Facebook Twitter Google +1     Admin

Se muestran los artículos pertenecientes a Julio de 2010.

MARCOS E RAMÓN

Publicado: 01/07/2010 16:06 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO

 

Marcos e Ramón son dous alumnos do noso IES, aos que tiven como tales hai uns anos. Bos rapaces e cun Sonrisa xenial, polo que non me sorprende este vídeo que eles realizaron.

Sodes uns monstruos. Tal como anda o mundo, un toque de humor é preciso. Felicidades!

O CEO DO MES: XULLO 2010

Publicado: 02/07/2010 10:21 por vgomez en O CEO DO MES
20100701171905-saldapan-tezel2.jpg

4 de xullo de 2010: Cuarte Minguante.

11 de xullo de 2010: Lúa Nova. Eclipse de Sol total (non visible en España, só no Pacífico Sur, Arxentina e Chile).

18 de xullo de 2010: Cuarto Crecente.

26 de xullo de 2010: Lúa Chea.

Chuvia de meteoros:Piscis Austrinidas, actividade dende o 15 de xullo ao 10 de agosto, con máximo o 28 de xullo. Delta-Acuaridas Sur, actividade dende o 12 de xullo ao 19 de agosto, con máximo o 28 de xullo. Alfa-Capricornidas, actividade dende o 3 de xullo ao 15 de agosto, con máximo o 30 de xullo.

 

BANDEIRAS NEGRAS 2010

Publicado: 03/07/2010 13:46 por vgomez en ZONA VERDE
20100703134606-1277992725-1.jpg

Rexeneración artificial de praias (Ecoloxistas en acción)

Hai uns días coñeciamos o informe das bandeiras azuis 2010, onde por certo A Guarda conseguíu 2: Area Grande e Muiño. Agora coñecemos o informe anual da organización "Ecoloxistas en acción" "Bandeiras Negras 2010. Caos na costa", resaltando os 40 puntos do litoral español con maior dexeneración medioambiental, entre os que destacan Marina d´Or (Castellón) Serra Gelada  en Benidorm (Alicante), Barcelona e a súa área metropolitana, así como o litoral marbellí. Galicia tampouco se libra, aparecendo a ría de Vigo, entre outros.

Se queres coñecer polo miúdo este informe pincha en INFORME BANDEIRAS NEGRAS 2010.

CALENDARIO ESCOLAR PRÓXIMO CURSO

Publicado: 04/07/2010 10:58 por vgomez en COMUNICADOS
20100703140933-20090629115717-calendario.jpg

O DOGA do pasado 15 de xuño publica a Orde do 3 de xuño de 2010 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2010-2011, nos centros sostidos con fondos públicos.

A grandes rasgos este é o seu contido:

O curso para Infantil, E. Especial e Primaria as clases comenzarán o 10 de setembro de 2010 e rematarán o 22 de xuño de 2011. Para ESO, Bacharelato, F. Profesional e Ensinanzas de réxime especial, as clases comenzarán o 17 de setembro de 2010 e rematarán o 23 de xuño de 2011 (salvo alumnado de 2º Bacharelato que rematará antes para asistir ás probas da Selectividade).

As vacacións de Nadal serán do 23 de decembro de 2010 ata o 7 de xaneiro de 2011, ambos os dous inclusive. As de Entroido serán os días 7, 8 e 9 de marzo de 2011. As de Semana Santa serán dende o 18 de abril ata o 25 de abril de 2011, ombos os dous inclusive.

Os días non lectivos serán o 7 de decembro de 2010 (Día do Ensino), o 23 de setembro de 2010 (Día de Santa Tegra) e outro día a propoñer polo Centro.

Se queres coñecer polo míudo o contido desta orde pincha en CALENDARIO ESCOLAR 2010/2011.

ESPAÑA!

Publicado: 04/07/2010 11:52 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100704115156-tira4color.jpg

Viñeta de Pinto&Chinto (La Voz de Galicia 4-7-10)

Nunca tal vin: camisetas, escudos, bufandas, gorros... e España!

Un país totalmente paralizado. É o fútbol e a selección española. Non hai moito tempo só viamos aos portugusese como patriotas, agora nos españois tamén medra esa sensación.

España gañou e parece que deu un paso importante, batendo todos os records que ata agora tiña nun mundial.

Que dure!

PROXECTO LARUS

Publicado: 05/07/2010 10:51 por vgomez en ZONA VERDE
20100705104400-gaivotas.cartel-gaivotas.05.05.2010.jpg

Ala polo mes de xuño, dende a Organización Naturalista do Baixo Miño (ANABAM) facíase o seguinte chamamento, para o que eles denominan PROXECTO LARUS:

Das catro especies de gaivotas que se poden ver no Baixo Miño (gaivota chorona -Larus ridibundus-; gaivota patiamarela -Larus cachinans-; gaivota escura -Larus fuscus- e gaivotón -Larus marinus-), soamente unha aniña na comarca: a gaivota patiamarela. Faino dende hai uns 20 anos, aproximadamente dende principios da década dos noventa. Primeiro foron poucas parellas distribuídas as que iniciaron o proceso na vila guardesa. Na actualidade, ANABAM estima que as parellas reproductoras que crían no núcleo urbán guardés deben rondar o centenar. É esta unha estimación subxectiva que posiblemente poda quedarse curta.

