosofía e Letras. Esta xeira madrileña é unha etapa de formación cultural, en gran parte autodidacta, na que empezará a escribir en castelán, chegando a publicar na revista universitaria Bengala dous poemas que formaban parte do libro inédito Desde las cosas.
En 1952 Novoneyra volve a Galicia para facer o servicio militar, con estancias en Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo. As experiencias composteláns son fundamentais pois espertan no escritor unha nova conciencia galega que se vai forxando en contacto con figuras como o pintor Carlos Maside, o ensaísta e ideólogo Ramón Piñeiro e a figura polifacética e patriarcal de Ramón Otero Pedrayo, tres personalidades esenciais na conformación da futura obra novoneyriana. É precisamente este contacto co galeguismo, xunto coa volta ao Courel durante unhas vacacións no ano 1952, o que motiva o autor para escribir en galego. A continuación, de 1953 a 1962, permanece no seu lugar de nacemento tendo que gardar repouso a causa dunha pleuresía.
No período que vai de 1962 a 1966 o escritor vive en Madrid. Nesa capital traballa na radio e na televisión, sempre en programas relacionados coa poesía galega, española ou universal; participa na bohemia vida madrileña; e asiste ás tertulias do Café Gijón, co poeta Carlos Oroza, o pintor Tino Grañido e un grupo de artistas plásticos como Urculo ou Viola.  Neste ambiente de vangarda artística e preocupación socio- política escribe, entre 1962 e 1965, a serie poética titulada “Elegías de Madrid”, que xunto con outras dúas anteriores (“Primera verdad y tiempo con nombres” e “Elegías del Caurel”, elaboradas respectivamente entre 1953 e 1957 e 1958 e 1961) conforman o libro, editado na capital do Estado en versión bilingüe galego- castelá e dentro da colección “Adonais”, Elegías del Laurel y outros poemas (Rialp, Madrid, 1966).
En 1966 retorna de novo ao Courel, debido á enfermidade dos seus proxenitores, e xa desde este momento quedará a vivir en Galicia. O seu pai morrerá en 1971 e dous anos despois a súa nai, pero en 1968 coñece en Lugo a Elva Rei coa que casará en 1973. A parella terá logo tres fillos, Branca- Petra, Uxío e Arturo, e residirá ata 1983 entre Lugo e O Courel. Daquela recolle os poemas do ciclo courelán posteriores á publicación do primeiro libro, escritos entre 1954 e 1957,que, xunto con outros máis recentes de marcado signo político, conforma a obra titulada Os eidos 2 (Galaxia, Vigo, 1974). Por outra parte, nestes anos de marcada preocupación cívica, traduce ao galego varios poemas do escritor e político chinés Mao Zedong (El Progreso, 19-9-1976).
A comezos da década dos oitenta Novoneyra é considerado xa como un clásico pois como tal o confirman non só o seu tratamento na Gran Enciclopedia Gallega, senón moi especialmente os estudios da nova crítica, como o revelador “O fonosimbolismo na poesía de Novoneyra” publicado en 1980 por Claudio Rodríguez Fer ou os comentarios literarios como o sopesado “O iceberg poético de Novoneyra” que escribe Anxo Tarrío en 1981.  Nesta mesma década o noso autor inicia a recompilación completa do seu ciclo courelán, despois de sometelo a unha rigorosa depuración. Así, publícase no número un da colección Grandes Mestres Os eidos. Libro do Courel (Xerais, Vigo, 1985).
