Facebook Twitter Google +1     Admin

Se muestran los artículos pertenecientes a Septiembre de 2008.

NOTAS

Publicado: 02/09/2008 14:24 por vgomez en sin tema

Xa tedes colgadas as notas  en DÍA A DÍA. A verdade é que non paga a pena facer exames en setembro. Nótase moito, moito a falta de estudo. ¡Unha pena!

De calquera xeito maña, mércores, estarei á vosa disposición para velos antes de poñer as notas definitivas, xa que pola tarde ás 5 comenzarán as avaliacións.

Lembrade que a entrega de notas é o venres 5 ás 13,30 horas.

20080902233513-prueba-sdarc-154903-gal.jpg

No curso que estamos a piques de empezar, 2008-2009 entra en vigor unha das novidades da Lei Orgánica de Educación (LOE ), que inclúe unha avaliación das competencias básicas do alumnado en dous cursos, cuarto de primaria e segundo de secundaria.

Moitos descoñeceredes o termo de competencia básica. Imos intentar aclaralo: 

Competencia básica é a capacidade de poñer en práctica  de forma integrada, en contexto e situacións diversos, os coñecementos, as habilidades e as actitudes persoais adquiridas, é dicir que inclúe por un lado os saberes, as habilidades e as actitudes pero vai máis alá do saber e do saber facer, indo ao saber ser ou estar.

Establécense 8 competencias básicas:

1. Competencia en comunicación lingüística.

2. Competencia matemática.

3. Competencia no coñecemento e na integración  co mundo físico.

4. Tratamemnto da información e competencia dixital.

5. Competencia social e cidadá.

6. Competencia cultural e artística.

7. Competencia para aprender a aprender.

8. Autonomía e iniciativa persoal.

Nas distintas materias  do curriculo da ESO deben buscar os referentes que permitan o desenvolvemento e adquisición  desas competencias básica. É dicir todas as materias teñen que axudar a conseguilas. Por exemplo, en matemáticas non só se tratar a competencia básica 2 (competencia matemática), trabállanse todas, para axudar a conseguilas co resto das materias.   

Pois ven, en maio os alumnos de 2º de ESO terán unha proba de nivel das competencias básicas das materias de Matemáticas e Lingua. Será unha proba censal, é dicir, participará todo o alumnado do curso 2º ESO, sexan de centros públicos, concertados ou privados. Consistirán en preguntas tipo test, tanto semiabiertas como abertas.  Estas probas servirán para coñecer como respira o sistema educativo e propor cambios para melloralo. Unha vez coñecida a avaliación, cada colexio terá que tomar as medidas oportunas para mellorar as competencias do seu alumnado nesas materias.

 

 

 

 

O AVE EN CLAVE DE HUMOR

Publicado: 03/09/2008 10:37 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20080903103744-resize.gif

Viñeta de O CARRABOUXO (La Región 01/09/2008)

FRACASO ESCOLAR

Publicado: 04/09/2008 18:48 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20080904183805-2008-09-11-img-2008-09-04-09-43-26-gr-fracaso-escolar.jpg

Fonte FARO DE VIGO (4/9/2008)

Estamos en época de estadísticas e análise de resultados escolares. Mañá moitos alumnos-as do noso IES recibirán os resultados de setembro e os datos reflictirán, con toda seguridade, un fenómeno galopante: O FRACASO ESCOLAR.

No día de hoxe, os xornais facíanse eco desta problemática co seguinte titular: O  FRACASO ESCOLAR AUMENTA EN GALICIA E XA AFECTA AO 25% DOS ESTUDIANTES.

E é un feito. Os datos son os que son. Pero fagamos unha pequena análise dos mesmos. Un de cada catro estudiantes galegos están dentro dese grupo. Galicia, non obstante, é a sexta comunidade con menos fracaso. Por sexos, as mulleres, non teñen tanto fracaso coma os homes, case a metade.