 

     Dende este ano, ANABAM vai intentar obter os primeiros datos reais do número de parellas reproductoras na vila guardesa, principal zona de cría, tal vez a única, do Baixo Miño. Para iso, será preciso contar coa colaboración dos propietarios e veciños dos edificios onde estas aves aniñan, e que nos den a información das mesmas. Será un traballo de campo que vai permitir coñecer con exactitude a situación destas aves na actualidade e como avanzará ou retrocederá nos vindeiros anos. Esperamos contar, para a boa marcha deste traballo, coa colaboración cidadá, porque será a única forma de ter o maior número de datos posible.

E xa hai uns primeiros datos:


PRIMEIROS DATOS DA NIDIFICACIÓN DE GAIVOTAS NA GUARDA

 

 
MES Nº DE NIÑOS Nº DE EDIFICIOS Nº DE POLOS Nº DE RÚAS Nº MÁXIMO POLOS/NIÑO Nº MÍNIMO POLOS/NIÑO
Xuño 8+2* 10 9 6 3 2
 

 

*NOTA: O primeiro nº é o dos niños que se rexistraron, o segundo nº corresponde a edificios onde se viron polos e non se rexistraran previamente os niños.

 

Os datos foron recollidos por:

              Yolanda Pazos Giráldez; José Benito Guerreiro Álvarez e Agustín Ferreira Lorenzo.

 

Pero esta colaboración, para que os resultados sexan significativos, ten que aumentar. Por iso volvo pedir unha colaboración activa para que este proxecto acaba en bo porto.

 FONTE: ANABAM

O UNIVERSO MÁIS PRIMITIVO

Publicado: 06/07/2010 10:42 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS

 

A Axencia Europea do Espacio (ESA), acaba de sumar ás xa esistentes, unha nova exploración do universo máis primitivo observable coa súa sonda Planck , que acaba de xenerar o seu primeiro mapa da radiación de fondo de microondas.

A imaxe da bóveda celeste de Planck é o resultado das observacións realizadas desde agosto de 2009 ata xuño de 2010. A nave foi lanzada ao espacio (xunto co telescopio de infravermello Herschel) en maio do año pasado, tardou mes e medio en chegar ao seu lugar de traballo (a unha distancia de 1,5 millones de quilómetros) e empezou a observar o ceo, despois completar a fase de calibración dos instrumentos.

A estructura moteada da radiación de fondo reflicte as variacións de densidade primordiais a partir das que se orixinou a estructura do universo que actualmente se observa. Na imaxe, a banda central transversal corresponde ao plano da nosa galaxia, a Vía Láctea, e abaixo, á dereita, apréciase  unha gran nube de gas. Tamén se distinguen outras galaxias, como Andrómeda, situada a 2,2 millóns de anos luz da Terra, e outras máis lonxe aínda que se ven só como puntos na radiación de microondas.

A análise dos resultados debe permitir aos científicos avanzar no coñecemento da estructura do cosmos (as galaxias e cúmulos de galaxias) e incluso inferir cales eran as condicións antes de que se emitira a radiación de fondo, incluída a do momento da hipotética fase de inflación cósmica, instantes despois do Big Bang.

FONTE:ESA e El País.

O OUTRO XACOBEO

Publicado: 07/07/2010 10:02 por vgomez en CAMIÑO DE SANTIAGO

O Xacobeo 2010 non só se ciñe ao estrictamente coñecido como Camiño de Santiago, hai moito máis: Música, Cultura, Audiovisual, Gastronomía, Espiritualidade. É algo aberto a tod@s.

Un exemplo é a música. Podemos disfrutar de concertos que de non ser Ano Santo serían imposible ou moi difícil telos na nosa terra. Hai que aproveitalos. Unha cita: Joaquín Sabina estará mañá xoves, 8 de xullo en Lalín (Lalín Arena), o 10 de xullo, sábado, en A Coruña (Coliseo) e o 9 de outubro, tamén sábado,  en Santiago (Multiusos do Sar), coa xira de presentación de Vinagre y Rosas.

E esto non é nada... Toda a información en Programación 2010.

O FIN DO POLBO PAUL

Publicado: 08/07/2010 19:49 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100708194851-2010-07-15-vin-2010-07-08-00-28-43-hudavila-2.jpg

Non  me estrana un final tan axietado para este polbo pitoniso que se fixo famoso nesto do fútbol e coñecido polo nome de "Paul". Os alemáns diron boa conta del e segundo as malas linguas, era das costas españolas, eso si posiblemente inmigrante do outro lado do estreito, pero asentado en Galicia.

En fin un chisco de humor  da man de Davila e a súa viñeta publicada no día de hoxe no xornal Faro de Vigo.

20100709111411-idiomas.gif

Máis de 40.000 alumnas e alumnos  galegos de Primaria e da ESO terán mellorado no curso 2012/ 2013 as súas competencias lingüísticas grazas ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, aprobado este xoves polo Consello da Xunta. Este proxecto, que dá resposta aos 'Obxectivos de Lisboa' en materia de aprendizaxe de linguas, establecidos pola Unión Europea, suporá un investimento de máis de 51,5 millóns de euros nesta lexislatura. Deste xeito, e malia á crise económica actual, o Goberno galego demostra a súa decidida aposta e compromiso coa aprendizaxe doutros idiomas, cunha estratexia pensada ata o ano académico 2012/2013.

O Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras suporá incrementar en preto de 29.000 o número de alumnas e alumnos galegos que terán estudado materias non lingüísticas en inglés –en centros plurilingües e seccións bilingües-, respecto dos que o facían no curso 2008/2009.