En 1983 afíncase definitivamente en Compostela, desde onde exerceu a presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a partir da súa primeira elección en 1982 ata a súa morte en 1999. Desde o punto de vista creativo, na segunda metade da década dos ostenta comeza unha reagrupación temática da súa obra completa. Así, en Muller pra lonxe (Deputación de Lugo, Lugo, 1986) reúne, no número un da colección por el mesmo bautizada “Gran Lugo de nebra”, os poemas eróticos e amorosos. Seguindo estas recompilacións temáticas, publícase finalmente unha nova versión bilingüe galego- euskera da serie courelá, pero depurada dos elementos políticos ou eróticos, presentes nas publicacións anteriores deste ciclo, e sen as dedicatorias nin o glosario das versión precedentes. Esta edición, titulada Bazterrak/ Os eidos I e II (Pamiela, Iruñea, 1988) foi realizada e prologada polo poeta donostiarra Koldo Izagirre. Máis adiante, ao comezo da década dos noventa ve a luz unha edición introducida e anotada deste ciclo telúrico, agora na colección Biblioteca das Letras Galegas e ao coidado de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, Os eidos (Xerais, Vigo, 1990), edición que contribúe á consolidación do escritor no canon literario galego e que, con respecto aos textos, repite a anterior á que só engade un último poema, o titulado “O monte Cido”, escrito en 1985. Nesta mesma liña canonizadora do autor dentro do sistema literario, tres anos despois, na colección “Criterio” promovida pola Asociación Sócio- Pedagógica Galega, Antonia López García publica un traballo sobre a súa obra: Os camiños do soño (a poesía de Uxío Novoneyra) (Do Cumio, Vigo, 1993).
Máis os anos noventa van amosar unha nova contribución creativa do escritor, que dá a coñecer dúas publicacións de literatura infantil, O cubil do xabarín Gorgorín e Cabezón (Edelvives, Zaragoza, 1991) e (Edelvives, Zaragoza, 1992), dous contos de aventuras protagonizados por rapazas e rapaces, ambientados na xeografía do Courel e cunha rica linguaxe poética. Nesta mesma década, reedítase na colección “Merlín e Familia” Elexías do Caurel e outros poemas, con modificacións, ademais do engadido da serie “Madrid / noite”, ilustrado cun debuxo de Reimundo Patiño e baixo o novo título de Tempo de elexía (Vía Láctea, A Coruña, 1991). Ademais, despois dun longo silencio, roto tan só pola aparición dalgunha composición nova, como puido ser a titulada “Viaxe”, dada a coñecer en 1991, ou a saída da segunda edición da obra Os Eidos da Biblioteca das Letras Galegas (Xerais, Vigo, 1991), publica unha entrega poética individual, Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (Espiral Maior, A Coruña, 1994). Esta reaparición poética complétase coa publicación do poemario de temática compostelá e autoría colectiva Camelio xaponés (Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela, 1995). A obra reúne en edición bilingüe galego- nipona sete xiikas (versos xaponeses) de Ayako Sugitani, en versión galega de Novoneyra, e tres composicións galegas do noso autor, postas en xaponés pola citada escritora nacida en Hagi- Shi.
E neste último período o poeta segue sacando á luz diversas mostras creativas en distintos medios, como as “Lendas de a cavalo” (O Correo Galego 13-VII-1997), pertencentes á obra inédita a que o propio escritor se ten referido en distintas ocasións como Libro de Rotas/ Ameto Mítico ou simplemente Ameto Mítico, e que sairía á rúa uns días despois do seu pasamento, acaecido o 30 de outubro de 1999, baixo o título Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago outras rotas (Hércules Ediciones, A Coruña, 1999)  