¿ E por que? Seguramente por un cúmulo de circunstancias e difrentes en cada caso: Falta de interese e estudo, obrigatoriedade ata os 16 anos, fracaso escolar e falta de base xa en primaria, idade problemática, centro escolar, profesorado, pouca preocupación dos pais, etc.

Todos temos seguramente algunha parte de culpa e todos temos que poñer o noso gran de area pois esto hai que solucionalo. Temos que pensar estamos procurando unha xeneración que vai rexer os destinos deste pais dentro duns anos. O futuro é deles e eles teñen que ir cunha preparación básica competente para facer fronte ao futuro.

Unha reflexión profunda que pais, alumnos, profesores e administración teñen que facer moi seriamente.

XOGOS PARALÍMPICOS

Publicado: 05/09/2008 13:06 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20080904195748-beijing2008logo.jpg

Están a piques de empezar as outras olimpiadas, as que pasan máis desapercibidas, pero non por eso menos importantes. Son as paralimpiadas. Esta é a edición  13 xogos paralímpicos de verán.

Máis de 4.000 deportistas procedentes de todo o mundo, entre eles 133 españois, danse cita en Pekín entre o 6 e o 17 de setembro.

"O Ceo, a Terra e os Seres Humanos" é o emblema destes xogos, que inclúe unha figura estilizada dun deportista en movemento, implicando o tremendo esforzo que unha persoa discapacitada ten que facer no deporte igual que na vida real.

Nos 12 xogos anteriores España acadou un total de 519 medallas, 176 delas de ouro, 168 de prata e 175 de bronce. Esperemos que este número véxase incrementado notoriamente nesta edición.

Espero que todos sigamos estes xogos igual que seguimos os xogos olímpicos do mes de agosto.

Para estar ao día, toda a información tela en XOGOS PARALÍMPICOS

HUMOR ECOLÓXICO GALEGO

Publicado: 08/09/2008 11:32 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20080908113200-pinchi080908.jpg

Viñeta de Pinto & Chinto (La Voz de Galicia 8/9/2008)

FLAMENCOS

Publicado: 09/09/2008 18:29 por vgomez en FOTOVERDE
20080909182548-140flamenco.jpg

FLamencos (Phoenicopterus ruber) Foto: Juan Tébar

LHC

Publicado: 11/09/2008 01:32 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20080911011711-1180708413-extras-albumes-0.jpg

LHC (Foto EFE)

LHC son as iniciais en inglés de Gran Colisionador de Hadróns. En cristiano ven a ser un acelerador de partículas que se atopa dentro do Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN) que se atopa en Suíza.

O acelerador está construído dentro dun túnel de 27 km de circunferencia a máis de 90 metros de profundidade. Nel viaxan protóns que chocan entre si a unha velocidade preto á da luz. Deste xeito pódense crear as condicións que se deron un instante despois do Big Bang (Gran exploxión) tratando de atopar as partículas máis elementais e a orixe do Universo.

Hoxe comenzaron os experimentos. A curto prazo teremos moitas novidades científicas.

Se queres coñecer por dentro o LHC preme AQUÍ

20080912112516-e-060721-214318.jpg

A revista Science publica un estudo dun equipo de científicos do Museo Americano de Historia Natural da Universidade de Columbia (Nueva York) e do Departamento de Ciencias da Terra da Universidade de Bristol (Reino Unido). Este grupo de investigadores  estudiaron unha serie de fósiles co obxectivo de determinar a relación entre a evolución dos dinosaurios e os seus principais competidores, os arcosaurios crurotarsais, durante o Triásico tardío, hai uns 200 millóns de anos.

Segundo o estudo os dinosauros a diferenza dos «arcosaurios» -de onde proceden os crocodilos, outros réptiles e as aves- sobreviviron durante millóns de anos na Terra, porque tiveron sorte. As conclusións do estudo apuntan que os arcosaurios crurotarsais morreron por casualidade e non como resultado dunha sustitución por competencia.Tamén indícase que os dinosaurios, pola súa parte, non estaban predestinados ao éxito, senón que máis ben  beneficiáronse da extinción del primer grupo.