O alumnado adquirirá as competencias lingüísticas necesarias nos 160 primeiros centros plurilingües que se van crear, e nas 1.800 seccións bilingües con que contarán os centros educativos de Galicia de aquí ao ano 2013, co que se incrementará nun 150% as que existían ao inicio da lexislatura. Así, o 20% da poboación escolar de Primaria e da ESO que estuden no 2012/2013 en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia tería cursado ensinanzas nas seccións bilingües e centros plurilingües, grazas ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Por outra banda, no período 2009/2013 posibilitarase a formación de arredor de 6.600 profesionais dos distintos eidos laborais noutros idiomas para desenvolveren con éxito o seu traballo. Así mesmo, a Consellería de Educación demostra o seu apoio ao profesorado, permitindo o acceso a cursos ata a 13.000 docentes, nun itinerario formativo para desenvolveren as súas clases en linguas estranxeiras.

Eidos de actuación

Para conseguir os obxectivos do Plan, a Consellería de Educación vai pór en marcha ata 15 medidas diferentes, coas cales vai actuar sobre factores clave do sistema educativo galego. Medidas que van incidir sobre varios eidos. Sobre os centros educativos, coa creación de centros plurilingües, o incremento e mellora de seccións bilingües, ou a ampliación da oferta das escolas oficiais de idiomas.

Respecto do profesorado, con itinerarios formativos dirixidos aos docentes, colectivo fundamental que tamén vai adquirir as devanditas competencias en linguas; en canto ao alumnado, a través tamén de formación e estadías en ámbito lingüístico; e sobre os colectivos profesionais. Todos eles poderán, ademais, acreditar as competencias adquiridas nos itinerarios formativos nas escolas oficiais de idiomas e/ou en institucións de recoñecido prestixio.

Por outra banda, O Plan Galego de Potenciación de Linguas Estranxeiras contempla un seguimento transversal para avaliar o seu funcionamento, velando sempre pola utilidade dos investimentos públicos.

Reforzo das EEOOII

Ademais da devandita creación de centros plurilingües e incremento das seccións bilingües, o Plan reforzará as escolas oficiais de idiomas, centros en que o profesorado poderá seguir itinerarios formativos para mellorar as súas competencias lingüísticas e posteriormente acreditalas, ben sexa a través das propias EEOOII, ou a través doutras institucións de recoñecido prestixio.

Co fin de prestar un mellor servizo nestes centros, Educación vai ampliar a oferta destes centros tanto en ensinanzas regradas, con máis grupos, como con novas seccións, o vindeiro curso en Nigrán e Negreira.

Auxiliares de conversa

A Consellería de Educación apoiará o profesorado e o alumnado dos centros plurilingües e as seccións bilingües con auxiliares de conversa nativos da lingua estranxeira correspondente. Entre eles, os centros contarán tamén coa figura dos mestres xubilados, que desenvolverán o seu labor de apoio basicamente nos centros do medio rural.

Así, ao final da lexislatura a Consellería prevé ter á disposición dos devanditos centros máis de 450 destes auxiliares. Xa no vindeiro curso haberá máis de 200 destes auxiliares, o que supón un incremento do 201% respecto dos que había no curso 2008/2009.

Itinerarios formativos

Para a construción dun itinerario formativo dirixido aos docentes, o Plan contempla, ademais de actuacións nas EEOOII, adquisición de competencias a través dos cursos para a formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras (programa CUALE), e do Programa de Apoio ao Ensino e Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PALE).

Ademais, os docentes poderán mellorar a súa formación mediante as estadías en ámbitos lingüísticos, das cales se beneficiarán máis de 3.500 docentes ata 2013. Respecto do alumnado, as devanditas accións completaranse mediante o programa CUALE, que proporciona formación complementaria para a aprendizaxe das linguas estranxeiras, ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional; e con estadías formativas en ámbito lingüístico, ben no estranxeiro, ben nos coñecidos como ‘pobos ingleses’ –‘English Town’. Esta iniciativa consiste na convivencia dos escolares con profesores de inglés nun enclave galego, durante a que só falarán nesta lingua estranxeira.

O compromiso da consellería con este itinerario formativo quedou xa de manifesto coa nova convocatoria de estadías, xa que este ano a convocatoria beneficiará 3.077 estudantes, un 16% máis respecto do curso pasado. Ademais, por primeira vez este ano non só se realizarán as actividades entre xuño e agosto, senón que tamén se desenvolverá unha quenda no mes de setembro, o que permitirá aos nenos e nenas galegos participaren no sistema educativo de Irlanda –os estudantes da ESO- ou Canadá –no caso dos de Bacharelato-, e compartiren as experiencias dos estudantes deses países.

Investimento

O Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras forma parte da estratexia do Goberno galego para garantir unha educación de calidade. Por iso, e malia a crise económica, a Consellería de Educación vai dedicar a novas medidas para a mellora das competencias lingüísticas dos galegos máis de 51,5 millóns de euros.

Así, investiranse 2,3 millóns de euros en cursos para docentes e profesionais nas EEOOII, e outros máis de 19 millóns de euros en diferentes accións para a formación dos docentes. Ademais, respecto do alumnado, destinaranse case 4 millóns de euros á creación de novos centros plurilingües e seccións bilingües, e case 20 millóns para estadías para que as alumnas e alumnos melloren as súas competencias lingüísticas.

Deste xeito os maiores incrementos do Plan ata 2013, pola novidade das accións, irán parar á creación de centros plurilingües e seccións bilingües, e a apoialas con auxiliares de conversa; liñas, por certo, todas elas contempladas nas accións do Consello de Europa.