AUTOGÁS

Publicado: 20/05/2010 10:28 por vgomez en ZONA VERDE
20100520102837-autogas.jpg

O autogás ou gas licuado do petróleo (GLP), vale a metade da gasolina e é menos contaminante que outro combustible de automoción, polo que se sitúa como alternativa. En Europa  xa o empregan 7 millóns de vehículos, en España tan só 3.000.

O GLP é un combustible líquido que resulta da mestura dun 60% de gas natural e un 40% do refino do petróleo. Tamén coñecido como gas licuado vehicular (GLV).

As súa vantaxes: Menos contaminante (emite menos gases e partículas nocivas, en especial fronte a un vehículo diésel, está exento de compostos como o xofre e o chumbo, diminuíndo os niveis de ruído nun 50% e as emisións  de gases de efecto invernadoiro nun 15% con respecto á gasolina), máis económico (o autogás reclama un maior consumo, pero ao ser un 50% máis barato que a gasolina convencional, o gasto cada 100  quilómetros redúcese entre un 30% e un 40%. Nótanse menos as oscilaciones do petróleo. Tamén se aforra no mantemento, xa que a súa combustión non deixa residuos e sofre menos avarías. Eso si, o seu uso conleva unha pequena perda de potencia, que nos motores medianos apenas se percibe) e seguro (os seus riscos son comparables a outros carburantes. En caso dunha eventual fuga de gas, detéctase de maneira rápida polo olfato grazas a un elemento odorante que se agrega).

Case que calquera vehículo de gasolina (non así os de diésel) poden utilizar  GLP. Os coches son bifueles, xa que funcionan con un ou otro tipo de combustible, unha opción que se pode variar sobre a marcha. Hai que facer unhas pequenas modificacións, incluídas un deposito adicional de combustible, que poden chegar aos 2.000€, pero que o Instituto para a Diversificación do Aforro e a Eficiencia (IDAE) otorga subvencións.

Haberá que telo en consideración!

Fonte: Revista Consumer Eroski

CÉLULA ARTIFICIAL

Publicado: 21/05/2010 10:41 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS

 

Craig Venter fotografiado durante una visita a Madrid. | Quique Fidalgo

É a primeira vez que se crea unha forma de vida sintética, cuxo material xenético  procede de catro botes de productos químicos. Esto abre un dilema científico, ético e filosófico sobre a palabra vida.


 

Bacterias con el genoma sintético. | Science

Bacterias con xenoma sintético / Science

Dende o punto de vista da ciencia, abre moitas posibilidades, pois a mesma técnica de laboratorio pode ser empregada para fabricar combustibles limpos, productos químicos ou substancias alimenticias, para limpar auga ou acelerar o procesode fabricación de antibióticos.

Hai veces que o home xoga a ser Deus!

CINE: "JUNO"

Publicado: 21/05/2010 10:55 por vgomez en OUTRAS COUSAS
20100521105435-juno.jpg

A Asociación Érguete Baixo Miño en colaboración co Concello de A Guarda e a Consellería de Traballo e Benestar, Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado,  organiza un Ciclo de Cine e Saúde dirixido á mocidade da comarca do Baixo Miño.

Este domingo, 23 de maio, ás 5 da tarde e no Centro Cultural proxectarase a película "Juno" (2007). A entrada é de balde.

Estás invitad@!

CORAIS DE AUGA FRÍA EN ESPAÑA

Publicado: 23/05/2010 21:42 por vgomez en ZONA VERDE
20100523212304-1274454369-0.jpg

Parte do coral de augaa fría localizado no canón de Avilés / EFE

Seguramente oiriades falar máis dunha vez dos CORAIS . A maioría destes marabillosos animais viven nas augas tropicais e subtropicais, onde forman arrecifes, como en Australia. Tamén tiñamos coñecemento de pequenas colonias de auga fría en Noruega. Pois ben a noticia radica que un equipo de científicos españois descubriron un arrecife nun canón submarino do Mar Cantábrico, tratándose do primeiro destas características en España.

Os protagonistas deste achádego foron un grupo de xeólogos da Secretaria do Mar e biólogos do Instituto Español sde Oceanografía, durante unha campaña a bordo do buque Vizconde de Eza.

A zona concreta foi no canón de Avilés de 16km de longo e 6 de ancho, a 800 metros de profundidade. Alí e valéndose dun robot e un submarino, localizaron corais "Madrepora oculata" e "Lophelia pertusa", acompañados doutras moitas especies de esponxas de cristal, cangrexos reais, equinodermos, gorgonias e peixes. 

DECRETO DO PLURILINGÜISMO

Publicado: 25/05/2010 13:06 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100525130549-1968-42640-a-1968-42605-a-1716-42502-a-en-galego-1.jpg

Hoxe publica o Diario Oficial de Galicia o Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que tanto deu que falar e pese a contar con informes desfavorables da Real Academia Galega e do Consello da Cultura, e ter o dictame negativo do Consello Consultivo.