Para poñer a proba estas teorías, os científicos mediron a evolución en ámbolos dous grupos. Basados nos datos recollidos de 437 esqueletes de 64 especies de dinosaurios e crurotarsais e en novos árbores filoxenéticos, desenvolveron dous cálculos para analizar os seus patróns evolutivos: tasas evolutivas e  disparidade morfolóxica.

 

VOLVEN OS COGOMELOS

Publicado: 13/09/2008 13:39 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20080913133210-sany1590.jpg

Xa están aqui un ano máis. Despois das últimas chuvias voltan os cogomelos. A verdade é que o ano pasado foi un verdadeiro desastre polo tempo seco, pero este ano promete.

No día de onte tomei esta fotografía no concello de O Rosal. Nela aprecaimos unhos rovellós ou níscalos (lactarius deliciosus) de bo tamaño. No lugar en cuestión había boa cantidade aínda que a maior parte xa pasados. Pero bueno, é un bo comenzo.

Por certo o mundo da micoloxía e fascinante, pero perigoso. Cando imos ao monte sempre cunha persoa que coñeza ben as especies a recolectar. En caso se dúbida tirar ou levar para a casa, separadas do resto, para o seu estudo. Nunca arrancar, sempre cortar. Levar cesta, non bolsa de plástico.

E sen non colledes nada, non pasa nada, pois o paseo e o contacto coa natureza xa mereceu a pena.

BUGALLOS

Publicado: 16/09/2008 02:36 por vgomez en DOCENCIA
20080916022446-dscn1264.jpg

Nestes días de paseo polos montes do Rosal atopei, en fase moi nova de crecemento tal como amosa a fotografía, dous bugallos, tamén coñecidos como cocas ou carrabouxos (do que toma o nome un gran humorista de viñetas do xornal  La Región de Ourense).

Aparecen nos carballos (querqus robur), fundamentalmente nas partes novas. En realidade é a forma que ten a planta de defenderse fronte a insectos, fundamentalmente avespas, que depositan os ovos baixo a súa casca.

O curioso é que dentro do bugallo a larva do insecto atopará o alimento e a prortección necesaria, quedando libre dos inimigos naturais. 

Moita xente confúndeos co froito. Non, o froito do carballo é a landra.

Co tempo cambian a cor, pasando a castaño  escuro. Hainos de moitos tamaños. Lembro que de cativo colliamos os máis pequenos para xogar ás bolas, a faltas das de cristal.

PRESENTACIÓN E COMENZO DO CURSO

Publicado: 16/09/2008 10:15 por vgomez en COMUNICADOS
20080916101017-back2school.gif

A presentación para os alumnos e alumnas de ESO e o resto de alumnos de diurno e PCPI será o próximo xoves, día 18, a partir das 11 horas ata as 13,30 horas. Haberá servicio de autobuses.

O comenzo das clases serán o venres 19, pero deso xa vos falarán na presentación.

¡Bo comenzo de curso a todos e todas!

REMATAN OS XOGOS PARALÍMPICOS

Publicado: 18/09/2008 12:19 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20080918120620-84.jpg

Pekín clausura os XIII Xogos Paralímpicos da era moderna, con un gran éxito na participación e nos resultados. China, con 211 medallas,  volve  ser a raíña indiscutible dun medalleiro no que España rematou entre as dez primeiras potencias mundiais.

 ESPAÑA: 58 (15 ouros, 21 pratas, 22 bronces)

Os dous deportistas galegos que participaron (os nadadores Sebastián ’Chano’ Rodríguez e Pablo Cimadevila)  lograron seis medallas, dúas de prata e dúas de bronce para o primeiro e dúas de bronce para o segundo.

¡Felicidades a todas e todas! ¡Sodes uns fenómenos!

Agora haberá que esperar ata o 2012 en Londres (Reino Unido).