Os investimentos máis fortes irán dirixidos á creación de centros plurilingües e á mellora da formación do profesorado e do alumnado en ámbitos lingüísticos, así como á mellora das escolas oficiais de idiomas.

FONTE: Consellería de Educación e O. Universitaria.

A RESPIRACIÓN DA TERRA

Publicado: 10/07/2010 09:58 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20100709114904-vegetacion-dioxido-carbono.jpg

Distribución da absorción anual de CO2 pola vexetación SCIENCE / AAAS

A interacción entre a cuberta vexetal do planeta e a atmosfera é obvia, e os científicos do cambio climático contan con ela, pero ata agora dita interacción estaba envolta en incertidumes dada a complexidade dos procesos, incertidumes incómodas nos modelos climáticos que se empregan para facer proxeccións a décadas vista.

Agora dous equipos científicos internacionais, liderados por científicos da Sociedade Max Planck alemana e que se dan a coñecer na revista Science , con datos tomados durante dez anos en 250 estacións repartidas por todo o mundo, lograron determinar parámetros esenciais da respiración global do planeta: as plantas absorben cada ano 122.000 millóns de toneladas de dióxido de carbono mediante a fotosíntese  e o 34% do total corresponde ás selvas tropicais, seguidas, cun 26%, polas sabanas, aínda que estas últimas ocupan o dobre do territorio. Ata agora só había estimacións sobre estes parámetros fundamentais.

Canto temos que agradecerlle ás plantas!

20100709202803-20100115183931-resize.php.jpeg

Viiñeta, de O Carrabouxo no xornal "La Región", publicada neste blog o 16/01/2010

Alá polo 25 de maio do presente ano, publicárase no DOGA o Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario. Nel establecíanse un cupo de materias a impartir en galego e castelán na ESO: "Impartiranse en galego as materias de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza e Bioloxía e Xeoloxía, e en castelán as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química"

Cada centro educativo, decidíu a lingua en que se impartirán o resto de materias de cada curso, garantindo que as materias en galego e en castelán se distribúan na mesma porcentaxe de horas semanais. O noso centro así o fixo no Consello Escolar a principios do mes en curso e o resultado para 1º e 2º ESO é o seguinte:

1º ESO:

L. Galega:Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, L. e Literatura Galega (obritarioas), E. Física, Proxecto Interdisciplinar.

L. Castelá:Matemáticas, L. e Literatura Castelá, Educación Plástica e Visual, Relixión/Aternativa, Titoría.

Evidentemente  as Linguas Estranxeiras (Inglés, Francés e Portugués) serán neses idiomas.

Haberá 1 grupo bilingüe no que se impartirán Matemáticas e E. Plástica e Visual en Inglés.

2º ESO:

L. Galega:Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, L. e Literatura Galega (obritarioas), Música, Educación para a Cidadaná e Titoría.

L. Castelá:Matemáticas, L. e Literatura Castelá, E. Física, Tecnoloxía, Relixión/Aternativa.

Evidentemente  as Linguas Estranxeiras (Inglés, Francés e Portugués) serán neses idiomas.

Haberá 1 grupo bilingüe no que se impartirán Matemáticas e Música en Inglés.



FELICIDADES!

Publicado: 12/07/2010 09:27 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100712092420-pro-photo1278895830.jpg

A copa do mundo nas mans de Casillas (A. Ruesga/El Pais)

Felicidades á Selección Española de Fútbol por ese Campionato do mundo conseguido!

20100711130900-diploma-y-casquillo-eps-de-la-graduaci-oacuten-thumb1689288.jpg

Hoxe luns, 12 de xullo, e o día de matrícula en Educación Secundaria para Persoas Adultas (ESA) no IES A Sangriña

As persoas interesadas en obter o título de Graduado en Educación Secundaria teñen a posibilidade de cursar estes estudos no Instituto da Guarda. O horario durante o curso é de sete da tarde a dez da noite de luns a venres.

Estes estudos ofrecen a posibilidade de compatibilizar a asistencia ás clases co horario de traballo. Están dirixidos a persoas maiores de dezaoito anos ou de dezaseis con contrato de traballo vixente no momento da matrícula.

Para o vindeiro curso o IES A Sangriña contará cun grupo co nivel de 1º e 2º de Educación Secundaria, e outro grupo co nivel de 3º e 4º de Educación Secundaria, podendo rematar estes estudos en 2 cursos académicos.

Para máis información pódese chamar ao teléfono do instituto 986 60 90 15, de dez da mañá a dúas da tarde.

E unha posibilidade moi interesante. Anímate!

LIBROS DE TEXTO CURSO 2010/2011

Publicado: 13/07/2010 11:20 por vgomez en COMUNICADOS
20100711122426-librosdetexto.jpg

Para o próximo curso escolar 2010/2011, na materia de Ciencias da Natureza, non haberá variación nos libros de texto, tanto en 1º como en 2º da ESO. A saber:

1º ESO:

Ciencias da Natureza 1 Educación Secundaria. S. Balibrea, M. Reyea, A. Álvarez, A. Sáez, J.M. Vílchez. ANAYA. ISBN: 978-84-667-5975-5

2º ESO:

Ciencias da Natureza 2 Educación Secundaria. S. Balibrea, M. Reyea, A. Álvarez, A. Sáez, J.M. Vílchez. ANAYA. ISBN: 978-84-667-7041-5

Indicar que como anos anteriores, a Biblioteca do Centro entregará a cada alumno-a os libros citados en sistema de préstamo.

