Facebook Twitter Google +1     Admin

Se muestran los artículos pertenecientes a Enero de 2010.

FELIZ ANO 2010

Publicado: 01/01/2010 00:38 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20091229141143-feliz2010.jpg

 

Os mellores desexos para o ano 2010

VICTOR

 

XACOBEO 2010

Publicado: 02/01/2010 09:35 por vgomez en OUTRAS COUSAS

O ano 2010 que acaba de escomenzar é ANO XACOBEO, xa que o 25 de xullo (Festa de Santiago, Día de Galicia) cae en domingo. O 1º Xacobeo celebrouse en 1126 (instituído polo Papa Calixto II), o último foi no ano 2004 e o próximo será no ano 2021.

Seguramente será unha forma de dar a coñecer a Galicia no mundo enteiro e desexo que sexa tamén outra forma de superar a crise económica nestas terras, pois moitos millóns de persoas pasarán por aquí, e eso no económico nótase. Espero que a xente que veña non se quede só en Compostela, lugar obrigado de visita, senón que tamén coñezan o resto de Galicia, deste xeito os euros tamén quedarán máis repartidos. É importante este ano, xa que pode ser unha boa tarxeta de visita para que en próximos anos, vacacións ou fins de semana volvan ou polo menos falen ben destas terras, facendo boa propaganda para que outros veñan.

Este Xacobeo é pór a Galicia de moda. Boa sorte!

O CEO DO MES: XANEIRO 2010

Publicado: 02/01/2010 13:17 por vgomez en O CEO DO MES
20100102110454-cuadrantidas.jpg

As Cuadrántidas son meteoros de velocidade moderada que radian da constelación do Boyero ou Boötes, aínda que reciben o nome da  desaparecida constelación de Quadrans Muralis que ocupaba parte do actual Boyero.

3 de xaneiro de 2010: Máxima actividade da chuvia de meteoros das cuadrántidas (Actividade do 28 de decembro ata o 12 de xaneiro).

7 de xaneiro de 2010: Cuarto Minguante.

15 de xaneiro 2010: Lúa Nova.  Eclipse de Sol anular (non visible, só en Africa, Asia e Índico).

23 de xaneiro de 2010: Cuarto crecente.

30 de xaneiro de 2010: Lúa Chea.

 

 

 

BURACO LUNAR

Publicado: 03/01/2010 10:58 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20100102131011-cueva-lunar.jpg

Buraco caparado pola sonda "Selene"ISAS/JAXA/SELENE/JUNICHI HARAYUMA ET AL.

A sonda xaponesa "Selene" (pertencente a axencia espacial xaponesa JAXA, lanzada ao espazo o 14 setembro de 2007 e que ata o xuño pasado estivo en órbita a unha altura de 100 km sobre a superficie lunar) descubre un buraco vertical na Lúa.

Geophysical Research Letters publica o descubrimento dun grupo de investigadores internacionais, que despois de analizar fotografías da citada sonda, chegaron a conclusión de que se trata dun buraco vertical que mide uns 65 m de diámetro e unha profundidade entre 80 e 90 m.

Os investigadores supoñen que se debeu formar hai miles de millóns de anos, cando a Lúa estaba maís quente e tiña actividade volcánica, sendo canais subterráneos polos  que fluía a lava.

Xa se lle buscou  aplicación para futuras misións: refuxio para os atronautas exploradores da Lúa, onde protexerse da perigosa radiación que castiga a superficie, sen atmosfera e magnetosfera protectoras.

 

2010 : AIDB

Publicado: 04/01/2010 10:27 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100103113100-proxecmonarca.14.10.08.4.jpg

Bolboreta Monarca (Danaus plexippus) en perigo de extinción / ANABAM 

Sobre ela faremos no 2º Trimestre una exposición no IES "A Sangriña", organizada pola A21EG

As Nacións Unidas declarou este ano, que agora comenzamos, como ANO INTERNACIONAL DA DIVERSIDADE BIOLÓXICA (AIDB), para que tomemos conciencia da preocupante situación na que se atopa o noso planeta. Para os expertos, entre 10.000 e 50.000 especies desaparecen cada ano, incluso algunhas antes de ser catalogadas.

Durante este ano, organizanse conferencias, exposicións (mesmo o noso IES terá unha no 2º trimestre do actual curso) e actividades para intentar sensibilizar á poboación sobre a importancia desta variedade de vida que hai na Terra, que favorece o benestar dos humanos e as consecuencias da súa desaparición.

Non olvidemos que a biodiversidade é a póliza de seguros para a supervivencia da nosa especie, por eso temos que protexela.

BURJ DUBAI

Publicado: 05/01/2010 11:20 por vgomez en CURIOSIDADES
20100104164258-burj-dubai.jpg

Burj Dubai ou Torre Dubai é o rañaceos máis alto do mundo e atópase en Dubai nos Emiratos Árabes Unidos.

Ten unha altura máxima de 818 m (atopándose a planta máis alta a 624 m e a azotea a 643 m). A obra iniciouse o 21 de setembro de 2004 e foi inagurada hoxe (4 de xaneiro de 2010). Ten unha superficie total de 344.000 m2 e un peso aproximado de 7 millóns te toneladas. Ten 162 plantas e 53 ascensores. O custo da obra superou os 1.800 millóns de dólares.

A cimentación tamén é a máis grande construída: sistema de varillas de 1,5 m de diámetro de base e máis de 50 m de profundidade. A fachada tapizada con paneis de vido e aceiro: 142.000 m2. En resumo unha cidade completa dentro dun edificio: pisos, supermercados, restaurantes, cines, etc.