A AUGA DE MARTE

Publicado: 19/09/2008 23:42 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20080919232817-e-080919-063026.jpg

A revista Geophysical Research Letters revela hoxe un informe do Instituto de Ciencias Planetarias, concretamenete do científico Catherine Weitz. Nel faise unha análise de imaxes transmitidas pola sonda Mars Reconnaissance Orbiter da NASA.

As citadas imaxes poñen de manifesto procesos permanentes de precipitación e fluxos de auga que ocorreron entre 3.000 e 3.700 millóns de anos, principalmente nas chairas que rodean oos Vales Marineris, unha enorme crebada que se estende por case unha cuarta parte do planeta ao redor da súa liña ecuatorial. 

A existencia de auga en Marte foi confirmada hai tres anos polos vehículos exploradores da NASA, «Spirit» e «Opportunity».

Seguramente a moi curto prazo salratán noticias moito máis precisas sobre este tema.

MELAMINA

Publicado: 20/09/2008 09:39 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20080920093919-imagen-4539844-1.jpg

Nestes últimos días, todos os medios de comunicación, publican a noticia da leite tóxica posta a venda en China. Ao parecer a toxicidade ven dada pola melamina.

¿Pero que é a melamina?

A melamina é un composto orgánico (C3H6N6), quimicamente coñecida como 2,4,6-triamino-1,3,5-triazina. En estado natural forma un sólido branco e é levemente soluble en auga. Como resina emprégase como adhesivo para facer madeira aglomerada para mobles.

Polo seu elevado contido en nitróxeno empregase fraudulentamente, coma neste caso que comentamos, para adulterar alimentos, simulando ter maior contido proteio, facéndoo tóxico. Lévase detectado a súa presenza en  leite, xelados e iogures.

Xa hai moitos mortos e parece que as autoridades tomaron cartas no asunto.

A IDADE

Publicado: 21/09/2008 11:31 por vgomez en FRASES

Todos os seres humanos pasamos por distintas etapas ao longo da nosa vida: nenez, adolescencia, madurez e vellez. Precisamente sobre  a IDADE imos reflexionar coas seguintes FRASES:

A primeira é do arquitecto americano Frank Lloyd Wright (1867-1959):

"A xuventude non é máis que un estado de ánimo"

A segunda é do boxeador americano Muhammad Alí, máis coñecido como Cassius Marcelus Clay (1942):

"O home que aos 50 anos ve o mundo igual que aos 20, desperdiciou 30 anos da súa vida"

A terceira é do científico estadounidense e inventor do pararraios, Benjamín Franklin (1706-1790):

" Aos 20 anos, reina a vontade; aos 30, o inxenio, e aos 40 o xuízo"

Para rematar, unha frase que é un proverbio sueco (frase curta e fixada, xeralmente en forma de imaxe, coa que se expresa un pensamento popular baseado na experiencia):  

" Os mozos van por grupos, os adultos por parellas e os vellos van sós"

CHEGA O OUTONO

Publicado: 22/09/2008 08:10 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20080920084849-fotos-otono-1-.jpg

O verán remata e comenza o outono. Este cambio de estación sucede sempre no equinoccio de outono (momento no que o Sol se atopa no seu segundo paso anual polo ecuador celeste).

A palabra equinoccio provén de "equi=igual" e "nocio=noite". É dicir que o día e a noite teñen a mesma duración.

O equinoccio de outono sucederá hoxe día 22 de setembro ás 17:44 horas CET (hora peninsular española).

Só nos equinoccios o Sol sae exactamente polo leste e ponse polo oeste. O resto do ano a saísa do Sol difire un chisco.

STEPHEN WILLIAM HAWKING

Publicado: 23/09/2008 19:20 por vgomez en NOMES PROPIOS
20080923185441-hawking.jpg

Stephen William Hawking: O home que puxo o Universo ao alcance da nosa man.

Naceu o 8 de xaneiro de 1042 en Oxford (Inglaterra). De neno mostrou sempre fascinación polo cosmos. Aínda que o pai quería que fose médico, estudou Física. Alumno brillante, despois de obter o doutorado pasou a ser investigador e máis tarde profesor.