Poucas variación con respecto ao borrador, salvo que queda fóra á consulta aos pais en Primaria e Secundaria das materias a impartir en galego, ata que se elabore unha lei que permita facer este tipo de consulta.

Persoalmente penso que o galego segue a ser a lingua máis prexudicada, ao non ser posta en valor fronte ao Castelán, lingua dominante. Eso si, grazas que o inglés non ten a mesma categoría que o galego ou castelán, como nun principio se pretendía.

Se queres coñecer polo miúdo o contido do decreto pincha en DOGA .

INSECTO FOLLA

Publicado: 26/05/2010 08:53 por vgomez en ZONA VERDE
20100525193740-insecto-hoja.jpg

 A biodiversidade do noso planeta é marabillosa e sorprendente. Un exemplo é o insecto folla (Phyllium bioculatum). Vive nas áreas tropicais con moita vexetación do sur de Asia e Australia. Pode medir ata 20 centímetros, o seu corpo é ancho e posúe grandes ás e patas provistas de expansións laminares imitando á perfección o aspecto dunha folla. É herbívoro e os seus grandes predadores son as aves e outros insectos, aínda que se defenden bastante ben grazas ao seu extraordinario camuflaxe. Ata os seus ovos están camuflados, pois teñen aspecto de sementes.

FONTE: 365especies.com

ESTRELA DEVORA PLANETA

Publicado: 27/05/2010 08:41 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20100526115537-estrella-come-planeta.jpg

Ilustración da estrela Wasp-12 na que cae materia do planeta que xira ao seu redor (G.BACON/NASA/ESA)

A revista Astrophysical Journal Letters (ApJ, revista científica, fundada en  1890, que cubre desenvolvementos, descubrimentos e teorías recentes sobre astronomía e astrofísica) acaba de publicar o proceso polo que un corpo estelar vai roubando materia a un planeta que xira ao seu redor. O tesecopio Hubble detectou ese proceso.

A estrela en cuestón chámase Wasp-12, que se atopa a uns 600 anos luz da Terra e situada na constelación de Auriga. É parecida ao Sol. O planeta que xira ao seu redor, descuberto en 2008, é un 40% maior que Xúpiter, chámase Wasp-12b.

Seguindoo citado proceso, Wasp-12b desaparecerá dentro de 10 millóns de anos, tempo que a estrela tardará en devoralo.

HERBAS MEDICINAIS

Publicado: 27/05/2010 23:48 por vgomez en HERBAS MEDICINAIS
20100527233617-298px-illustration-rhamnus-frangula0.jpg

Hoxe comenzo unha nova sección: HERBAS MEDICINAIS. Cada día están máis de moda, volvendo ás prácticas dos nosos antepasados. Un coñecemento das mesmas pódennos axudar. Para empezar falaremos dunha planta que dá (é unha das hipóteses) nome ao noso centro: SANGUIÑO.

 

Sanguiño Frangula alnus Miller

(En castelán Arraclán, Avellanillo)

Outros nomes: Sangubiño, Sangumio, Sanguño

 

O sanguiño é un arbusto de 1 a 6 m de talle, lampo, con talos e ramiños de cor parda avermellada con numerosas lentícelas de cor abrancazada. Follas alternas, ovaladas, con pecíolo moi curto, caducas, de cor verde brillante pola face e polo envés, con bordo enteiro e nervación moi marcada. As flores agrúpanse en inflorescencias umbeliformes axilares, de 2 a 10 flores pequenas pouco vistosas, hermafroditas e pentámeras. Cáliz de 5 sépalos libres, de cor verdosa. Corola de 5 pétalos libres, abrancazados, ovais, maís cativos ca os sépalos. Andoceo de 5 estames. Ovario súpero con estilo simple.

Froito de drupa con 2-3 endocarpos, de 6 a 8 mm de diámetro e de cor vermella que se ennegrece ao madurar.