Ata agora o edificio máis alto era o Taipei 101 con 529 m de altura, pero o inagurado hoxe xa non é a máis alto, polo menos en proxecto,  pois a consultora británica Hyder Consulting Tower  plantexa construír un rañaceos duns 1.600 m. Fíxate na comparativa adxunta COMPARATIVO  

Serán moi grandes pero ... ante o espazo natural, paseoa, parques, a grandeza dos ríos, montes ... NON É NADA.

 

 

HUMOR: PARO 2009

Publicado: 05/01/2010 12:03 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100105120322-forjesreis1.jpg

A viñeta de Forges (El Pais 05/01/2010) fai refrencia ao gran problema que ten o noso país: O PARO. Hoxe déronse a coñecer eses datos: 3.923.603 parados.

España pecha o 2009 con 749.640 parados máis que hai un ano (un 25,4%). No último mes do 2009 ingresaron na lista 54.657 (Datos do Ministerio de Traballo e Inmigración).

Non me estraña que esta noite, Noite de Reis, dos 3 reis que normalmente fan o traballo só quede 1 en activo, tal como alude a viñeta.

Que ano 2010 nos espera!

 

O CAMIÑO DE SANTIAGO: A ORIXE

Publicado: 06/01/2010 10:37 por vgomez en CAMIÑO DE SANTIAGO
20100104130811-camilo-de-santiago.jpg

A tradición dinos que Santiago (XacoboSantiago o Maior ou Santiago o do Zebedeo) foi o apóstolo que predicaría nas terras máis afastadas de entre as coñecidas, o límite occidental. En Palestina, Herodes Agripa condénao a morte por decapitación no ano 44 da nosa era.

Seguindo coa tradición xacobea, dous dos discípulos de Santiago, Atanasio e Teodoro, recolleron o seu corpo e a súa cabeza, e trasladáronos ata Galicia, arribando a súa embarcación a Iria Flavia despois de sete días de navegación. Tras varias vicisitudes é soterrado nun bosque coñecido como Libredón.

Tras oito séculos esquecida, a tumba de Santiago foi atopada por un ermitán, de nome Paio, entre o ano 820 e 830, no citado bosque na diocese de Iria Flavia, a máis occidental do Reino de Asturias. O feito foi verificado polo bispo Teodomiro, quen o puxo en coñecemento do rei Afonso II; este acode rapidamente desde Oviedo para visitar o lugar e constatar a milagrosa revelación, polo que é o primeiro peregrino no locus sanctus. O primeiro documento escrito que se conserva sobre o descubrimento é a Concordia de Antealtares de 1077. O achado da tumba xacobea e a difusión do culto ao Apóstolo fortalece a Igrexa ástur, acabada de instaurar, así como as pretensións políticas da monarquía, fronte aos ataques islámicos e ao expansionismo carolinxio. O santuario pasa a ser capital diocesana en prexuízo de Iria Flavia.

Por orde de Afonso II edificouse unha modesta igrexa sobre a tumba dedicada ao culto a Santiago. A segunda basílica apostólica que a monarquía levantou en Compostela foi consagrada por Afonso III no ano 899.

O descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago o Maior inicia inmediatamente unha gran corrente de peregrinación cara ao lugar da súa localización, convertendo o pequeno locus Sancti Iacobi nun centro relixioso e cultural de resonancia occidental, dando orixe á cidade de Santiago de Compostela e mantendo viva na actualidade a súa extraordinaria capacidade de convocatoria.

Para conseguir unha maior profundidade sobre o tema da orixe pincha na Fonte:Historia do Camiño | Xacobeo 2010 Blog

KEPLER

Publicado: 07/01/2010 09:49 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20100106110337-modelo.jpg

Recreación dun exoplaneta atopado polo telescopio Kepler (NASA)

Ao escoitar o nome de Kepler seguro que podedes pensar nese gran astrónomo e matemático alemán Johannes Kepler (1571-1830), coñecido polas leis sobre o movemento dos planetas sobre a súa órbita ao redor do Sol. Pois ben, estámonos a referir ao telescopio Kepler, lanzado pola NASA dende a estación de Cabo Cañaveral (Florida-EEUU) o pasado 6 de marzo de 2009.

Pois ben, o Laboratorio de Propulsión a Barullo (JPL) deu a coñecer que o citado telescopio descubríu os seus cinco primeiros exoplanetas (corpos que circundan estrelas doutros sistemas solares), bautizados como Kepler 4b, 5b, 6b 7b e 8b. A mesma fonte indicou que os exoplanetas foron denominados "xúpiteres quentes", debido á súa gran masa e as súas temperaturas extremas (entre 1.200 e 1.650 ºC, o que impiden a presenza de vida), sendo en tamaño similares a Neptuno e algúns deles máis grandes que Xúpiter.

 

20100104134042-tumba-de-santiago.jpg

Despois da morte do apóstolo Santiago, por decapitación no ano 44 da nosa era, os discípulos de Santiago, Atanasio e Teodoro, meteron o seu corpo nun sarcófago de mármore, e este nunha barca, tendo por único timomel a Deus.  A embarcación surcou o mar ata Gallaecia e remontou o río Ulla ata chegar a Iria Flavia.