Incorporouse ao departamento de Matemáticas Aplicadas e Física teórica na Universidade de Cambridge. En 1980 ocupou o prestixioso posto de profesor lucasiano, que en 1669 tamén ocupara  Isaac Newton.

O profesor Hawking ten 12 doutorados honoríficos, e numerosos galardóns, medallas e premios, entre eles o premio Príncipe de Asturias da Concordia en 1989.

O seu traballo científico centrouse no estudo das leis básicas que gobernan o Universo: tratou de aproximar a teoría da relatividade e a mecánica cuántica para poder explicar a orixe do Universo. En colaboración con Royer Penrose, chegou á conclusión de que o espazo e o tempo teñen que ter un principio, no que ambos científicos chamaron o Big Bang, e un fin dentro dos buratos negros. Na actualidade, os seus estudos céntranse no comportamento gravitacional dos buracos negros.

Leva publicado varios libros de divulgación: Breve historia do tempo, Buratos negros, universos bebés e outros ensaios, e O Universo nunha casca de noz.

Dende 1985 unha esclerose lateral teno postrado nunha cadeira de rodas.

Nesta próxima fin de semana estará en Galicia, concretamente en Santiago de Compostela, onde dará unha conferencia.

METANO NO ÁRTICO

Publicado: 24/09/2008 08:17 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20080923231126-1222158744-0.jpg

Imaxe do Ártico durante a fase de desxeo no verán (Foto: EL MUNDO)

O diario británico "The Independent" acaba de publicar que científicos da Universidade de Estocolmo que viaxaban a bordo dobarco ruso "Jacob Smirnitskyi" afirman ter probas de que millóns de toneladas de metano (CH4), un gas 20 veces máis potente que o dióxido de carbono (CO2) dende o punto de vista do quentamento atmosférico, está escapando á atmósfera dende os fondos mariños do Ártico.

O grupo, que recorreu toda a costa norte de Rusia, víu na superficie mariña "chemineas de metano" que subían dende os fondos mariños. Os expertos pensan que se debe a que se fundiron as capas de permafrost (xeo permanentemente conxelado) que impedían escapar o metano dos depósitos submariños formados antes da última glaciación.

O científicos temen que a liberación masiva dese metano podería acelerar o quentamento do planeta e dar lugar a un círculo vicioso polo cal cada vez se fundise máis permafost se liberarían maiores cantidades de gas de efecto invernadoiro.

O Ártico rexistrou un incremento medio das temperaturas de cuatro graos centígrados nas últimas décadas e unha forte diminución da área oceánica cuberta polos xeos durante o verán.

PROXECTO "ENERSIS" DE PORTUGAL

Publicado: 25/09/2008 09:02 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20080924164947-1222257463-0.jpg

Vista aérea do Centro de Enerexía de Ondas do Atántico  (Foto: Efe)

O proxecto, denominado "Enersis", pioneiro no mundo na producción de enerxía a partir das ondas do océano, no que Portugal participa como asociado tecnoloxico coa empresa escocesa Ocean Power Energy (OPD), foi inagurado no Parque de Enerxía de Ondas do Atlántico, situado a uns cinco quilómetros mar adentro na bahía de Povoa de Varzim, situada a non moitos quilómetros da nosa localidade.

Tal como se pode ver na fotografía, as máquinas Pelamis (serpes mariñas) están compostas por unha serie de cilindros vermellos, cada un dun tamaño similar a un tren rexional (con 50 metros de longo e un perímetro de 3,5 metros) interconectados e que apuntan ás ondas. Estas viaxan polo seu interior, producindo que os tubos suban e baixen, e un sistema hidráulico aproveite o seu movemento para xerar enerxía, que é transportada por cable submarino ata a estación máis preta da costa e conectada á Rede Eléctrica Nacional. 

A inversión supuxo máis de 8,5 millóns de euros e van producir enerxía eléctrica suficiente para unha poboación  duns 6.000 habitantes.