Para o alumnado de 1º ESO indicar que para o próximo ano, previsiblemente e do que falaremos máis amplamente en próximos días, estaremos no proxecto ABALAR (proxecto que substancia a estratexia para a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia, como unha das áreas prioritarias de intervención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) polo que o libro non será a única ferramenta de traballo no curso.

HISTORIA DA ESPECIE HUMANA

Publicado: 14/07/2010 10:11 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20100713173028-homoante10.jpg

Homo antecessor/www.portalciencia.net

Onte martes, inagurosuse en Burgos, o Museo de la Evolución Humana, que pretende convertirse nun referente para aqueles interasados no pasado da nosa especie.  Máis da metade deste  centro están adicados á exposición sobre esa longa historia humana que comenzou hai máis de seis millóns de anos, cando un ancestro foise separando doutros grandes primates, como os chimpancés, os gorilas e os orangutáns.

Como non podía ser menos, hai un espazo adicado a Atapuerca. En dous módulos, con condicións especiais de luz e temperatura, distribúense os fósiles máis interesantes da serra burgalesa: algúns de "Homo heidelbergensis’" os antepasados dos neandertais, de hai medio millón de anos; e tamén do "Homo antecessor", a especie que se atopou en Atapuerca e que é o homínido máis antigo de Europa, con 1,3 millóns de anos.

Algún preguntarase, pero é que para velo hai que ir a Burgos? Efectivamente, pero hai outra posibilidade, agora. So tes que pinchar en O Berce dos Primeiros Europeos.

FONTE: El Mundo.

CINE: NOITE E DÍA

Publicado: 15/07/2010 10:10 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO

 

Hoxe, 15 de xullo, estréase Noite e Día (Night and Day). Película americana do ano 2010 do director  James Mangold. O guión é de Scott Frank e o propio director James Mangold. O reparto encabezado por Tom Cruise e Cameron Diaz, conta tamén con Maggie Grace, Peter Sarsgaard e Olivier Martinez, entre outros.  

 

nocheydiaposter 208x300 Nuevo póster de la película Noche y día


A película conta como unha muller solitaria (Cameron Diaz) acude a unha cita a cegas aparentemente normal, ata que se embarca nunha perigosa viaxe por todo o mundo cun importante espía (Tom Cruise), para intentar protexer unha poderosa batería que é a chave dunha fonte de enerxía infinita.

 

CONTO: A VISITA DO SEÑOR INSPECTOR

Publicado: 16/07/2010 10:37 por vgomez en OUTRAS COUSAS
20100712124526-enciclopedia-2grado-antonio-alvarez.jpg

Enciclopedía que eu empreguei na escola

Alvariño era un neno desconfiado e fuxidizo. Todo por mor dun sinxelo problema fisiolóxico que o tiña maiormente acomplexado. Coma outros nenos da súa idade padecía incontinencia, e ás veces..., mexaba por el. Cando ía ir á escola por primeira vez, voltou para a casa na metade do camiño por medo a que o resto de cativos se mofasen del ao se decataren do seu defecto. Os nenos xa se sabe!

Súa nai tivo que convencelo e acompañalo días máis tarde para falar coa mestra e explicarlle a situación.

Dona Olga, muller de experiencia e moi sensibleira para os pícaros, fíxose cargo do cadro e tamén de como arranxalo.

- Alvarito -díxolle-,será muy fácil mantener la discreción. Un juego que tú y yo pactamos. Cuando hacéis una pregunta, levantáis la mano. Pues bien, si tú levantas el dedo índice de tu mano derecha, yo entiendo lo que quieres y asiento con la cabeza. Sales a hacer tus necesidades, no hemos mediado palabra y nadie ha de enterarse.

O plan deu un bo resultado. Cantas veces levantou o cativo aquel dediño, e cantas veces saíu correndo con el levantado sen dicir nada, ata chegar á xeteira que había a carón da escola. Trocoulle o crácter, volveuse cariñoso e garuleiro e mesmo aquel defecto se foi corrixindo paseniñamente.

Un bo día chegoulle á mestra unha carta do Ministerio de Madrid, avisando da próxima visita do Señor Inspector de Educación. Meu Deus! Daquelas, habíalle medo a todo, pero os mestres tremían cando viñan os inspectores. Dicían que ás veces viñan acompañados da garda civil. Aquelo era peor ca se o demo rompese un corno.

Así foi. Tal día como dicía a carta, apareceu na escola, e despois de respectuososos saúdos tratou de coñecer o nivel do ensino facendo varias preguntas aos cativos. Non houbo sorte: preguntou polos tempos verbais, polos Reis Católicos, polos ángulos do trapecio ou a lonxitude da circunferencia e, mesmo pola vida do Caudillo (Franco). Pero os nenos non souberon respostar axeitadamente.

A dona Olga fóralle mudando a faciana, tamén a cor e ata tremaba coma unha vara de freixo. Coa regra na man, fungaba, nunha mestura de medo ó visitante e rabia contida contra os raparigos por deixala coa faltriqueira ao aire.

O inspector, vendo o panorama, tratou de amañalo quitando leña do lume. Dirixíuse a unha neniña moi cativa da primeira meda e díxolle:

- A esta niña tan bonita voy a hacerle una pregunta sencilla. Vosotros estáis nerviosos pero ya veréis como ella sabe responderme...

Veamos pequeña, ¿cuántos dioses hay?