Alí, segue a contar a lenda, os discípulos chegaron ante unha gran matrona da época, habitante dun castro, chamada Lupa, para pedirlle un anaco de terra para soterrar ao seu mestre. A raíña Lupa finxíu entender o pedido e dixo: "Collede os bois que teño naquela montaña, xunguilos ao meu carro, traede o corpo do voso mestre e construíde a tumba no sitio que queirades". A raíña sabía que non  eran bois, senón touros bravos que atacarían. Os discípulos foron á montaña e atoparon un dragón que os atacou. Eles fixeron a sinal da cruz e o dragón patíuse en dúas metades. Viñeron despois os touros bravos, coa intención de atacalos, pero volvendo facer a sinal da cruz, volvéronse mansos. Antes de marchar da montaña puxéronlle por nome a aquel lugar Pico Sacro. Ao comtemplar Lupa a morte do dragón e ver mansos aos touros creeu na misión relixiosa daqueles homes e o misterio que o corpo de Santiago encerraba. Decidíu enton concederlles o lugar para o enterramento. Puxeron o corpo sobre o carro, xunguiron os touros e deixaronos camiñar libremente. Andadas tres leguas os animais paráronse. Era o lugar asinado pola raíña Lupa. Este lugar recibíu o nome de  "Liberum domun" ou Libredón. A raíña Lupa convertíuse ao catolicismo.

Pero a súa tumba foi olvidada ata que, no ano 813, o ermitán Pelaio víu un resplandor no  campo, no lugar onde se atopaba a tumba do Apóstolo. Iluminouse co resplandor  dunha estrela, feito do que derivou o nome de Campus Stellae (Compostela). Pelaio avisou ao obispo de Iria Flavia, Teodomiro, que destapou o sarcófago. Na lápida había unha inscripción que indicaba quen se atopaba alí enterrado. O obispo confirmou, tras algunhas investigacións, que verdadeiramente se trataba do Apóstolo Santiago. Informaron do feito ao rei Alfonso II, que acudíu ao lugar e proclamou ao Apóstolo Patrón do Reino, e construíuse alí un santuario. Hoxe é a catedral de Santiago de Compostela.

FOTO CURIOSA

Publicado: 09/01/2010 11:11 por vgomez en FOTOVERDE
20100109111044-unha-ollada-ao-solpor.jpg

Onte, 8 de xaneiro, atopei esta fotografía que me chamou moito a atención. Encontrábase no xornal dixital galiciasuroeste, que diariamente leo. Forma parte de motias fotos, enviadas polos lectores ao citado diario, que se engloban no termo FOTOS LECTORES.

O seu autor é Francisco Cadilla e a fotografía leva por título "Unha ollada ao solpor". Nela, o autor, consegue, con moi bo efecto, integrar na mesma foto dous motivos : o ollo e a posta de Sol, integrándose no feito real de que o noso ollo capta a imaxe do solpor.

Os meus parabéns!

 

 

HUMOR: FRÍO

Publicado: 09/01/2010 12:51 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100109124653-2010-01-16-vin-2010-01-09-01-28-28-huaguilera.jpg

A viñeta de Aguilera, que hoxe publica o xornal Faro de Vigo, fai referencia a onda de frío que estamos a sufrir. Proba delo é que na pasada noite en A Guarda estivemos a -2 ºC, unha temperatura non frecuente ao lado do mar.

Non me estraña que ata os bonecos de neve teñan que quentarse!

FONAMAD

Publicado: 10/01/2010 10:56 por vgomez en FOTOVERDE
20100109120229-praia-de-las-catedrales.jpg

Unha das fotografías da exposición da FONAMAD. A praia das Catedrais. Monumento Natural de Galicia (Foto: Daniel Jara)

Con motivo da celebración neste ano 2010 do Ano Internacional da Biodiversidade, estase a celebrar ata o 28 de febreiro no  CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental) en Valsaín (Segovia) a exposición “ESPACIOS NATURALES, guardianes de la Biodiversidad" na que a través de 36 fotografías móstranse os diferentes espazos naturais españois , especies animais no seu habitat e plantas, algunhas delas en perigo de extinción. En resumo a exposición representa un país como España, no que o seu territorio alberga unha mostra tan representativa da biodiversidade mundial, asemellando a un continente en miniatura.

A exposición foi realizada pola FONAMAD (Asociación de Fotógrafos da Natureza de Madrid).

 Como non podemos, polo menos eu, asistir a tal evento, ímolo facer polos medios que nos ofrece a tecnoloxía, pinchando en Exposición FONAMAD 2009

ESTAMOS DE VOLTA

Publicado: 11/01/2010 08:07 por vgomez en COMUNICADOS
20100109131646-volta-ao-colexio.jpg

Bueno, estamos de volta. Todo o bo... remata. Despois de que o venres se celebrase o Día do Ensino, remata o periodo de vacación e toca voltar a clases.

Este segundo trimestre levaranos ata  a entrega de notas, ala polo día 26 de marzo (venres), día que escomenzarán as vacacións de Semana Santa. Un trimestre completo que conta cunha pequena paréntese, o Entroido, que se celebrarán o 15 (luns), 16 (martes) e 17 (mércores) de febreiro. Tamén unha pequena ponte, ao coincidir o 19 de marzo (San Xosé) en venres.

En canto ao traballo, é un trimestre fundamental, tanto para espectativas de afianzar xuño como para consolidacións de vir en setembro. Hai que aplicarse, polo tanto.

Bo trimestre a todos-as!

VÍDEO MUSICAL: TABLA PERIÓDICA

Publicado: 11/01/2010 16:32 por vgomez en VÍDEOS

 

Estamos de volta cos estudos, e en CCNN  estabamos cos elementos e a taboa periódica. Durante as vacacións e con motivo do famoso borrador do decreto de plurilingüismo no ensino non universiario de Galicia, no que ademais do castelán e galego (este menos) se potencia tamén o inglés, atopei este vídeo musical moi orixinal: "Meet The Elements" (Coñece os elementos).