Temos que tomar nota en España e concretamente en Galicia desta iniciativa.

LINGUA AZUL

Publicado: 28/09/2008 20:47 por vgomez en OPINIÓN E COMENTARIO
20080926083313-torito.jpeg

Nestes últimos días estase a falar nos medios de comunicación dunha enfermidade animal denominada lingua azul. ¿Pero que é?

A lingua azul (LA) é unha enfermidade non contaxiosa, de etioloxía viral que afecta aos ovinos, caprinos, bovinos e algúns rumiantes silvestres. É transmitida principalmente por picaduras de insectos atrópodos hematófagos do xénero Culicoides.

A enfermidade caracterízase por producir procesos febriles con inflamación catarral nas mucosas respiratorias e dixestivas, inflamación nas bandas coronarias e láminas sensibles nas pezuñas, así como tamén dexeneración muscular.

A duración do período de incubación da enfermidade é de 7 a 10 días nas ovellas e de 40 nos bovinos.

Non hai ningún tratamento para esta enfermidade. A recuperación dos animais afectados poderá ser axudado por suministro de sombra, auga comida e refuxío. De calquera xeito tamén actuarase de acordo coa profilaxe médica: cuarentenas en zonas non afectadas e vacinacións.

A lingua azul non é unha zoonosis, non afectando aos productos que se comercializan das especies bovina, ovina e caprina. Esencialmente trátase dun problema económico das gandeirías afectadas que se enmarca dentro da sanidade animal e non a humana.

20080929232107-1222686828-extras-portadilla-0.jpg

O cargueiro "Xulio Verne",  a punto de reentrar na atmosfera. (Foto: ESA)

"Xulio Verne" é o nome dun cargueiro da ESA (Axencia Espacial Europea) que está nestes momentos a punto de convertirse nun "meteorito" ao penetrar na atmosfera terrestre, convertíndose nunha bola de fogo, desaparecendo a maioría das 13,5 toneladas de lixo xeneradas polos astronautas na ISS (Estación Espacial Internacional). De calquera xeito se parte do material caese ao océano, hai unha zona de seguridade ao sur do Pacífico.

O cargueiro acolpouse automáticamente a ISS en abril deste ano, levando 7 toneladas de alimentos, combustible, osíxeno e material para experimentos para os astronautas que ali se atopan  e recoller ó lixo xenerado. O 5 de setembro pasado desacoplouse e iniciou o camiño de volta "a ningures".

O lixo espacial é un problema que, máis pronto ou máis tarde, temos considerar seriamente e tomar medidas.

AEROSTEON

Publicado: 30/09/2008 17:47 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20080930171954-1222770223-0.jpg

Cranioo do dinosaurio carnívoro descuberto en Mendoza (Arxentina). (Foto: REUTERS)

Unha expedición en 1996, nas ribeiras do Río Colorado, en Arxentina, encontraron os restos do dinosaurio chamado "Aerosteon riocoloradensis" ("osos do aire do Río Colorado"), que tiña unha lonxitude de 10 metros e unha zancada case dun elefante.

Ata aquí a noticia non pasa de ser normal. O curioso é que durante anos estudíáronse os restos do dinosaurio carnívoro descubierto e indican que o animal tiña un sistema de respiración similar ao das aves, con sacos de aire dentro da cavidade corporal, segundo informa a  Sociedad National Geographic.

O artigo que publica a revista de "Internet Public Library of Science" manifesta que " En lugar de  pulmóns que se expanden, as aves teñen un sistema de foles, ou sacos de aire, que lle axudan a bombear o aire a través dos pulmóns". Precisamente esta característica é a razón pola cal as aves poden voar máis alto e máis rápido que os morcegos que, como todos os mamíferos, expanden os seus pulmóns nun proceso de respiración menos eficiente.

Os fósiles proban a relación entre dinosaurios e aves.



Archivos

Ms

contador de visitas

Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris
Plantilla basada en el tema iDream de Templates Next