A cativa calou. Púxose colorada e seria, amurolada coma un pote. Non sabía a resposta.

A mestra non o puído evitar e tenta de axudala e por detrás do señor inspector, levantou o dedoí ndice da man dereita para que a pequena se decatase de que Deus era único. Só había un.

- Eu seino, eu seino... -dixo Alvariño., vendo as indicacións da mestra.

- Si lo sabes, dilo, dinos... ¿Cuántos dioses hay? -engadíu o inspector.

Volvendo mirar o dedo levantado da mestra dixo Alvariño:

- Señor inspector. É moi dificil saber o número exacto de deuses. Habería que ir aos decimais; pero a parte diso a min o que me parece polo xesto é que Dona Olga xa mexa por ela.

FONTE: Almanaque Agrícola ZZ. Ano LII

PROXECTO ABALAR

Publicado: 17/07/2010 10:58 por vgomez en DOCENCIA
20100711124024-cbc1662f25bbe6eafa73b4eaac38ba11.jpg

Un dos Centros escollidos para poñer en marcha o próximo curso en 1º de ESO o PROXECTO ABALAR foi no noso IES.

Pero que é o Proxecto Abalar?

O proxecto ABALAR ten a súa orixe na palabra celta "Abal", que significa mazá, a froita da sabedoría, e no termo galego "Abalar" para transmitir a mensaxe de promover e facilitar o movemento, o cambio e a transformación na educación.

ABALAR é o proxecto que substancia a estratexia para a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia, como unha das áreas prioritarias de intervención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. 

ABALAR inclúe e integra todas as iniciativas no ámbito educativo, xuntando os esforzos cara á modernización e mellora da educación como parte da estratexia transversal do Goberno galego de promoción das TIC a todos os sectores da actividade, recollida no marco da iniciativa de modernización egoberno2013.

ABALAR recolle, suma e incrementa os recursos existentes para acadar a resposta integral e de futuro do Goberno galego aos retos que presenta a educación dos nosos nenos na sociedade dixital do século XXI.

ABALAR organizará os recursos existentes cara a acadar o aproveitamento efectivo dos contidos dixitais existentes nas redes nuns centros educativos cada vez máis preparados tecnoloxicamente.

ABALAR é unha estratexia educativa global e integradora, definida con obxectivos claramente determinados para maximizar o aproveitamento dos recursos na mellora das competencias da nosa cidadanía, que coordina e impulsa un cambio de modelo educativo en Galicia apoiado na formación do profesorado e na modernización do ensino.

O proxecto ABALAR persegue un salto cualitativo e cuantitativo no modelo educativo galego, co fin de mellorar a súa eficiencia nun proceso de modernización, integrando as tecnoloxías da información e da comunicación en todos os ámbitos educativos

O proxecto busca maximizar o aproveitamento dos recursos, coordinar e impulsar un cambio no modelo educativo apoiado na formación do profesorado e a modernización do ensino que suporá a conversión dos colexios e institutos galegos en centros educativos dixitais.

O proxecto ABALAR, liderado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, levará a cabo un proceso de cambio no que converxerán de forma coordinada e aliñada os seguintes eixos sobre os que se desenvolve o proxecto:

  • Equipamento e infraestruturas.
  • Contidos educativos.
  • Fomento da cultura dixital.
  • Integración e participación.

A estratexia do proxecto ABALAR xira arredor do concepto de centro educativo dixital. O centro educativo dixital supera o concepto de centro educativo tradicional e persegue dispor de recursos humanos e pedagóxicos, así como de infraestruturas e servizos axeitados para o uso cotián da tecnoloxía por parte de todos os axentes da comunidade educativa, na actividade docente, de aprendizaxe e administrativa.

 

Se queres profundizar máis sobre este proxecto pincha en Presentación do proxecto ABALAR.

FONTE: Consellería de Educación e O. Universitaria

GALAXIA REMUÍÑO

Publicado: 18/07/2010 09:06 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS

 

M51

Esta imaxe recente da galaxia Remuíño (M51), obtida no Centro Astronómico Hispano Alemán de Calar Alto (CAHA) tras 35 horas de exposición, pon de manifesto unha intensísima actividade en producción estelar. Aínda que similar á Vía Láctea nalgúns aspectos, a interacción de M51 coa galaxia compañeria NGC5195 (á esquerda na imaxe) desencadeou grandes alteracións que favorecen a fabricación masiva de novas estrelas.

No vídeo poder coñecer moitos máis datos desta galaxia. O vídeo pertence á exposición, "A Millones de Años Luz", creada polo Grupo Astronómico Silos de Zaragoza con motivo do Ano Internacional da Astronomía, 2009.

CINE:TOY SRORY 3

Publicado: 21/07/2010 09:47 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO

 

Toy Story 3 é a terceira e posiblemente a ultima película de Toy Story en 3D. A película foi fue producido por Pixar Animation Studios e lanzada ao mercado por Walt Disney Pictures. O seu estreo foi o 18 de xuño de 2010, nos Estados Unidos, Canadá, México e diversos países de Latinoamérica. Hoxe 21 de xullo, estréase en España.

O plantexamento desta terceira entrega é que sabendo que Andy se prepara para ir á universidade, o vaqueiro Woody, o astronauta Buzz e o resto dos seus amigos comenzan a preocuparse ante o seu incerto futuro. Efectivamente todos os xoguetes acaban nunha gardería, onde por exemplo a boneca Barbie coñecerá ao guapo Ken. Esta reunión dos nosos amigos con outros novos xoguetes, non será senón o inicio dun montón de trepidantes e divertidas aventuras.