É un dos temas do último traballo (setembro 2009) titulado Here Comes Science (disco destinado ao mundo dos nenos para dar a coñecer o mundo da ciencia con música) do grupo  They Might Be Giants (grupo de rock alternativo estadounidense formado en 1982 e coñecido tamén por TMBG).

Bueno, espero que vos guste e que sexa útil para o inglés e para as CCNN.

Por certo se queres ver unha actuación súa, pincha en  Boss of Me (Premio Grammy 202, coñecido pola serie de TV Malcolm in the Middle).

 

NEVE NO TREGA

Publicado: 12/01/2010 10:25 por vgomez en FOTOS
20100111173550-trega.96.jpg

NEVE. Si, tamén chegou a neve á nosa vila. Onte  aó redor das 11 horas comenzou a nevar dun xeito persistente. Onde máis se notou foi nos sitios máis altos, coma o Monte. Esta fotografía forma parte dunha reportaxe de Eladio Galiñanes que onte publicou GALICIASUROESTE . Pichando hipervínculo podes ver o resto das fotografías.

Poucas veces se contempla unha estampa tan singular!

UNHA ESPECIE CADA DÍA

Publicado: 12/01/2010 12:29 por vgomez en ZONA VERDE
20100111175328-imagen422.jpg

Continuando coas actividades e eventos relacionados co ano 2010 como Ano Internacional da Diversidade, Ciencia Dixital a través da súa web 365especies.com propuxo un gran reto: coñecer cada día dos 365 do ano unha especie, dos millós que forman a gran biodiversidade do noso planeta. É unha forma amena de coñecer datos, fotografías, etc... que nos dará un maior coñecemento do mundo circundante.

Aplaudo esta iniciativa tan orixinal. Se queres coñecer a especie 12: Trachycystis clifdeni ou caracol de Sudáfrica, pincha en 365especies.com . De calquera xeito as 11 anteriores e as seguintes pódelas seguir no ENLACE co mesmo nome.

EXPOSICIÓN: BOLBORETA MONARCA

Publicado: 13/01/2010 16:46 por vgomez en COMUNICADOS
20100113164255-monarca.jpg

Bolboreta Monarca (Danaus plexippus) / Cubfotoméxico.org

Durante 15 días, no Salón de Actos dos noso IES, e en horario libre de 11,55 a 12,20 (recreo grande) e restrinxido, a grupos acompañados polo seu profesor-a do Departamento de Bioloxía-Xeoloxía, está aberto a exposición A BOLBORETA MONARCA.

Un dos fenómenos mais abraiantes que nos ofrece a natureza galega, é unha visitante de alén do Atlántico: a bolboreta Monarca, que voa miles de quilómetros coas súas fráxiles ás, cruza o mar e nos visita cada outono cun sixilo que non fai honra a semellante fazaña.

A chegada a Galicia desta bolboreta, espertou unha interesante iniciativa por parte do seu descubridor, o lepidopterólogo galego Eliseo H. Fernández Vidal, para poder obter máis datos sobre o arribo desta especie ás nosas costas: a Operación Monarca.

Este proxecto ten como obxectivo que cada vez máis persoas coñezan esta bolboreta e poidan informar das súas observacións, co fin de ter un coñecemento máis profundo da súa presenza en Galicia. Ademáis, pretende que as persoas alleas á lepidopteroloxía se interesen polo coñecemento deste marabilloso mundo e a súa conservación.

Esta exposición conta de 5 paneis, 8 láminas e un DVD. Así mesmo está acompañado dun dossier informativo ao que podedes acceder pinchando en DOSSIER-OPERACIÓN MONARCA.

Esta exposición está organizada pola A21EG coa participación do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), con motivo da celebración do 2010: ANO INTERNACIONAL DA BIODIVERSIDADE.

OURIÑOS

Publicado: 14/01/2010 10:10 por vgomez en ZONA VERDE
20100113182015-vaca-cola-articulo-landscape1.jpg

Foto www.quo.es

Por ouriños entendemos un líquido de cor normalmente ambarada e de olor característico que os riles excretan para a eliminación dos produtos finais do metabolismo nitroxenado (urea, ácido úrico), o mantemento do equilibrio ácido-base e a regulación do metabolismo da auga e dos sales. DICCIONARIO IR INDO.

Calquera de vós estará pensano que o tema de hoxe non é moi limpo, pois todo o contrario. Vai de limpo e de ecolóxico. Como sabedes imos concienzándonos de que a enerxía obtida dos combustibles fósiles (carbón, petróleo fundamentalmente) están na súa recta final. Cada día apostamos máis polas enerxías renovables. Parece ser que o futuro enerxético pasa HIDRÓXENO. O hidróxeno é o elemento máis abundante, básico e lixeiro do Universo. Non obstante, a súa presenza en estado puro é excepcional, o que fai necesario o uso de diferentes técnicas para a súa obtención. A dificultade na consecución do hidróxeno de modo limpo e masivo aparece como un dos principais obstáculos nunha carreira na que as corporacións automobilísticas están investindo moitos esforzos económicos e de I+D. 