Flocerece na primavera, podendo alongarse a floración ata setembro. Os froitos maduran a finais do verán

USOS

A codia, desecada ao sol, das ramas e troncos novos figura na farmacopea española polas súas propiedades purgantes e laxantes. Os principios activos son compostos antracénicos, derivados da oximetilantroquinona: frangulósidos A e B, glucofrangulósidos A e B, frangulaemodina e vaisofenol. Débese empregar a codia desecada e conservada un ano antes de empregala; non empregar a codia fresca pois actúa enerxicamente producindo cólicos e vómitos.

Empréganse as decoccións, extracto fluído ou o po, en caso de estreñimento ou en disquinesias biliares grazas á súa acción colagoga. Está contraindicado o seu uso no embarazo, lactación, menstruación, úlcera gastroduodenal e hemorroides.

Por certo, esta planta témola na rampa do xardín posterior do noso iES.


 

 

EUROVISIÓN 2010

Publicado: 29/05/2010 00:05 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO

 

Como cada ano, chegou o Festival de Eurovisión. Este ano celébrase en Oslo, capital de Noruega. Dos 39 países participantes pasarón a gran final, a celebrar o sábado 29 de maio, os seguintes: Georgia, Ucrania, Turquía, Israel, Irlanda, Chipre, Azerbaiyán, Rumanía, Armenia , Dinamarca e España.

O representante español é Daniel Diges García, máis coñecido como Dani Diges o Gato (Alcalá de Henares, 1981. Actor e cantante) quer levara a concurso o tema "Algo pequeñito".

Eu non son nada afeccionado a estes concursos, paréceme que está todo medio apañado e é máis ben relacións públicas entre países. Por certo levamos uns anos con cacións penosas. A deste ano vai case polo mesmo camiño. Mirá que non teremos bos cantantes e temas para levar!

Para os fans eurovisivos, aquí tedes a páxina oficial onde tedes todo sobre o festival:Festival de Eurovisión 2010

NECTOCARIS PTERYS

Publicado: 30/05/2010 11:15 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS

Antepasado del calamar

Recreación do Nectocaris pteryx, cefalópodo primitivo / MARIANNE COLLIN


Fósil de ’Nectocaris pteryx’

Fósil de Nectocaris pteryx, atopado en Burgess Shale / JEAN-BERNARD CARON

Nectocaris pteryx é un animal que vivíu hai 500 millóns de anos, no peródico Cámbrico medio, identificado polos investigadores Jean-Bernard Caron e Martin R. Smith, ambos da Universidade de Toronto (Canadá), entre a inmensa colección de criaturas encontradas no xacemento de Burgess Shale (Canadá) como un dos máis primitivos moluscos cefalópodos, antepasado do calamar, polbo e sepia.

O Nectocaris ten o corpo aplastado con  forma de papaventos, con dous grandes ollos e dous longos tentáculos, que lle axudaban a buscar e comer ás súas víctimas. Nadaba grazas ás dúas aletas laterais e a unha especie de sifón que tiña na cabeza, para acelerar a súa locomoción.

Unha das características maís importantes era que non tiña caparazón mineralizado, o que supón que era unha craiatura similar aos modernos nautilus ou ás desaparecidas amonitas.

Esta investigación foi dada a coñecer na revista "Nature" ".

DÍA MUNDIAL SEN TABACO 2010

Publicado: 31/05/2010 09:57 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO

 

A Organización Mundial da Saúde (OMS), selecciona "Xénero e Tabaco: a promoción dol tabaco dirixida ás  mulleres" como tema principal do Día Mundial Sen Tabaco 2010, prestando especial atención á necesidade de protexer ás mulleres e ás nenas dos efectos nocivos da comercialización do tabaco, e do fumo, conforme ao Convenio Marco da Organización Mundial da Saúde para o Control do Tabaco.

31 de Mayo Día Mundial sin Tabaco. 2010. Espacio libre de humo: un  derecho de la mujer.

Como dí o cartel "Non fumes. É feo!"



Archivos

Ms

contador de visitas

Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris
Plantilla basada en el tema iDream de Templates Next