Que a disfrutedes!

DESASTRE ECOLÓXICO

Publicado: 22/07/2010 14:10 por vgomez en ZONA VERDE

 

Greenpeace España acaba de presentar a décima edición do seu informe Destrucción a Toda Costa, onde se analizan e recopilan os datos sobre a situación do litoral español durante a última década e se propón unha folla de ruta para protexer a pouca costa que queda en bo estado. Tras anos vixiando o litoral español, a organización ecoloxista destaca que o urbanismo salvaxe, a construcción de infraestructuras e a contaminación destruíron nas últimas dúas décadas na costa española a superficie equivalente a oito campos de fútbol ao día. Tamén, denuncia o acoso aos escasos espacios vírxes que quedan e exige a súa protección.

No vídeo pode verse imaxes do antes e o despois de lugares concretos do noso país, que son probas evidentes do deterioro e do desastre ecolóxico das nosas costas.

20100722201409-tira22color1.jpg

Os alimentos que superen os criterios nutricionais non se venderán nin estarán expostos nos centros educativos de financiamento público de ensino primario e secundaria. O Consello Interterritorial (CI) do Sistema Nacional de Saúde (SNS) aprobou onte un documento de consenso sobre alimentación escolar que limita a venda de produtos con altos contidos en graxa, azucre ou sal. No entanto, a ministra de Sanidade e Política Social, Trinidad Jiménez, que presidiu a reunión do CI, apresurouse a precisar que o texto consensuado inclúe «recomendacións, pero non prohibicións», aínda que todas as CCAA mostráronse dispostas a aplicar o seu contido sen ambaxes.

Penso que xa era hora de que se tomase esta medida. Productos sanos si, pero non os ... Precisamente a viñeta de onte de Pinto&Chinto, do xornal La Voz de Galicia, satiriza sobre este tema dun xeito "escolar".

ESTRELA R136a

Publicado: 24/07/2010 09:18 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20100723124532-estrella-masiva3.jpg

A nebulosa Tarántula, onde está a estrela más masiva descuberta ata agora, vista cun telescopio de 2,2 metros de diámetro (esquerda) e col VLT (centro e dereita) /ESO/P.CROWTHER/C.J.EVANS

Unha estrela de 300 veces a masa do noso Sol é algo non só nunca visto ata agora senón tamén completamente inesperado para os astrónomos, que estimaban o límite máximo de masa nunhas 150 veces a solar. E acaban de atopala. Por agora só é coñecida polo seu anodino nome oficial: R136a. Localizada na nebulosa Tarántula, da galaxia vecina Gran Nube de Magallanes, a uns 165.000 anos luz de distancia da Tierra. 

Tamaños estelares
Ilustración dos tamaños comparativos de varios astros: desde unha anana vermella (a máis pequeña, en laraxa), unha anana amarela, coma o Sol (en amarelo), unha anana azul con oito masas solares (azul claro) e a xigante de 300 masas solares (azul escuro, ao fondo) / ESO

O achádego publicase na revista británica Monthly Notices of the Royal Astronomical Society  e nela participaron os especialistas do Observatorio Europeo Austral (ESO), cos telescopios VLT, en Chile.
FONTE: EL PAIS.com

CAMIÑOS DE SANTIAGO

Publicado: 25/07/2010 11:29 por vgomez en CAMIÑO DE SANTIAGO
20100723133910-mapa-caminos-grande.jpg

Moitos son os Camiños que levan a Santiago: O camiño francés, o camiño do norte, o camiño portugués, o camiño da prata, o camiño primitivo, o camiño sanabrés e todas as súas variantes, como o da costa, que pasa pola nosa localidade, variante do camiño portugués.

Para realizar calquera deles hai que ter unha información previa para elaborar etapas, localizar albergues, visitas, etc. Como axuda a revista Comsumer acaba de publicar unha boa guía a tal fin. Pincha AQUÍ e terás unha boa información para preparar o teu "camiño".

Bo camiño!

CANGURO

Publicado: 26/07/2010 07:25 por vgomez en CURIOSIDADES
20100725123856-canguro.jpg

Canguro gris (Foto:mural.av.es)

Tod@s tedes oído falar do canguro gris, ese marsupial australiano. Pero o que seguro que non coñecedes é a orixe do seu nome. Pois é esta: Cando os ingleses conquistadores chegaron a Australia asombráronse ao ver uns estraños animais que daban saltos incribles. Inmediatamente chamaron a un aborixe e intentaron preguntarlle mediante acenos de que animal se trataba. Ao notar que les respondía KAN_GHU_RU adoptaron o vocablo inglés canguro. Os lingüistas determinaron tempo despois o significado desa palabra que era moi claro, os aborixes querían dicir "Non o entendo".

20100726080918-g24p6f1.jpg

Viñeta de Leandro (La Voz de Galicia 24/07/10) . Sen comentarios.

A Real Academia Galega (RAG) presentou, o pasado venres 23 de xullo, ante o Tribunal Superior de Xustiza un recurso contencioso-administrativo contra o decreto 79/2010 da Xunta do plurilingüismo no ensino non universitario.

Os académicos fundamentaron o recurso na súa análise, que sostén que o decreto infrinxe a normativa e a xurisprudencia respecto diso e, ademais de cuestionar a súa coherencia legal, puña en dúbida o seu contido pedagóxico e organizativo.