Pois aquí é onde aparecen os ouriños. Un equipo de investigadores da Universidad de Ohio (EE.UU.) acaba de propoñer un sistema para producir hidróxeno a partir dos ouriños, concretamente da urea. Este componente principal dos ouriños incorpora na súa estructura catro átomos de hidróxeno por molécula. Os investigadores desenvolveron un sistema de electrolisis (proceso para separar un composto nos elementos que oconforman, empregando a electricidade) barato para romper a molécula e lograr o hidróxeno sen necesidade de utilizar grandes cantidades de electricidade. Para liberar o hidróxeno da agua necesítanse 1,23 voltios, mentres que o sistema dos científicos de Ohio require 0,037 voltios.

Os ouriños dunha vaca poderían suministrar enerxía para proveer de agua quente a 19 fogares. O hidróxeno podería obterse tanto dos ouriños animais como humanos.

Pero os ouriños poderían ter outras aplicacións: fertilizante, reducindo o impacto mediamabiental dos fertlizantes químicos tradicionais. Os ouriños conteñen fósforo (P), un elemento utilizado como fertilizante cun prezo que se incrementou nun 50% no pasado ano nalgunhas partes do mundo.  

Como vedes non era broma. Esto só é un pequeno resumo do que publica a revista Consumer Eroski. Se queres coñecela na súa integridade pincha en CONSUMER EROSKI.

 

O TERREMORO DE HAITÍ

Publicado: 15/01/2010 10:52 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100115104221-6979g-terremoto-haiti.jpg

Foto: www.infolatam.com

Ás 21,53 GTM do pasado 12 de xaneiro producíuse un terremoto en Haití  cunha magnitude  de 7,3 na escla de Richter. O tremor tivo o seu epicentro a escasos 15 km de Porto Príncipe. Pouco despois da primeira sacudida tiveron lugar tres réplicas: 5,9, 5,5 e 5,1, na escala citada anteriormente.

Se queres coñecer onde e como sucedeu, mediante gráficos, pincha en TERREMOTO DE HAITÍ.

A pregunta que seguramente te podes facer é como se produce un terremoto. Se queres saber a contestación pincha en ASÍ PRODÚCENSE OS TERREMOTOS.

O maior terremoto que se rexistrou na illa (que comparten Haití e a República Dominicana) foi en 1946 cunha magnitude de 8,1. O último gran terremoto rexistrado na illa producíuse en 1984 con 6,7 graos na escala de Richter.

As consecunecias: caos absoluto. Se a ser o máis pobre do continente americano lle engadismos esto pois xa vos podedes imaxinar a situación. Agora toca, a todos, axudar no esencial para que poidan enterrar aosmortos, evitar epidemias e cubrir as necesidades básicas da poboaciós supervivente. Despois tocará a reconstrucción.

Unha pena!

ECLIPSE ANULAR

Publicado: 15/01/2010 16:53 por vgomez en VÍDEOS

 

No día de hoxe, pero só visible en Asía e África, producíuse un eclipse anular de Sol (fenómeno que sucede cando a Lúa se interpón entre a Terra e o Sol sen cubrir por completo ao astro, debuxando no ceo un anel de luz), cunha duración de 11 minutos, considerado o máis longo do milenio.

China foi un dos países onde se víu mellor este espectacular fenómeno, sendo esa a explicación da elección do vídeo que podedes ver.

HUMOR: O GALEGO

Publicado: 16/01/2010 00:01 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100115183931-resize.php.jpeg

As augas andan revoltas co famoso "borrador do decreto de plurilingüismo", no que se reparten as linguas do ensino a partes iguais (33%) entre o galego, castelán e lingua estranxeira (preferentemente inglés).

Na viñeta, do pasado día 10, O Carrabouxo (Xoxé Lois), publicado no xornal "La Región" de Ourense, fai refrencia a ese tema. Ou moito cambia, polo menos eu así o espero, ou o galego, baixa a 2ª división, falando en termos futbolísticos.

Parece mentira que un tema, o da lingua, superado por un acordo de todas as forzas plolíticas na época de Fraga, coa Lei de Normalización Lingúística, plantexe agora problemas. Estase a crear unha situación  problemática cando non a había. Veremos o que sucede o próximo xoves 21, ante a convocatoria de folga no ensino. Penso que debería de iniciarse unha aproximación das partes, un diálogo, unha volta a normalidade. Evitariamos moitos momentos de enfrontamentos innecesarios.

Unha pena!

KLAUS HASSELMANN

Publicado: 17/01/2010 10:37 por vgomez en NOMES PROPIOS
20100116135137-premios-fronteras-conocimiento-fundacion-bbva.jpg

Klaus Hasselmann / EFE

 

Klaus Hasselmann, físico e matemático alemán, nacido o 25 de outubro de 1931 en Hamburgo, foi galardoado co Premio Fronteiras do Coñecemento da Fundación BBVA, na categoría de Cambio  Climático.

Hasselmann fundou o o Instituto Max Planck de Meteoroloxía no ano 1975, dirixíndoo durante 25 anos. Entre 1988 e 1999 foi director científico do Centro Alemán de Computación do Clima, en Hamburgo, e é membro fundador do European Climate Forum, que fomenta a investigación multidisciplinar no quentamento climático.

O premio foi concedido polo xurado por "identificar a pegada humana no quentamento global" (desenvolvendo métodos que estableceron que a actual tendencia cara ao quentamento global é atribuíble, fundamentalmente, á actividade humana).

Dotados con 400.000 euros por categoría, estes galardóns son os de maior cuantía despois dos Premio Nobel.

 

E AGORA, QUE PODEMOS FACER?

Publicado: 18/01/2010 08:10 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO

 

Ante esto, a debilidade humana ponse de manifesto. Que somos? A que aspiramos? Tamén nestes momentos xurde eso, si eso, o mellor da condición humana: A SOLIDARIDADE.

Todos, e digo ben, podemos axudar mediante a Campaña de Axuda Española de Emerxencia:  "Un euro por Haití" (iniciativa que propón Telecinco), na que se pretende que cada unde nós done un euro no número de conta de La Caixa 2100 2254 18 0200213776.

O obxectivo: máis de 40 millóns de euros para os damnificados xestionados por esta axencia dependente da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional, polo tanto coa seguridade de que vai chegar alí e non perderse polo camiño.

Calquera de nós: alumnos, profes e pais, podemos facelo. É só un euro. PARTICIPA!

20100117121515-tac-cocodrilos.jpg

Imaxes por tomografía computadorizada, con tratamento posterior, dun aligátor de 12 kg, para estudar a circulación do aire polos pulmóns / SCIENCE

A revista SCIENCE publica, no último número, un descubrimento científico realizado por investigadores da Universidade de Utah (Salt Lake City-Estados Unidos), dirixidos por Colleen G. Farmer, nos que se asegura que os pulmóns dos crocodilos funcionan como os das aves, nos que o aire flúe nun só sentido en vez de entrar e saír como unha onda.

Para o citado estudo traballaron con unha especie de  Aligátor Americano . Ata agora pensábase que este circuíto só se daba nas aves. En humanos e mamíferos, o aire entra polas fosas nasais e distribúese por conductos cada vez máis pequenos (tráquea, bronquios, bronquiolos,…) ata desembocar en minúsculas bolsas de aire denominadas alvéolos, onde ten lugar o intercambio de osíxeno e dióxido de carbono. Nas aves, pola contra, o intercambio de gases prodúcese en tubos chamados parabronquios e nunha soa dirección, polo que resulta máis eficaz, por eso as aves voan sen problemas de falta de osíxeno a altitudes nas que os mamíferos caeriamos en coma. 

A investigación, despois de ser verificada nestes parentes dos crocodilos, suxire que ten unha antiga orixe ancestral, nos Arcosaurios do Triásico, antepasados comúns dos dinosaurios (extinguidos), das aves e dos crocodilos.

PROBAS ACCESO A CICLOS FORMATIVOS

Publicado: 20/01/2010 09:05 por vgomez en COMUNICADOS
20100120090521-formacionprofesional.jpg

No DOGA do pasado venres 15 sae publicada a Resolución do 11 de xaneiro de 2010, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan de xeito ordinario probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional en centros docentes sostidos con fondos públicos.

Se estás interesado-a pincha en DOGA 15-01-2010 para obter toda a información.

EU VOU Á FOLGA

Publicado: 21/01/2010 10:21 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO

Onte un alumno perguntábame se ía ou non a folga do día 21, pois se eu daba clase el viña. A miña contestación foi que el, como menor de idade tiña que falar coa súa familia e eles, os pais, tiñan que dicidilo e que eu tería que decidilo persoalmente, en conciencia. A verdade é que eu no quería influír na súa decisión, pois parece, e eu lamento que suceda se é así, que hai profesionais que directamente están influíndo sobre os rapaces.

E que vou facer? Pois en conciencia, ir á folga! Seguramente os que me seguen, fundamentalmente alumnado, aínda que sei que hai outros sectores, saben que raramente falto eu ás miñas obrigas e que se así sucede son fundamentadas e quero que sepades os meus argumentos neste caso.

En primeiro lugar penso que a LINGUA GALEGA, o noso idioma, no noso país, nunca creou problemas. Que razón ten crealos agora? Houbo un consenso na denominada Lei de Normalización Lingüística, de todos os partidos, que razón hai para rompela agora?

En segundo lugar, independente de quen plantexe o famoso borrado do decreto de plurilingüismo (motivo da folga) , eu non son militante de ningún partido político pero vexo que este texto agrede directamente ao noso idioma en varios aspectos:

1º.  Introduce un tercer idioma (perefrentemente inglés) dándolle case o mesmo rango que o galego e o castelán (33%). No nivel que eu traballo paréceme unha saída de tono. Xa teñen problemas de abondo para superar  as matemáticas, pore xemplo, como para poñerllas en inglés (que tamén ten o seu). Seguramente algún pode pensar que é problema do profesorado, que non está preparado (seguramente igual que si) pero nestes momentos temos no noso centro cursos bilingües (unha materia que se imparte en inglés e galego ou castelán) e esixe un dominio do inglés o que provoca que os alumnos dese curso sexan os mellor preparados, en detrimento do resto. Estamos facendo guetos.  Mellor sería que adicasen, se é opreciso, máis horas ao inglés, con algunha hora de conversación con profesorado nativo (xa o tiven nos meus tempos de estudante de bacharelato elemental en francés) para perfeccionar este idioma. Igual este experimento podería facerse en curso altos de bacharelato, como preparación do que lles pode acontecer nalgunha materia na universidade. Como vedes non estou en contra doutros idiomas, todo o contrario, no mundo actual é preciso o dominio de varios idiomas, pero sexamos realistas, no referentes a ESO temos que garantir competencias básicas na oral e escrita nos idiomas oficiais e se a máis nun estranxeiro. Non todo o mundo vai a seguir estudando. Temos que garantir o básico, que moitas veces a duras penas se consegue.

2º. O nos idioma, o galego, recoñecido na cosntitución Española e no Estatuto de Autonomía, perde peso específico, xa que se cuestiona ao decidir os pais cal é o idioma de ensino, podendo crear conflictos entre centros próximos.iIaxinesmos  na nosa bisbarra que a mesma materia sexa impartida en inglés, galego ou castelán. Esto pode pasar. Se é complicada podería influír incluso á hora de facer a matrícula. Déixasenos de lado ao profesorado e a administración, un papel recollido na lei que que varias veces foi denegado  en sentenzas a pais que así o solicitaban (a libre elección do idioma) .Por outra banda plantexa problemas organizativos nos centros, de material imprenso (editorias), etc.