Malos tempos corren para o noso idioma cando temos que ir aos tribunais para defendelo!

Concordo coa opinión que o politólogo Xose Luis Barreiro expuña na súa columna do xornal La Voz de Galicia e que textualmente dicia: "O que necesitamos os galegos non é un debate xurídico formal, senón unha contundente toma de posición a favor dunha lingua que non pode estar supeditada no seu desenvolvemento e nas súas pervivencia aos formalismos legais ou ás conveniencias políticas".

Ademais da RAG, o Consello da Cultura e o Consello Consultivo de Galicia xa mostraran a súa oposición ao citado decreto.

MAPA MARCIANO

Publicado: 28/07/2010 10:21 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20100727131522-mapa-marciano3.jpg

Detalle da nova cartografía fotográfica de Marte. NASA/JPL/U.ARIZONA

A sonda  Mars Odyssey, lanzada ao espazo en abril de 2001 e que chegou a Marte en autubro dese mesmo año, en órbita ao redor do planeta vermello, realizou un total de 21.000 imaxes, feitas pola cámara de infravermellos Themis que leva a bordo.

Agora con todas esas imaxes, os expertos da NASA e da Universidade de Arizona, combináronas e encaixáronas unhas con outras, formando un gran mosaico que abarca toda a superficie marciana, é dicir un novo mapa global do planeta.

O interesante da noticia é que calquera pode acceder libremente a elas, navegar e ampliar nos puntos que a un lle interese, ata identificar detalles duns cen metros. Se che interesa pincha AQUÍ.

CINE : EQUIPO A

Publicado: 28/07/2010 13:51 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100726093659-equipo-a.jpg

Esta imaxe da serie televisiva dos 80 EQUIPO A compañounos durante moito tempo a dúas xeracións de españois. Lembro que comenzaba coas imaxes dos integrantes do equipo dicindo: Cuatro de los mejores hombres del ejército estadounidense fueron encarcelados por un delito "que no cometieron": el coronel John Hannibal Smith (George Peppard), el sargento Bosco A. M.A. Baracus (Mr.T), el capitán H.M. Loco Aullador Murdock (Dwight Schultz) y el teniente Templeton Fénix Peck (Dirk Benedict). Ahora, buscados por la policía y el Gobierno estadounidense, los fugitivos se ven obligados a convertirse en mercenarios para poder sobrevivir económicamente.

Chamabame a atención pois sendo unha serie de acción, nunca morría ninguén. Sorprendente!

Agora aparece unha película sobre eles que se estrea o día 30. Aquí tedes a súa ficha:

Póster de El Equipo A (The A-Team)

Título: El Equipo A
Título orixinal: The A-Team
País: USA  
Productora: 20th Century Fox
Director: Joe Carnahan
Guión: Joe Carnahan, Brian Bloom, Skip Woods, Michael Brandt & Derek Haas
Reparto: Liam Neeson, Bradley Cooper, Sharlto Copley, Jessica Biel, Patrick Wilson, Quinton Jackson, Yul Vazquez.

Para os que non coñezades esta seríe, tedes un adianto no trailer da película.

Será unha volta ao pasado, pero non é o mesmo!

CONTO: QUERES CASAR CONMIGO?

Publicado: 30/07/2010 12:55 por vgomez en OUTRAS COUSAS
20100728134942-rata.jpg

Hai xa tempo, coñecín a un mozo co que hoxe estou casada. Entón estaba namorada no silencio deste rapaz que daquela tiña só 19 anos, pero tal era a anguria que tiña por contarlle os meus sentimentos que, un día, na miña tolemia, decidín romper o meu silencio e, como vivía cerca de min, armeime de valor e dirixinme á súa casa.

Ao chegar a ela, encontreime coa súa nai, pregunteille onde se atopaba Xan e indicoume que estaba no faiado. Alí me dirixín moi disposta, pero cando xa estaba a punto de abrir a porta, escoitei un ruído tras dela. Dando por seguro que el se atopaba dentro, na miña covardía que entón me invadía, pensei que era mellor e máis fácil declararlle o meu amor a través da porta sen dar a cara.

Cando terminei a miña confesión sorprendeume que Xan non reaccionase, pero como o ruído seguía, abrín de súpeto a porta e topeime con dúas grandes ratas que fuxiron de contado e a min escapóuseme un berro, ao que acudíu Xan dende o piso de abaixo.

A miña tribulación foi tal, que non me permitíu ese día facerlle a declaración e pensei que a miña confesión só foi escoitada polas dúas ratas espantadas por tal acontecemento.

FONTE:Almanaque Agricola ZZ. Ano XLIV.

O CEO DO MES: AGOSTO 2010

Publicado: 31/07/2010 23:56 por vgomez en O CEO DO MES
20100725125322-03agosto2006perseidas.jpg

Preseidas / mariamayor.files.wordpress.com

3 de agosto: Cuarto Minguante.

10 de agosto: Lúa nova.

16 de agosto: Cuarto Crecente.

24 de agosto: Lúa Chea.

Chuvia de meteoros: Perseidas, do 17 de xullo ao 24 de agosto, máximo o 12 de agosto. Espectaculares, podendo acadar os 400 meteoros/hora. Kappa-Cygnidas, do 3 ao 25 de agosto, máximo o 18. Alfa-Aurígidas, do 25 de agosto ao 8 de setembro, máximo 1 de setembro.



Archivos

Ms

contador de visitas

Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris
Plantilla basada en el tema iDream de Templates Next