3º. Quen está en perigo é o galego, non o castelán. Temos que protexelo, tratando que pouco a puco sexa NORMAL, empregalo en calquera ámbito social, non só no ensino (que trata de que os alumnos-as teñan competencia) senón na mediciña, xustiza, etc. É o que se denomina discriminación positiva. Esa é a explicación de que ata agora se pedía que polo menos teñanos o 50% da materias en galego, non quere dicir que teña que ser un 50%, pois nese caso non tería que haber medidas de apoio ao galego, pois estaría en igualdade de condicións.

E para finalizar, penso que non houbo vontade de evitar esta folga, salvo nos dous últimos días, pois se é un borrador por que non houbo reunións para consensuar ou modificar o citado borrador? Por que non houbo achegamentos  para disipar as dúbidas que crearon sobre alumnado, pais, profesorado e en xeral na sociedade galega? Penso que hai unha estratexia de ver o que pasa. Se a folga non sae ben, saen reforzados para mantelo. Se sae mal, sempre queda o diálogo.

Veremos o que pasa!

Por certo, se hai alguén que non coñeza o texto do borrador do decreto de plurilingüismo que pinche en BASES PARA A ELABORACIÓN DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO NO ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA.

Non viría mal que lle botarades unha ollada a contestación que lle díu, por certo moi fundamentada, a RAG (Real Academia Galega). Se queres coñecela pincha en TEXTO DA RAG.

Eu respecto a aqueles que apoian este borrador, e polo tanto non van a folga, e pido o mesmo respecto cara a min por non apoialo. Espero, de todo corazón, que a cordura e o entendemento mediante as aproximacións de todas as partes, se resolva favorablemente este conflicto, non para min persoalmente, senón para Galicia e os seus habitantes e para o noso idioma, que parece que  ultimamente parece menos noso.

Un saúdo.

VICTOR

SCIENCE IS REAL

Publicado: 22/01/2010 08:09 por vgomez en VÍDEOS

 

Hai uns días, concretamente ol día 11, falamos do grupo americano They Might Be Giants que fixera un disco destinado ao mundo dos nenos para dar a coñecer o mundo da ciencia con música. Daquela coñecemos o tema "Meet The Elements" (Coñece os elementos). Hoxe propóñovos un tema novo "Science is Real" (La ciencia es real).

Espero que vos guste!

INVICTUS

Publicado: 22/01/2010 15:08 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO

 

Dentro dunha semana, o próximo venres 29, estréase en España a película "INVICTUS".

Película do 2009, de 134 minutos de duración, do director Clint Eastwood, basada no libro de John Carlin "The Human Factor: Nelson Mandela and the Game That Changed the World". No reparto destacan: Morgan Freeman, Matt Damon, Tony Kgoroge, Julian Lewis Jones, Adjoa Andoh, Patrick Mofokeng, Matt Stern, Leleti Khumalo.

O seu argumento tarta de cando Nelson Mandela saíu do cárcere e se convertíu en presidente de Sudáfrica. Pouco despois, en 1995, o país celebrou o campeonato do mundo de rugby, tras anos de ser excluidos das competiciones debido ao apartheid. Evento que Mandela impulsó e empregou, coa axuda da estrela de rugby Francois Pienaar, como vía para acabar co odio e a desconfianza existente durante décadas entre a poboación branca e negra do país.

Unha película que conta algo e ben contado. Un achegamento ao mundo do apartheid e como un home e un pobo deu pasos para unha convivencia en igualdade de condicións.  Un traballo  espectacular de Morgan Freeman, coma sempre, que fai de Mandela.

Merece a pena vela.

CHARLAS: ACOSO ESCOLAR E INTERNET

Publicado: 25/01/2010 09:55 por vgomez en COMUNICADOS
20100125095533-acoso-escolar.jpg

O día 28 de xaneiro terán lugar,no noso IES, as charlas informativas que forman parte do PLAN DIRECTOR PARA A CONVIVENCIA E MELLORA DA SEGURIDADE ESCOLAR,  proposto pola Consellería  de Educación e da Garda Civil de Pontevedra.

Abordaranse dous temas que preocupan especialmente na actualidade, por unha parte o problema do ACOSO ESCOLAR e por outra INTERNET E OS PROBLEMAS DERIVADOS DO SEU MAL USO.

O horario desta actividade será de 9,10 a 11,05, para os alumnos de 1º e 2º de ESO e de3  11,05 a 13,10 para 3º e 4º de ESO e PCPI.

A partir das sete e media da tarde trataranse os mesmos temas pero dirixidos a pais, nais e profesorado. Poderán asistir as persoas que o desexen. Esta última parte da actividade está aberta tamén para as familias do alumnado dos demais centros educativos da vila.

Todas estas charlas serán  impartidas por persoal especializado da Garda Civil e son organizadas polo Grupo de Dinamización da Convivencia e a Dirección do noso IES, sendo o segundo ano que se leva a cabo.

Lembra que neste blog tes un enlace sobre o tema de acoso escolar ANTI-BULLYNG ou ben pinchando en http://www.acosoescolar.info/index.htm

20100125185510-hope-for-haiti.jpg

O pasado xoves 21, moitos dos profesores-as do ensino de Galicia (e aquí o número é moi dispar, segundo quen facilite as cifras: organizadores, participantes e Consellería de Educación), aínda que neste momento particular é o que menos importa, perdemos, como é lóxico 1 día de soldo e polo tanto nunha próxima nómina a Consellería de Educación procederá a facer o desconto pertinente. Ata aquí é o correcto.

Un grupo de profesores propuxeron, e a eles eu únome, para que a Consellería de Educación e O. Universitaria faga ese  desconto, pero o destinen aos damnificados de HAITÍ. Pensamos que é unha forma solidaria de contribuír de Galicia e do profesorado, que xa perdeu eses cartos , a esa situación catastrófica.

Eles teñen a última palabra!

Eso non quere dicir  que non sexamos solidarios con ese país, ou xa o fixeramos anteriormente.

20100126190225-coral-de-israel.jpg

Coral "Fungia scruposa" alimentándose dunha medusa / EFE

A revista científica  "Coral Reefs" da universidade de Tel Avi (Israel) publica que un equipo científico de Israel descubríu e  fotografou no Mar Rojo o primeiro tipo de coral que se alimenta de medusas do seu mesmo tamaño.

Este coral é o "Fungia scruposa" está composto dun gran pólipo duns 30 cm de diámetro e que vive en solitario, a diferencia da maioría que viven en colonias. Aliméntase de medusas comúns (Aurelia aurita), aspecto inédito na alimentación dos corais.

Segundo os investigadores, "é un exemplo de ventaxa evolutiva nun medio afectado polo quentamento global".

 

20100127124432-iyb2010-logo-spanish-sm.jpg

Como sabedes, este ano, a ONU declarouno como ANO INTERNACIONAL DA BIODIVERSIDADE. Durante todo o 2010 celebraranse moitos eventos. Existe unha páxina oficial onde podedes seguir todos estes acontecementos. Se queres consultala pincha en ANO INTERNACIONAL DA BIODIVERSIDADE , que a partir de agora figurará como ENLACE permanente.

EUROSCOLA 2010

Publicado: 29/01/2010 09:15 por vgomez en COMUNICADOS
20100128185955-euroscola2010-616-7803.jpg

A Oficina do Parlamento Europeo e a Representación da Comisión Europea en España, coa colaboración da OAPEE (Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos), os organismos de Educación e Xuventude da maior parte das Comunidades Autónomas e das cidades Autónomas de Ceuta e Melilla, e o Consello da Xuventude de España, convocan a XVI edición do Concurso Euroscola. Un concurso destinado aos mozo e mozas, entre 15 e 18 años que estudan Ensinanza Secundaria Obrigatoria ESO, Bacharelato ou Ciclos de Formación Profesional de Grao Medio, en centros educativos españois.

O obxectivo primordial do xogo é lembrar aos mozos e mozas que o ano 2010 é o ANO EUROPEO CONTRA A POBREZA E A EXCLUSIÓN SOCIAL, conciencialos sobre este problema que sufren millóns de europeos, analizar as causas e fomentar a solidaridade cara a este colectivo. Perténdese que participantes debatan e reflexionen sobre este problema e coñezan historias reais de mozos e mozas nesta situación.

Tedes que facer equipos, integrados cada un por 10 alumnos-as e un profesor. O calendario é o seguinte:
Fase de inscripción: do11 de xaneiro ao 1 de marzo.
Etapa inicial: do15 de febreiro ao 25 de marzo.
Etapa final: do  6 ao 18 de abril.
O prazo de inscripción está aberto ata o 1 de marzo.

Se estás interesado pincha en EUROSCOLA 2010   e coñecerás todos os detalles.

Participa!

HUMOR: A XUBILACIÓN

Publicado: 30/01/2010 12:39 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20100130123958-2010-02-06-vin-2010-01-30-01-28-24-humordavila.jpg

Dende hai uns días está en case todas as conversación: a idade de xubilación aos 67 anos. Segundo os expertos, é necesario prolongar o tempo de traballo dos españois para seguir cotizando e poder pagar as pensións,  xa que o avellentamento da poboación medra constantemente. Fose como fose, platexa outras situacións preocupantes, como máis posibilidades de morrer antes de xubilarte, disfrutar pouco tempo da xubilación, que os novos teñen máis dificultade de atopar emprego, ...

Penso que a viñeta de Luis Davila, que hoxe publica o xornal Faro de Vigo, recolle moi ben esta situación. Esperemos que non vaia para diante este proxecto!

20100131103852-color-dinosaurios.jpg

Reconstrucción de dous exemplares de Sinosauropteryx. CHUANG ZHAO / LIDA XING

A revista Nature publica que un equipo de paleontólogos de varias institucións de China, Reino Unido e Irlanda atoparon melanosomas (organelos que conteñen a cor e están incrustados na estrucura das plumas e do pelo das aves e mamíferos modernos) de dous tipos nas plumas de numerosos fósiles atopados en Jehol.

A investigación atopou que o pequeno  dinosaurio terópodo Sinosauropteryx tiña a cola recuberta de plumas en aneis de cor laranxa e branco alternados, e que a ave primitiva Confuciusornis presentaba zonas de cores branco, negro e marrón laranxado.

Ata agora todas as representacións de cor dos dinosaurios eran fantásticas, no sentido de que no se baseaban en ningún dato obxectivo. Este descubrimento reafirma aínda máis a hipótese de que as aves evolucionaron ao lango de 50 millóns de anos a partir dos dinosaurios carnívoros.



Archivos

Ms

contador de visitas

Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris
Plantilla basada en el tema iDream de Templates Next